Amosando publicacións coa etiqueta Sermos Galiza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sermos Galiza. Amosar todas as publicacións

21 de abr. de 2016

O rei de Persia e a labrega

Hoxe, con vós, un enigma que, con distintos nomes, forma parte da tradición folclórica de distintas culturas e que no seu día xa publiquei en Sermos Galiza. Un deses contos cuxo protagonista, a través do enxeño, resolve felizmente unha situación difícil. Animádesvos a resolvelo?

O rei de Persia e a labrega
Un rei da antiga Persia saíu de caza unha mañá e atopouse cunha campesiña que estaba a arar.
—Canto gañas ao día? —preguntoulle.
—Tres dáricos, señor —repondeu a labrega—. O primeiro cómoo, o segundo póñoo ao xuro e o terceiro devólvoo.
O monarca non entendeu aquilo e pediulle á muller que lle aclarase as súas palabras. Só entón soubo a que se refería: coa primeira moeda comía ela; coa segunda dáballes de comer aos seus fillos, que a alimentarían tamén a ela no futuro, que é como poñer a moeda a rédito; e coa terceira mantiña o seu pai e así devolvíalle o que este fixera por ela.
—Moi ben explicado —repuxo o rei—. E agora prométeme que non lle contarás isto a ninguén ata veres a miña cara de novo cen veces.
A muller prometeullo solemnemente e o monarca, satisfeito, regresou ao seu palacio.
O rei, sentado á mesa cos seus ministros, propúxolles esta adiviña:
—Unha labrega gaña tres dáricos ao día. Come o primero, pon a xuro o segundo e devolve o terceiro. Cal é a solución?
Ninguén daba coa resposta. O primeiro ministro montou a cabalo, percorreu os campos e foi dar coa labrega que o rei atopara. Rogoulle que lle explicase a adiviña, se a coñecía.
—Así é, señor, mais non podo revelar a resposta xa que lle prometín ao rei non facelo ata ver polo menos cen veces a súa cara.
Con todo, o primeiro ministro deu coa forma de que a muller lle indicase a solución sen incumprir a súa palabra. De feito, regresou ao palacio e deulle ao rei a resposta exacta á adiviña. 
Como o conseguiu?

Solución ao enigma «Que palabra é?» (28-1-2016): Ao engadir a comiñas que faltan descubrimos que non é unha única palabra, senón varias: esta (4 letras), ten (3 letras), decote (6 letras), raramente (9 letras) e endexamais (10 letras)

7 de maio de 2015

Os reloxos de Breguet

Hoxe, outro enigma para lle dar á cabeciña, daqueles que no seu día foran publicados en Sermos Galiza. Desta volta o relato non ten relación con xogos lingüísticos. É máis ben un enredo de «pensamento lateral», case unha adiviña. Toca buscar unha solución imaxinativa!
Os reloxos de Breguet
Abraham-Louis Breguet (1747-1823) é considerado o mellor reloxeiro de todos os tempos. Aínda que naceu en Suíza, desde novo viviu en París. A sona da súa mestría facendo reloxos axiña chegou ata a corte; de feito, toda a nobreza parisiense quería fachendear de posuír un Breguet.
Nos convulsos meses previos á Revolución Francesa, o reloxeiro ía recibir un dos encargos máis difíciles da súa vida. A excéntrica raíña María Antonieta convidouno a unha das súas célebres festas no palacio de Versalles.
—Estimado Breguet —falou a raíña, ante todos os asistentes—, quero que me fagas o reloxo máis luxoso e complexo de cantos fabricaches ata hoxe. Con todo, antes quero que me respondas esta pregunta: cal é o reloxo con menor número de partes móbiles?
—A resposta é doada maxestade —dixo Breguet—, trátase do reloxo de sol, que non ten ningún elemento móbil, só unha agulla vertical que marca coa súa sombra o movemento aparente do sol.
—Moi ben. Agora unha segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?
Breguet quedou cavilando uns intres ata que deu coa resposta correcta.
Meses despois, o reloxeiro xa tiña rematado o encargo de María Antonieta, mais esta, decapitada na guillotina, nunca chegaría a recibilo.
En todo caso, cal é a resposta á súa segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?

Solución ao enigma «A derradeira vontade de Romualdo Muíños» (12-3-2015)
A irmá de Romualdo Muíños puntuou así o documento:
«Deixo canto teño á minha irmá. Non ao meu sobriño. Xamais será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
O sobriño puntuou despois destoutro xeito:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non, ao meu sobriño. Xamais será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
O alfaiate tamén estaba presente e puntuou:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non. Ao meu sobriño? Xamais. Será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
Para sorpresa de todos apareceu alí unha moza, pobre mais instruída, que algunha vez traballara para o comerciante. Chegara ás súas mans unha copia do testamento, que puntuara así:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non. Ao meu sobriño? Xamais. Será paga a conta do alfaiate? Nada. Para os pobres!»

27 de set. de 2014

Alicia no Bosque do Esquecemento

Os que me coñecen saben da miña predilección polos enigmas de calquera tipo: lingüísticos, lóxico-matemáticos, de pensamento lateral... Unha afección que me levou a recompilar algúns destes relatos en dous volumes (Esfinxe e Sherezade), marabillosamente editados polos amigos de TresCtres. 

Outros enigmas tiven a sorte de publicalos durante un tempo nos primeiros números de Sermos Galiza. Pezas de distinta procedencia ás que fun dando forma para unha sección fixa de pasatempos.

Dous anos despois, pensei que sería boa idea desempoar aqueles enigmas esquecidos na gabeta virtual do meu portátil e crear unha sección para eles aquí, en Xogosdelingua. 

Aí vai o primeiro. Agardo que vos guste o pasatempo. Só hai que espremer un chisco os miolos!

Alicia no Bosque do Esquecemento (1)
No libro Alicia do outro lado do espello de Lewis Carroll (pseudónimo do profesor de Lóxica e Matemáticas Charles Ludwige Dodgson), a súa protagonista tivo que adentrarse nun tenebroso bosque, chamado o Bosque do Esquecemento, un lugar no que un podía esquecer o seu propio nome e, por suposto, tamén o día da semana en que estaba.
Velaquí un divertido enredo lóxico que nunca chegou a ser incluído nese capítulo da fascinante obra de Carroll.
Cando dous extraños animais habitantes do Bosque do Esquecemento, un león e un unicornio, se atoparon con Alicia, quixeron darlle algunha pista para saber o día en que se atopaba.
O león mentía os luns, os martes e os mércores, e dicía a verdade os outros días da semana.
O unicornio mentía os xoves, os venres e os sábados, e dicía a verdade os restantes días da semana.
Os dous faláronlle así á rapaza:
—Onte foi un dos días en que me tocaba mentir —dixo o león.
—Onte tamén foi un dos días en que me tocaba mentir a min —engadiu o unicornio.
A aguda Alicia non tardou moito en deducir, a partir destes comentarios, que día da semana era.
Cal era esa día?
(1) Adaptado de ¿Cómo se llama este libro?,


14 de xul. de 2012

Os pasatempos: unha sa adicción


Unha marabilla vermos a cita diaria desta anciá galega co encrucillado de Darío Xohán Cabana de La Voz de Galicia.

Os pasatempos (ludolingüísticos ou non) son publicados nunha gran cantidade de medios gráficos. A súa contribución a estes múltiple:
Ofrecen un claro valor engadido: os lectores aprecian que reciben máis polos seus cartos.
Aumentan o tempo de lectura: o contacto directo do lector/a co medio aumenta entre un 15 % e un 35 %, un dato que non lles pasa desapercibido aos anunciantes.
Favorecen decisivamente a fidelización: a resolución de pasatempos xera certo costume, cando non verdadeira adicción, como vimos arriba.
Hoxe podemos atopar pasatempos en lingua galega en La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza... Por desgraza, carecemos de publicacións comerciais especializadas: é a consecuencia de padecermos unha situación sociolingüística non-normalizada, cun mercado pequeno e nun contexto global de crise. Con todo, si hai dignas propostas non-comerciais xurdidas do ámbito do ensino como a revista Melos, editada polo CEIP de Monforte de Lemos e con versión para distintas etapas de Infantil e Primaria.

Noutros mercados, como o brasileiro, a industria dos xogos ludolingüísticos goza de moi boa saúde. Así o podemos comprobar neste orixinal anuncio da revista de pasatempos Coquetel.

2 de xul. de 2012

Sopas de letras para calquera momento


Como demostra a imaxe, calquera momento e calquera lugar é bo para gozar coa ludolingüística ;-). Neste caso, unha «hixiénica e interminable» sopas de letras.

A sopa (ou caldo) de letras é un dos pasatempos lingüísticos máis populares en todo o mundo: caça palavras (en portugués), sopas de letras (en castelán), wordsearch (en inglés), mots cachés (en francés)...

Como é sabido, este xogo consiste nunha grella de letras onde cómpre descubrir un número determinado de palabras dispostas en sentido horizontal, vertical ou transversal. Estas voces, ademais, poden lerse de esquerda á dereita ou de dereita á esquerda; e tamén de arriba a abaixo ou de abaixo a arriba. As sopas de letras adoitan ter un tema e, ás veces, mesmo se ofrece a listaxe de palabras agochadas.

Existen certas estratexias para resolver estas sopas. As máis comúns son estas:
A primeira podemos chamala «varredura»: unha revisión completa e ordenada da sopa (liña por liña) buscando a letra inicial dunha palabra concreta. Cada vez que esta grafía aparece, repárase nas oito letras veciñas (en horizontal, vertical e transversal) para comprobar se aparece nalgún sentido a palabra que buscamos. 
A segunda sería procurar pares de letras que na lingua adoitan aparecer xuntas: os dígrafos (CH, GU, LL, NH, QU, RR). Existe unha grande probabilidade de que estas letras emparelladas formen parte dalgunha das palabras que buscamos. 
A terceira é útil de dispoñermos dunha listaxe de palabras. Estas son máis doadas de localizar se reparamos nas letras de uso menos frecuente (Ñ, Z, Q, H...), que son as primeiras que debemos procurar na sopa.
En fin, para poñer a proba a vosa habilidade ludolingüística, propoño acudirdes a este magnífico Dicionario Visual Interactivo. Nel atoparedes unha boa cantidade de sopas de letras que podedes resolver en liña. Tamén irei deixando na barra lateral do blog, quincenalmente, as que que me vaian publicando en Sermos Galiza (como esta primeira).

E se queredes crear as vosas propias sopas, ademais dos clásicos lapis e papel, tedes ao voso dispor este xerador automático de sopas de letras (en inglés).

Veña, ánimo e a gozar con tanta sopa!

28 de maio de 2012

Pasatempos para Sermos Galiza


O pasado 17 de maio todos asistimos a un esperanzador nacemento: o semanario Sermos Galiza. Esta publicación de información xeral será o complemento do diario dixital que xa leva un tempo na rede. Un proxecto xornalístico, en galego e con óptica galega, realmente imprescindible e que vén encher un baleiro que nunca debeu existir. Longa andaina!

Desde o semanario ofrecéronme a posibilidade de colaborar cunha sección de pasatempos. Nese número especial do 17 de maio, apareceron xa os primeiros xogos: un encrucillado e un enigma. O encrucillado (que terá unha periodicidade semanal) é, sen dúbida, o pasatempo ludolingüístico máis clásico e de maior aceptación popular. O enigma (que será quincenal) pode resultar menos coñecido, con todo xa ten unha gran tradición na prensa doutros lugares (Cataluña, Italia, Gran Bretaña...). Despois de veren a luz na edición en papel, procurarei ir pendurando estas colaboracións aquí, en Xogosdelingua, na sección «Pasatempos Sermos Galiza» que podedes atopar xa na barra lateral.

Mais deixemos de mirarnos o embigo. Aquí deixo, como rescurso, un enlace de galego.eu (unha web que xa visitamos nunha entrada anterior) con diversos encrucillados en galego que se poden resolver online. Son obra de Anxo González Guerra e de Victoria Ogando Valcárcel.

Accedendo a estoutra ligazón, os amigos/as dos pasatempos de máis de 16 anos teñen o tempo xustiño (ata o 31 de maio) de participar no concurso «Exercita a túa lingua: usa o galego» (convocado polo Concello de Lugo), que propón resolver unha sopa de letras e un encrucillado da autoría de Darío Xohán Cabana. Por certo, un encrucillado apaixonante que, penso, é o máis grande feito na nosa lingua.

E para rematar, a xeito de brincadeira, velaí vai un interesante vídeo publicitario brasileiro no que se dá conta dunha novidosa aplicación dos encrucillados (ou «palavras cruzadas»). Ah!... E se algunha casa comercial está interesada en repetir a experiencia, aquí me ten. ;-)

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...