Amosando publicacións coa etiqueta recursos didácticos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recursos didácticos. Amosar todas as publicacións

1 de feb. de 2018

Le, xoga e aprende con Mixiricas

   

O trasno Mixiricas (1994), de Efrén Vázquez, é un deses libros curiosos e orixinais que tanto pracer xeran a amantes da ludolingüística e dos xogos de enxeño. Mixiricas, o trasno protagonista, vai percorrendo as sete capitais do antigo Reino de Galicia, nunha viaxe chea de peripecias e aventuras. Para isto, axúdase da súa caixiña máxica dos saberes, chamada Artesa.
Coa curiosidade dun neno que todo o quere saber, decidiuse a pescuda-lo máis inmediato. ¿Onde era que se atopaba? Non tería máis que preguntalo, pero a aquela hora íalle ser un pouco difícil, por non dicir dificilísimo, dar con alguén naquel lugar tan arredado. ¡Sorte que trouxen comigo unha desas «caixiña dos saberes», que os vellos trasnos nos recomendan levar ós novos cando saímos de viaxe!, pensou.
Tratábase, xa que logo, dunha caixiña enfeitizada que contiña información do lugar no que se atopase en cada intre. E como era máxica, había que entendela e coñece-las claves para que funcionase ben, pois cada unha era un exemplar único.
A caixiña conta con catro pechaduras con cadansúa chave, de distintas cores (vermella, amarela, verde e azul). O caso é que, cando Mixiricas emparella correctamente chaves e pechaduras, obtén valiosa información sobre a historia e xeografía do lugar en que se atopa, mais, se erra con chaves e pechaduras, a caixa propón un problema que cómpre resolver. 

Así, nesta especie de «road book», van sucedéndose sopas de letras, mensaxes encriptadas, xeróglifos e outros enredos de enigmísticos. A lectura convértese, daquela, nun entretido xogo co que acompañamos o trasno, de forma activa, por toda a xeografía galega, aprendendo máis sobre a nosa terra.

Destinado, en principio, a un lector ou lectora adolescente, O trasno Mixiricas é un libro descatalogado, mais non difícil de localizar en librarías ou por Internet. 

Temos a sorte, ademais, de atopar boa parte dos seus contidos e xogos en Trompiletras galegas, a web persoal que Efrén Vazquez, docente de profesión, mantén desde o 2002. Un espazo dedicado ás Letras Gallegas, ás novas tecnoloxías, á educación e a recursos sobre lingua (mesmo un xerador de pangramas!).

En fin, desta volta sumamos un trasno á nosa «bibliografía ludolingüística básica», que xa vai collendo collendo corpo. 

16 de dec. de 2017

Karaoke para o repertorio tabernario


Chegan días de ceas e festexos. Reunións que case sempre rematan co persoal a cantar, con maior ou menor influencia do alcohol, o repertorio da nosa mellor tradición popular: «O rodaballo», «Teño un amor en Rianxo», «A Carolina», «Apaga o candil», «O andar miudiño», «O sancristán de Coímbra», «A Rianxeira», «Catro vellos mariñeiros» e tantas outras. 

Luís Torres Vázquez, no seu Repertorio tabernario, sostén, con fundamento, que estas cancións son unha valiosa mostra de «tradición, alegría, riqueza cultural, proxección da nosa lingua, identidade e cohesión social». Aquí vos queda o PDF, ideal para ter recollidos todos estes textos.

E aproveitando o xenial invento de Daisuke Inoue, deseguido deixo tamén unhas cantas pezas en karaoke da canle de Youtube Galicia Pro. A ferramenta perfecta para poñernos a cantar sen medo a esquecer a letra. Adiante!








17 de out. de 2017

Entre a tipografía e a danza


Dáme un par de corpos e fágoche nun instantiño as letras que queiras. Esa é a idea de «Ti dás o tipo», unha fermosa campaña do Servizo Galego de Saúde a prol da doazón de sangue e que lembra outros alfabetos creados do mesmo xeito.

Certamente é, como vemos aquí, unha idea divertida e motivadora para traballar en idades temperás a aprendizaxe das letras e, á vez, a exploración do propio corpo. 

Claro que tamén pode resultar unha expresión artística de primeira orde. Unha mestura perfecta de tipografía e danza. Costas que se dobran, brazos que se estarrican, pernas que se cruzan e corpos que se abrazan: así van xurdindo as letras todas, unha tras outra. Como neste «Alphabet des corps», cun bailarín e cunha bailarina modelando os seus corpos nus ata formar o abecedario inglés completo. Abraiante!

5 de out. de 2017

A noite do meigallo

 
Érase unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa.
Así comeza a presentación de «A noite do meigallo», un xogo de mesa en galego que non debería faltar en escolas e fogares con pequenos. 

Cun funcionamento semellante ao do xogo da oca, os participantes avanzan os seus peóns ao longo do percorrido en función das tiradas dun dado.

Mais o obxectivo non é chegar antes á meta, senón ir resolvendo oralmente as adiviñas que che presentan os compañeiros segundo vaias caendo en diferentes recadros.  Por exemplo:
Adiviña isto que aquí se presenta
que cousa cousiña será
que non se pode tocar 
coa man esquerda?
Cucurico non ten ollos,
cu nin bico,
pero os fillos de cucurico
teñen ollos, cu e bico.
Cada vez que solucionas tres, xuntas un ingrediente para unha apócema máxica: unha á de morcego, un botón de mandilón, un cogumelo do país dos trasnos, a mazá de Brancaneves... E con tres ingredientes distintos xa podes preparar a túa apócema cun conxuro rimado.


Un xogo ideal para potenciar a comunicación oral, a comprensión lectora e a capacidade de razoamento e reflexión. E, sobre todo, para pasar unha horiña ben divertida a base de adiviñas e conxuros. Parabéns a xente de Brazolinda!

Por certo, se queredes atopar máis recursos lúdicos en galego ideados para os nosos cativos, non perdades Fabaloba, valiosísima web dedicada ao tema.

18 de xul. de 2017

O Ximnasio dos Verbos


«Andei» ou «andiven», «produxo» ou «produciu», «subes» ou «sobes», dúbidas deste tipo podes resolver coa nova app O Ximnasio dos Verbos, un proxecto desenvolto polos profesores Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González dentro das aulas de Lingua e Cultura Galegas do Galicien Zentrum da Universidade de Heidelberg.

Froito das súas actividades docentes en Alemaña, xurdiu esta aplicación, que che ofrece converterte nun Jedi do verbo galego. Centrada no estudo da alternancia vocálica e dos verbos irregulares, esta ferramenta vén organizada en catro fases («procurar», «trucos», «adestramento» e «xogos»), cada unha delas cun cometido de seu, a xeito de camiño formativo desde a teoría ata a práctica. A app mesmo permite escoitar como soan as palabras de meirande complexidade. 



Como é sabido, para aprender un idioma, nada mellor que poñerse a falalo. Alixeirar a presión da corrección gramatical e equivocarse sen medo. Con todo, para perfeccionar o uso pouco a pouco sempre vai ben unha boa dose de estudo. E ferramentas como esta sempre son moi útiles. 

De estardes interesados, podedes descargar O Ximnasio dos Verbos de balde da Play Store premendo nesta ligazón

21 de maio de 2017

«Amar pelos dois»



Hai unha semana, «Amar pelos dois», unha sinxela balada de amor composta por Luísa Sobral e interpretada polo seu irmán, Salvador Sobral, resultou gañadora do Festival de Eurovisión 2017 representando a Portugal. 

Como eles memos recoñecen, a gañadora non foi só a súa canción, nen sequera a lingua portuguesa (que tamén). A gañadora foi a música mesma. O sentimento verdadeiro, sen fogos de artificio. Unha pequena xoia que bebe da autenticidade e da beleza dos nosos trobadores medievais, de Cole Porter, de Caetano Veloso... 

E a febre Sobral a espallarse polo mundo! Aquí entrevistado por Roberto Vilar en Land RoberAquí un espazo coa canción subtitulada en 16 linguas distintas. Aquí interpretada xa en inglés. Aquí cantada por estudantes de 52 nacionalidades diferentes... E non perdades este vídeo en clave de humor! Hitler traumatizado polo éxito do mozo portugués!



«Amar pelos dois» mesmo lle deu ao noso amigo Paulo Freixinho para crear un encrucillado en liña coa súa letra. Practica o teu portugués e resólveo!

14 de maio de 2017

How to draw a cat


Un dos xogos que mellor funciona cos pequenos aos que lles dou Inglés son os deseños nos que o debuxo dun elemento xorde, como por arte de maxia, a partir da palabra que o designa. Por Internet circulan moitos exemplos.





Os primeiros que adoito facer con eles, pola súa sinxeleza, son o de boy e o de girl. Tempo despois, cando comezamos a traballar o vocabulario dos animais, veñen outros como os de dog, cat, bee, owl...



Unha verdadeira marabilla de actividade para a que non se precisa unha destreza especial no debuxo e que lles permite memorizar de forma lúdica e creativa estas palabras. Sempre van para a casa entusiasmados e impacientes por lles amosar o truco aos seus maiores.

16 de mar. de 2017

Mare mágnum de latinismos


A priori, nos meus plans inmediatos para Xogosdelingua non estaban os latinismos: esas palabras ou frases latinas que hoxe mantemos, intactas, na nosa lingua culta. Verbi gratia: in situ, déficit, per se, lapsus línguae, in albis... 

O caso é que foi ver un día destes, en non sei que canle, a escena de Top secret (1984) que encabeza a entrada e caer no engado do latinismo. Mea culpa! Decidín, ipso facto, preparar unha entrada ad hocDelírium tremens?Con toda seguridade. 

Pola arañeira temos algún recurso interesante para nos achegar de forma lúdica a estas expresións bimilenarias:
Desde a Área de Latín e Grego do IES Manuel García Barros (da Estrada) podedes atopar un completo traballo sobre latinismos (e a súa presenza na Selectividade).
Tamén hai por aí algunha proposta lúdica en liña como este xogo do aforcado ou estoutro xogo de relacionar.
O noso Portal das Palabras tamén propón xogar ao «Só unha vale» con latinismos.
E aquí tedes a app Latingal: un dicionario latín-galego para móbiles con máis de 30.000 entradas elaborado polos profesores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga.
Dise de quen é moi aleuto e agudo que «sabe latín». Se cadra, estas recomendacións axudan a nos facer máis espelidos. Quen sabe? En todo caso... Alea jacta est!

16 de feb. de 2017

«The dancing letters»


Se cadra John Lennon, Albert Einstein, Leonardo de Vinci, Pablo Picasso ou Steve Jobs eran malos soletreando, mais todos eles compensaron iso cunha gran capacidade para ser creativos e para pensar de maneira diferente. Todos eran, ou crese que eran, disléxicos!



En verdade, a dislexia non é a incapacidade de ler. A mente disléxica funciona de xeito diferente e debe aprender tamén dunha forma distinta. A súa aprendizaxe resulta máis eficaz se é multisensorial.

Esta idea foi o xerme do libro The dancing letters, que basea a súa metodoloxía nos «pop-ups» ou ventás emerxentes. Grazas a ela, os nenos disléxicos interactúan co libro nunha experiencia visual e táctil, de xeito que poden lembrar mellor as diferenzas entre unhas grafías e outras: a distinción entre «b» e «d», entre «n» e «u»... Un grande recurso lúdico e manipulativo deseñado en Bombai (na India) pola xente de Maharashtra Dyslexia Association. A obra foi repartida de balde a nenos disléxicos, a pais e tamén a profesores da súa comunidade. 



De novo, unha proveitosa forma de empregar o divertimento e o xogo para mellorar as aprendizaxes!

27 de xan. de 2017

Este queixo, queixolán


Se da nenez hai un recitado que me quedou gravado de forma indeleble, ese foi «Este queixo, queixolán», cos seus acenos incluídos.
Este queixo, queixolán.
Esta boca pide pan.
Este naris, narisete.
Este ollo, pispirete.
Este outro é seu irmán.
Tira polo peluxán.
Así é a versión que aprendín. Outras moitas do mesmo recitado podédelas atopar en orellapendella. Diferente tamén é a que vemos encabezando a entrada. Trátase da Banda dos Cueiros, en Gondomar, nunha iniciativa da asociación Espazo Lectura, proxecto asociativo para o fomento e a animación á lectura en lingua galega.

Lembrei esta peza popular ao ver, en cartaxeométrica, o vídeo no que o polbo Po e unha chea de pequenos nos axudan a aprender, xogando, as partes do corpo. Outro marabilloso proxecto normalizador da xente de Apego (de novo por aquí).


Teño un piollo e próeme..., o bandullo!
Teño un piollo e próeme..., o cu!
Teño un piollo e próeme..., o xeonllo!
Dúas fantásticas formas para traballarmos o campo semántico do corpo humano.


Xogo e aprendizaxe da man! Sempre dá gusto axudar a divulgar proxectos tan necesarios e atraentes!

15 de xan. de 2017

Polisemia, humor e prexuízos





O xogo de palabras é unha das ferramentas básicas dos humoristas gráficos, como xa temos visto. De cando en cando propoñemos aquí unha breve reflexión lingüística para descubrir eses mecanismos verbais que xeran a comicidade. 

Un dos recursos máis habituais é a polisemia. O maxín humano, que anda a enredar a cada pouco, axuda a aproveitarmos palabras que xa posuímos para designar novos elementos: gañan así novos significados. Por exemplo, para nomear a ‘peza móbil que pode pulsarse’ das primeiras máquinas de escribir, alguén decidiu usar a mesma voz «tecla» dos instrumentos musicais. Ou cando alguén visualizou unha «araña» nun tipo de ‘lámpada con brazos’, decidiu nomeala co nome do becho.

Moitos chistes baséanse na capacidade destas palabras con diversos significados para producir interpretacións ambiguas e sorprendentes. Desa confusión e desa sorpresa xorde a hilaridade. 

Arriba tedes catro pezas gráficas de grandes debuxantes galegos: Luís Davila, Sabela Arias, Xosé Lois e María José MosqueraPodedes explicar como actúa en cada unha a polisemia como recurso humorístico? Lembrade que un bo dicionario, como o da RAG, pode axudar.

E, por certo, coñecedes o novo calendario do 2017 da Universidade de Vigo con pezas de Luís Davila? Un almanaque (aquí en PDF) editado desde a Área de Normalización Lingüística baixo o lema «Na Universidade, en galego sen prexuízos» con doce deseños de Davila que convidan á reflexión, con humor, sobre os prexuízos lingüísticos. Nas súas palabras:
A idea principal que pretendo transmitir é a autoestima e que aprendamos a valorar máis o que temos e que falemos galego con orgullo.



Un compromiso dos humoristas gráficos co noso idioma que vén de vello, como podemos ver neste especial preparado hai xa 20 anos no antigo Vieiros.

14 de out. de 2016

2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos


Vaia zoupada! Un deses gifs de poder hipnótico co cómico trompazo dun malabarista do ioió. Non sei se perdeu os dentes. En todo caso, mesmo sen dentame, o protagonista podería participar perfectamente no noso 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos.

Como vemos en Cotovía, un marabilloso recurso do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o galego posúe un rico sistema vocálico. De feito, o curioso é que na nosa lingua resulta doado darmos con enunciados compostos só por vogais. Hai un ano, tal día como hoxe, 14 de outubro, lanzabamos aquí a proposta de crear relatos mínimos cunha única condición: que carecesen por completo de sons consonánticos. Houbo brillantes achegas. Hoxe, 365 días despois, propoñémosvos de novo o reto. Aquí vai un de colleita propia.


Queda aberto, daquela, o 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos. Fagan xogo!

17 de xul. de 2016

Refráns ilustrados







Os refráns son un dos mellores espellos do modo de ser e de pensar dun pobo, con todas as súas virtudes e os seus defectos. A Churrusqueira peneira entre ese mar de ditos populares para nos ofrecer, baixo a etiqueta «refráns», unha coidada escolma. Ás veces estes refráns veñen acompañados dunha breve explicación; con todo, as imaxes que os ilustran xa dan unha idea ben clariña do seu significado. Gran traballo! Un recurso ideal para divulgar estas mostras da nosa sabedoría popular.

E para quen queira ter un refrán sempre á man, lembrade que desde hai uns anos dispoñemos da aplicación móbil Refraneiro Galego, para iOS e Android. Máis de 10.000 ditos populares de noso para consultardes en calquera momento en modo offline, sen necesidade de estar conectado a internet. Un verdadeiro tesouro!

http://refraneirogalego.com/

10 de maio de 2016

Pingas de Lingua

 

Hoxe teño o pracer de presentar Pingas de Lingua, un proxecto didáctico dunha boa amiga: Eva Rosa López Villanueva. Despois de moitos meses de intenso traballo, xa está dispoñible na rede a súa páxina dedicada á práctica, amena e dinámica, de contidos gramaticais en liña.

As actividades do proxecto, organizadas segundo o nivel de dificultade, combinan texto, imaxes, audios e vídeos. O percorrido por elas resulta, ademais, moi doado e intuitivo.

Pingas de Lingua estrutúrase en 4 apartados:
Gramática. Ofrece diferentes actividades (de completar, relacionar, clasificar...) para o traballo dos contidos habituais: xénero, número, te/che, colocación dos pronomes ou conxugación verbal.
En imaxes. Incídese nas mesmas cuestións anteriores, pero con outra metodoloxía. Os exercicios son totalmente visuais e están baseados en imaxes reais: viñetas, memes, carteis publicitarios...
Cacha o erro. Cómpre detectar os erros (gramaticais e léxicos) nas imaxes achegadas xornais, memes, chistes, anuncios publicitarios, páxinas web... e corrixilos.
Popurrí. Recolle diversos contidos, desde unha serie de actividades elaboradas coa aplicación Learningapps, a unha completa guía didáctica.
E todo adobiado coas fermosas ilustracións de Telmo Dapena. Grande idea, por certo, a de converter o canciño Lor no fío condutor.

En suma, un recurso cunha chea de propostas lúdicas que nos permiten facer máis divertida a práctica dos contidos gramaticais. Que falta facía! Parabéns, Eva!

25 de abr. de 2016

Os números con María Fumaça



Despois de bastante tempo, de novo unha canción-karaoke. Desta volta, «Os números» do libro-disco-DVD Xiqui, xoque, fiú, fiú! (2014) de María Fumaça. Despois daquel primeiro traballo do «tren máis festeiro que houbo e que nunca haberá», chegou hai un par de anos esta segunda entrega musical, mestura creacións novas e tradicionais. Un proxecto solidario co mesmo grupo de colaboradores: Uxía Senlle, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco...

«Son unha cando estou soa. Somos dous se ti estás comigo...» Así é esta deliciosa canción que fai máis doada e divertida a aprendizaxe dos números do 1 ao 10 para os máis pequenos. Igualiño que estoutras cantarelas infantís, que podemos atopar nese cofre cheo de tesouros que é Orella pendella.
Eu tiña dez canciños.
Un non come nin bebe,
non me quedan máis que nove.
Dos nove que me quedaban,
un comeu un biscoito,
non me quedan máis que oito.
Dos oito que me quedaban
un comeu un molete,
non me quedan máis que sete.
Dos sete que me quedaban
un levouno el rei,
non me quedan máis que seis.
Dos seis que me quedaban,
un matouse dun brinco,
non me quedan máis que cinco.
Dos cinco que me quedaban
un matouse dun salto,
non me quedan máis que catro.
Dos catro que me quedaban
un tragou un bisté,
non me quedan máis que tres.
Dos tres que me quedaban
un morreu do sol,
non me quedan máis que dous.
Dos dous que me quedaban,
un morreu dun susto,
non me queda máis que un.
Este can que me quedaba
matoumo un becerro,
non me queda ningún “perro”.
Unha e unha, dúas;
quero filloas das túas.
Dúas e dúas, catro;
ben postiñas no prato.
Catro e catro, oito;
dáme tamén biscoito.
Oito e oito, dezaseis;
trinta e dous pasteis.
Ponos nuha bandexa
e que ninguén os vexa.
Á unha, sae a Lúa,
ás dúas, sae o Sol,
ás
tres, ti ben o ves,
ás
catro, non sei canto,
ás
cinco, de viño branco faise tinto,
ás
seis, cantan os reis,
ás
sete, tira Pepe
e de
sete para riba, tira Pepe tira,
ás
oito, de pan de trigo faise biscoito,
ás
nove, non casa a muller sen o home,
ás
dez, non vai a cabra para o monte sen pés,
ás once, pasa o río por debaixo da ponte,
ás doce, non hai porco que non foce,
ás trece non hai crego que non rece,
ás catorce, ti retorce.

23 de mar. de 2016

Parellas imposibles e falsos amigos


 


 

 

Non, a entrada de hoxe non trata das difíciles relacións interpersoais. As imaxes iniciais amósannos outra brillante proposta de Zarampagalegando para aprendermos lingua de forma visual. Unha mostra ben amena de que unha imaxe, se non vale exactamente mil palabras, si pode aclarar mil dúbidas.

Neste caso, coa idea feliz das «parellas imposibles», a Churrusqueira fainos ver, de forma ilustrada, cales son os falsos amigos que cómpre evitar en bo galego. A Wikipedia define falso amigo como «unha palabra doutros idiomas que se parece (na escritura ou na pronunciación) a unha palabra na lingua materna do falante, mais que ten un significado diferente». Esa similitude formal (homonimia ou paronimia) provoca unha chea de interferencias; no noso caso, especialmente, co castelán.

Por exemplo: o caso da vela galega e da vela castelá. Os galegos temos de noso velapeza de tecido resistente que, ao recibir o impulso do vento, fai avanzar unha embarcación’ e candeaobxecto cilíndrico de cera que leva unha torcida no seu interior e serve para alumar’. Como ben sabemos, o castelán vela, que posúe nese idioma ambos os dous significados anteriores, tornou en falso amigo que favoreceu a interferencia dunha vela foránea que despraza a nosa lexítima candea.

Graciñas, Churrusqueira, por botar luz ao tema!

24 de feb. de 2016

Bo día de Rosalía!



O día 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, figura nuclear das nosas letras e, para orgullo de todos nós, autora de recoñecemento universal. Hoxe súmome ás celebracións deste aniversario divulgando, sen máis, dous magníficos recursos audiovisuais que xa teñen un tempo.

Encabezando a entrada, a fermosísima animación do clásico poema rosaliano «A xustiza pola man». Peza creada polo alumnado de Debuxo Artístico de 2º de Bacharelato do IES As Barxas (Moaña) e gañadora do Festival de Audiovisual Escolar «Olloboi» na súa edición do 2015.

E pechándoa, se premes aquí ou na imaxe, tedes a unidade didáctica «Xogando con Rosalía», elaborada no 2012 pola biblioteca do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela (Redondela). Unha proposta chea de xogos e actividades interactivas para nos aproximar á vida e á obra da poeta galega.

http://www.chiscos.net/xestor/chs/ninivarela/xogando_con_rosali_a/xogando_con_rosali_a.html

Bo día de Rosalía!

20 de feb. de 2016

Eu son teu pai



E seguimos coa nosa particular saga de Star Wars. Desta vez, cunha homenaxe á frase máis famosa do cine: «I’m your father». Ou polo menos iso afirmaban hai anos en Wikinoticia, á luz dunha enquisa feita entre 1500 internautas para a web Lovefilm.com.

Como vemos arriba, nós escoitamos «Eu son teu pai» na voz de Tacho González, o magnífico dobrador galego de Darth Vader. Un enunciado que pasou a engrosar a listaxe de oracións míticas que se fixeron populares nos anos dourados da nosa TVG, coma estoutras tiradas do sempre imprescindible Pelisdobradasaogalego.

 

 

 

Por certo, coñecedes Engale? Évos o recurso ideal para gozardes dos mellores filmes galegos e internacionais dobrados ao galego, on line e de balde.

E para lle poñer o ramo, aquí queda unha mostra multilingüística da transcendencia da paternal frase de Darth Vader: a súa versión dobrada en 20 linguas diferentes. Cales son as que máis bos gustan?

26 de xan. de 2016

Un paseo lúdico polo dicionario

 

Con todos os datos que se poidan precisar a tiro dunha consulta en Google, hai quen se preguntará... Para que demo serve un dicionario? O blog que vos quero recomendar hoxe vén dar cumprida resposta a esa pregunta: ademais de para coñecer mellor unha lingua, o dicionario serve para pasear por el e gozar sen límites.

Se non o credes, visitade, por favor, depaseoporeldiccionario, un encantador recanto da arañeira que engrosa, desde xa, a nosa selecta lista de lambetadas. E faino porque demostra, desde o castelán, que o dicionario pode ser aberto só porque si, só por pracer, só para gozar dun paseo por ese frondoso e lúdico labirinto de palabras.

 

Unha suxestión: se non vos é suficiente coas entradas comúns ou co reto semanal, podedes activar a etiqueta «ludolingüística» e dedicarvos a resolver enredos pentavocálicos, paronímicos, anfibolóxicos, escaleiras de palabras...

Unha verdadeira marabilla!

E falando de dicionarios, un recurso didáctico para rematar: Digalego, o dicionario en liña de Ir Indo, agora de balde. Máis de 65.000 entradas, con etimoloxías, traducións das voces a varios idiomas, conxugacións verbais... Unha boa nova, abofé!

10 de xan. de 2016

Rocío Jurado e o pronome átono



Lucía Aldao e María Lado xa pasaron por aquí como Poetas da hostia. Hoxe volven como parella poética e musical, Aldaolado, para nos dar toda unha lección sobre a colocación do pronome persoal átono, coa axuda de... Rocío Jurado. Un servizo lúdico-didáctico que ofrecen desde hai tempo por recunchos de todo país.

Como no vídeo a cousa queda un chisco a medias, aquí deixo as regras xerais de colocaclón do pronome átono e aquí unhas actividades para practicar. Deseguido, a transcrición da versión galega de «Como yo te amo» feita por estas dúas mestras da poesía ao vivo (os pronomes átonos en azul e os verbos subliñados). Quen se anima a xustificar a posición do pronome antes ou despois do verbo?
Como eu te amo, como eu te amo,
convéncete, convéncete,
ninguén te amará.
Como eu te amo, como eu te amo,
esquécete, esquécete,
ninguén te amará,
ninguén te amará.
Ninguén porque
eu, eu ámote coa forza das mareas,
eu, eu ámote co impeto do vento,
eu, que te amo na distancia e no tempo,
eu, eu ámote coa alma e coa carne,
eu, que te amo como o neno á súa alborada,
eu, que te amo como o home ao seu recordo,
eu, que te amo a puro berro e en silencio,
eu, que te amo dunha forma sobrehumana,
eu, que te amo na alegría e no pranto,
eu, que te amo no perigo e na calma,
eu, que te amo cando berras, cando calas,
eu, que te amo tanto, eu ámote tanto, eu... 
Grazas mil por poñer a poesía, a música e o humor ao servizo da didáctica da lingua! E agora, Lucía, María... algunha idea para traballarmos o pronome de solidariedade? Ou o infinitivo conxugado?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...