Para os amigos dos xogos de palabras, preséntovos o Letroca, un enredo en liña tan sinxelo como adictivo. Por desgraza, só coñezo a versión orixinal en portugués. Con todo, non é difícil aproveitalo para poñermos en práctica a nosa axilidade mental e os nosos recursos léxicos.
O xogo, que lembra a proba de lingua do popular Cifras e letras, consiste en formar cantas palabras se poida coas letras dispoñibles. A maior número de vocábulos, máis puntos. Iso si, só valen as palabras listadas en cada fase. Cantas palabras poderías formar con esta serie de letras: A - R - A - D - I - S? Vexamos: asa, dar, día, saír, saia, saída, adiar, risada... e aínda quedan moitas máis.
Hai dúas opcións, xogar cada fase nun tempo de tres minutos ou facelo sen límite de tempo. Ademais, se se consegue acertar o anagrama co máximo de letras, pódese pasar directamente á seguinte fase.
En fin, un xogo para comezar e non parar que permite mellorar o noso portugués e, á vez, o noso galego.
Como andas de agudeza visual? Seguro que, por miope que sexas, atoparás sen problema as diferenzas. Arriba, Bob Dylan interpretando o seu tema «Subterranean Homesick Blues» aló polo 1969. Abaixo, un imitador con debilidade polos palíndromos, o humorista e cantante estadounidense Weird Al Yankovic a parodiar no 2006 o xenial poeta de Minnesota.
Un videoclip cheo de humor e de enxeño que, ademais, homenaxea un dos artistas máis influentes do século XX. Ah!, e para debotos ludolingüistas aquí deixo este curioso xerador de palíndromos que axuda a visualizar e crear estes singulares textos capicúa.
Cando vin estas fabulosas edificacións, imaxinei os ditadores das máis variadas épocas e lugares a encher o seu ego erguendo suntuosos palacios coa planta das súas iniciais: o S de Stalin, o H de Hitler, o M de Mugabe...
Mais o certo é que estes deseños do arquitecto alemán Johann David Steingrüber, publicados en 1773, constitúen un dos máis curiosos xogos de lingua dos que teño noticia. Trátase do coñecido como «alfabeto arquitectónico de Steingrüber», unha serie de trinta plantas de edificios coa forma exterior das letras do alfabeto. Proxectos nunca realizados que son un simple exercicio de virtuosismo no deseño. Esta mestura de arquitectura e tipografía é un fascinante exemplo das posibilidades da imaxinación humana.
Máis alá das funcións egocéntricas das que falaba ao comezo, se cadra, tamén podemos imaxinar enxeñosos urbanistas utilizando estes planos para idear cidades-texto lexibles ao percorrer rúas e prazas. Quen non andaría a fedellar decote no google maps sobre esta utópica urbe na procura das súas mensaxes?
E no Día do Libro, unha recomendación da nosa «bibliografía ludolingüística básica»: Trabalinguas (2008), unha coidada escolma de trabalinguas tradicionais feita por Begoña Varela Vázquez e dirixida aos lectores máis novos.
Entre marfagafos, garzagrifas, cecigaciñas, pegos revirigordos,ovellas arrepempenicadas e demais fauna de pronuncia case imposible, xorden unha chea de enunciados dispostos a enribirichar ata o límite a nosa lingua. Así o comprobamos, por exemplo, con este prodixio do sesquipedalismo popular galego: entarabintintingoletadas (24 letras).
Aí vos vai, por se aceptades o desafío, un dos trabalinguas do libro, co seu correspondente audio da imprescindible orellapendella.org.
Unha pega merga, reborderga, gorda, rebirigorda, cotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos, cotobelados e xordos. Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos, cotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda, cotobelada e xorda.
As fermosas imaxes que serven de fondo a cada texto son de Manuel Uhía, paisano meu de Portonovo e un dos nosos ilustradores máis recoñecidos, dentro e fóra de Galicia.
Un libro co mellor espírito lúdico da nosa tradición oral. Unha obra, en suma, para ler, vocalizar, equivocarnos, rir e gozar.
Solucións á análise dos chistes de Luís Davila (20-4-2013): Calembur (zen tola - centola) / Paronimia (aleghría - alergia) / Polisemia (cabeza ‘de allo’ - cabeza ‘do corpo’) / Homonimia (NASA ‘axencia aeroespacial’ - nasa ‘aparello de pesca’)
Fervíame o corpo! Xa me tardaba traer de novo a Xogosdelingua as tiras cómicas de Luís Davila. Como non aproveitar o seu inesgotable enxeño ludolingüistico!
Sempre me gustou a expresividade cómica dos seus debuxos: eses ollos fóra das órbitas, eses narices superlativos... Con todo, o que realmente me admira é a arte que ten para converter os máis sinxelos xogos de palabras en maxistrais pezas de humor gráfico.
Arriba temos algunhas perlas coas que Davila nos agasalla n’O bichero, blog no que pendura as súas colaboracións no Faro de Vigo. Só catro, aínda que prometo volver con máis no futuro.
As viñetas anteriores baséanse nos seguintes recursos: calembur, paronimia, polisemia e homonimia. Poderiades identificar cal é o que corresponde a cada unha?
Todo un desafío para a nosa habilidade verbal esta canción, «Coco do trava-língua», do músico brasileiro Zeca Baleiro. Un tema cheo alegría e de engado composto orixinalmente polos mestres emboladores Cachimbinho e Geraldo Mousinho, do nordeste do Brasil. Adoro!!!
A embolada é semellante á nosa regueifa, unha forma poético-musical, improvisada ou non, cunha melodia de intervalos curtos e interpretada de xeito coral ou dialogado. Unha marabilla do xenio popular da que o propio Zeca Baleiro dixo:
Para o show, eu coloquei uma canção de dois «emboladores» nordestinos que se chama «O Coco do trava-língua». [...] Poderia ter sido composta até por um poeta concretista como Augusto de Campos, salvo o fato dela ter sido composta por analfabetos.
Para os máis arriscados, aquí deixo a letra completa, por se queredes ensaiar este colosal trabalinguas e adestrarvos no noso karaoke. Falta fai, abofé, pois, como di a canción, Duvido você dizer: «Rala lara lora liza», ou Rapa Ripa Rapa Rampa, ou Gravador gravo e gravura...
Rapa Ripa Rapa Rampa Rampa Rampa Ripa Rapa Campa Campa Capa Capa Capa Capa Campa Campa Tapa que tampa e destampa Sacuda machuca e pisa Visão avisou avisa Para a amiga entender
Puxa pedra arranca o toco Mergulha na pororoca Faz o risco deixa broca Dá mais dá menos dá pouco Pega a palha tira o coco Vista a calça e a camisa A chuva o sol e a brisa O "a" o "b" e o "c"
Gravador gravo e gravura Se voçê disser eu pago Vingo viro bebo gago Gaveta gato e gordura Careta caricatura Balança peso e baliza Recebe paga indeniza Planto depois de colher
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Unha dedo munheca mão Vapor vagão luz de vela Isca anzol peixe babela Fígado, bofe e coração É sul, é norte, é sertão É ana maria gisa, paula, paulinha e genisa É mesa, prato e comer
Vi o ralo veio relando Com a sua reladeira Um relogio regulando Com a sua reguladeira Gato veio na carreira Que quando corre desliza Cantador leva uma pisa Se não souber entender
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Borbuleja leta linda Preta vá com vê de vela Garganta guloso goela Taquara e taquaritinga Minha força nunca míngua Sapato machuca e pisa Me disse maria elisa Cante pra o povo entender
Lado é banda costa é frente Frente é banda costa é lado Casa branca é no sobrado Coco galope repente É nariz, é boca, é dente Cantador que improvisa Poeta quem analisa Quem canta pra dar prazer
Pois si, aínda que pareza imposible, naqueles arredados tempos en que non había correos electrónicos nin whatsapp, as civilizacións humanas progresaban e argallaban os seus métodos para enviaren mensaxes dun lugar a outro, mesmo cifradas cando cumpría.
Brincadeiras á parte, xa vimos hai tempo algún destes métodos de encriptación como o código de César ou os anagramas de Galileo. Hoxe imos falar doutro curioso sistema de cifrado: a escítala, empregada orixinariamente na antiga Esparta.
O funcionamento da escítala era moi simple: os dous participantes na comunicación debían posuír cadansúa vara do mesmo grosor. Un, o emisor, enrolaba unha longa fita de coiro ou papiro arredor do seu pau e escribía nela lonxitudinalmente un enunciado completo de xeito que a cada volta se engadise unha letra. Cando se desenrolaba a fita, a mensaxe anterior, ordenada e lexible, convertíase nun barullo de letras sen sentido. Só cando a fita se situaba de novo na posición orixinal na súa vara xémea, a do destinatario, a mensaxe reaparecía.
Contan os cronistas, que aló polo 404 a. C., cinco mensaxeiros espartanos saíron con urxencia para levar unha comunicación segreda ao seu rei, Leandro. Só un dos mensaxeiros, esgotado e malferido, deu chegado ao seu destino. A xeito de cinto, levaba unha escítala de coiro que lle entregou ao rei. Leandro enrolou esta fita nunha vara e así descubriu a mensaxe codificada que desvelaba as intencións do inimigo: o monarca persa Fanabazo II pensaba atacalo. Os espartanos preparáronse para repeler o ataque e de feito conseguírono.
Neste enderezo tedes un encriptador automático co sistema da escítala. Por exemplo: nunha vara de recolla tres letras por volta a mensaxe «EU LEO XOGOSDELINGUA» quedaría así: «EOL UGI LON ESG ODU XEA»
No seguinte vídeo tedes unha demostración práctica do uso da escítala. Iso sí, a explicación é en chinés, mais é ben doada de comprender!
Animádesvos a intercambiar mensaxes segredas coas vosas propias escíntalas caseiras?
Levaba un tempo a indagar se habería un xogo de mesa baseado no pasatempo da sopa de letras. E ao final dei con el. Un fantástico deseño de Goliath Games chamado «Wordsearch game» na súa versión en inglés e «Sopa cruza-letras» na súa versión en castelán. O vídeo anterior preséntanos dun xeito sinxelo este xogo (mesmo sen sabermos nin papa de inglés).
En todo caso, aí vai unha breve descrición deste enredo que permite fomentar habilidades intelectuais, cognitivas e sociais:
Os xogadores (entre 2 e 4) compiten para atopar palabras ocultas nunha grella de letras circular. Dispoñen de 20 cartóns cunha sopa de letras por cada lado (40 en total). Cada unha contén unhas 30 palabras dun mesmo campo semántico. Escóllese un deses cartóns e ponse na base co taboleiro transparente por riba. Xírase a parte superior para revelar a primeira palabra que se debe atopar e todos comezan a busca. Quen primeiro dea con ela fai soar o tótem e coloca sobre as letras que a forman os marcadores da súa cor. Logo xírase de novo o taboleiro e a partida continúa cunha nova palabra. Cando se localizan todas as voces, o xogador con máis marcadores gaña.
Para coñecerdes as regras polo miúdo e completas, tamén podedes descargar o PDF.
O xogo de mesa en castelán pódese atopar en comercios especializados ou en Internet. A falta de versión galega, non sería moi difícil deseñar para o xogo cartóns con sopas de letras na nosa lingua. Quen se anima?
Ah! E para os afeccionados a este pasatempo, aquí deixo o enderezo da webengalego.es, especializada en recursos educativos interactivos. Unha das súas aplicacións permite deseñar e xerar sopas de letras para resolver en liña.
O deseñador Manuel Viqueira creou esta cabeceira para o novo programa Verbas van, substituto do veterano Cifras e Letras na grella da TVG. Despois dunha andaina de máis de sete anos, o pasado luns 1 de abril o antigo concurso deu paso a esta nova versión que, no esencial, segue a mesma estrutura: dous concursantes compiten por un premio en metálico e polo dereito a regresar un novo día, dous expertos colaboradores (Jorge Mira e María Canosa) ofrecen e comentan as solucións ás probas e, finalmente, un presentador (Paco Lodeiro) conduce, cunha chea de retranca, o programa.
Con todo, si hai algunhas novidades nas súas probas:
O concursante novo escolle entre dúas palabras
propostas polo presentador, determinando así o contido das
preguntas. Cada un afronta cinco probas seguidas: formar, a xeito de anagrama, tres
palabras (de 7, 8 e 9 letras) relacionadas co tema do día,
unha pregunta de Ciencias e unha batería de cálculos numéricos.
Despois destas quendas individuais, ambos os dous concursantes enfróntanse
no «Man a Man», onde é crucial a rapidez ao activar o pulsador. Esta
fase consta de dúas probas: unha de Letras, «Verba vén»; e outra de
Ciencias, «Botacontas».
Deseguido, chega o panel final, «Chegar e
Encher», onde cada concursante debe resolver a súa columna de seis
palabras, das que aparecerán as dúas primeiras letras, tras escoitar as
correspondentes definicións. Esta proba final é decisiva xa que a puntuación que se pode obter é moito maior ca
nas dúas primeiras fases. O concursante que consiga sumar máis puntos en
total obterá 500 € e a permanencia no concurso.
En fin, un novo espazo que busca seguir o ronsel de éxito de Cifras e letras poñendo a proba o noso enxeño e o noso coñecemento da lingua.
Ademais destes volumes narrativos, a fascinación de Agee pola linguaxe levouno a crear unha singular serie de libros baseados no xogo coas palabras (palíndromos, anagramas, trabalinguas...). Desta vez, como é lóxico, totalmente intraducibles.
«Elvis Lives!»: and Other Anagrams(2004) é unha colección de sorprendentes anagramas cheos de humor, cada un acompañado tamén por unha das ilustracións de Agee.
En suma, Jon Agee, unha abraiante mente que ferve a cachón regalándonos a cada pouco marabillosas pezas de enxeño verbal. Libros cos que gozar mesmo sen termos un gran nivel de inglés.