Amosando publicacións coa etiqueta signos de puntuación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta signos de puntuación. Amosar todas as publicacións

13 de abr. de 2015

O poder da coma


Non hai moito, camiño de volta á casa, tiven esta conversa vía WhatsApp:
—Urxe comprar algo?
—Non comprei pan.
Parei a mercar e, como podedes imaxinar, ao entrar pola porta da casa, descubrín que acababa de gastar nunha barra de máis o que se aforrara comas («Non, comprei pan»).

Unha anécdota sobre o valor da ortografía que deu para unhas risas e que me volveu á cabeza ao descubrir, en tranfegandoronseis, este vídeo sobre a difícil vida da coma, e doutros signos ortográficos, nun mundo rexido pola angustiosa rapidez dos soportes virtuais. Un mundo de crise e de precariedade laboral, sen dúbida. ;-)


E para compensar tanto «desleixo ortográfico», aquí deixo a ligazón dunhas completísimas actividades interactivas elaboradas por José M. Boo Pouso do CEIP de Frións (en Ribeira).

12 de mar. de 2015

A derradeira vontade de Romualdo Muíños

Hoxe toca outra doa para a nosa serie de enigmas. Desta vez, un deses clásicos enredos que xogan cos signos de puntuación. Papel, lapis e adiante!

A derradeira vontade de Romualdo Muíños
Romualdo Muíños, un rico comerciante, sentía que xa non lle quedaba moito tempo de vida. Por iso escribiu o seu testamento ás presas, sen coidar a puntuación: 
«Deixo canto teño á minha irmá non ao meu sobriño xamais será paga a conta do alfaiate nada para os pobres».
E o caso é que, ao pouco de facer esta descoidada redacción do documento, Romualdo Muíños faleceu.
O día en que, perante notario, se intentou resolver o problema, a cousa non foi doada. Quen cres ti que herdou, finalmente, todos os bens do rico comerciante?

Solución ao enigma «O presente de Lewis Carroll» (5-1-2015): 
Trátase dun libro. Posiblemente o manuscrito de Phantasmagoria (un logo poema dividido en sete cantos e publicado en 1869). As «finas películas» son as follas e as «marcas» son o texto.

23 de set. de 2014

Super Grammar


Cando descubrín esta web, non o puiden resistir: xa merquei un exemplar de Super Grammar, dos deseñadores e ilustradores californianos Tony Preciado e Rhode Montijo. Para os que receamos do ensino puramente gramatical da lingua, esta proposta resulta unha marabilla!

Que idea xenial! Unha aproximación atraente e visual ao estudo da gramática presentada como unha batalla interminable entre o ben e o mal, entre superheroes e superviláns. Así, os principais elementos da gramática personifícanse coa identidade ben dun superheroe, ben dun supervilán; e as súas características e funcións son transformadas en superpoderes.

Temos, daquela, o bando dos bos formado por varios grupos: 


The Amazing Eight: oito heroes que encarnan oito clases de palabras, cada un cos seus poderes. Ademais, asociados entre eles aumentan o seu potencial. Temos: The Noun (o substantivo), cuxo principal poder é cambiar de forma (pode ser calquera persoa, lugar ou cousa nunha oración); The Verb (o verbo), a líder do equipo que coa súa incrible enerxía pode darlle vida a calquera oración e expresar xa unha acción, xa un estado; The Adverb (o adverbio), unha superheroína que coa súa práctica ferramenta de modificación axuda os verbos a obter unha potencia extra...


The Super Simbols: os valentes e fiables signos de puntuación, que cos seus poderes axudan a manter claras e ben organizadas as oracións. Entre eles: The Comma (a coma), un dos membros máis útiles, versátiles e áxiles do grupo, con habilidades como axudar a facer pausas ou a separar palabras ou grupos de palabras; The Sentence Ending Team (o equipo de peche das oracións), son o punto, o signo de admiración e o de interrogación, que posúen o poder para indicar o final dunha oración, mais co engadido de expresar intención ou estado de ánimo (afirmas?, preguntas?, berras?...); The Apostrophe (o apóstrofo), con tres impresionantes poderes na gramática inglesa: o de contracción, o de omisión e o de posesión...


The Completion Team: o máis pequeno dos superequipos e posiblemente o máis importante xa que permite formar oracións fortes e completas; os seus membros, The Subject (o suxeito), co poder de expresar de quen ou de que estamos a falar, e The Predicate (o predicado), unha mestra das artes verbais que permite expresar con palabras todo tipo de declaracións acerca dos suxeitos.


E enfrontados aos grupos anteriores temos os superviláns: The Sabotage Squad, un grupo de malvados que intenta arruinar calquera palabra ou oración que poida caer nas súas mans. Algúns deles son: The Run-on Sentence (a oración interminable), que impide pechar oracións correctamente converténdoas en secuencias sen fin e sen sentido; The Sentence Fragment (o fragmento de oración), que goza buscando nas oracións baleiros (ausencia de verbo, de concordancia...) que fagan perder a súa estabilidade...

En fin, as forzas do ben e as do mal enfrontadas por dominar o universo da gramática. Unha proposta que sen dúbida fai máis lúdica e atraente a aprendizaxe dos contidos gramaticais. Quen puidera atopar algo así na nosa lingua!

21 de mar. de 2013

Unha coma muda todo

Hai uns meses Les Luthiers amosábannos, ao seu xeito, a importancia dos signos de puntuación. A través dun dos meus blogs de cabeceira, El espejo lúdico, souben dunha curiosa campaña propagandística do 2009 sobre este mesmo tema. Foi creada pola Associação Brasileira da Imprensa co gallo do seu centenario e o seu lema é «100 anos lutando para que ninguém mude uma vírgula da sua informação». No cartel vemos, ben ás claras, a importancia dunha simple coma (dunha «vírgula»).


Este é o vídeo da mesma campaña.



Mo bo, non si?

E para rematar, un xogo: Poñerías ti unha coma nestes enunciados? Onde?
A Xoán fáladelle ben podedes. 
Non quero moitas grazas. 
Precísase persoa que fale inglés básico con referencias. 
Non está moi mal iso.

30 de maio de 2012

Mastropiero e as «faltas de horticultura»

Que pode ocorrer se pronunciamos mal unha palabra ou se facemos as pausas incorrectas nunha oración? Por que cómpre usar ben nun escrito os signos de puntuación, a acentuación e as demais convencións ortográficas? Les Luthiers, os xeniais mestres do humor ludolingüista que xa nos axudaron nunha entrada anterior, demostran nesta coñecida escena a grande importancia da ortografía.


Por aí circulan ademais unha chea de anécdotas «pseudoverídicas» ;-) que nos falan da importancia dos signos de puntuación. Por exemplo:
Contan que un soldado romano, antes de partir a unha campaña militar, foi preguntarlle polo seu futuro a unha sibila (o equivalente dos nosos videntes). A súa resposta foi: IBIS REDIBIS NON MORIERIS IN BELLO. Ou o que é o mesmo: «Irás non volverás morrerás na guerra». O caso é que o romano marchou para a guerra tan desacougado como antes de consultar a sibila xa que a mensaxe tiña interpretacións opostas segundo como se puntuase: «Irás, volverás, non morrerás na guerra». / «Irás. Volverás? Non. Morrerás na guerra».
Outra coñecida anécdota é a atribuída ao emperador Carlos V, que debía asinar unha sentenza que dicía así: «Perdón imposible, que cumpra a súa condena». Pero o monarca, segundo se conta, decidiu actuar con magnanimidade e cambiar a sorte do reo puntuando doutro xeito o texto: «Perdón, imposible que cumpra a súa condena».
A última historia apócrifa é aquela que conta que o gobernante arxentino Juan Domingo Perón decidiu pechar unha agarimosa carta á súa esposa deste xeito: «Evita bicos e apertas». E o caso é que non había ningún andazo nin epidemia naqueles días. Por sorte, Eva Perón sabía da impericia ortográfica do seu cónxuxe e que este quería dicir: «Evita, bicos e apertas» (ou iso supoñía).
E para rematar, algo de traballo: Quen se anima a trocar o sentido destes enunciados modificando a súa ortografía: signos de puntuación, signos de interrogación ou admiración, acentuación gráfica...?

Non quero máis, ela si.  –  ..................................................
Apuremos ou non colleremos o tren.  –  ..................................................
Miguel chamoute, Carme.  –  ..................................................
Non podedes cazar, rapaces.  –  ..................................................
Xoán vén cedo.  –  ..................................................
Neva moito, mais iremos á montaña.  –  ..................................................
O mestre dixo: Antón é un lacazán.  –  ..................................................
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...