Amosando publicacións coa etiqueta refrán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta refrán. Amosar todas as publicacións

14 de abr. de 2018

Con «Elemental», unha nova etapa


Uf! Un pensa que poderá manter indefinidamente certas rutinas, mais as circunstancias sempre son as que marcan o camiño. Despois de seis anos de actividade continuada en Xogosdelingua, parece que chegou momento de baixar o ritmo. Polo menos, de momento.

Como algún de vós xa saberá, levo colaborando en La Voz de Galicia con xeróglifos en galego desde hai case 30 anos. Pois ben, hai unhas semanas contactaron comigo desde La Voz para propoñerme ampliar a colaboración con outros pasatempos en galego para o seu novo suplemento Elemental, que sairá á rúa cada domingo de balde co xornal. E non puiden dicir que non! 

Estas semanas de silencio no blog debéronse á preparación do material para o suplemento. A proposta permitiume dar renda solta á miña vea ludolingüística. Deseñei algúns xogos de palabras clásicos (autodefinidos, encrucillados, sopas de letras ou xeróglifos) e outros máis novidosos (labirintos, escaleiras, frases [des]feitas...). 

De onde sacarei o tempo? Non o sei. O reto está aí e como son persoa que toma moi en serio os compromisos, a actividade en Xogosdelingua vai ter que reducirse. A non ser que alguén dea inventado os días de 36 horas! 

Mañá sae á rúa o primeiro número de Elemental. Unha publicación orientada a grandes e pequenos. Espero que se faga un oco no lecer do público e que teña continuidade. Sempre defendín a necesidade dunha publicación especializada en pasatempos no noso país. 

En calquera caso, unha aperta para tod@s. Por aquí seguiremos cando a carga de traballo o permita, porque, para os devotos da ludolingüística, a cabeciña nunca para!


24 de feb. de 2018

Palíndromos ilustrados [22]


O palíndromo de hoxe recórdame a querenza da nosa tradición pola arte de falar mal, de inxuriar, de ceibar falsidades maldicentes. Lembrades como describe a nosa «Arte de trovar» as cantigas de escarnio e maldicir?
Cantigas d'escarneo som aquelas que os trobadores fazem querendo dizer mal d'alguém em elas, e dizem-lho per palavras cobertas que hajam dous entendimentos, pera lhe-lo nom entenderem [...] ligeiramente; e estas palavras chamam os clérigos hequivocatio. E estas cantigas se podem fazer outrossi de meestria ou de refram.
Cantigas de maldizer son aquelas que fazen os trovadores mais descubertamente. En elas entran palavras que queren dizer mal e non aver outro entendimento se non aquel que queren dizer chãamente
Hoxe, o contacto boca orella das laretadas do mercado ou da barra da taberna é acompañado tamén polo tecleo anónimo que ceiba inxurias e falsidades sen filtros pola arañeira. E o galego demostra unha gran riqueza á hora de expresar estas circunstancias. Por exemplo, nos refráns:
Non habería murmuradores, se non houbera escoitadores.
Quen ten a lingua aguda, que teña a costela dura.
Mellor sandan as chagas cás feridas das malas palabras.
Máis pode un criticando que cen gabando.
Fale a miña veciña e teña o meu fol fariña.
Vale máis calar que mal falar.
Vai a palabra de boca en boca coma o vento de folla en folla.
Andar en linguas, andar en minguas.
E de léxico referido a este hábito do «maldicir» tampouco andamos curtos: rumor, azueira, mentira, maledicenciamurmuraciónalburgada, chisme, loia, dixomedíxome, bouba, rexoubaloiada, cubillada, embustedíxome...

Os termos anteriores, moitos deles sinónimos, veñen recollidos no dicionario da RAG. Es quen de clasificalos nesta táboa?



1 de out. de 2017

Stop? Pots!


Hoxe é 1 de outubro. Bo día para reparar en que un palíndromo, mesmo bilingüe, pode darnos unha lección de vida, como ben viu o Leo Arremecághona. Sinal en vermello en inglés: Stop (Alto!). Sinal en verde en catalán: Pots (Podes!)

E como os palíndromos (e as palabras) sonche como as cereixas, que uns noutros se enguedellan, aquí vai unha serie de anuncios de lema reversible. Os primeiros, os orixinais (2-1-2009), de Fiat, creados pola axencia Leo Burnett de Sao Paulo (Brazil). 

(A cera causa a súa calvicie)


(Asasinato por un tarro de ron vermello)

Os seguintes, «menos orixinais» (26-1-2009), de Mercedes, obra de Jung von Matt/Limmat, de Zurich (Suíza).

(As potas nunca paran)

(Non entrarei en pánico nun pozo)

(Era iso que vin un coche ou un gato?)

(Anuncios en ningunha parada)

(Ah! Un maia nunha Yamaha!)

A idea en todos eles, vender as excelencias dos sensores de aparcamento e das cámaras traseiras: como nos palíndromos, igual de ben para adiante ou para atrás. Que bo!

17 de xul. de 2016

Refráns ilustrados







Os refráns son un dos mellores espellos do modo de ser e de pensar dun pobo, con todas as súas virtudes e os seus defectos. A Churrusqueira peneira entre ese mar de ditos populares para nos ofrecer, baixo a etiqueta «refráns», unha coidada escolma. Ás veces estes refráns veñen acompañados dunha breve explicación; con todo, as imaxes que os ilustran xa dan unha idea ben clariña do seu significado. Gran traballo! Un recurso ideal para divulgar estas mostras da nosa sabedoría popular.

E para quen queira ter un refrán sempre á man, lembrade que desde hai uns anos dispoñemos da aplicación móbil Refraneiro Galego, para iOS e Android. Máis de 10.000 ditos populares de noso para consultardes en calquera momento en modo offline, sen necesidade de estar conectado a internet. Un verdadeiro tesouro!

http://refraneirogalego.com/

16 de mar. de 2015

Prohibidos os xogos de palabras

Débese facer un bo uso da linguaxe de forma estandarizada. Non se poden cambiar os significados dos refráns populares para fins comerciais, nin se poden usar palabras que proveñan de Internet ou que sexan adoptadas de linguas estranxeiras, nin tampouco se poden facer xogos de palabras. 
Así de rotundo atallou o goberno chinés o perigoso caos producido polos xogos de palabras nos medios de comunicación. Segundo el, estes enredos só serven para producir desinformación e confusión, especialmente entre os máis novos.

O primeiro albo desta férrea directriz foi a campaña de promoción da provincia de Shanxi (onde se atopan os milenarios guerreiros de terracota), cuxas autoridades tomaran un vello refrán, 尽善尽美 Jin shan jin mei (‘Todo moi bo, todo moi bonito’), e trocaran o carácter 尽, que significa ‘todo’, por 晋, que representa o diminutivo da rexión. E como os dous se pronuncian jin, quedara: ‘Shanxi é moi boa, Shanxi é moi bonita’.


Deste xeito, en defensa da saúde mental do seus cidadáns, o goberno chinés prohibiu os xogos de palabras, tanto orais como escritos, en libros, prensa, radio, cine, televisión...

Menos mal que algunhas normas teñen a mesma consistencia que as liñas trazadas sobre a superficie da auga. Como ben sabemos aquí, os xogos verbais e a cultura tradicional aliméntanse mutuamente desde o comezo dos tempos. E máis nunha lingua como a chinesa, con abundancia de vocábulos homófonos que só poden ser interpretados polo contexto e que, daquela, xeran constantes dobres sentidos e xogos de palabras. 

E se non, que llo pregunten ao bo de Zhao Yuanren. Pobriño del hoxe en día!

16 de feb. de 2015

Terceiro aniversario!


Un aniño máis. E xa van tres!
Para celebralo, un agasallo.

Sempre me marabillaron as cantigas de amigo do noso Martín Codax
O seu xogo constante entre repetición e variación (paralelismo, refrán, leixaprén)
convérteas en verdadeiras pezas de encaixe ludolingüista.


E de todas as versións musicadas das súas pezas que circulan pola rede,
esta de «Quantas sabedes amar amigo» é unha das miñas predilectas.
Unha xoia de Owain Phyfe, intérprete especialista en música medieval,
gravada no 2010 na Twig Renaissance Faire, aló por... Minnesota!



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...