Corría o ano 1933.
Elizabeth Kingsley, profesora de Literatura no Wellesley College de Brooklyn (Nova York), tiña xa 62 anos e estaba cansa de ver como o seu alumnado teimaba en escribir ao xeito dun irlandés de moda:
James Joyce. Así que decidiu facer algo.
Kingsley era moi afeccionada aos encrucillados e tivo unha inspiración. Tomou seis versos do poema
«Ulysses» do seu autor predilecto,
Alfred Lord Tennyson, e trasladounos letra a letra a unha grella rectangular deixando en negro os cadros que correspondían aos espazos entre palabras. A cada cadro con letra asignoulle un número, do 1 ao 178. Desta morea de letras, seleccionou 25 coas que formou o nome do autor e o título da obra (
Alfred Lord Tennyson + Ulysses), despois dispuxo as catro palabras nunha columna vertical a xeito de
acróstico. Partindo destas iniciais, utilizou as 153 letras restantes, para crear outros 25 novos vocábulos. Acababa de nacer así un novo xogo de palabras, o «double-crostic», máis coñecido entre nós como dameiro.
A
wikipedia inglesa non o di, mais imaxínome a veterana profesora vendo a luz ao final do túnel: podería supoñer aquel estraño pasatempo a súa dourada xubilación? Kingsley dedicouse durante meses á frenética produción de novos «double-crostic». En marzo de 1934 entregou un cento deles nas oficinas de
The Saturday Review of Literature, cuxos directivos, admirados polo novo pasatempo, non tardaron en lle ofrecer un suculento contrato.

O éxito da colaboración fixo que tamén comezara a publicar os seus dameiros na edición dominical do
The New York Times. Como cabería imaxinar, desde entón, a profesora deixou a «ingrata docencia» e decidiu establecerse no
Henry Hudson Hotel. Na comodidade desta hospedaxe viviu durante vinte anos (ata o seu falecemento), dedicada a crear un dameiro semanal.
Supoño que esta vida pracenteira non é igual á do noso «dameirógrafo» máis importante:
Paulino Novo. O lingüista meirao leva xa anos publicando estes pasatempos en
El Progreso,
Diario de Pontevedra e
De Luns a Venres.
Aquí tedes unha chea deles en versión imprimible.
E, agora, a xogar con este pasatempo que ten algo de
encrucillado (polas palabras definidas que cómpre adiviñar e pola grella de cadros), de
anagrama (pola combinación de letras que, ben ordenadas, serven para recompoñer o texto) e de
acróstico (polas iniciais das palabras chave que serven como pista para a súa resolución).