Cando descubrín esta web, non o puiden resistir: xa merquei un exemplar de Super Grammar, dos deseñadores e ilustradores californianos Tony Preciado e Rhode Montijo. Para os que receamos do ensino puramente gramatical da lingua, esta proposta resulta unha marabilla!
Que idea xenial! Unha aproximación atraente e visual ao estudo da gramática presentada como unha batalla interminable entre o ben e o mal, entre superheroes e superviláns. Así, os principais elementos da gramática personifícanse coa identidade ben dun superheroe, ben dun supervilán; e as súas características e funcións son transformadas en superpoderes.
Temos, daquela, o bando dos bos formado por varios grupos:
The Amazing Eight: oito heroes que encarnan oito clases de palabras, cada un cos seus poderes. Ademais, asociados entre eles aumentan o seu potencial. Temos: The Noun (o substantivo), cuxo principal poder é cambiar de forma (pode ser calquera persoa, lugar ou cousa nunha oración); The Verb (o verbo), a líder do equipo que coa súa incrible enerxía pode darlle vida a calquera oración e expresar xa unha acción, xa un estado; The Adverb (o adverbio), unha superheroína que coa súa práctica ferramenta de modificación axuda os verbos a obter unha potencia extra...
The Super Simbols: os valentes e fiables signos de puntuación, que cos seus poderes axudan a manter claras e ben organizadas as oracións. Entre eles: The Comma (a coma), un dos membros máis útiles, versátiles e áxiles do grupo, con habilidades como axudar a facer pausas ou a separar palabras ou grupos de palabras; The Sentence Ending Team (o equipo de peche das oracións), son o punto, o signo de admiración e o de interrogación, que posúen o poder para indicar o final dunha oración, mais co engadido de expresar intención ou estado de ánimo (afirmas?, preguntas?, berras?...); The Apostrophe (o apóstrofo), con tres impresionantes poderes na gramática inglesa: o de contracción, o de omisión e o de posesión...
The Completion Team: o máis pequeno dos superequipos e posiblemente o máis importante xa que permite formar oracións fortes e completas; os seus membros, The Subject (o suxeito), co poder de expresar de quen ou de que estamos a falar, e The Predicate (o predicado), unha mestra das artes verbais que permite expresar con palabras todo tipo de declaracións acerca dos suxeitos.
E enfrontados aos grupos anteriores temos os superviláns: The Sabotage Squad, un grupo de malvados que intenta arruinar calquera palabra ou oración que poida caer nas súas mans. Algúns deles son: The Run-on Sentence (a oración interminable), que impide pechar oracións correctamente converténdoas en secuencias sen fin e sen sentido; The Sentence Fragment (o fragmento de oración), que goza buscando nas oracións baleiros (ausencia de verbo, de concordancia...) que fagan perder a súa estabilidade...
En fin, as forzas do ben e as do mal enfrontadas por dominar o universo da gramática. Unha proposta que sen dúbida fai máis lúdica e atraente a aprendizaxe dos contidos gramaticais. Quen puidera atopar algo así na nosa lingua!
Máis que suxestivo! Unha proposta de creación deste tipo ao alumnado seguro que daría xogo.
ResponderEliminarUn pracer seguir este espazo e descubrir posibilidades coma esta. Parabéns!
Moi agradecido, Xano. Sería fantástica a posibilidade de traballar no día a día das aulas con este tipo de materiais, abofé! Aquí andaremos, a divulgar iniciativas coma estas. Unha aperta.
ResponderEliminar