20/06/2012

O humor de Sabela Arias




Sabela Arias é unha licenciada en Belas Artes que se formou primeiro en Lugo, a súa cidade natal, e logo en Salamanca e en Euskadi. Leva moito tempo dedicada profesionalmente ás distintas facetas da súa arte: ilustración de libros, deseño de carteis, pintura... Pezas súas foron expostas por toda Galicia e tamén en Porto, París, Den Haag, Saraxevo...

Mais esta entrada, como vemos ao comezo, está centrada no seu labor como humorista gráfica. Desde hai seis anos Sabela mantén activo o blog historiasdeiciaeavoa.blogspot.com. Nel recolle as tiras cómicas publicadas periodicamente no xornal gratuíto de Terras de Santiago e que están protagonizadas por unha nena, Icía, e pola súa avoa. Estas dúas mulleres ofrécenos, en clave de humor, unha visión lúcida de todo o que lles preocupa (a política, a economía, a educación, a cultura, a lingua, a natureza...); e sempre cunha perspectiva feminina. Un punto de vista que recorda a sabedoría e a retranca do noso imprescindible Carrabouxo e tamén a irreverencia e a rebeldía da xenial Mafalda.

Así o podemos ver tamén neste vídeo editado pola propia Sabela Arias.


En fin, como vimos en entradas precedentes, os nosos humoristas recorren ás veces a certos xogos lingüísticos para xerar o efecto cómico nas súas pezas. Podes identificar en cal viñetas do comezo se emprega a prefixación, en cal a paronimia e en cal a polisemia?

18/06/2012

Cociña kakofónica (completa): bo proveito!


Nunha entrada anterior, presentamos o maxistral texto titulado «Cociña kakofónica», da autoría de Alfonso Álvarez Cáccamo e convertido polo dúo Mofa e Befa nun espectáculo teatral xa clásico. Como comentamos entón, trátase dunha mostra da nosa mellor gastronomía monovocálica.

Escoitáramos daquela unha gravación da Radio Galega coa receita do «Lombo do porco ó modo ostrogodo». Agora, por fin, dei cun vídeo no que podemos gozar ao completo do resto das receitas: «Percebes en prebe de esqueletes de reses» e «Gran asada». E tamén nel se nos anuncian futuras achegas culinarias que completarían o abano vocálico: «Difícil Pil-Pil» e «Ñu cru». O espectáculo formou parte das Ultranoites da Sala Nasa, hoxe, afortunadamente, activa en Teo.

No que respecta aos «Percebes en prebe de esqueletes de reses», cómpre lembrarmos que, como pasaba co «Lombo ostrogodo...», é mais ben un prato bivocálico pois nel alternan «e» aberto (prebe, mel...) e «e» pechado (percebe, reses..).

Por certo, no fermoso blog Papilosear podemos descubrir como agromou a vocación culinaria entre os escolares galegos con máis receitas dunha soa vogal.

Daquela, bo proveito!


15/06/2012

O feitizo dos pangramas

Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e gramma ‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma. Nun inicio os pangramas tiñan un simple valor funcional: en caligrafía, para exercitar a escrita de todas as letras; en tipografía, para comprobar como «se comportan» nun texto as letras dunha determinada fonte; en mecanografía, para presionar a maior cantidade de puntos dun teclado... Polo que sei, un dos primeiros pangramas coñecidos é este latino: GAZA FREQUENS LYBICUM DUXIT KARTHAGO TRIUMPHUM (algo así como: «A riqueza de Libia levou moitas veces a Cartago ao triunfo»?), que contén todas as letras do alfabeto latino clásico e aparece xa en libros de caligrafía dos séculos XVII e XVIII.

Con todo, o certo é que hoxe a creación pangramas é unha das actividades máis populares e entretidas da ludolingüística. O seu valor como pasatempo definiuno ben o xenial Màrius Serra con estas palabras: «En sentido amplo, a maioría dos textos longos son pangramas, mais o seu interese é inversamente proporcional á súa lonxitude».

Aquí tedes algúns dos pangramas máis populares e breves de diferentes linguas (coa referencia dos seus alfabetos):
Inglés
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (26 letras)
The quick brown fox jumps over the lazy dog. (35 letras)
Castelán
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, Ñ, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (27 letras)
El veloz murciélago hindú comía feliz cardillo y kiwi. (46 letras)
Portugués
A, B, C, D, E, F, G, H, I, J, K, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, W, X, Y, Z. (26 letras)
Juiz faz com que whisky de malte baixe logo preço de venda. (47 letras)
En galego dei con algún pangrama na rede. Este, de Xabier Cid, foi o que me pareceu máis logrado:
Galego
A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, X, Z. (23 letras)
Necesitamos unha tipografía chuliña de cor kiwi, que lle zorregue unha labazada visual á xente. (79 letras, coas grafías J, K, W, Y)
Como me fervía o corpo, dediqueille un tempo a ensaiar outros pangramas, coa limitación das 23 letras do noso alfabeto. Aí van tres deles:
Aqueles chimpancés xogan outra vez coa fabada no baño. (45 letras)
O verdugo do bolxevique tomou pasta, unha noz e café. (42 letras)
Fíxate, o mesquiño bacharel pide vinganza. (35 letras)
Quen se anima a crear novos pangramas galegos? Ah!, e canto máis curtos mellor. Aquí deixo un xerador de pangramas que, malia partir do abecedario inglés, axuda tamén a crealos en galego.

Por certo, se cadra a alguén lle resultará familiar este texto:
Cando acordou, o dinosauro aínda estaba alí. (36 letras)
Non é un pangrama, senón a tradución dun dos microrrelatos máis célebres da literatura universal, do guatemalteco Augusto Monterroso. Seguro que algún dos vosos pangramas tamén se pode converter nun evocador microrrelato. Ánimo!

13/06/2012

Encrucillados, complots e paranoias

Non hai moito falamos das mensaxes encriptadas. Pois ben, a casualidade quixo que unha noticia recente puxese este tema de plena actualidade. Nun surrealista episodio da vida política da Venezuela, Neptalí Segovia, veterano creador de encrucillados do diario Últimas Noticias, foi acusado de incluír nun dos seus pasatempos unha mensaxe coas indicacións para asasinar a Adán Chávez, o irmán do presidente Hugo Chávez.

Segovia, que o negou sorprendido, foi interrogado por axentes da intelixencia venezolana despois de que Miguel Pérez Pirela, presentador da televisión estatal VTV, lles revelase aos televidentes a «siniestra mensaxe oculta».


A medio camiño entre o complot, a brincadeira e a simple paranoia (e no contexto da campaña para as eleccións presidenciais do vindeiro outubro), esta noticia si lembra dous episodios históricos con mensaxes encriptadas en encrucillados.
O primeiro ocorreu durante a Segunda Guerra Mundial, en plena preparación do desembarco de Normandía. Casualmente, axentes do MIT (servizo de intelixencia británico) descubriron que o xornal The Daily Telegraph levaba días incluíndo no seu encrucillado diario diversas palabras que coincidían con nomes chave da invasión aliada, levada no máximo segredo: «Utah», «Omaha» ou «Gold» (praias elixidas para o desembarco), «Mulberry» (porto flotante para buques de suministro) ou mesmo «Overlord» (código que nomeaba toda a operación). Entre as forzas aliadas saltaron as alarmas, tanto que estiveron a piques de cancelar o desembarco. Os servizos secretos pescudaron a fondo ata descubrir que todo fora unha estraña coincidencia e que o autor dos encrucillados, un inofensivo mestre de 54 años, era completamente inocente de espionaxe.
A segunda anécdota é moito máis recente. Hai cousa dun ano, o dominical británico News of the World publicou a súa derradeira edición despois de 168 anos de historia. O magnate dos medios de comunicación e propietario do dominical, Rupert Murdoch, decidiu o peche da publicación por mor dun escándalo de escoitas telefónicas ilegais. O equipo do xornal decidiu vingarse da ex-directora Rebekah Brooks, tamén implicada no escándalo, deixando mensaxes ocultas nas definicións e nas solucións do derradeiro encrucillado. Nel podían lerse alusións directas como «unha muller admira o desastre», «cadea de gravacións», «empresa criminal», «fedor», «peste», o propio apelido «Brooks» e diversos insultos. Coméntase que a ex-directora encargou a altos directivos do dominical revisaren a fondo o último exemplar antes de publicalo, xa que sospeitaba que sería vítima dunha vingaza semellante, mais parece que pasaron por alto o encrucillado.
O certo é que resulta unha «idea inspiradora» a criptografía dos encrucillados. Así que, aí vai unha proposta lúdica: sempre que deades resolto algún encrucillado, tratade de descifrar nel «sospeitosas mensaxes ocultas». Aquí tedes xa un ;-).


11/06/2012

Arte e palabras para transformar o mundo


A anamorfose é un efecto empregado nas artes visuais que consiste na representación deformada pola perspectiva dun elemento que só se manifesta nas súas proporcións reais desde un punto ou ángulo específico. Na historia da arte, como vemos aquí, temos diversos exemplos deste xogo visual. E tamén temos experiencias escolares próximas como esta ou estoutra.

Hai pouco dei cunha fermosa iniciativa baseada nesta técnica da anamorfose. O colectivo artístico madrileño Boa Mistura tivo a oportunidade de convivir coa comunidade dunha favela dos arrabaldes de São Paulo. Alí, dunha forma colectiva e participativa, puxeron en marcha unha das súas intervencións de arte urbana. Despois de elixiren un puñado de palabras significativas para os «moradores» do lugar (BELEZA, FIRMEZA, AMOR, DOÇURA e ORGULHO), deseñaron, con cores ben vivas, os trucos visuais aproveitando o espazo daquelas calellas ou «vielas». O impacto, como vemos na imaxe superior, resulta evidente.

O proxecto, que recibiu o nome de «Luz nas vielas», buscaba empregar a arte e a palabra como forma de traspasar valores, como ferramenta de cambio e de inspiración. Unha iniciativa recollida nesta fermosa curtametraxe documental.


09/06/2012

Xeróglifos [7]


No capítulo de hoxe da nosa «Gramática xeroglífica» toca abordar outra clase de pistas que axudan a interpretar os xeróglifos. Trátase da cantidade de elementos que aparecen neles. A solución nestes casos inclúe referencias sobre se un elemento está só, se aparece un determinado número de veces, se aparecen elementos en exceso ou de sobra, se hai unha carencia ou falta algo...

Estas alusións á cantidade fanse mediante diferentes clases de palabras:
Pronomes numerais cardinais: un/unha, dous/dúas, tres, dez, doce, vinte, cen...
Pronomes numerais ordinais: primeiro/a, segundo/a, cuarto/a, décimo/a...
Pronomes numerais partitivos: metade, terzo/a, cuarto/a...
Pronomes cuantificadores: moito/a/os/as, algo, nada...
Verbos: sobrar, faltar...
Adverbios de cantidade: só, soamente, moi, menos, máis...
Velaí van outros catro xeróglifos nos que cómpre ter en conta este factor da cantidade. Quen se anima a resolvelos?

Que tomaches antes do churrasco?

Onde está a durmir o avó?

Quen falaba sobre Ana?

Acabastes nun bo posto a carreira?

Solucións aos xeróglifos (21-5-2012): Desconfío de Iria (Des con fío dei ría) / Nos ollos (Nó sol los –sol ao revés–) / Ana co seu pai (Anacos e u pa i) / Antes irei a Lugo (Ante si rei alugo)

07/06/2012

O código de César

Desde a antigüidade, especialmente en época de guerras ou conspiracións, xurdiu a necesidade de buscar medios seguros e eficaces de transmitir mensaxes de xeito que non puidesen ser interpretadas por inimigos ou estraños. A criptografía, que provén dos termos gregos krypto (‘agochado, oculto’) e graphé (escrita), designa a arte de escribir estas mensaxes ocultas con claves secretas.

Segundo os historiadores, o emperador Xulio César (101 - 44 a. C.) é o creador dun dos primeiros métodos documentados de encriptación. Cóntase que para se comunicar cos seus xenerais empregaba un sistema moi simple de substitución en que cada letra era trocada pola terceira seguinte no alfabeto


Así escribiría César o seu promio nome con este sinxelo método de encriptación: CAESAR – FDHVDU. Poderiades descifrar a seguinte mensaxe escrita co código de César tomando como base o alfabeto galego? HPFDPXDPOH RV BRLRV GH ÑNPLZD. Por que non xogades a crear e interpretar outras mensaxes cifradas con este método? Nesta web podedes atopar un codificador automático desta clave de César (partindo do abecedario inglés).

Con todo, este método criptográfico non resulta demasiado difícil de descifrar. Hai dúas formas. Unha, digamos, é a «forza bruta»: irmos probando un por un todos os desprazamentos posibles (23 no alfabeto galego) ata dar co texto con sentido. Outra é a denominada «análise de frecuencias»: hoxe é coñecida a frecuencia con que se utiliza cada letra, como vemos neste estudo do IES Elviña e do CEIP Salgado Torres (A Coruña); así, de facermos unha análise estatística das letras máis e menos usadas nun texto amplo abondo, é posible reconstruír o texto orixinal.

05/06/2012

LudoteGa: unha grande iniciativa

De cando en vez xorden iniciativas admirables e que chaman á esperanza dos que amamos o noso idioma: un grupo de pais e nais residentes en Barcelona, apoiados pola Asemblea Cultural Galega desta cidade, decidiron botar a andar a LudoteGa, un encontro lúdico de carácter periódico no que intentan proporcionarlles aos seus nenos a oportunidade de xogar e interactuar de forma natural en lingua galega. Nel hai música, xogos tradicionais, maxia... e, por suposto, xantar.

O éxito das dúas primeiras convocatorias foi máis alá das súas expectativas iniciais e agora xa teñen convocada unha nova LudoteGa para este 10 de xuño. Podedes ampliar información aquí.

No seu blog, teñen pendurado este fermoso vídeo dun dos seus primeiros encontros.


O máis triste é recoñecer que en moitos lugares do noso propio país, para que os nosos nenos e mozos poidan desenvolverse con normalidade en galego, como podemos ver aquí ou aquí, haberá que acabar recorrendo a iniciativas coma esta. En todo caso, parabéns LudoteGa!

03/06/2012

O lobo! Os ollos o lombo do lobo!


O verso que serve de título a esta entrada é, na miña opinión, un dos de maior forza e maior beleza da nosa lírica. Trátase do quinto verso do poema «Cousos do lobo», do volume Os Eidos, de Uxío Novoneyra.
COUSOS do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d´ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca da vagoada máis sola e máis medosa...
Rastrexa
párase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo
con toda a sombra da noite na boca.
Deseguido podemos escoitar o poema recitado polo propio autor, nunha gravación de 1969.


O verso en cuestión e o poema completo son unha mostra da fonda preocupación de Novoneyra pola forma poética e polo xogo coa linguaxe. Unha preocupación que se materializa no maxistral uso do fonosimbolismo (evocación de sensacións, sentimentos e realidades a través da expresividade dos fonemas). «O lobo! Os ollos o lombo do lobo!», un verso monovocálico con «o» pechado (o, lobo, ollos, lombo) que busca expresar escuridade, medo e sobre todo, como o propio Novoneyra recoñeceu, soidade: a soidade do lobo, o «príncipe da soidade» no Courel.

Como vemos nesta interesante web, elaborada polo alumnado do IES Castro da Uz (As Pontes), este xogo expresivo esténdese por todo o poemario, cargando dun intenso simbolismo a voz da natureza (a curuxa, o cuco, o vento...).

Por todo isto, Os Eidos, este clásico da lírica galega, pasa a formar parte da nosa «bibliografía ludolingüística básica».
Solucións aos cambios ortográficos (30-5-2012): Non quero máis, ela si.  – Non quero, mais ela si. / Apuremos ou non colleremos o tren.  –  Apuremos ou non, colleremos o tren. / Miguel chamoute, Carme.  – Miguel, chamoute Carme. / Non podedes cazar, rapaces.  –  Non podedes cazar rapaces. / Xoán vén cedo.  –  Xoán, ven cedo. / Neva moito, mais iremos á montaña.  – Neva moito máis, iremos á montaña. / O mestre dixo: Antón é un lacazán. – O mestre, dixo Antón, é un lacazán.

30/05/2012

Mastropiero e as «faltas de horticultura»

Que pode ocorrer se pronunciamos mal unha palabra ou se facemos as pausas incorrectas nunha oración? Por que cómpre usar ben nun escrito os signos de puntuación, a acentuación e as demais convencións ortográficas? Les Luthiers, os xeniais mestres do humor ludolingüista que xa nos axudaron nunha entrada anterior, demostran nesta coñecida escena a grande importancia da ortografía.


Por aí circulan ademais unha chea de anécdotas «pseudoverídicas» ;-) que nos falan da importancia dos signos de puntuación. Por exemplo:
Contan que un soldado romano, antes de partir a unha campaña militar, foi preguntarlle polo seu futuro a unha sibila (o equivalente dos nosos videntes). A súa resposta foi: IBIS REDIBIS NON MORIERIS IN BELLO. Ou o que é o mesmo: «Irás non volverás morrerás na guerra». O caso é que o romano marchou para a guerra tan desacougado como antes de consultar a sibila xa que a mensaxe tiña interpretacións opostas segundo como se puntuase: «Irás, volverás, non morrerás na guerra». / «Irás. Volverás? Non. Morrerás na guerra».
Outra coñecida anécdota é a atribuída ao emperador Carlos V, que debía asinar unha sentenza que dicía así: «Perdón imposible, que cumpra a súa condena». Pero o monarca, segundo se conta, decidiu actuar con magnanimidade e cambiar a sorte do reo puntuando doutro xeito o texto: «Perdón, imposible que cumpra a súa condena».
A última historia apócrifa é aquela que conta que o gobernante arxentino Juan Domingo Perón decidiu pechar unha agarimosa carta á súa esposa deste xeito: «Evita bicos e apertas». E o caso é que non había ningún andazo nin epidemia naqueles días. Por sorte, Eva Perón sabía da impericia ortográfica do seu cónxuxe e que este quería dicir: «Evita, bicos e apertas» (ou iso supoñía).
E para rematar, algo de traballo: Quen se anima a trocar o sentido destes enunciados modificando a súa ortografía: signos de puntuación, signos de interrogación ou admiración, acentuación gráfica...?

Non quero máis, ela si.  –  ..................................................
Apuremos ou non colleremos o tren.  –  ..................................................
Miguel chamoute, Carme.  –  ..................................................
Non podedes cazar, rapaces.  –  ..................................................
Xoán vén cedo.  –  ..................................................
Neva moito, mais iremos á montaña.  –  ..................................................
O mestre dixo: Antón é un lacazán.  –  ..................................................
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...