18/01/2013

Os encrucillados e a máquina Enigma



Durante a Segunda Guerra Mundial, a comezos do 1945, o xornal británico The Daily Telegraph organizou un concurso de encrucillados. Reunidos os participantes, competiron por resolver un destes pasatempos en menos de 12 minutos. O gañador foi un tal F. H. W. Hawes, que o deu rematado en menos de 8 minutos.

Ao pouco, Hawes foi abordado por uns descoñecidos. Estes explicáronlle que o concurso non fora máis ca un test de recrutamento do Bletchley Park, organismo dedicado a descifrar os códigos secretos alemáns. Hawes e outros participantes no concurso acababan de ser seleccionados para se sumaren ao equipo de criptoanalistas deste centro, uns 9.000 homes e mulleres con todo tipo de destrezas intelectuais: matemáticos, lingüistas, xogadores de bridge, campións de xadrez...

O vídeo que introduce esta entrada, tomado do filme Enigma (2001), fálanos do maior reto que tiveron que superar no Bletchley Park: descifrar a máquina Enigma.

Naquel tempo, o exército alemán baseaba toda a seguridade das súas comunicacións por radio na criptografía da máquina Enigma, un dispositivo semellante a unha máquina de escribir que utilizaba unha combinación de partes eléctricas e mecánicas. A súa enxeñosa disposición de rotores e de interruptores permitía xerar ata 614.664 alfabetos diferentes. Un sistema de cifrado aparentemente inviolable. Ademais, o seu doado manexo permitía que os operadores militares puidesen codificar e descodificar mensaxes sen posuíren coñecementos criptográficos.

Por fin, despois dun arduo traballo e grazas ao labor dos espías aliados (que obtiveron unha máquina Enigma orixinal e un manual de operacións), os expertos de Bletchley Park, liderados por Alan Turing, deron deseñado un aparello que conseguiu crebar os códigos alemáns. Tratábase de Colossus, hoxe considerado o primeiro computador dixital.

Pois ben, hai uns meses puiden ver unha destas máquinas Enigma. Foi na exposición temporal QWERTY do novo Muncyt da cidade da Coruña (que, por certo, aínda non ofrece a súa web en galego). Foi cedida polo CNI (Centro Nacional de Intelixencia) e chegou a España, segundo me dixeron, como agasallo persoal de Hitler a Franco. O caso é que alí estaba ese fascinante e histórico artefacto, cun valor hoxe duns 300.000 euros, mesturado cunhas simples máquinas de escribir antigas e sen ningunha información sobre a súa singular e abraiante historia. Unha mágoa!

Aquí vos deixo un simulador en liña da máquina Enigma co que podemos cifrar e descifrar mensaxes e un vídeo do programa divulgativo tres14 que nos conta de forma amena toda esta historia.

Solución ás «palabras estarricadas» (15-1-2013): anticonstitucionalmente (23), desmilitarizarémosllelas (24), electroencefalografista (23).

15/01/2013

Sesquipedalismo: palabras estarricadas

Preguntarédesvos que demo é ese «palabro» do sesquipedalismo. Pois comecemos a historia polo principio: Hai uns 2000 anos...

Nos tempos da Roma clásica, o poeta Horacio escribiu na súa Ars poetica (A arte da poesía): PROICIT AMPULLAS ET SESQUIPEDALIA VERBA, algo así como «Guinda a un lado os teus botes de pintura e as túas palabras dun pé e medio de longo». Con esta expresión, Horacio recomendáballes aos autores non poñer palabras excesivamente longas e ampulosas («sesquipedalia», de sesqui- ‘unha vez e media’ e -ped ‘pé’) na boca dos heroes das traxedias, pois con elas, en lugar de chegar ao corazón do espectador, só conseguían distanciarse del.

Hoxe, este termo horaciano deu orixe ao cultismo sesquipedalismo, que ten dúas acepcións básicas:

A primeira ten un carácter máis ben funcional e depurador: o sesquipedalismo denuncia a tendencia, case enfermiza, a estarricar e estarricar as palabras coma goma de mascar coa idea de que así «visten» máis ca outras máis sinxelas e correctas: *inicializar por iniciar, *recepcionar por recibir, *rigorosidade por rigor, *concretización por concreción...


A segunda, e a que máis nos interesa en Xogosdelingua, ten unha motivación lúdica e creativa: o sesquipedalismo é tamén un pasatempo ou un xogo literario que consiste na busca da palabra máis longa.

No vídeo que encabeza esta entrada xa vimos o moito que rende o xogo de atopar palabras longas: 
esternocleidomastoideo (22 letras)
interdisciplinariedade (outras 22)... 
E como hai vida máis alá de dicionarios e vocabularios oficiais, tamén podemos dar con outras coma ese
descontextuliazaríamosllelas (28) 
ou algunhas curiosidades que circulan pola rede:
hipopotomonstrosesquipedaliofobia (33), brincadeira que significa ‘medo irracional á pronuncia de palabras longas ou complicadas e a calquera conversa que poida implicar o uso delas’
pneumoultramicroscopicossilicovulcanoconiose (44), termo técnico do eido da pneumoloxía que se refire a unha ‘doenza causada pola aspiración de cinzas volcánicas’.
Como recurso expresivo, é obrigado citar a «Capela Sixtina» do sesquipedalismo literario galego: O porco de pé (1928), de Vicente Risco. Nesta novela, o escritor ourensán dicidiu darlle á súa lingua o mesmo o aquel retranqueiro e hiperbólico que usa na súa caricatura da burguesía galega de comezos do século XX. Así crea decote ocorrentes neoloxismos arquisilábicos. Por exemplo:
obsequiosidade (14)
dantealighierizado (18)
superespiritonovistas (21)
ou o superlativo  
republicorrevoluciosocialsindicalagroanarquicomunista (53). 
Que poderío!

E agora tócavos a vós. Que palabras hiperlongas podedes formar a partir destas: constitución, militar e encéfalo? Lembrade que para estarricalas podedes empregar, por exemplo, prefixos (pre-, anti-, micro-...), sufixos (-idade, -mente, -ción...) ou promones persoais átonos (llelos, llelas...).

12/01/2013

Caetano Veloso: ludolingüista [1]



Sempre é bo momento para escoitar o meu admirado Caetano Veloso, un dos músicos brasileiros máis influentes das últimas cinco décadas. Tan maxistral músico como poeta, Caetano é un innovador que decote se interesa por tirar o máximo proveito ao xogo verbal nas súas pezas.

A canción anterior, «Zera a reza» (Noites do Norte, 2000), é un deses claros exemplos de verdadeiro afán ludolingüista:
Zera a Reza
vela leva a seta tesa
rema na maré
rima mira a terça certa
e zera a reza
zera a reza, meu amor
canta o pagode do nosso viver
que a gente pode entre dor e prazer
pagar pra ver o que pode e o que não
pode ser
e pureza desse amor
espalha espelhos pelo carnaval
e cada cara e corpo é desigual
sabe o que é bom e o que é mau
chao é céu
e é seu e meu
e eu sou quem n
ão morre nunca
vela leva a seta tesa
rema na maré
rima mira a terça certa
e zera a reza 
      
Unha xenial primeira estrofa a base de anagramas silábicos (vela-leva, seta-tesa, rema-maré, rima-mira, terça-certa, zera-reza) que poderiamos traducir deste xeito: «vela (candea e vela do barco) leva a seta (frecha) tesa / rema na marea / rima mira no martes (terza feira) correcto / e reduce a cero o rezo». Desde este inicio, a canción é un convite a abandonar o rezo á divindade tradicional e propón seguir un novo deus que verdadeiramente une e libera os seus fieis: «o samba», «o carnaval».

Fieis da ludolingüística, prometo volver con máis Caetano. Ben o merece!

08/01/2013

«Word as Image»: deseños xeniais



Sempre me atraeu o xogo de ver máis aló do uso convencional das letras e, armado de lapis e papel, descubrir a maxia das súas infinitas posibilidades expresivas.

O autor dos orixinais deseños anteriores é Ji Lee e leva tamén décadas a enredar nesta idea. Lee é un deseñador gráfico nado en Seul que traballou como director creativo de Google e que agora ocupa o mesmo posto en Facebook. O seu proxecto Word as Image naceu na universidade, cando nunha clase de tipografía lle encargaron estudar a fondo a forma das palabras, explorando todo o seu potencial creativo. De aí xurdiu o reto: crear unha imaxe a partir dunha palabra, usando só as letras da palabra en si, sen engadir elemento extra ningún.

Despois de dúas décadas, este traballo concretouse nun libro, nun vídeo e nunha web. O libro presenta preto de 100 imaxes xurdidas do esforzo creativo de Ji Lee. O vídeo, como acabamos de ver, recolle unha selección de xeniais animacións desas palabras, cada unha con movemento e son que reforzan o seu significado. E finalmente, na web podemos atopar consellos para crear novos deseños e a posibilidade de compartilos.

Un xogo cheo de creatividade que axiña asociamos a certas pezas da poesía concreta e da poesía visual. Déixate levar polo engado destes deseños e descubre ti máis imaxes ocultas nas palabras. Ánimo!

06/01/2013

De Gondorriño a Verín Osborne


Sempre xenial Davila! Mágoa que, a estas alturas, aos nosos cativos haberá que lles explicar onde está a graza. Que era iso das caixas? Que era iso da fusión? En fin, unha feliz ocorrencia:
Gondorriño, Cangoaña, Ponteariz...
O caso é que este cadriño de Luís Davila vén de marabilla para introducir outro caso de xogo coa toponimia galega. Hai xa uns meses, a través do blog Xavedes! (do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Lestonnac, de Ferrol) souben dun hashtag que por unha noite arrasou en Twitter (segundo din, mesmo chegou a ser Trending Topic estatal): #PobosGalegosFamosos. Os usuarios que participaron nel puxéronse a xogar cos nosos nomes de lugar de xeito que se convertesen en calquera outra cousa: títulos de filmes, nomes de artistas famosos, topónimos doutros países... Aí van algunhas desas divertidas creacións:
Lugo Boss, Palmeira Anderson, University of Cambre, Verín Osborne...
Un bo exemplo do rendemento lúdico da paronimia (Hugo - Lugo; Pamela - Palmeira; Cambridge - Cambre; Bertín - Verín...). 

Tócavos agora a vós xogar cos topónimos. Quen se anima a crear hilarantes creacións como as anteriores?

03/01/2013

De Charles Lutwidge a Lewis Carroll


Noi hai moito xa se cruzou no noso camiño o xenial Lewis Carroll (1832-1898). Para calquera afeccionado aos xogos lóxicos, matemáticos ou lingüísticos, as súas obras son o verdadeiro paraíso. Para el, ese afán lúdico era o motor da propia creación literaria. Así, con Alicia no país da marabillas (1865), Carroll arredouse da literatura didáctica e moralista tan propia do século XIX e abriu un novo camiño dominado pola imaxinación e polo desexo de xogar. Tomo prestadas aquí as palabras dun magnífico traballo de José María Sánchez (dispoñible na rede), que explica esta idea moito mellor ca min:
Que é Alicia senón un xogo? Un xogo de naipes na primeira parte e un xogo de xadrez na segunda. Pero, por riba de todo, Alicia é un xogo de palabras, unha xigantesca (e ás veces pesada) brincadeira que Carroll lle xoga á lingua inglesa. «Unha lingua —dinos Kathleen Blake— non é máis ca un xogo social, cunhas regras arbitrarias que se establecen por convenio social.»
Pois ben, o que Carroll fixo foi alterar estas regras, mudar o sentido convencional das palabras e darlles un novo sentido, para que todo o mundo puidese rir deste «novo xogo» que inventara Carroll; para que os ingleses, en definitiva, riran de si.
Resulta curioso que este espírito ludolingüístico estivese xa presente na orixe do propio nome literario de Lewis Carroll, pseudónimo do matemático, fotógrafo, profesor e escritor Charles Lutwidge Dowson. Vexamos como:

De entrada, seguindo a tradición humanista, o autor latinizou o seu verdadeiro nome:

CHARLES LUTWIDGE > CAROLUS LUDOVICUS

Despois, fiel á súa afección aos espellos, inverteu os dous elementos:

CAROLUS LUDOVICUS > LUDOVICUS CAROLUS

Finalmente, decidiu recuar coma un reloxo atrasado e resaxonizou esta última denominación ata dar co seu pseudónimo definitivo:

LUDOVICUS CAROLUS > LEWIS CARROLL

En fin, cousas dos ludolingüistas impenitentes!
Solución á proba de agudeza visual co mapa de palabras do mundo: oil (petróleo) = Arabia Saudí, northern (do norte) = Irlanda, period (período) = Exipto, norse (nórdico) = Grenlandia, south (sur) = Namibia.

31/12/2012

A lacónica historia do mundo: mapa de palabras


Nunca a frase «Con poucas palabras, bastan» foi máis acaída. Vía microsiervos.com, coñecín este mapa, deseñado polo cartógrafo Martin Elmer e que simboliza miles de anos de historia da humanidade mediante da representación de cada país cunha soa palabra.

Para realizalo, o autor consultou primeiro na Wikipedia a sección de historia da entrada de 176 países. Posteriormente, tomou todos eses textos, pasounos por un software deses que crean nubes de palabras e quedou coa voz máis repetida en cada un. Logo só tivo que deseñar o mapa dándolle forma a eses vocábulos.

Aquí temos a versión ampliable e navegable do mapa e aquí algunhas curiosidades (en inglés) que deseguido vos ofrezo:
O 16% dos países do mapa están representados pola palabra war (guerra), entre eles case todos os da Europa occidental.
O 25% de todos os países levan unha palabra que fai referencia ao poder colonial que os dominou: british (británico), spanish (español), french (francés), portuguese (portugués)...
A nobreza que encarna o poder é a voz que representa unha vintena de países: sultan (sultán), kingdom (reino), dynasty (dinastía), empire (imperio)...
A palabra máis común dalgúns países é o nome dun Estado veciño. Convén non trabucarse: Hungría é en realidade Eslovaquia, India é Pakistán, Etiopía é Eritrea...
Moi poucos países están representados pola súa denominación precolonial ou pola que nomea a súa poboación indíxena: berber en Marrocos, maorí en Nova Zelandia, oghuz en Turcomenistán...
En fin, con esta peza podemos comprobar que ás veces as explicacións máis sinxelas poden ser tamén as máis reveladoras.

Propoño un xogo: descubride que países do mapa se identifican con estas palabras: oil (petróleo), northern (do norte), period (período), norse (nórdico), south (sur).

E se queredes, xogade a facer o mesmo copiando e pegando nun destes xeradores de nubes de palabras o texto completo da sección de historia da entrada «Galicia» da Wikipedia. Cal será o resultado?

Ah, por certo, os mellores desexos para o 2013!

27/12/2012

Miau, miau!



Que marabilla de duelo felino! Nunca pensei que unha onomatopea puidese dar tanto xogo! Trátase do Duetto buffo di due gatti, atribuído ao compositor italiano Gioachino Rossini (1792-1868), unha peza cuxa letra consiste só na repetición da voz «miau». Rossini foi coñecido especialmente polas súas óperas bufas, un tipo de ópera xurdida na Italia do século XVIII como reacción á chamada «ópera seria». Fronte a esta, máis centrada en traxedias mitolóxicas, a ópera bufa buscaba a diversión con comedias de tema máis mundano e cotián. Neste caso, un simple duelo de dous gatos a miañar.

A onomatopea é a palabra que se forma imitando sons reais. No que respecta aos animais, xa puidemos ver nunha entrada anterior como a percepción dos seus sons pode ser moi distinta en cada cultura.

Ata hai pouco tiempo, as vacas, os burros, as ovellas, os cans ou as galiñas tiñan unha enorme importancia na nosa sociedade. Por iso, o galego posúe un léxico tan abundante e variado sobre as voces dos animais. As nosas vacas brúan, bradan ou múan; os nosos porcos gorlan ou gruñen; os nosos gatos mían ou miañan... Para saberdes máis, aquí deixo un novo capítulo do sempre imprescindible «Ben falado».

24/12/2012

O edificio-encrucillado de Lviv


Cando vin por primeira vez esta imaxe, quedei abraiado e mesmo pensei que debía ser unha montaxe fotográfica. Mais ao indagar un chisco sobre este encrucillado xigante, descubrín que se trataba dunha brillante idea de promoción turística da cidade ucraína de Lviv, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1998. As autoridades locais decidiran levar adiante un innovador proxecto artístico: estampar un encrucillado de 30 metros de altura na fachada lateral dun edificio de apartamentos. De feito, é o encrucillado máis grande (en tamaño real) do mundo.

Cando o vemos, podemos pensar que se trata dunha simple imaxe decorativa, dun pasatempo sen contido. Fáltanos algo para completar a ecuación: as preguntas.

Pois si que as hai. Estan esparexidas por distintos lugares de interese da cidade: museos, teatros, fontes... Cando os visitantes percorren estes espazos, van anotando as respostas ás preguntas que atopan.

E o mellor vén á noite. Se os turistas acoden ao edificio-encrucillado cando escurece, poden comprobar se as súas respostas son as correctas xa que entón todos os cadros, en branco á luz do día, amosan as súas letras, gravadas cunha tinta fluorescente especial que se activa co alumeado da rúa.

Unha orixinal e enxeñosa aplicación da ludolingüística ao servizo da promoción dunha cidade.

21/12/2012

Do 20022002 ao 02022020


Que tempos aqueles, hai xa máis de 10 anos! Con todo, Lorenzo Milá equivocábase: a efémeride da seguinte data simétrica non se repite hoxe (21-12-2012), senón que o fixo o pasado 21 de febreiro (21-02-2012). E a próxima data capicúa non será no 2013, xa que non existe o 31 de febreiro (31-02-2013). Pola mesma razón tampouco se dará no 2014, nin no 2015... A proxima data deste tipo terémola no 2020 (02-02-2020). Iso si, agradécese a definición concisa e clara de ambigrama que nos ofrece Milá. Xa abordamos este xogo lingüístico e visual nunha entrada anterior. A verdade é que sempre asociei os ambigramas a esas hipnóticas imaxes que presentan dúas interpretacións ao rotalas 180º. Por exemplo:


E tamén me lembran os debuxos paradóxicos do xenial artista gráfico Maurits C. Escher.

En todo caso, para os amantes destes enredos aí van unhas ligazóns de interese. Nesta ligazón, nesta e nestoutra tedes fermosos exemplos de voces ambigramáticas. Nesta páxina podedes atopar ambigramas dunha gran cantidade de nomes propios. E aquí é posible ver como se crea, paso a paso, un ambigrama cun sinxelo programa de deseño gráfico.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...