Amosando publicacións coa etiqueta onomatopea. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta onomatopea. Amosar todas as publicacións

10 de xul. de 2016

Dará chegado a Bueu Rushad Egglestone?



Velaquí temos a Rushad Egglestone, violoncellista, compositor e poeta californiano, de paso Xustáns (Ponteareas), hai tres anos, a interpretar ao seu xeito o rei do nosos trabalinguas:
Se vou a Bueu nun bou, vou. Se non vou a Bueu nun bou, non vou.
Un enxebre xogo de palabras moi do gusto dos músicos. Desde o clásico de Andrés Dobarro, ao máis recente «Medomedá», incluído no libro-disco-DVD Xiqui xoque, fiú fiú! de María Fumaça (que xa vimos por aquí). Unha fermosa canción chea de enredos ludolingüísticos: a paronimia do seu título-retrouso, as onomatopeas e tamén o trabalinguas «das estrañas esixencias para o transporte marítimo». A gozar dela!



Unha nova peza para o noso karaoke!

26 de mar. de 2016

O mundo está cheo de sons

 

De novo a voltas coa apaixonante ciencia da onomatopea. Engaiolado sempre (como podes comprobar aquí ou aquí) pola incrible diversidade de voces que un son pode xerar segundo a cultura que o interprete.

Ese mesmo estraño feitizo caeu sobre ilustrador James Chapman, creador de Soundimals, un recuncho de Tumbir cheo de marabillosas láminas coas onomatopeas xurdidas en diferentes linguas para un mesmo son (o ladrido dun can, o chío dun paxariño ou mesmo... un peido).



 

E outra engaiolada polo asombroso poder da onomatopea é Arika Okrent, experta en psicolingüística e linguaxes artificiciais. Ela é a autora do instrutivo vídeo que pecha a entrada. Nel explícanos, en inglés, por que no mundo temos diferentes onomatopeas para un mesmo son animal. Non deixedes de visitar a súa canle de Youtube, chea doutros fantásticos vídeos sobre lingüística («Como comezou a linguaxe?», «Por que é tan estraña a ortografía do inglés?»...)


25 de set. de 2015

Día Europeo das Linguas


O mapa anterior, tomado de Worldmapper, representa de forma gráfica como se distribúe a diversidade das máis de 6000 linguas faladas no planeta. Así vemos considerablemente agrandados estados co maior número de idiomas: Papúa Nova Guinea (820), Indonesia (737), Nixeria (510) ou a India (415).

Europa, o noso continente, reúne 800 millóns persoas e unhas 225 linguas repartidas por uns 47 estados. Malia todo, como apreciamos no mapa, esta variedade só supón un 3 % dos idiomas falados no planeta.

Para lle dar maior visibilidade ás linguas de Europa e para que a súa diversidade alcance o maior recoñecemento posible, o Consello de Europa declarou hai tempo a data de mañá, 26 de setembro, o Día Europeo das Linguas. Unha das iniciativas desta conmemoración foi publicar unha magnífica colección de carteis que axudan reflexionar sobre o feito inevitable da diversidade. Como é posible, se non, que un único son animal sexa materializado de formas tan diferentes segundo as linguas?











Nunha antiga entrada dabamos conta dun fantástico sitio que desenvolvía a mesma idea de forma máis dinámica, cos audios das onomatopeas. Lémbralo?

Voces de animales – Badge

Para rematar, dous grandes recursos sobre a diversidade lingüística en Europa: un completísimo mapa interactivo e unha selección de datos e xogos da web oficial do Consello de Europa.

26 de xuño de 2015

¡Qué ben, que a bomba vén co seu rebombio!



Este vídeo do artista xaponés Isao Hashimoto, que amosa cunha beleza arrepiante as explosións atómicas no noso planeta desde 1945 a 1998, pareceume a introdución máis acaída para falar dun dos mellores poemas da nosa literatura: «Poema nuclear», de Celso Emilio Ferreiro, publicado n’O soño sulagado (1954). Non imaxinaba o celanovés que pola altura daquel ano, para desgraza de todos, só estouraran 72 bombas das máis de 2000 que se suman ao final do vídeo.
Poema nuclear
¡Qué ben, que a bomba vén do seu rebombio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.
A bomba, bong, A bomba, bon amigo
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:
Os outos edificios
Os outos funcionarios
Os outos financeiros
Os outos ideais
¡Todo será borralla radioaitiva!
As estúpidas nais que paren fillos
polvo serán, mais polvo namorado.
Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas de beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, excelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.
¡Qué ben, que a bomba vén! Nun instantiño
a amable primavera faise cinza
de vagos isótopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.
A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas
axiña vén, vela ahí vén, bon amigo.
¡Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!
¡¡¡¡BOOOONG!!!!
De sempre, esta foi unha das pezas de Celso Emilio que máis me engaiolou. Non só polo forte sarcasmo co que presenta a devastación definitiva da bomba nuclear; senón, tamén, polas súas conquistas expresivas. Especialmente as do nivel fonoestilístico. 
Aliteracion ou fonosimbolismo. Dominio en moitos versos dos fonemas bilabiais (/b/, /p/, /m/) e nasais (/m/, /n/), evocadores da explosión: ¡Qué ben, que a bomba ven co seu rebombio / A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo.
Onomatopea. Imitación fónica de sons reais: ¡¡¡¡BOOOONG!!!!
Paronimia. Colocación próxima de palabras fonicamente semellantes: ¡bong! - bon / magnates - mangantes / bomba - bombo.
Unhas escollas nada casuais que axudan a que a bomba resoe case en cada verso. Un xogo fónico tan do gusto de Celso Emilio.

A admiración por este poema levou tamén a rapaces e rapazas de toda Galicia a crear fermosos traballos sobre el. Como esta recitación de Pablo e Adrián.



Ou este videopoema de Marcos Carro.



E a vós? Que vos inspira a vós o «Poema nuclear»? Un dato: en poucas semanas cumpriranse 70 anos do bombardeo atómico sobre Hiroshima e Nagasaki.

1 de abr. de 2015

«Cocksuckers», liberdade e prexuízos



No facebook do ilustrador galego Kohell Kohellius (pseudónimo de Fernando Iglesias), dei hai pouco con este xenial monólogo de acaído título onomatopeico: «Blah, blah, blah», unha onomatopea a xeito de eufemismo. Trátase dun fragmento do filme Lenny (1974), un decidido alegato a prol da liberdade de expresión a través da vida do cómico estadounidense Lenny Bruce. Este monologuista, interpretado por Dustin Hoffman, era brillante, cáustico e provocador a partes iguais. No seu tempo abordou sen medo temas espiñentos, como o aborto, a guerra do Vietnam, a discriminación racial, a relixión, os abusos do poder...

En 1961, Bruce foi arrestado por empregar 101 veces a palabra cocksucker («chupapichas») durante un dos seus espectáculos, ao que asistiu un comité de prevención da moral e dos bos costumes. Os seus integrantes, escandalizados, denunciárono. Foi xulgado por obscenidade pública e manifesta. Ao cabo, foi absolto, mais as súas actuacións comezaron a ser «supervisadas» por amables axentes da lei. Xusto nese intre sitúanse as escenas do vídeo, por sorte, oportunamente subtituladas.

E indo a onde quería chegar... aquí deixo outras «escandalosas» mostras dos múltiples sinónimos de «pene» («picha», «pirola», «carallo»...) e derivados («comepichas», «apirolado»...), por xentileza, de novo, de Pelisdobradasaogalego. Quen coñeza ben a lingua inglesa saberá que comparte coa nosa esa expresiva riqueza no «vocabulario obsceno».





E non nos deixemos enganar polos prexuízos contra o galego. Non é a primeira vez que escoito (ou leo) parvadas como... Los «negratas» del Bronx diciendo «carallo». Estos de la «Telegaita»! Claro, e que han de dicir?! «Jolines» soaría mellor?! Clásico é o exemplo da tradución da frase coa que Rhett Butler lle retruca a Scarlett O'Hara en Foise co vento (1939): Frankly, my dear, I don't give a damn - Francamente, querida, eso ya no me importa (castelán) - Francamente, querida, impórtacheme un carallo (galego). A galega, sen dúbida, máis fiel ao inglés orixinal.

Como ben sabía Lenny Bruce, ás veces as cousas cómpre chamalas polo seu nome.

15 de dec. de 2014

Quero... te!


Made in Galiza (2007), de Séchu Sende, un dos grandes éxitos da nosa literatura máis recente: hoxe, todo un clásico das aulas (e tamén de fóra delas). 42 textos breves que ofrecen outras tantas reveladoras aproximacións á nosa situación sociolingüística. Aproximacións poéticas, comprometidas, pedagóxicas... 

Mais tamén son relatos que rebordan sentido do humor e espírito ludolingüístico. Por exemplo, o enredo onomatopéico de «SSSSSH» ou o calembur sobre o que se constrúe «UF».
UF
 Entrou na cafetería, prendeuse naqueles ollos, asombrouse e soubo que atopara algo…Fixo uf e comezou a…, mirouna outra vez e comezou a amala, a querela, pensou, e sentou á mesa máis achegada á cafeteira e sentiu…, uf, que comezaba a…
—Ola —dixo ela—, que queres? 
—Quero… macela.
Ao día seguinte entrou á mesma hora e ela seguía alí e sentiu que, uf, que a quería, en serio, pensou. —Ola —dixo ela—, que queres? 
—Quero… tila.
Ao terceiro día continuaba queréndoa e comezou a imaxinar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estaba, que ela estivese, comezando a sentir iso tamén, uf. 
—Ola, que queres? 
—Quero… menta.
Ao cuarto día sentiu que xa non podía máis, que tiña que dicirllo. Teño que dicirllo, pensou, uf. 
—Ola, que queres? -dixo ela. 
—Quero... te —dixo el.
Ela abriu os ollos preguntando Como? e el dixo outra vez en baixiño Quero… te. E dixo Quero… te ao día seguinte e Quero… te ao seguinte e ao cuarto día tamén dixo Quero te e entón ela díxolle cos ollos Eu tamén.
Unha obra de transcendencia mesmo fóra de Galicia como demostran as súas traducións ao éuscaro ou ao curdo.

Para gozardes de Made in Galiza ao cento por cento, podedes visitar a magnífica guía de lectura interactiva elaborada por Pilar Ponte. E tamén podedes botarlle unha ollada ás adaptacións audiovisuais dalgúns dos seus textos: «Instrucciones para aprender a hablar gallego», «Na oficina de obxectos perdidos» ou «Falar»

E pechamos co microrrelato que representa a esencia mesma desta nova xoia da nosa «bibliografía ludolingüística básica»:
Eu nunca serei yo.

15 de xul. de 2014

«Quand notre coeur fait boum»


Álbum Tintín no país do ouro negro (1939). Hernández e Fernández (en francés Dupont et Dupond) están a cantar unha canción e... bum!

Trátase dunha chiscadela de Hergé, o creador de Tintín, a unha das figuras musicais da súa época: Charles Trenet. Entre as dúas grandes guerras do século pasado, Charles Trenet (coñecido entre nós polo clásico «Le mer») erixiuse como brillante estrela da chanson francesa. En 1938 publicou «Boum!», unha canción que, entre onomatopea e onomatopea, logra contaxiar a alegría de vivir: fala dun home namorado que sente o seu corazón a piques de estourar e comeza a ver o mundo dunha forma diferente. A gozar dela!



Un marabilloso xogo de onomatopeas que fai desta peza unha pequena obra mestra da ludolingüística mundial. Aí vai a letra en francés, coa súa tradución ao galego. Fantastique!
Boum! [francés]
La pendule fait tic-tac-tic-tic
Les oiseaux du lac pic-pac-pic-pic
Glou-glou-glou font tous les dindons
Et la jolie cloche ding-dang-dong
Mais... boum!
Quand notre coeur fait boum
Tout avec lui dit boum
Et c'est l'amour qui s'éveille
Boum!
Il chante «Love in Bloom»
Au rythme de ce boum
Qui redit boum à l'oreille
Tout a changé depuis hier et la rue
A des yeux qui regardent aux fenêtres
Y'a du lilas et y'a des mains tendues
Sur la mer le soleil va paraître
Boum!
L'astre du jour fait boum
Tout avec lui dit boum
Quand notre coeur fait boum-boum
Le vent dans les bois fait hou-hou
La biche aux abois fait mê-ê-ê
La vaisselle cassée fait fric-fric-frac
Et les pieds mouillés font flic-flic-flac
Mais... boum!
Quand notre coeur fait boum
Tout avec lui dit boum
L'oiseau dit boum, c'est l'orage
Boum!
L'éclair qui, lui, fait boum
Et le bon Dieu dit boum
Dans son fauteuil de nuages
Car mon amour est plus vif que l'éclair
Plus léger qu'un oiseau, qu'une abeille
Et s'il fait boum, s'il se met en colère
Il entraîne avec lui des merveilles
Boum!
Le monde entier fait boum
Tout avec lui dit boum
Quand notre coeur fait boum-boum
Bum! [galego]
O péndulo fai tic-tac-tic-tic
Os paxaros do lago pic-pac-pic-pic
Glú-glú-glú fan todos os pavos
E a bonita campá ding-dang-dong
Máis… bum!
Cando o noso corazón fai bum
Todo con el di bum
E esperta o amor
Bum!
Canta «Love in Bloom»
Ao ritmo deste bum
Que repite bum ao oído
Desde onte todo cambiou e a rúa
Ten ollos que miran ás fiestras
Hai lilas e hai mans tendidas
O sol vai aparecer sobre o mar
Bum!
O astro do día fai bum
Todo con el di bum
Cando o noso corazón fai bum-bum
O vento nos bosques fai huu-huu
A cerva acurralada fai meee
A louza rota fai fric-fric-frac
E os pés mollados fan flic-flic-flac
Mais… ¡bum!
Cando o noso corazón fai bum
Todo con el di bum
O paxaro di bum, e cae a tormenta
Bum!
O lóstrego que fai bum
E o bo Deus di bum
No seu sofá de nubes
Pois o meu amor é máis intenso ca o lóstrego
Máis lixeiro ca un paxaro, ca unha abella
E se fai bum, se se alporiza,
Trae consigo marabillas
Bum!
O mundo enteiro fai bum
Todo con el di bum
Cando o noso corazón fai bum-bum

17 de xan. de 2014

Rimas que engalanan o alfabeto


Hoxe, un clásico da nosa literatura infantil e xuvenil: Rimas con letra (1991), de Gloria Sánchez. Nestas últimas décadas, poucos libros tiveron tan boa acollida entre os nosos lectores máis novos. Unha manda de orixinais poemas que fan un percorrido lúdico e tamén didáctico polo alfabeto galego. Aí vos vai un exemplo, a peza que representa a letra «d»:
Ten un dente e chama pola xente.
Din-don, din-dan,
Badaladas, que dirán?
Nada din.
Nada dan.
Din-don, din-dan.
De comezo, unha adiviña popular coa que espertar o enxeño e, logo, a xeito de pista, o poema ateigado de des e ese xogo de palabras que tira partido da homonimia entre a onomatopea «din-dan» e os verbos «din» e «dan». Unha pequena xoia ludolingüística chea de ritmo, beleza e imaxinación.

Nesta ligazón podedes atopar un proposta didáctica que ofrece diferentes posibilidades de aproveitamento do poemario. E a nosa «bibliografía ludolingüística básica», a medrar!

Solución sopa de letras (14-1-2014):

13 de set. de 2013

Tick-tock, tick-tock


Xa coñecedes a miña debilidade polos caligramas e pola tipografía animada. Por sorte, hai pouco dei con esta peza, que é unha combinación das dúas cousas. Unha obra do deseñador gráfico estadounidense Richie Pickwell.

Unha roda de doce vogais, «i» e «o», que se move con precisión mecánica, coma os engrenaxes dun reloxo suízo. No seu movemento, as vogais alíñanse verticalmente co resto das letras formando a onomatopea «tick-tock» (o noso «tic-tac»). Un monótono xirar, case hipnótico, que reflicte o inexorable paso do tempo.

Este xogo visual, perfecto na súa sinxeleza, explota con enxeño a forma gráfica das palabras: igualiño, igualiño que os autores da poesía concreta. Lembrades?
Solucións á análise dos chistes de Gogue (7-9-2013): Paronimia (políjono - polígamo) / Polisemia (placa lámina dun material duro’ - ‘radiografía’) / Homofonía (tasa [con seseo] ‘cunca’ - tasa [correcto taxa] ‘medida, cantidade’) / Vulgarismos: asimilación (pilícula) - disimilación (elmanaque) - metátese (flim, candelario) / Calembur (Bár Cenas - Bárcenas).

27 de dec. de 2012

Miau, miau!



Que marabilla de duelo felino! Nunca pensei que unha onomatopea puidese dar tanto xogo! Trátase do Duetto buffo di due gatti, atribuído ao compositor italiano Gioachino Rossini (1792-1868), unha peza cuxa letra consiste só na repetición da voz «miau». Rossini foi coñecido especialmente polas súas óperas bufas, un tipo de ópera xurdida na Italia do século XVIII como reacción á chamada «ópera seria». Fronte a esta, máis centrada en traxedias mitolóxicas, a ópera bufa buscaba a diversión con comedias de tema máis mundano e cotián. Neste caso, un simple duelo de dous gatos a miañar.

A onomatopea é a palabra que se forma imitando sons reais. No que respecta aos animais, xa puidemos ver nunha entrada anterior como a percepción dos seus sons pode ser moi distinta en cada cultura.

Ata hai pouco tiempo, as vacas, os burros, as ovellas, os cans ou as galiñas tiñan unha enorme importancia na nosa sociedade. Por iso, o galego posúe un léxico tan abundante e variado sobre as voces dos animais. As nosas vacas brúan, bradan ou múan; os nosos porcos gorlan ou gruñen; os nosos gatos mían ou miañan... Para saberdes máis, aquí deixo un novo capítulo do sempre imprescindible «Ben falado».

8 de nov. de 2012

Titultextos


Para quen non o coñeza, aquí deixo o enlace dun dos mellores blogs sobre literatura que coñezo: Lector en desvelo. Un espazo sobre libros e escritores cheo de curiosidades, afán lúdico e moito sentido do humor. Totalmente recomendable!

Unha das propostas máis divertidas de Lamberto García del Cid, o creador do blog, son os titultextos. Nas súas propias palabras: «un artificio ludolingüístico que consiste en incluir, nun parágrafo con sentido, o maior número de títulos de obras literarias». Nesta bitácora podedes atopar varios titultextos: este é o primeiro e no arquivo podes atopar outros. 

A literatura galega ofrécenos todo un ecosistema de títulos: hainos curtos (Nai, de Xosé Neira Vilas), longos (A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida, de Euloxio R. Ruibal), polisémicos (Follas novas, de Rosalía de Castro), paronímicos (Nós nus, de Olga Novo), onomatopeicos (Tic-tac, de Suso de Toro), palindrómicos (A torre da derrotA, de Gonzalo Navaza)...

Aproveitando esta diversidade, atrevinme a crear un titultexto con obras da literatura galega. Velaí vai, espero que vos guste. 
A dona do corpo delgado, despois de elevar as pálpebras, ollou arredor de si. Para ela, por mor do crime en Compostela, as cousas xa non eran igual. Desde a fiestra baldeira dun hotel de primeira sobre o río pensaba saudosa: «non vexo Vigo nin Cangas». Só podía contemplar os eidos da Terra Chá: herba aquí ou acolá, un millón de vacas e xente ao lonxe. Poñíase o sol do verán: era o crepúsculo. E as formigas a pasear polas paredes. Xa se imaxinaba pasando unha longa noite de pedra á lus do candil. Por sorte, chegou un Land Rover; e nel, Cándido Branco e o Cabaleiro Negro, os dous de sempre. Por fin xa podía comezar a esmorga! 
Podedes descubrir todos os títulos que se recollen no anterior titultexto? E por que non probardes a crear os vosos propios titultextos? Suxírovos acudir, se o precisades, ao catálogo de obras da Biblioteca Virtual Galega para atopardes títulos á esgalla.

6 de maio de 2012

De «quiquiriquí» a «cock-a-doodle-doo»


Orixinal animación creada polo deseñador gráfico estadounidense Gregory Stewart e composta unicamemente por onomatopeas. A onomatopea, como é sabido, é un tipo de palabra que imita sen máis os sons da vida real: o ronquido dun home, o choro dun bebé, o miañar dun gato, o traqueteo dun tren, a freada dun coche... O anterior relato animado faise así comprensible en calquera parte do mundo.

O máis curioso é que, con todo, as onomatopeas poden diferir enormemente dunha lingua a outra. Nesta curiosa web podemos ver, por exemplo, como soan as voces dos animais en diferentes idiomas (mágoa que falte o galego!). Como é posible se o seu referente, o son que imitan, é idéntico en todas partes?

Cada lingua ten o seu propio sistema fonético e morfolóxico e cada sociedade humana ten a súa propia maneira de interpretar sons similares. Ademais, unha vez fixada a onomatopea en cada pobo, esta evoluciona á par da lingua e da cultura local ao logo de miles de anos. Por todo isto, podemos entender que para os galegos o galo cante «quiquiriquí» e para os ingleses «cock-a-doodle-doo». Todo un canto á inevitable diversidade lingüística!

E para rematar, aí van un par de fragmentos de poemas clásicos das nosas letras que amosan a forza expresiva e lírica das onomatopeas.
Canción das tres cucharas (con versión musicada)
Tac, tac, tac
cuchara de pau
cunca de madeira
o meu neno
está na lareira. [...]

           Luís Pimentel 
Poema nuclear (con versión recitada)
[...] A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
aviña ven, vela ahí ven, bon amigo.
¡Estános ben! ¡Está ben! ¡Está bon!
¡¡¡Booong!!!

           Celso Emilio Ferreiro
Animádesvos a facer os vosos propios poemas con onomatopeas?
Solucións aos xeróglifos (2-5-2012): Atrasa (A tras a) / Debe entregalos o luns (De be entre galos o L uns) / Desconfío da noiva (Des con fío dá noiva –avión ao revés–) / Iria en Ribadavia (I ría enriba da vía)

21 de abr. de 2012

No fondo dunha sopa de letras

Que misterio se oculta no fondo dunha sopa de letras? Aquí deixo unha belísima e inquietante animación que ofrece a resposta. A peza foi creada por Simon Moreau, Joris Bacquet e Bastien Dubois, estudantes franceses de Supinfocom, unha escola de animación con sedes en Francia e na India. Conta a historia dunha nena que cae no interior dunha sopa de letras e descobre o que alí se agocha...

                                    

Despois de ver esta animación, un agradece o «poder liberador» das onomatopeas e, ademais, comprende o proverbial rexeitamento de Mafalda pola sopa.

E todo isto sérveme para conectar coas outras sopas de letras: o pasatempo. Como xa amosou Borges no marabilloso relato «El libro de arena», non hai mellor lugar para agochar unha folla ca un bosque e non hai mellor sitio para ocultar un libro ca unha biblioteca. Pois o labiríntico pasatempo da sopa (ou caldo) de letras demóstranos que non hai mellor forma de agochar palabras. De feito, todos temos deixado algunha que outra dioptría na busca das voces camufladas. En relación con isto, aquí deixo un par de enlaces de interese:

O primeiro é o da web educaplay, que permite xerar de forma gratuíta distintos pasatempos e xogos de palabras (entre eles, as sopas). 

O segundo é un recurso da veterana web galego.eu no que podemos resolver online varias sopas de letras en galego. Foi creado por Anxo González Guerra, antigo profesor meu de Bacharelato, e por Victoria Ogando Valcárcel. Convídovos a resolvelas!

Solución á ordenación das series de letras (15-4-2012): O C E T C O L H A (CHOCOLATE) / A T R U G A T R A (TARTARUGA) / H A C H E L C U M  (CHUCHAMEL) / R E R A F R I R A (ARREFRIAR)

9 de abr. de 2012

Mastropiero e a teoría do «cantaruxeo conceptual»

Aventuraríame a definir «cantaruxar» como ‘cantar sen articular palabras, simplemente emitindo algunhas sílabas sen significado que achegan musicalidade e ritmo’. 

A literatura popular galega está inzada de fermosos e sonoros cataruxeos, case onomatopeicos: «touporroutou», «tantarantán»«trispiristrás»...

Non hai moito un amigo envioume este vídeo no que se expón a novidosa teoría do «cantaruxeo conceptual», do célebre compositor Johan Sebastian Mastropiero (léase Les Luthiers). Na súa sabedoría musical, Mastropiero sontén que o «tarareo» ou «cantaruxeo», é dicir, o canto de sílabas sen significado, é un desperdicio poético. Segundo el, o compositor debe usar as propias palabras do texto para crear o cantaruxeo, aunando así valor semántico e musicalidade. Por exemplo, na súa composición «La excursión de los amigos» temos o fragmento que di: «ya pararon para comprar queso, y ahora, pararán para pan, pararán para pan».



Coma sempre, xeniais. Unha forma humorística e musical de presentar o xogo de palabras que coñecemos simplemente como... trabalinguas. Longa vida aos Les Luthiers!!!

15 de mar. de 2012

«Fogo, Nicolás!»: un delicioso trabalinguas

         
                              

Noi hai moito dei con este feiticeiro tema, musicado polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño, que forma parte do Libro-CD-DVD Celtic Roots. Trátase dunha canción a medio camiño entre a cantiga popular e o trabalinguas (cargado de explosivas onomatopeas, por certo). Un divertido xogo (non só para nenos) que permite poñer en práctica a habilidade vocal ao tempo que nos achega, de forma lúdica, á cultura tradicional.

Celtic Roots saíu á luz a finais do ano 2010 e constituíu a culminación dun ambicioso proxecto educativo europeo no que participaron o colexio Humberto Juanes de Nigrán, a St. John’s Primary School de Manchester (Inglaterra) e a St. Cronan’s School de Bray (Irlanda). O seu obxectivo era afondar, a través da música, nas raíces culturais comúns dos tres países atlánticos. O DVD de Celtic Roots inclúe ademais un karaoke, para que o público poida formar parte activa desta experiencia.

Así di a primeira parte do tema «Fogo, Nicolás!»:

         Da banda de alá do río, 
         pin!, zas!, fogo, Nicolás!,
         ten meu pai un castiñeiro,
         rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum!
         Dá laranxas en agosto,
         pin!, zas!, fogo, Nicolás!
         uvas brancas en xaneiro,
         rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum! 


         Da banda de alá do río, 
         pin!, zas!, fogo, Nicolás!,
         teño unha linda cuñada, 
         rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum!
         Entralle o sol pola porta
         pin!, zas!, fogo, Nicolás!
         e a lúa pola ventá,
         rascataplás e, aghora, aghora, ai!, ai!, pum! [...]

Poderiades completar o resto da letra?

12 de mar. de 2012

A exercitar o estilo


Un home sobe ao mediodía a un autobús da liña S e ve un rapaz, de pescozo alto e con chapeu, que se pon a protestar porque alguén o rempuxou. Dúas horas máis tarde, o mesmo home que entrara no autobús reencontra o mozo pescozudo recibindo consellos dun amigo sobre o seu vestiario. 

Raymond Queneau (1903-1976) aproveita esta anécdota trivial para exercitar o seu virtuosismo literario e relátaa de 99 formas distintas en Exercicios de estilo (1947). Unha chea de variacións baseadas en cambios no punto de vista, no nivel de lingua, na forma textual, no tempo verbal, na percepción sensorial...; e tamén en diferentes recursos literarios e brincadeiras coas palabras (lipogramas, anagramas, onomatopeas, metáforas...). Obra de referencia que ben merece ser a primeira dunha «bibliografía ludolingüística básica». 

Velaquí o fragmento inicial dalgunhas desas ocorrentes versións, traducidas ao galego por Henrique Harguindey e Xosé Manuel Pazos:
Vulgar: Pasabun cacho das doce cando dei subido no ese. Subo entón, pago o meu billete como ten que ser. E non vou e reparo nun ghichiño cun pescozo grandísimo (nin que fora un telescopio!) [...] 
ExclamaciónsOíches! Ás doce! Hai que coller o autobús! Que de xente! Que de xente! Moi apretados imos! Gracioso, o rapaz! Que cachola! E que pescozo! [...] 
Onomatopeas: Enriba da plataforma, pla, pla, pla, dun autobús, pof, pof, pof, da liña S (sempre sementada de serpes asubiantes), viña sendo mediodía, din dan don, din dan don, un ridículo efebo, porrot, porrot [...] 
Gastronónimo: Despois dunha espera gratinada, baixo un sol que asaba, acabei por subir a un autobús pistacho no que rebulían os clientes como areixas nun queixo pasado de máis. No medio destes carneiros reparei nun espeto moi alto, cun pescozo coma un día sen pan [...]
Anos máis tarde da publicación desta obra, Raymond Queneau acabaría por formar, xunto con outros escritores como Julio Cortázar, Italo Calvino ou Georges Perec, o grupo Oulipo (acrónimo de «Ouvroir de littérature potentielle», que se traduce como «Obradoiro de literatura potencial»). Para estes autores, a literatura potencial é aquela dedicada deseñar novas formas de creación a través da aplicación consciente e razoada dalgún tipo restrición (fonética, semántica, combinatoria...). 

Na rede podemos atopar unha proposta de actividade a imitación destes Exercicios de estilo de Raymond Queneau. Animádesvos a poñer a proba as vosas habilidades lingüísticas na creación doutras versións da mesma historia? Adiante, poñede o voso enxeño en marcha!

Solucións á análise dos chistes do Carrabouxo (8-3-2012): Calembur (o día das letras - odiadas letras) / Polisemia (banco ‘de gardar cartos’ - ‘de sentar’ / caixa ‘recipiente de madeira, cartón...’ - ‘de aforros’) / Paronimia (polígono - polígamo) / Homonimia (sede ‘necesidade de beber’ - sede ‘lugar’).
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...