Amosando publicacións coa etiqueta siglas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta siglas. Amosar todas as publicacións

1 de xuño de 2016

Palíndromos ilustrados [10]

 

Para este novo palíndromo feito na casa pareceume ben acaída a impactante imaxe de David Wojnarowicz, artista polifacético e activista gay que aló polos anos 80 fixo este autorretrato coa boca cosida con suturas cirúrxicas como protesta polo silencio oficial sobre a epidemia da SIDA.

O texto reversible «Alá cidadán nada di, cala» tráeme á memoria o último episodio traxicómico relacionado coa Lei Mordaza: a denuncia policial contra Belén, unha moza madrileña, por lucir un ofensivo bolso de gatiños. Nel aparecía a imaxe dun mico coas siglas ACAB e co lema All Cats Are Beautiful. En contreto, a denuncia policial citaba o artigo 37 da devandita lei, que fai referencia ás «faltas de respecto e consideración cuxo destinatario sexa un membro das Forzas e Corpos de Seguridade».

 

E alguén dirá: Que tiña a policía contra os fermosos e incautos gatiños? Pois contra os gatiños, nada. No entanto, vese que os axentes dominaban o inglés e coñecían a expresión ofensiva All Cops Are Bastards, de tradución ben doada e cunhas siglas idénticas: ACAB.

Para quen non o saiba, esta última frase insultante orixinouse na década dos 70 no seo de grupos ultras do fútbol británico e acabou difundíndose por todo o mundo: lema de grupos antisistema (skinheads, punks...), tatuaxes carcerarias, graffitis... E como a retranca e a rebeldía, como o falar, non teñen cancelas, acabou xurdindo o xogo de palabras. Así, naceron outras frases alternativas con iniciais coincidentes: All Cats Are Beautiful, Always Carry A Bible...

En fin, que o policía denunciante, convertido case en lexicógrafo, elevou as siglas ACAB a categoría de acrónimo, isto é, interpretou que esas iniciais, mesmo correspondendo a palabras diferentes ás da frase orixinal, xa constitúen un insulto digno de entrada no dicionario. Que pel tan fina!

Claro que, como podedes ler ao final deste artigo da Wikipedia inglesa, o celo da policía pode chegar aínda máis lonxe. O 7 de xaneiro do 2011, tres seareiros do Ajax de Amsterdam foron multados por levar camisetas cos números 1312, cifras que representan a orde numérica das letras ACAB no alfabeto (1=A, 2=B, 3=C). Recoiro! Ademáis de lexicógrafos, expertos en criptografía!

En fin... Así Caladiños Andaremos Ben!

Tradución:
Allá ciudadano nada dice, se calla.
There citizen says nothing, he shuts up.

24 de maio de 2016

Pola rúa e... zas, foto! [1]

 

En exclusiva, o novo logo da Real Academia Galega, na súa reformada sede da rúa Tabernas da Coruña. Sen dúbida, un deseño cun aire máis dinámico e actual. Un vibrante globo de exclamación que quere representar vitalidade e modernidade. Xeitoso, non si?

Brincadeiras á parte, a fotografía corresponde en verdade ao letreiro dunha zapataría de Viena. Hai un par de veráns, de paseo polo centro da cidade, dei casualmente co rótulo. Foi velo e... zas, foto! Non puiden evitar lembrar a sigla da nosa Academia!

     

Así, de cando en vez, o ollo do ludolingüista atento descobre rarezas por aquí e acolá. Ocorreume algo semellante hai uns días na rúa Luís de Camões da Coruña. Ao pasar pola beirarrúa, un trazos inconexos de cores no enreixado dun local de tatuaxes ían collendo forma segundo me arredaba deles. Ao ollar a fachada desde un punto de vista lateral, aparecía a palabra «Tatoo». Un fermoso xogo de anamorfose, se cadra involuntario, pois coa reixa pechada a lectura xa non dependería da perspectiva. En todo caso, apañei o mobil e de novo... zas, foto!

 

E está claro que non son o único con esta «deformacion» da ollada ludolingüística, como vemos nesta xoia fotografada en Ourense. Pablo Grande, un dos creadores do xenial Un arácnido unha camiseta, descubriu na entrada dun bar ourensán esta ocorrente expresión da ambigüidade homonímica: «Hoxe morro». Entre publicidade gastronómica e a predición fatalista. Que marabilla! Zas, foto!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...