A cada pouco é bo unha pequena dose de palíndromos: eses engaiolantes enunciados reversibles que estimulan como ningún outro a nosa imaxinación e o noso espírito lúdico. E desta volta, o meu último achado na arañeira: os palíndromos ilustrados de salvaxemente.blogspot.com. Pezas que se achegan ao humor gráfico e que posúen, na liña do propio blog, un aquel alternativo e satírico tan de agradecer.
En comparación con outros idiomas, o galego ten proporcionalmente menos voces palindrómicas. Nisto inflúe, sen dúbida, o querenza da nosa lingua polos ditongos; e o predominio dos decrecentes («oi», «au»...) sobre os crecentes («io», «ua»...). Con todo, sen parar moito a pensar, á cabeza veñen axiña unhas cantas palabras capicúas: oso, ollo, anana, reter, aérea, sopapos...
O Portal das Palabras, esa xoia da ludolingüística galega en liña, ofrécenos unha entrada que non debemos perder sobre algúns dos máis curiosos palíndromos recollidos no Dicionario da Real Academia Galega: esexese, anilina, radar, anona, rañar. seses, reler.
Anímate e pon un palíndromo na túa vida. Non é tan difícil. E, de precisares algo de axuda, lembra que dispós de utilísimos xeradores coma este.