Amosando publicacións coa etiqueta Star Wars. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Star Wars. Amosar todas as publicacións

13 de dec. de 2016

O shyriiwook de Bern Burtt



Ao parecer, aló por 1976, Bern Burtt era estudiante da escola de cine da University of Southern California cando os produtores do primeiro flme de Star Wars contactaron con el pola súa habilidade como técnico de son. 

Logo de ler o guión orixinal, Burtt comezou cunha das tarefas para a cal o buscaran: crear a linguaxe falada por Chewbacca, o fiel compañeiro de Han Solo. Dediciu utilizar como base a voz dun oso negro dun zoo californiano chamado Tarik. Despois sincronizou os seus ruxidos cos sons dunha morsa, dun león e dun teixugo. Nacía así o shyriiwook, o idioma do wookies.

No universo de ficción d’A Guerra das Galaxias, o shyriiwook é a lingua principal destes xigantes peludos. Case imposible de pronunciar para os non-wookies, mais doada de comprender.

Na vida real, durante as filmacións, Peter Mayhew, o actor que sempre interpretou a «Chewie», falaba en perfecto inglés para facilitar o diálogo con Ford e lograr boas escenas. Así o vemos neste vídeo da rodaxe, co seu audio orixinal.



Feitas estas filmacións, Burtt retomaba o seu traballo e, no estudio de gravación, incorporaba á banda sonora os ruxidos máis axeitados ao diálogo e ao ton emocional: agarimoso, anoxado, riseiro...

E como o universo geek está cheo de caralláns, aquí ou aquí podedes atopar tradutores automáticos de shyriiwook! Unha vantaxe inestimable poder interpretar voces básicas como «huurh», «aarrragghuuhw» ou «uughguughhhghghghhhgh» no noso próximo encontro con wookies!

A dous días da estrea de Rogue One, aquí queda outra curiosidade máis sobre esta saga galáctica que non para de se expandir.

20 de feb. de 2016

Eu son teu pai



E seguimos coa nosa particular saga de Star Wars. Desta vez, cunha homenaxe á frase máis famosa do cine: «I’m your father». Ou polo menos iso afirmaban hai anos en Wikinoticia, á luz dunha enquisa feita entre 1500 internautas para a web Lovefilm.com.

Como vemos arriba, nós escoitamos «Eu son teu pai» na voz de Tacho González, o magnífico dobrador galego de Darth Vader. Un enunciado que pasou a engrosar a listaxe de oracións míticas que se fixeron populares nos anos dourados da nosa TVG, coma estoutras tiradas do sempre imprescindible Pelisdobradasaogalego.

 

 

 

Por certo, coñecedes Engale? Évos o recurso ideal para gozardes dos mellores filmes galegos e internacionais dobrados ao galego, on line e de balde.

E para lle poñer o ramo, aquí queda unha mostra multilingüística da transcendencia da paternal frase de Darth Vader: a súa versión dobrada en 20 linguas diferentes. Cales son as que máis bos gustan?

22 de xan. de 2016

«Star Wars, Raw? Rats!»



Geeks e adoradores en xeral da saga Star Wars, hoxe, especialmente para vós, un vídeopoema moi particular: Star Wars, Raw? Rats! (2012). Realizado por Natali Fedorova y Taras Mashtalir sobre un texto ateigadiño de voces palindrómicas de Nick Montfort.

Polo visto, Montfort compuxo estas quince liñas, de simetrías galácticas, en só 75 minutos durante o Primeiro Campionato de Palíndromos celebrado en Brooklyn (EUA) o 16 de marzo do 2012.

Unha peza audiovisual de hai case catro anos que rende homenaxe ao primeiro e mellor filme da serie: o Episodio IV: Unha nova esperanza, con Han Solo como heroe central (ben o merece o pobre!).
Wow, sagas!
Solo’s deed, civic deed.
Eye dewed, a doom-mood.
A pop …
Sis sees redder rotator.
Radar eye sees racecar X.
Dad did rotor gig.
Level sees reviver!
Solo’s deified!
Solo’s reviver sees level …
Gig rotor did dad!
X, racecar, sees eye.
Radar rotator, redder, sees sis …
Pop a doom-mood!
A dewed eye.
Deed, civic deed.
Solo’s sagas: wow.
E se non quedastes moi satisfeitos do Episodio VII: O espertar da forza, só con lle dar de novo ao play podedes gozar desta curta de ritmo trepidante e banda sonora de videoxogo oitenteiro. 

E que a forza vos acompañe!

16 de dec. de 2015

O yoda speak de George Lucas



Deste xeito coñecemos a Yoda nas salas de cine do país hai máis de 30 anos. E xa só restan dous días para a agardada estrea de The Force Awakens (A forza esperta), o novo filme da saga Star Wars. Un universo de ficción cheo de curiosidades lingüísticas: desde o peculiar idioma de Chewbacca (creado a base de gruñidos de animais), á asombrosa capacidade para a interpretación de C-3PO (que fala con fluidez máis de seis millóns de formas de comunicación). Mais hoxe dedicarei o comentario á fala do mestre Yoda: o yoda speak.

Certo é que, nos filmes orixinais, Yoda fala basicamente inglés. Con todo, recordo ler por algures que George Lucas, produtor, director e guionista, decidiu caracterizar o pequeno jedi dándolle á súa fala unha particular sintaxe. Así, Yoda adoita secuenciar as súas palabras na orde Obxecto + Suxeito + Verbo (abreviado: OSV). Quen sabe se se trata dunha interferencia da súa verdadeira lingua materna.
Found someone, you have, I would say. (Atopaches alguén, eu diría).
Hard to see, the dark side is. (Difícil de ver o lado escuro é).
Truly wonderful the mind of a child is. (Realmente marabillosa a mente dun neno é)
Your father he is, but defeat him you must. (Teu pai el é, mais derrotalo ti debes).

OSV é unha secuencia asociada a idiomas moi antigos, case primixenios, e moi, moi rara. Usada só por certas linguas amerindias e da África oriental. Se cadra, unha forma deliberada de acentuar ese aquel de sabedoría ancestral do personaxe.

Vexamos como se distribúen todas as combinacións sintácticas de Suxeito, Verbo e Obxecto nos diferentes idiomas do planeta, das máis comúns ás menos:
- SOV (Suxeito Obxecto Verbo) 45%: hindi, xaponés, persa, albanés...
- SVO (Suxeito Verbo Obxecto) 42%: galego, inglés, alemán, chinés...
- VSO (Verbo Suxeito Obxecto) 9%: galés, árabe, tuareg...
- VOS (Verbo Obxecto Suxeito) 3%: malgaxe, baure, fidxiano...
- OVS (Obxecto Verbo Suxeito) 1%: apalaí, hixkaryána...
- OSV (Obxecto Suxeito Verbo) 0%: warao, xavante...
http://www.yodaspeak.co.uk/index.php

Se sentes a chamada da forza, debes saber que dispós dun tradutor de yoda speak de balde na rede. Só tes que poñer as túas frases (en inglés, iso si), facer un clic e listo! Claro que para esa tradución tampouco fai falta un xerador, digo eu.

E lembra: Falar como Yoda ti podes!

24 de mar. de 2015

O galego contraataca



Aló polo ano 2009, Lucas Arcodavella, Pailán Vader e a princesa Olaia percorreron a xeografía galega presentándonos a peza «O galego contraataca». Nela, ese triángulo familiar intergaláctico ofrecía unha visión humorística do noso tan peculiar autoodio diglósico. «Pero no ves que si no hablas castellano no tienes futuro, carallo!»: e aí, traizoado pola súa lingua orixinal, Pailán Vader comezou a volver onda nós. Unha peza feita na casa e realmente xenial!

Cos anos, viñeron decretazos desgaleguizadores, publicáronse novos datos que confirman o progreso dese autodesprezo, anunciáronse novos capítulos a saga Star Wars e o grupo Chévere... recibiu o Premio Nacional de Teatro 2014.

Parabéns para a lexión de friquis seguidores das aventuras da familia Skywalker e, sobre todo, para a xente de Chévere por un premio estatal que recoñece tantos anos de esforzo, compromiso e coherencia. Para todos os demais, por desgraza, pouco hai que felicitar. Agardemos que o espírito rebelde de Lucas Arcodavella sirva de exemplo e poidamos con el arredarnos para sempre do lado escuro da forza.

E lembra, hai un galego en ti!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...