Vaia remontada in extremis! Como acabamos de ver, esa «anestesia» supuxo o remate da estadía de 95 programas do máximo campión da versión galega de Cifras e letras: Fer (Fernando González Vázquez), profesor de autoescola de Cangas.
Postos a xogar coas palabras, non podia faltar a faceta televisiva da ludolingüística. E aí temos Cifras e letras. Cada sobremesa, milleiros de galegos (se o traballo ou a sesta o permite) enredamos a facer contas e a combinar letras co noso concurso máis veterano, que se emite desde o 2006.
Conducido por Paco Lodeiro, conta como expertos co físico Jorge Mira e coa escritora María Canosa (antes Yolanda Castaño). Trátase dunha adaptación do concurso orixinal francés Des chiffres et des lettres, que naceu aló polo 1956.
No que ás letras se refire, o xogo consiste en formar unha palabra o máis longa posible con nove letras (vogais e consoantes) proporcionadas aleatoriamente, e nun límite de 30 segundos. Cada letra da palabra formada supón un punto, e se é de 9 letras, como acabamos de ver, o premio son 18 puntos. Esta combinación de letras recorda á tecnica do anagrama, á que dedicaremos vindeiras entradas.
En fin, cal é a palabra máis longa que poderiades formar con cada unha destas series? Ollo, todas permiten facer voces de 9 letras.
O C E T C O L H A A T R U G A T R A
H A C H E L C U M R E R A F R I R A
Solucións á análise dos chistes de Luís Davila (12-4-2012): Prefixación (pre-parado - preparado) / Homofonía (e vai - ebai) / Polisemia (seguro ‘contrato’ - ‘dispositivo’) / Paronimia (anual - anal).
Ningún comentario:
Publicar un comentario