Amosando publicacións coa etiqueta alemán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta alemán. Amosar todas as publicacións

8 de set. de 2017

Palabras impronunciables?







Realmente ocorrentes estes vídeos de Babbel. Ao velos, non puiden evitar darlle voltas ao concepto de «palabra impronunciable». Determinar o grao de facilidade ou dificultade na pronuncia dunha voz (ou dunha lingua) é sempre algo relativo. Máis alá da influencia dos nosos prexuízos sobre unhas linguas ou outras, todo depende dos termos que entren en comparación. Cantos fonemas comparte ese idioma co noso? Cantos son totalmente estraños para nós? 

Así, para un inglés resulta difícil a pronuncia do castelán perro pois a súa lingua natal carece do fonema alveolar vibrante múltiple /r/ do «rr». A un castelán dicir ben o noso xamón tampouco lle será doado xa que a súa lingua non ten nin o fonema fricativo palatal xordo /ʃ/ do «x» nin o nasal velar /ŋ/ que pecha a palabra. E para un galego pronunciar, por exemplo, o inglés bird co mellor acento shackespeareano pode ser tarefa espiñenta ao non termos nós ese fonema vocálico /ɜ:/ entre «i» e «e» dos británicos.

Se ademais os fonemas descoñecidos entran con frecuencia en combinación entre si, esas palabras transfórmanse en verdadeiros trabalinguas, como comprobamos nos vídeos iniciais. 

Postos a poñer exemplos de linguas con fonemas estraños e difíciles de pronunciar, no alto do podio estaría posiblemente a lingua ǃxóõ (también coñecida como lingua taa ou lingua clic) falada por unhas 4000 persoas entre Bostwana e Namibia. O seu alfabeto ten cerca de 26 vogais e 122 consoantes! O nome de lingua clic débese a que parte deses fonemas son diferentes tipos de estalos feitos no ceo da boca. É común, de feito, que as persoas adultas que dominan este idioma desenvolvan unha especie de nódulo na larinxe a conta de emitir durante anos este tipo sons.

Aquí tedes un exemplo desta fala nun vídeo do fantástico proxecto Terra do neurocientífico focense Xurxo Mariño. 



E para rematar, aínda que está en inglés, non podedes perder este vídeo coa listaxe dos fonemas máis estraños nas falas de todo o planeta. Abraiante! 

21 de set. de 2016

Perdido na tradución



A xente de Babel preparou este vídeo para presentar algunhas desas palabras que só existen nunha lingua. No mundo fálanse uns 6.000 idiomas e todos eles describen con amplitude e riqueza da vida humana. Con todo, quen xa tivo a oportunidade de viaxar ou de aprender unha nova lingua sabe que existen certas palabras que non conseguimos traducir con exactitude. Para non perder na tradución, cómpre explicalas con frases.

Como xa vimos aló atrás, a estrutura da nosa propia lingua afecta os nosos procesos cognitivos e a maneira en como racionalizamos e articulamos as ideas. Por iso, sempre resulta fascinante dar cunha desas voces que amosan unha forma distinta e orixinal de contemplar o mundo.

Iso mesmo deberon pensar a rusa Maria Tiurina e a neocelandesa Anjana Iyer cando decidiron empregar a súa arte para ilustrar algunhas desas xoias lingüísticas (visto en unapalabra).

MARÍA TIURINA


cafuné (portugués do Brasil) ‘acto de aloumiñar alguén pasando os dedos entre os seus cabelos’



gufra (árabe) ‘cantidade de auga que se pode apañar nunha man’



baku-shan (xaponés) ‘muller fermosa, mais só vista polas costas’

ANJANA IYER



ilunga (tshiluba) ‘persoa capaz de perdoar e esquecer unha ofensa unha primeira vez, tolerala unha segunda vez, mais nunca unha terceira vez’


hanyauku (kwangali) ‘acto de andar na puntiña dos pés sobre area quente’


schadenfreude (alemán) ‘pracer que senten algunhas persoas ao ver o sufrimento dos outros’

28 de dec. de 2015

Publicidade, humor e paronimia



No altar dos recursos máis efectivos da ludolingüística deberiamos reservar un lugar de preferencia para a paronimia. A relación que se establece entre esas dúas voces de forma case idéntica e de significado dispar dá moito xogo. E máis aínda se intervén a creatividade e o sentido do humor dun bo publicista.

Vémolo, en castelán, no xenial anuncio do «neno-castor» que encabeza a entrada, dunha empresa colombiana de alimentación (moi acaído ademais para estas datas).

E tamén o podemos ver, en inglés, nestoutra peza dun centro alemán de ensinanza de idiomas. Outro brillante aproveitamento da paronimia! Por certo, os mellores desexos para o 2016!


13 de set. de 2015

Aprende alemán con «Rhabarberbarbara»



Para que negalo? Si, un vídeo de dous minutos en alemán pode resultar duro se non coñeces ese idioma. Con todo, neste caso asegúrovos que non é preciso saber moito alemán para aprecialo. Coa impagable axuda de microsiervos, cuxo texto me limito a traducir, podedes gozar deste trabalinguas. Queredes aprender alemán con Bárbara e a súa torta de ruibarbo? Imos aló:
1. Hai unha rapaza chamada Bárbara.
2. É famosa pola súa torta de ruibarbo.
3. Daquela coñécena como Bárbara do ruibarbo, a Rhabarberbarbara do título do vídeo.
4. Abre un bar para vender o bolo, Rhabarberbarbarabar.
5. O bar é frecuentado por tres bárbaros, os rhabarberbarbarabarbabaren.
6. Todos eles teñen barba.
7. Van ao barbeiro para amañar as súas barbas, o rhabarberbarbarabarbabarenbartbarbier.
8. O barbeiro dos bárbaros do bar de Bárbara do ruibarbo vai ao bar para comer un anaco da torta e, deseguido, quere tomar unha cervexa en particular, a rhabarberbarbarabarbabaren- bartbarbierbier.
9. Esa cervexa haina só nun determinado bar.
10. A camareira do bar chámase Bärbel.
11. Así que temos unha ‘Bärbel do bar onde se vende a cervexa do barbeiro das barbas dos bárbaros do bar de Bárbara do ruibarbo’, que en alemán se pode dicir nunha palabra como rhabarberbarbarabarbabarenbartbarbierbierbarbärbel.
12. Ao final bárbaros barbudos que van ao bar de Bárbara, o barbeiro dos bárbaros barbudos que van ao bar de Bárbara e a propia Bárbara do ruibarbo van ao bar de Bärbel para tomar unha cervexa. Saúde! Sen dúbida, necesítana!
Aí queda: rhabarberbarbarabarbabarenbartbarbierbierbarbärbel, unha marabilla de 50 letras para linguas extremadamente hábiles, posible grazas á capacidade do alemán para compoñer palabras interminables, como xa vimos aló atrás con aqueloutra xoia do sesquipedalismo teutón: Rindfleischetikettierungsüber- wachungsaufgabenübertragungsgesetz.

20 de dec. de 2014

«Palindrom», de Jens Nagels



O fotógrafo e videocreador alemán Jens Nagels tamén sucumbiu ao engaiolante poder dos palíndromos. Vémolo neste vídeo que combina populares textos reversibles alemáns, imaxes desprazadas en sentidos opostos e sons de fondo que ilustran cada idea.

Con «Palindrom», Nagels fai unha fermosa homenaxe audiovisual aos enunciados simétricos e ás singulares mensaxes que transmiten.

Anna, Otto, SMS, SOS... son voces ben recoñecibles, mais para comprender os outros palíndromos recorrín aos perigosos tradutores automáticos. Estes son os que dei traducido:
reittier (‘cabalgadura’)
nie setzt es ein (‘nunca o usa’)
nette betten (‘boas camas’)
eine hure ruhe nie (‘unha prostituta nunca descansa’)
lesen esel (‘o burro que le’)
lagerregal (‘estante de almacenaxe’)
Se atopades algún erro, avisade!

10 de nov. de 2014

Camaleóns lingüísticos



Abraiante! Deixa a un pampo esa facilidade para aprender idiomas e para falalos saltando dun a outro coma quen pestanexa: todo un camaleón lingüístico. Mais abraia e admira tamén esa fantástica actitude aberta e desprexuízada cara a outras linguas. Todo un exemplo este Matthew Youlden, profesor en babbel.com, que fala nove idiomas fluidamente, comprende case unha ducia máis e entre os seus vindeiros obxectivos está... o galego!  Parabéns!

Preguntado sobre o seu segredo, Matthew deu estes 10 consellos:
1. Ten claro por que o estás a facer.
De non teres unha boa razón para aprender outro idioma, é moi probable que, a medio prazo, desapareza a motivación. O realmente importante é comprometerse ao máximo.
2. Mergúllate.
Non importa as ferramentas que uses para aprender a lingua, a chave está en practicares todos os días.
3. Atopa un compañeiro.
Un irmán, un amigo... alguén que te acompañe e te empurre a estar motivado e a seguir un pouco máis.
4. Manteno relevante.
Máis alá de libros e manuais, falares coa xente fará que o proceso de aprendizaxe siga a ser relevante para ti.
5. Divírtete.
Usa o teu novo idioma de calquera forma que sexa creativa: grava cancións, fai un programa de radio, debuxa un cómic, escribe un poema...
6. Actúa como un neno.
Aprendemos a base de nos equivocar. Cando somos nenos, espérase que cometamos erros mais, cando somos adultos, os erros convértense nunha especie de tabú. Admite que non o sabes todo, acepta sen medo o erro. Libérate das túas barreiras de adulto.
7. Abandona a túa zona de confort.
Non ter medo a equivocarse significa estar preparado para poñerse en situacións potencialmente difíciles ou embarazosas. Isto pode dar un chisco de medo, mais é necesario para mellorar.
8. Escoita.
Tes que aprender a escoitar antes de aprender a falar. Calquera idioma soa raro a primeira vez, porén, canto máis o escoitas, máis familiar se volve e máis doado será falalo.
9. Mira a outros falando.
Idiomas distintos demandan cousas distintas da túa lingua, labios e garganta. A pronunciación é tanto física como mental. Observa e imita falantes nativos en vivo, en películas estranxeiras, en televisión en versión orixinal...
10. Fala contigo.
Se non tes a ninguén con quen falar no idioma que estás a aprender, non hai nada malo en falar contigo mesmo. Isto pode axudarche a aprender novas expresións e a estar máis confiado cando teñas que usalas con outra persoa.
Compromiso, inmersión, espírito lúdico, desinhibición, desdramatización do erro... pautas simples para aprendermos novos idiomas. Pregúntome se Matthew coñecerá estoutra camaleoa de noso: a pequena Xulia, que cando gravou este vídeo tiña só sete anos e falaba xa seis idiomas (e mais outro inventado). Unha xoia!



29 de out. de 2014

A xogar con «Lyricstraining»


Cada pouco tempo, como ben sabedes, en Xogosdelingua prescribimos unha pequena dose de karaoke. Poucas ferramentas máis lúdicas e entretidas para a aprendizaxe de idiomas ca o invento de Daisuke Inoue.

Ben o saben os creadores de Lyricstraining, unha web que permite, de balde, practicar varias linguas mentres vemos vídeos musicais. Os idiomas dispoñibles, polo de agora, son o inglés, o francés, o alemán, o castelán, o italiano, o neerlandés e o portugués.

O funcionamento é ben sinxelo, escóllese un videoclip e un nivel de dificultade (principiante, intermedio, avanzado ou experto). No nivel máis doado, reprodúcese o texto da canción só cuns poucos ocos en branco que o xogador debe completar. Mentres que ao elixirmos un nivel máis difícil a letra aparece cun maior porcentaxe de ocos en branco. Poténciase así tamén a capacidade de memorización.

Un xogo entretido e, asemade, de grande utilidade didáctica. Préstache intentalo, por exemplo, con «Twist and shout» de The Beatles ou con «Leãozinho» de Caetano veloso? A cantar!

7 de set. de 2014

«Supercalifraxilisticoespialidoso»



Con todos vós, «Supercalifraxilisticoespialidoso», na súa versión orixinal inglesa. Quen non coñece esta campanuda palabra de 32 letras e a canción á que lle dá título? Mary Poppins, a aia máxica, fíxoa universal aló por 1965. Os compositores da canción, os irmáns Richard e Robert Sherman, seica se inspiraron nun xogo infantil que compartían e que consistía en inventar palabras.

No filme, a protagonista, despois de gañar unha carreira de cabalos, é acosada por unha manda de reporteiros. Un deles pregúntalle se ten palabras que definan o que está a sentir e Mary Poppins comeza a cantar a famosa palabra. Na ficción, o seu significado ben sendo algo así como ‘o que un sente cando queda sen palabras’.

O máis curioso é que o Oxford English Dictionary deu entrada a supercalifragilisticexpialidocious en 1986 co significado de ‘extraordinariamente bo, marabilloso’. A súa raíz etimolóxica sería máis ou menos esta: super- ‘enriba’ + -cali- ‘beleza’, -fragilistic- ‘delicado’, -expiali- ‘para expiar’ + -docious- ‘educable’.

E que pasou cando houbo que facer versións deste filme musical en diferentes linguas? Pois que os tradutores comezaron a botar fume polas orellas! Deseguido tedes unha breve mostra co comezo da canción en inglés, portugués e castelán.
It's supercalifragilisticexpialidocious
Even though the sound of it is something quite atrocious
If you say it loud enough, you'll always sound precocious
Supercalifragilisticexpialidocious
Supercalifragilistiexpialidoce
Sei que o som dessa palavra não é nada doce,
A criança que falar vai parecer precoce
Supercalifragilistiexpialidoce
Supercalifragilisticoespialidoso,
aunque suene extravagante, ¡raro y espantoso!
Si lo dice con soltura sonará harmonioso,
supercalifragilisticoespialidoso!
 
E a guinda final, un vídeo impagable co mesmo fragmento dobrado en diferentes idiomas. Boísimo!

17 de xuño de 2014

Viva a diversidade!



Os meus alumnos de 1º de Bacharelato do Fogar de Santa Margarida animáronse a realizar un traballo sobre a diversidade lingüística partindo da realidade do propio centro. Eu faleilles de Lips of Babel, ese anuncio publicitario cos beizos das modelos en primeirísimo plano a pronunciar trabalinguas de todo o mundo. E puxéronse mans á obra, materia prima tiñan abondo: chinés, árabe, alemán, xaponés, francés, portugués, inglés, caboverdiano, guaraní...

O resultado dese esforzo é este vídeo estreado xa no noso blog de Lingua: A chave e o mundo. Un alegato a prol do ecolingüismo e do respecto pola diversidade.

Aquí quedan algúns destes trabalinguas internacionais coa súa tradución:
Piriri parãrã kavara opopo ojupi oguejy ikupy oipiro. Charamuscas, ruído de lata: a cabra salta, sobe, baixa, pela a pata. (guaraní)
Un chasseur sachant chasser doit savoir chasser sans son chien. Un bo cazador debe saber cazar sen o seu can. (francés)
Fischers Fritze fischt frische Fische. Frische Fische fischt Fischers Fritze. O pescador Fritz pesca peixe fresco. O peixe fresco é pescado polo pescador Fritze. (alemán)
I scream, you scream, we all scream for ice cream! Eu berro, ti berras, todos berramos por xeado! (inglés)
Basu gasu bakuhatsu. Explosión de gas nun autobús. (xaponés)
Como ben din nos créditos finais, parabéns ás familias por preservar ese prezado tesouro que é a diversidade lingüística!

4 de set. de 2013

O sesquipedalismo de loito


Hai uns meses desapareceu a palabra máis longa do alemán, un «monstro» de 63 letras.  

Rindfleischetikettierungsüberwachungsaufgabenübertragungsgesetz

Esta é a súa trabalingüística pronuncia.



Para traducila, o galego necesita nada menos que 13 termos: ‘Lei para a transferencia de tarefas de supervisión na etiquetaxe da carne vacúa’.

Unha vida curta que arrincou aló polo 1999 cando o parlamento do Land de Mecklemburgo-Antepomerania promoveu unha nova normativa sobre o control alimentario da carne. Mais neste ano 2013, por mor de directrices da Unión Europea, as autoridades locais víronse na obriga de derrogar esta normativa.

Descanse en paz! Unha mágoa para os amantes do sesquipedalismo. Con todo, é de supoñer que o alemán axiña contará con algún outro desmesurado neoloxismo que iguale ou supere ese récord. Por algo esta lingua é coñecida pola súa facilidade para encadear formantes léxicos case ata o infinito. Unha «virtude» coa que bromean os propios alemáns, que denominan esas voces Bandwurmwörter (en galego algo así como «palabras eiruga»).

A xeito de ilustración, tirei dun artigo da versión dixital da BBC esta explicación sobre como se forman as divertidas «palabras eiruga» alemás.
Supoñamos que o capitán dun barco (Kapitän) morre. A súa viúva (Witwe), pasa a ser Kapitänswitwe.
O capitán, ademais, traballaba para unha sociedade de barcos a vapor: Dampfschiff-fahrtsgesellschaft.
A viúva do capitán convértese, nun intre, en Dampfschifffahrtsgesellschaftskapitänswitwe.
E como o capitán navegaba polo Danubio e non por outro río, daquela a súa viúva termina sendo Donaudampfschifffahrtsgesellschaftskapitänswitwe.
Recoiro coa capacidade elástica do alemán!

13 de xuño de 2013

«Fronkonstein» ou «Frankenstein»



Que difícil é iso de pronunciar linguas estranxeiras! E máis se falamos de nomes propios! Nesta escena do maxistral filme O novo Frankenstein (Young Frankenstein, 1974) temos un bo exemplo disto: «Frederick Fronkonstein» ou «Frodorick Frankenstein»? «Igor» ou «Aigor»? Ha, ha, que barullo!

E quen non lembra esta inesquecible versión do clásico «In the ghetto», de Elvis Presley, a cargo do Príncipe Xitano. Se non a coñeciades, sentade antes de escoitala, non vaia ser!



Pois xa temos outra perla para esta antoloxía cómica dos erros de pronuncia: o noso presidente, mr Núñez, e o seu intento de nomear o grupo folk irlandés The Chieftains: «Tis che tein», «Te chis tain», «Lin cheins tin», «Liechtenstein»... Uf! Velaquí tedes o «temazo» que inspirou este «descoido presidencial». Seica arrasa na arañeira.



Para todos eles, e para vós tamén, hai unha web ben xeitosa, forvo.com. Nada en Euskadi, hoxe é a guía de pronuncia máis grande do mundo. Se algunha vez vos preguntastes como se pronuncia unha palabra en calquera idioma, este é o lugar ideal para resolver a dúbida. Pedide axuda e alguén pronunciará esa voz para vós, e á vez vós tamén podedes axudar a outros da mesma forma. Unha iniciativa que ademais permite descubrir e escoitar, nunha mesma lingua, diferentes pronuncias dunha palabra (variedades dialectais). Un bo exemplo das vantaxes da cooperación na rede.

Por certo, aquí tedes as pronuncias que forvo.com ofrece de Frankenstein e de chieftain. Para aprender, nunca é tarde.

En todo caso, que non se me interprete mal. Viva o erro! Que impere o espírito ludolingüístico! Que sería do xogo sen erros? Que sería da aprendizaxe sen erros? Equivocarse é o primeiro paso! «Tropezando ao camiñar apréndese a non caer». Falantes do mundo (paleofalates, neofalantes...), errade sen medo! Mais falade!

14 de maio de 2013

Labios de Babel


Un fermoso anuncio publicitario dirixido pola fotógrafa Ella Muliarchyk para o portal de moda Motilo.com. Lips of Babel (Labios de Babel) é unha celebración da diversidade lingüística. Ella explica: «Inspireime na incrible diversidade de idiomas que a industria da moda, especialmente as modelos, traen á cidade de Nova York. Filmei 50 modelos de todo o mundo dicindo 50 trabalinguas diferentes orixinarios das súas culturas». Unha atípica e fresca visión das modelos allea aos peores estereotipos.

Fedellando neses «perigosos» tradutores automáticos e co paso intermedio polo inglés, aventurei a tradución dalgúns destes trabaliguas:
Mon père est maire, mon frère est masseur. Meu pai é alcalde, meu irmán é masaxista. (Francés / Canadá)
Der plappernde Kaplan pappt peppige Papp-Plakate an die klappernde Kapell'-Wand. O capelán balbucinte pega carteis de cartón na ruidosa parede da capela. (Alemán / Alemaña)
Als apen apen na-apen apen apen apen na. Cando os monos imitan os monos, os monos imitan os monos. (Neerlandés / Holanda)
Zeven zwarte zwanen zwommen in de zilte Zuiderzee. Sete cisnes negros nadan no Mar do Sur. (Neerlandés / Bélxica)
Døde røde rødøjede rådne røgede ørreder med fløde. Troitas afumadas con ovos mexidos e mermelada vermella con crema. (Danés / Dinamarca)
Nwanyi n'akwa akwa, ina-akwa akwa na okuko yili akwa nenu akwa ikwalakwa di nenu akwa? Señora modista, está vostede chorando porque a galiña puxo un ovo sobre o vestido que fixera e que estaba tendido na cama? (Ibo / Nigeria)
Nama mugi, nama gome, nama. Trigo cru, arroz cru e ovo cru. (Xaponés / Xapón)
E para os amantes dos trabalinguas e da diversidade lingüística aquí deixo esta ligazón con centos de trabalinguas achegados, de forma cooperativa, desde todos os recunchos do mundo. Mágoa que só uns poucos conten con versión en audio!
Solución ás «mensaxes ocultas na táboa periódica» (8-5-2013): fósforo - ouro - lantano - nobelio - neon - fluor - radio - carbono (Paula non é fraca: P Au La No Ne F Ra Ca) / einstenio - tantalio - sodio - argon - xenon - nitróxeno - titanio - sodio (Está na Arxentina: Es Ta Na Ar Xe N Ti Na) / prata - osíxeno - radio - titanio - einstenio - osíxeno - xenon - ferro (Agora ti es o xefe: Ag O Ra Ti Es O Xe Fe).
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...