A primeira obra cinematográfica de
Tim Burton foi
Vincent (1982), unha deliciosa curtametraxe de animación en
stop motion. Nela, o director californiano cóntanos a historia de Vincent Malloy, un neno de 7 anos que, como lle sucedera ao Quixote, comeza a perder o siso por causa das obras de ficción. No caso de Vincent non son novelas de cabaleiría senón historias de terror: as dos relatos de
Edgar Allan Poe e as dos filmes protagonizados por
Vincent Price.
Así, Vincent Malloy acaba por sucumbir ao poder da súa imaxinación creando un mundo novo no que mestura o plano da realidade (familia, mascotas...) e da fantasía (monstros, arañas, vampiros...).
Na curtametraxe, en branco e negro e cunha coidada estética gótica, a historia é narrada mediante un fermoso poema composto polo propio Tim Burton (
aquí vos deixo a peza completa) e coa escura voz en
off de Vincent Price en persoa.
Pois ben, hai uns días dei cunha versión desta curtametraxe dobrada ao galego. Os protagonistas desta fantástica iniciativa son os membros do club de lectura
As catro esquinas do quinto do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense). Un traballo, primeiro de tradución e logo de lectura dramatizada e locución, que lembra
outras valiosas iniciativas escolares.
Aquí vos deixo, para gozardes delas, a versión orixinal de Burton (con subtítulos en inglés) e logo a feita na nosa lingua.