Amosando publicacións coa etiqueta Santy Gutiérrez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Santy Gutiérrez. Amosar todas as publicacións

26 de nov. de 2017

Paronimia e humor





Volve un clásico de Xogosdelingua: os xogos de palabras dos nosos humoristas gráficos. Hoxe toca a paronimia, esa relación entre dúas palabras con significados diferentes mais con significantes relativamente próximos (testo - texto, arteira - arteria, agradar - agardar...). Como xa temos visto en máis entradas, esa semellanza formal é o factor que propicia a confusión, a ambigüidade e, ao cabo, a graza.

Arriba tedes catro pezas de catro mestres do chiste gráfico galego: Luís Davila, Xosé Lois, Santy Gutiérrez e María José Mosquera. Todas elas baseadas no recurso da paronimia. Poderías explicar como actúa este mecanismo en cada caso?

10 de feb. de 2014

O humor de Santy Gutiérrez [2]


De novo por aquí unha de humor gráfico. E de novo tamén unha das miñas debilidades: Santy Gutiérrez, un dos máis prolíficos e brillantes debuxantes do país (co que tiven a sorte de colaborar). Ilustrador, autor de cómics, caricaturista e humorista gráfico con máis de 20 anos actividade profesional. Recoméndovos seguir os seus pasos na súa web santygutierrez.com ou gozar do seu humor na sección «A viñeta» de De Luns a Venres.

Ás veces pode resultar un misterio a orixe do riso (ou do sorriso). Con todo, como xa vimos outras veces, un dos recursos máis comúns do humor gráfico son os xogos de palabras. As catro pezas anteriores empregan esta técnica. Aí vai o reto: descubride en cada peza estes xogos de palabras. Onde está o eufemismo? E a paronimia? E a polisemia? E a frase feita?

12 de maio de 2012

O humor de Santy Gutiérrez


Sempre que me cae nas mans o xornal gratuíto en galego De Luns a Venres, o primeiro que fago é buscar a viñeta de Santy Gutiérrez. Fascíname a calidade dos seus debuxos e o seu humor crítico e retranqueiro que non deixa «leira sen sachar»: a actualidade política, educativa, cultural, deportiva...

Santy, co que tiven a sorte de colaborar hai xa un tempo, formouse en Filoloxía Inglesa, mais desde rapaz o seu hobby foi debuxar. Unha afección da que vive profesionalmente desde hai xa dúas décadas. A versatilidade do seu lapis permítelle publicar humor gráfico en distintos xornais galegos, ilustrar para editoriais, deseñar cómic, crear animacións publicitarias...

Este bo amigo tamén preside a AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) e, desde hai uns anos, emprendeu a fermosa aventura de levar adiante, xunto con outros brillantes lustradores, o estudio Baobab.

As catro viñetas que encabezan a entrada, alén de xerar sorrisos, tamén encerran xogos lingüísticos. En cada unha está presente un destes recursos: frase feita, eufemismo, paronimia e polisemia. Es quen de identificalos?

Ah!, e se queres gozar do resto das pezas humorísticas de Santy Gutiérrez non tes máis que mergullarte nesta web.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...