14 de abr. de 2018

Con «Elemental», unha nova etapa


Uf! Un pensa que poderá manter indefinidamente certas rutinas, mais as circunstancias sempre son as que marcan o camiño. Despois de seis anos de actividade continuada en Xogosdelingua, parece que chegou momento de baixar o ritmo. Polo menos, de momento.

Como algún de vós xa saberá, levo colaborando en La Voz de Galicia con xeróglifos en galego desde hai case 30 anos. Pois ben, hai unhas semanas contactaron comigo desde La Voz para propoñerme ampliar a colaboración con outros pasatempos en galego para o seu novo suplemento Elemental, que sairá á rúa cada domingo de balde co xornal. E non puiden dicir que non! 

Estas semanas de silencio no blog debéronse á preparación do material para o suplemento. A proposta permitiume dar renda solta á miña vea ludolingüística. Deseñei algúns xogos de palabras clásicos (autodefinidos, encrucillados, sopas de letras ou xeróglifos) e outros máis novidosos (labirintos, escaleiras, frases [des]feitas...). 

De onde sacarei o tempo? Non o sei. O reto está aí e como son persoa que toma moi en serio os compromisos, a actividade en Xogosdelingua vai ter que reducirse. A non ser que alguén dea inventado os días de 36 horas! 

Mañá sae á rúa o primeiro número de Elemental. Unha publicación orientada a grandes e pequenos. Espero que se faga un oco no lecer do público e que teña continuidade. Sempre defendín a necesidade dunha publicación especializada en pasatempos no noso país. 

En calquera caso, unha aperta para tod@s. Por aquí seguiremos cando a carga de traballo o permita, porque, para os devotos da ludolingüística, a cabeciña nunca para!


25 de mar. de 2018

Pasagalego para os 21DEG2018



Imos quentando motores! Á volta da Semana Santa, no Fogar de Santa Margarida da Coruña retomamos a aventura dos 21 DÍAS EN GALEGO, esa fantástica experiencia que naceu hai uns anos da man da rapazada da Pobra do Caramiñal. 

Este ano esperamos poder compartir parte das actividades cos alumnos e alumnas do IES desta vila da Ría de Arousa e tamén cos do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Para eles, e para todos os que queiran, vai este «Pasagalego». 

Aceptade o reto e dedicade uns minutos a poñer a proba o voso vocabulario. Cantas acertades?

21 de mar. de 2018

Tipografía primaveral




Aló vai o primeiro día de primavera. Á espera do primeiro día primaveral, aquí queda un abecedario feito con gromos, follas e floreciñas naturais. Así é o engaiolante BlossomType, un proxecto da diseñadora gráfica Alice Mourou cando traballaba para a axencia Zero de Moscova.

O seguinte vídeo permite que nos fagamos unha idea do esforzo meticuloso que supuxo crear a man cada letra e cada número. Unicamente empregou o photoshop para corrixir ou definir a cor dalgunhas flores.



Visitando a web do proxecto tamén podedes atopar un xerador automático de texto con esta delicada tipografía botánica. Probade!

16 de mar. de 2018

O «Pensamento inverso» de Fábio Brazza


Imagina um texto que não muda nenhuma palavra, mas quando você inverte a ordem de leitura, todo o sentido muda. Esse é o novo «Desafio de Rima»: lendo de cima pra baixo temos uma visão negativa da humanidade, mas quando lido de baixo pra cima, tudo se inverte, e temos uma visão totalmente positiva da humanidade. A resposta não está nas coisas, mas na forma como olhamos pra elas.
Así se presenta outro dos «desafíos de rima» do noso admirado Fábio Brazza na súa canle de Youtube. Unha técnica, a do texto reversible, que cambia por completo o seu sentido segundo se lea nun sentido ou noutro. Porque xa sabedes que nun palíndromo sintáctico non é mesmo o camiño de ida [Meu umbigo É muito mais importante que + Meu amigo] que o de volta [Meu amigo É muito mais importante que + Meu umbigo]. Acabamos de ver este recurso no ámbito da publicidade xustiño no post anterior, mais tamén aquí ou aquí.

Deseguido, a letra completa desta nova marabilla do rap ludolinguístico do amigo Brazza.
Vocês vão ver
O amor pelo poder
Vai vencer com louvor
O poder do amor
Pode crer 
Meu umbigo
É muito mais importante que
Meu amigo
Com convicção eu vos digo 
Lucro ao máximo
Vai superar o
Amor ao próximo 
Solitários e sós 
E não 
Solidários entre nós 
Nascemos para viver assim
Eu juro
A humanidade tem futuro
Esqueça essa mentira
Vamos continuar no escuro
Dominados por nossa ira
Tem quem duvide e diga
A maioria sempre quis união
Gahndi fez revolução sem briga
Jesus dividiu o pão
E mesmo assim
A humanidade sempre esteve partida
Esqueça essa bobagem 
Aprenda a levar vantagem
Ser humano com apreço
Vamos substituir por
Ser humano com preço
Esse é o pensamento do mundo inteiro
Eu seria estúpido se dissesse 
Não é pelo dinheiro 
O objetivo 
É dominar você 
O verdadeiro poder 
Está em dominar o outro
A utopia do louco 
“O amor é o caminho da felicidade” 
Eu não acredito 
O mundo está perdido e quem venceu foi a maldade 
Já não posso dizer 
Tenho fé na humanidade 
Basta ver! 
Cadê a bondade? 
Será preciso reverter tudo para enxergar a verdade

12 de mar. de 2018

A exclusión non exclúe a ninguén



Hoxe, vía Adsoftheworld, un vídeo publicitario que me fascinou pola súa sensibilidade, pola súa forza e tamén pola súa estrutura palindrómica. No centro da cuestión: La précarité peut anéantir notre part d'humanité (‘A precariedade pode destruír a nosa humanidade’) ou Notre part d'humanité peut anéantir la précarité (‘A nosa humanidade pode destruír a precariedade’)?

A loita contra a exclusión comeza co xesto máis sinxelo: mirando o outro, prestándolle atención, recoñecéndose nel. Isto é o que destacou a axencia francesa Altmann + Pacreau neste anuncio para a súa colaboración coa Fondation Abbé Pierre, unha ONG que acolle xente sen fogar, procura mellorar as condicións das vivendas dos máis desfavorecidos ou axuda a previr os desafiuzamentos. 

As estatísticas amosan que en Francia, un deses países que consideramos á cabeza do progreso económico, 4 millóns de persoas viven en vivendas de baixa calidade, 150.000 persoas están sen fogar e 20.000 persoas viven todos os días directamente na rúa. A simple perda do traballo pode abocar a calquera a esa situación.

Ademais da campaña en vídeo, tamén deseñaron carteis impactantes coma este. Imaxe e slogan que amosan o paradoxo da exclusión: L’exclusion n’exclut personne (‘A exclusión non exclúe a ninguén’). Chapeau!



Solución ás «palabras agochadas» (26-1-18):
1: net, penalty, goal, ball, kick, pass. 2: film, ticket, movie, sequel, candy, preview. 3: cow, apple, farm, sun, pick, barn. 4: colour, tarp, bucket, paint, roller, brush. 5: score, basket, net, court, hoops, dunk. 6: water, slide, pool, wet, float, swim. 7: music, yummy, red, hungry, cheese, party. 8: quiz, learn, write, report, study, test.

8 de mar. de 2018

Coñeces o Scruble Cube?


Atención devotos do Cubo de Rubik e do Scrabble! Aquí tedes o voso xogo ideal: o Scruble Cube

O cubo en cuestión é de 4x4x4. Nas caras dos minicubos aparecen letras co seu valor en puntos e tamén hai caras multiplicadoras. 

Os xogadores, por quendas, teñen 90 segundos para manipular o cubo ata formar unha palabra en liña recta en calquera dirección. Ademais os xogadores tamén obteñen bonificacións se a súa palabra cobre máis dunha cara ou se se cruza cunha palabra creada previamente. Un crebacabezas de proporcións épicas! 



Para facervos unha idea, esta é a súa disposición de letras inicial.


Creo que non tardarei en facerme con el!

4 de mar. de 2018

O incrible poema palindrómico de Su Hui


O retrato superior é de Su Hui, talentosa poeta chinesa do século IV coñecida polo nome de cortesia de Ruolan («como unha orquídea»). 

Grazas a Miro Villar e a Cibrán Arxibai souben desta muller e do seu incrible poema palindrómico coñecido como o Xuanji Tu. Trátase dun enxeñoso conxunto de 841 caracteres distribuídos nunha grella que pode ser lida en calquera dirección (cara a adiante e cara a atrás; en vertical, horizontal ou diagonal). Nesta xoia da combinatoria é posible ler, ao parecer, 2848 posibles poemas diferentes.

Su Hui, empregou fíos de seda de cinco cores e dividiu o poema nunha especie de áreas. Cada unha delas posúe un conxunto específico de regras que indican como debe ser lido o texto.


Para saberdes máis sobre este prodixioso poema (a historia de amor que leva asociada, algunha proposta de tradución...), recoméndovos este artigo de mujeresconciencia, escrito por Marta Macho Stadler profesora do Departamento de Matemáticas da UPV/EHU.


28 de feb. de 2018

Word Animals


Dan Fleming é un deseñador gráfico australiano especializado en deseño de logotipos que reside en Boston (Estados Unidos). O que podedes ver nesta entrada é o seu proxecto Word Animals. Nel xogou a representar os nomes de animais sobre candansúa silueta: crocodile, owl, camel, pig, elephant... 20 en total. 

Nunhas pezas a palabra inserida na imaxe é mais doada de recoñecer ca noutras. Con todo, velaquí un novo exercicio de creatividade tipográfica. Bravo, Mr. Fleming!






24 de feb. de 2018

Palíndromos ilustrados [22]


O palíndromo de hoxe recórdame a querenza da nosa tradición pola arte de falar mal, de inxuriar, de ceibar falsidades maldicentes. Lembrades como describe a nosa «Arte de trovar» as cantigas de escarnio e maldicir?
Cantigas d'escarneo som aquelas que os trobadores fazem querendo dizer mal d'alguém em elas, e dizem-lho per palavras cobertas que hajam dous entendimentos, pera lhe-lo nom entenderem [...] ligeiramente; e estas palavras chamam os clérigos hequivocatio. E estas cantigas se podem fazer outrossi de meestria ou de refram.
Cantigas de maldizer son aquelas que fazen os trovadores mais descubertamente. En elas entran palavras que queren dizer mal e non aver outro entendimento se non aquel que queren dizer chãamente
Hoxe, o contacto boca orella das laretadas do mercado ou da barra da taberna é acompañado tamén polo tecleo anónimo que ceiba inxurias e falsidades sen filtros pola arañeira. E o galego demostra unha gran riqueza á hora de expresar estas circunstancias. Por exemplo, nos refráns:
Non habería murmuradores, se non houbera escoitadores.
Quen ten a lingua aguda, que teña a costela dura.
Mellor sandan as chagas cás feridas das malas palabras.
Máis pode un criticando que cen gabando.
Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.
Vale máis calar que mal falar.
Vai a palabra de boca en boca coma o vento de folla en folla.
Andar en linguas, andar en minguas.
E de léxico referido a este hábito do «maldicir» tampouco andamos curtos: rumor, azueira, mentira, maledicenciamurmuraciónalburgada, chisme, loia, dixomedíxome, bouba, rexoubaloiada, cubillada, embustedíxome...

Os termos anteriores, moitos deles sinónimos, veñen recollidos no dicionario da RAG. Es quen de clasificalos nesta táboa?



20 de feb. de 2018

As dúas portas do castelo

Hoxe, un deses enigmas lóxicos de «cabaleiros» (knights) que din sempre a verdade e de «escudeiros» (knaves) que sempre menten, popularizados polo matemático Raymond Smullyan no seu marabilloso Como se chama este libro? (1978). Precisamente estes días fixo un ano do pasamento do xenial filósofo, matemático e divulgador estadounidense.

Na ficción cinematográfica, podemos atopar un bo exemplo deses enredos de verdades e mentiras en Dentro do labirinto (1986), filme dirixido por Jim Henson.

As dúas portas do castelo
Sarah, a moza protagonista, dispón só de 13 horas para evitar que o seu irmán Toby se converta nun trasgo. Para iso debe atravesar o labirinto de Jareth, o rei dos Goblins, e chegar ata o seu castelo. 
Despois de percorrer con éxito todo o labirinto, descobre que para acceder ao castelo hai dúas portas custodiadas por cadanseu garda (un vermello e outro azul). Estes explícanlle que unha das portas conduce ao seu destino e a outra a unha morte segura. O problema é que se se lles pregunta cal é a porta boa, un sempre dirá a verdade e o outro sempre mentirá. E unicamente é posible formular unha pregunta.
Como saber daquela cal é a porta correcta?

Solución ao enigma «O enigma de Zadig» (4-12-2017):
Zadig dixo que era o tempo. «Nada é mais longo pois é a medida da eternidade; nada é mais breve, xa que nunca alcanza para dar fin aos nosos proxectos; nada é máis lento para quen espera; nada é máis rápido para quen goza da vida; estendese, en grandeza, ata o infinito; dividese, ata o infinito, en pequenez; todos os homes o descoidan e todos lamentan a súa perda; nada se fai sen el, fai esquecer todo o que é indigno da posteridade, e inmortaliza as grandes cousas». Os presentes coincidiron en que Zadig tiña razón.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...