Amosando publicacións coa etiqueta animación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta animación. Amosar todas as publicacións

25 de out. de 2017

Mamihlapinatapai



De paseo pola rede enganchei nunha silveira, e alí quedei, entretido durante un bo anaco. Foi ao dar coa palabra mamihlapinatapai da lingua yámana ou yagán, propia dos indíxenas homónimos da Terra do Fogo, no extremo austral de Chile e da Arxentina.

Descubrín casualmente que, segundo o Libro Guiness, esta é considerada a palabra máis sucinta do mundo, é dicir, a voz única e independente que expresa o concepto máis amplo e complexo.

O seu significado seica é: ‘unha mirada entre dúas persoas, cada unha das cales espera que a outra comece unha acción que ambas as dúas desexan pero que ningunha se anima a iniciar ou suxerir’.

A Wikipedia explica así a súa estrutura morfolóxica:
prefixo ma(m)- de tipo reflexivo pasivo + raíz ihlapi, que significa ‘estar confundido sobre o que facer despois’ + sufixo condicionante -n e sufixo -at(a), que implica ‘logro’ + sufixo -apai, que ao coincidir con ma(m)- adquire un significado de reciprocidade
Esta é a maxia das linguas polisintéticas, que, a base de agregar morfemas nun só termo, poden expresar ideas dunha sutileza abraiante como a anterior. Ideas que todos somos quen de identificar pero que desde o galego só poderiamos expresar con toda unha oración, case cun relato breve.

A mágoa é que xa só unha persoa no mundo pode expresarse en yámana ou yagán. Cristina Calderón, nada en 1928, é a derradeira falante deste idioma. Para desgraza de todos, a súa lingua e a visión particular do mundo que nela reside tamén desaparecerá con Cristina. Outro tesouro perdido! Seremos quen de vernos nese espello?!

5 de set. de 2016

Un novo recuncho ludolingüístico!



Todos os que, coma min, devezades polos xogos de palabras non podedes perder unapalabra, o meu último descubrimento na rede. Trátase dun espazo ludolingüístico creado polo deseñador gráfico mexicano Ivan W. Jiménez.

Ivan é un deses deseñadores fascinados pola palabra en todas as súas dimensións: semántica, formal e gráfica. Un bo día, despois de andar de parola cun amigo universitario, descubriu o concepto de metagrafo (neoloxismo referido á alteración gráfica dunha palabra que dá lugar a unha nova interpretación, moitas veces, cargada de humor). De volta á casa, a súa cabeciña non parou ata crear o seu primeiro metagrafo (que lembra algúns poemas visuais que xa pasaron por aquí). Así o explica:
Foi así que, a partir dunha emoticona nace unapalabra, dun momento feliz representado por dous puntos «:» e un «D» maiúsculo; mesma letra incluída na palabra «felicidad». Entón, a través dunha pseudo-epéntese (adición dun fonema ou máis no interior dunha palabra) integro outro signo –alleo á palabra– para pretender simpatía: FELICIDA:D
En unapalabra Ivan recolle unha chea de xogos verbais de creación propia. Os xa mencionados metagrafos.


Calembures. Algún, coma o seguinte, con seu abraiante deseño ambigramático!


Palíndromos ilustrados.


Ou mesmo propostas lúdicas como esta, a medio camiño entre o palíndromo e a adiviña gráfica. Seguro que o dades resolto: é doado!


24 de feb. de 2016

Bo día de Rosalía!



O día 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, figura nuclear das nosas letras e, para orgullo de todos nós, autora de recoñecemento universal. Hoxe súmome ás celebracións deste aniversario divulgando, sen máis, dous magníficos recursos audiovisuais que xa teñen un tempo.

Encabezando a entrada, a fermosísima animación do clásico poema rosaliano «A xustiza pola man». Peza creada polo alumnado de Debuxo Artístico de 2º de Bacharelato do IES As Barxas (Moaña) e gañadora do Festival de Audiovisual Escolar «Olloboi» na súa edición do 2015.

E pechándoa, se premes aquí ou na imaxe, tedes a unidade didáctica «Xogando con Rosalía», elaborada no 2012 pola biblioteca do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela (Redondela). Unha proposta chea de xogos e actividades interactivas para nos aproximar á vida e á obra da poeta galega.

http://www.chiscos.net/xestor/chs/ninivarela/xogando_con_rosali_a/xogando_con_rosali_a.html

Bo día de Rosalía!

10 de out. de 2015

Fascinantes casas alfabéticas









Deepblue Networks, axencia de comunicación alemá, tirou bo partido da creatividade do deseñador gráfico Florian Schommer. Fíxoo a través do proxecto Das Kreative Haus, unha preciosa serie de edificacións coa forma das oito letras do nome da axencia. Deseños ben fermosos, cheos de detalles e con vida propia grazas aos gifs que inclúen.

Outro abraiante alfabeto arquitectónico que se suma aos de Antonio Basoli, Jing Zhang e Johann D. Steingrübe.

Paga a pena dedicar uns minutos a cada peza, mestura de ilustración, tipografía, arquitectura e animación. Quen dá máis?!

13 de abr. de 2015

O poder da coma


Non hai moito, camiño de volta á casa, tiven esta conversa vía WhatsApp:
—Urxe comprar algo?
—Non comprei pan.
Parei a mercar e, como podedes imaxinar, ao entrar pola porta da casa, descubrín que acababa de gastar nunha barra de máis o que se aforrara comas («Non, comprei pan»).

Unha anécdota sobre o valor da ortografía que deu para unhas risas e que me volveu á cabeza ao descubrir, en tranfegandoronseis, este vídeo sobre a difícil vida da coma, e doutros signos ortográficos, nun mundo rexido pola angustiosa rapidez dos soportes virtuais. Un mundo de crise e de precariedade laboral, sen dúbida. ;-)


E para compensar tanto «desleixo ortográfico», aquí deixo a ligazón dunhas completísimas actividades interactivas elaboradas por José M. Boo Pouso do CEIP de Frións (en Ribeira).

10 de maio de 2014

Karaoke coa «Galinha pintadinha»



Xa tocaba engadir máis doas ao noso karaoke. E desta vez comezamos cunha peza ben acaída para o mes das flores: «Alecrín dourado». Esta xoia da nosa tradición, con versións tan fermosas como a de Uxía Senlle, tamén se estendeu, polo que se ve, máis alá do Atlántico.

O vídeo tomámolo da Galinha pintadinha, un proxecto musical para o público infantil creado polos publicistas brasileiros Juliano Prado e Marcos Luporini. Paga a pena deixarse caer pola súa web e gozar doutras xeniais animacións como «O elefante» ou «Dona aranha», ideais para os máis pequenos.

A xeito de despedida outro dos seus clásicos: «O sapo não lava o pé», co engado do xogo monovocálico. Veña, a cantar!

19 de mar. de 2014

Agasallos para xentiña «nikelada»



Se cadra, comeza a poñerse de moda o obsequio do sacho. En tempos de crise, non é mala cousa! En todo caso, atoparedes agasallos a eito en Nikkis Galicia Style: camisetas, mandís, cuncas, paraugas, calzóns...

Un grupo de deseñadores e ilustradores, entre os que se atopa o noso admirado Luís Davila, participan neste proxecto comercial. Xa trouxemos por aquí outras iniciativas semellantes e todas con ese aquel de orgullo enxebre e moito, moito sentido do humor.

Como podemos ver deseguido, tampouco lles falta arte á hora de xogar coa lingua. Repara nestas estampas de camisetas de Nikkis Galicia Style. Localiza nelas os recursos da homofonía, homonímia, paronimia, e calembur.




16 de out. de 2013

O chintófano alfabético



A solución ao eterno dilema do movemento perpetuo. Trátase de Alphabet Contraption (algo así como «chintófano alfabético»), unha engaiolante animación de finais dos anos 60 do século pasado. Nela, unha desas máquinas Rube Goldberg que tanto me gustan desvela completiño o abecedario inglés: o «a» que se acende dentro dunha lámpada, o «f» que se eleva nunha burbulla, o «r» que sae dun reloxo de cuco...

Unha das curtas máis vistas en Sesame Street, o programa educativo para público infantil coñecido polo mundo adiante con diferentes nomes: Vila Sésamo (no Brasil), Rua Sésamo (en Portugal), Barrio Sésamo (en España), Parque Sésamo (en México)... Fogar dos inseparables Epi e Blas, da ra Gustavo ou da porquiña Peggy.

Dálle ao play, entra no bucle e aprenderás enteiriño o alfabeto inglés! Ánimo!

4 de xul. de 2013

«Typolution», o noso mundo en letras



Xa vimos noutras entradas, como aquí ou aquí, que a combinación de tipografía e imaxinación pode crear marabillosas pezas de arte. É o caso tamén da animación Typolution (2007), do deseñador francés Olivier Beaudoin. Unicamente con tipos gráficos (letras, parénteses, acentos...), ofrece unha visión metafórica da contradición entre a natureza e o desenvolvemento humano. O peche do vídeo, co signo de interrogación, simboliza á perfección incógnita do noso futuro. Algo importante no que cavilar.

Esta animación, que recibiu numerosos premios internacionais, resulta aínda máis fermosa grazas á súa banda sonora: o tema «Nostrand» do grupo novaiorquino de rock electrónico Ratatat.

Dádelle de novo ao play e a gozar de Typolution.
Solución aos chistes de Xosé Lois (28-6-2013): Paronimia (email - e maila). Calembur (estímulo - es ti mulo). Polisemia (dependenteempregado que atende os clientes nun comercio’ - dependente ‘que depende’). Homonimia (sedesensación producida pola necesidade ou a gana de beber’ - sededominio principal dunha determinada organización’).

16 de xuño de 2013

A máxica historia de Anina



Anina é unha nena de 10 años, intelixente, espelida e inqueda, que vive atormentada porque non lle gusta o seu nome, composto por tres palíndromos: Anina Yatay Salas. Ese triplo nome palindrómico é una carga: por mor del ten pesadelos e é obxecto das burlas doutros nenos. Un día ten unha pelexa coa súa compañeira Yisel, vista inicialmente como a antagonista, e ambas as dúas son castigadas: cada unha recibe un sobre que non deben abrir durante unha semana. Isto serve de punto de partida para unha historia que nos fala do proceso de crecemento e do poder máxico do palíndromo. Un poder que lle permite a Anina ver as cousas de ida e volta.

No inicio foi o libro: Anina Yatay Salas (2003), do uruguaio Sergio López Suárez. O ilustrador desta obra, Alfredo Sorderguit, decidiuse pouco despois a trasladar o relato á gran pantalla. E así naceu Anina, un filme de animación cheo de sensibilidade e de beleza plástica que recibiu este mesmo ano 2013 varios premios: Mellor Película Estranxeira do BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente) ou Mellor Película e Mellor Director na sección «Colombia ao 100%» no Festival de Cine de Cartaxena de Indias (Colombia).

Dei con esta xoia desde o Movemento Rever. Quen sabe? Agardemos que Anina gañe aínda moitos máis premios internacionais para termos a unha pequena posibilidade de vela estreada en Galicia.

17 de maio de 2013

«Eu tiña un ratiño»



Xa vimos aló atrás a utilidade das cancións acumulativas: esas pezas con textos que medran e medran engadindo de cada vez novos elementos. Divertidos xogos musicais que poñen a proba a nosa memoria e tamén... a nosa capacidade pulmonar!

Desta volta presentamos unha nova canción deste tipo. Trátase de «Eu tiña un ratiño», composta por Manuel R. Crespo, profesor de Música do CEIP O Sello, de Cabral (Vigo). Aí vai a letra (no comezo do vídeo tamén podemos atopar a partitura):
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou.
E veu o gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu o can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu o lume
que queimou o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ó gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou. 
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu a auga 
que apagou o lume
que queimou o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou. 
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu a vaca
que se bebeu a auga 
que apagou o lume
que queimou o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou. 
E veu o home
que *ordeñou a vaca
e fixo queixo manteiga e iogur.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou.
O propio Manuel R. Crespo comenta na ligazón onde topei o vídeo que se trata dunha versión da canción infantil italiana «Alla Fiera Dell'est», de Angelo Branduardi. Para poderdes comparar, aquí deixo estoutro vídeo coa versión italiana en forma de animación. A gozar! Ah, e a practicar coa vosa memoria!


27 de mar. de 2013

O gato que resolveu o encrucillado



Félix o gato é a primeira grande estrela do mundo dos debuxos animados. Creado polo caricaturista e animador estadounidense Otto Messmer, fixo a súa aparición aló polo 1900 en forma de tiras cómicas. En 1922, Félix converteuse en protagonista dunha serie de animación en branco e negro de 154 episodios.

Este gato negro de amplo sorriso vive nunha gran casa e sempre está disposto a vivir novas aventuras. No caso do episodio que encabeza este post, Felix All Puzzled (1925), Félix viaxa ata a Rusia da Revolución para poder dar solución a un encrucillado. Só unha palabra resta para completalo: a primeira das verticais.

Se prestaches atención ao vídeo, seguro que descubriches esa palabra. Mais, poderías ti traducir o texto completo do episodio?

7 de feb. de 2013

Pat e Mat e a paixón polos encrucillados

Pat e Mat son dous veciños chapuzas que decote se deben enfrontar a todo tipo de problemas domésticos. Na súa teimosía nunca desisten ata atopar unha solución, sempre de forma creativa: proxectan, reparan, recompoñen e constrúen ata crear os artefactos máis inverosímiles (que recordan ás máquinas de Rube Goldberg). E o caso é que Pat e Mat son tan teimudos e imaxinativos como torpes. Para o noso sorriso, o único que conseguen despois de tantos esforzos é, como non, xerar novos problemas.

Deseguido veremos todo o que chegan a argallar para poder dedicarse a unha das súas grandes paixóns: resolver encrucillados.



Hai que ver a onde nos pode levar o gusto polos xogos de palabras!

En fin, Pat e Mat foi unha serie televisiva de humor creada coa técnica de stop motion por Lubomir Benesz. Unha entrañable mostra da mellor animación da Europa do leste naqueles arredados tempos da Guerra Fría. Desde os años 70 e sen necesidade de palabras, estes personaxes fixeron gozar as familias da súa orixinaria Checoslovaquia e ao pouco o seu éxito foi espallándose por todo o mundo. Aquí deixo unha ligazón onde podedes atopar outros capítulos desta fantástica serie.

5 de dec. de 2012

A poesía visual de Joan Brossa



Un poema pode ter máis forza ca calquera arma de fogo. O alfabeto (e a lingua) é a chave coa que abrimos o mundo (que xenial coincidencia cos versos do noso Manuel María!). O oco que deixan as letras «C», «H» e «E» no alfabeto simboliza o baleiro que deixou a figura do «Che» Guevara. Cada persoa, única como a súa pegada, atópase nun mundo que é coma un xogo de palabras cruzadas.

Catro interpretacións para estes catro poemas visuais do catalán Joan Brossa (1919-1998). Autor de fonda inquietude experimental, Brossa traballou en múltiples ámbitos: poesía, escultura, teatro, cine... Este continuo afán de investigación encamiñouno progresivamente cara á poesía visual. Nun mundo no que a palabra entra en crise fronte ao esmagador poder da imaxe, Joan Brossa reclama un espazo para este tipo de poesía. Nas súas palabras:
«A poesía visual creo que nace a causa da importancia que ten a imaxe no noso mundo. A sociedade ofréceche unha serie de códigos ao teu alcance que se poden utilizar doadamente; por exemplo, a xente está afeita a ver unha frecha e a entender a súa mensaxe. Daquela, todo este sistema de linguaxe pódese aplicar á poesía. De feito, é volver aos pictogramas. O principio da escrita remítenos aos pictogramas e aos ideogramas. É necesario reencontrar na imaxe das letras a pegada dunha figuración perdida».
Xa vimos nunha entrada anterior unha curmá da poesía visual: a poesía concreta. Por que non espertar o/a poeta visual que levades dentro? Para vos animar, aquí deixo un vídeo dedicado a Joan Brossa no que se animan algunhas das súas pezas.


26 de nov. de 2012

«Words»: a loita coas palabras



Unha silueta humana loita contra un ambiente violento, composto exclusivamente por texto escrito. Esa persoa anónima non pode evitar os ataques e debe engulir as palabras para recuperar, ao cabo, a harmonía. Unha fermosa animación que nos fala da experiencia de ter dislexia, do desafío de aprender desde a diferenza e da grandeza de superalo.

A peza, titulada Words (2009), foi creada polo realizador estadounidense Max Strebel e resultou premiada en diversos certames de curtametraxes. Máis de 800 imaxes pintadas, unha a unha, sobre texto de libros e que logo se enlazaron mediante a técnica do stop motion. De prestardes un chisco de atención á súa banda sonora, da compositora Dosia McKay, decatarédesvos que só interveñen nela dous instrumentos: un piano e... unha máquina de escribir.

En fin, outra animación máxica para nosa colección. Dádelle de novo ao play e a gozar!

17 de xul. de 2012

«TXT ISLAND»: a invasión das letras mutantes


E volvemos á técnica da animación stop motion. Agora coa curtametraxe TXT ISLAND (2009): unha aventura de ton épico que acaba por se converter nunha ocorrente crítica do consumismo e do progreso insustentable. Unha burbulla de luxo e luces de neon que finalmente fai... bluf! Que familiar resulta!

O seu autor, o deseñador gráfico británico Chris Gavin, confesa na súa propia web que todo xurdiu cando, seis anos antes de crear o filme, comprou nunha tenda de segunda man unha caixa coas letras de plástico e o taboleiro que lles serve de base. Comezou a xogar e a formar figuras ata descubrir que podía crear simbolicamente grandes escenas que doutro xeito serían inviables por custo ou por tempo. Por exemplo: un «O» (o maiúsculo) e un par de «x» (xes minúsculos) podían converterse nun helicóptero Chinook en pleno voo. E este foi o xerme desta orixinal animación que nos amosa o alfabeto completo a invadir unha illa paradisíaca.

Segundo comenta Gavin, levoulle uns nove meses rematar esta pequena obra mestra (que contou co seu propio trailer). Con ela demostrou que para narrar grandes historias non son necesarios moitos medios, basta con boas doses de creatividade e ganas. Iso si, desde que vin o vídeo por primeira vez, non podo evitar sentir certa inquedanza cando vexo varios «i» agrupados...

24 de maio de 2012

O poder das palabras e das imaxes

Anthony Nold é un mozo estadounidense cun gran talento para a ilustración. Nesta web podes atopar brillantes mostras do seu traballo e, de todas elas, a que máis me fascina é a que vemos deseguido. Unha semente que xermola e medra ata se converter nun orixinal xogo de agudeza visual. O propio Nold presenta o reto ao comezo da animación: «Intenta descubir todas as palabras ocultas no debuxo». Ánimo e a exercitar a agudeza visual.



Que? Como foi a pescuda? Epic, awesome, notorious, freedom, stupid, hate... e moitas outras. E para rematar, unha lúcida cita do autor sobre o poder das palabras: Words aren´t just a bunch of letters. They are quite powerfull. Be sure to choose the ones you use carefully («As palabras non son só unha morea de letras. Elas son moi poderosas. Asegúrate de escoller as que usas con coidado»).

O vídeo anterior está elaborado, como outros de Anthony Nold, mediante stop motion, unha vella técnica de animación que logra crear ilusión de movemento mediante fotografías sucesivas de obxectos estáticos lixeiramente modificados.

Moitas escenas animadas que circulan pola rede están realizadas deste xeito, tan laborioso como efectivo. Velaquí outra mostra das posibilidades desta técnica cun fermoso vídeo do obradoiro de stop motion da aula de Plástica do IES As Barxas (Moaña) e tamén un titorial sobre como foi o proceso de creación.

6 de maio de 2012

De «quiquiriquí» a «cock-a-doodle-doo»


Orixinal animación creada polo deseñador gráfico estadounidense Gregory Stewart e composta unicamemente por onomatopeas. A onomatopea, como é sabido, é un tipo de palabra que imita sen máis os sons da vida real: o ronquido dun home, o choro dun bebé, o miañar dun gato, o traqueteo dun tren, a freada dun coche... O anterior relato animado faise así comprensible en calquera parte do mundo.

O máis curioso é que, con todo, as onomatopeas poden diferir enormemente dunha lingua a outra. Nesta curiosa web podemos ver, por exemplo, como soan as voces dos animais en diferentes idiomas (mágoa que falte o galego!). Como é posible se o seu referente, o son que imitan, é idéntico en todas partes?

Cada lingua ten o seu propio sistema fonético e morfolóxico e cada sociedade humana ten a súa propia maneira de interpretar sons similares. Ademais, unha vez fixada a onomatopea en cada pobo, esta evoluciona á par da lingua e da cultura local ao logo de miles de anos. Por todo isto, podemos entender que para os galegos o galo cante «quiquiriquí» e para os ingleses «cock-a-doodle-doo». Todo un canto á inevitable diversidade lingüística!

E para rematar, aí van un par de fragmentos de poemas clásicos das nosas letras que amosan a forza expresiva e lírica das onomatopeas.
Canción das tres cucharas (con versión musicada)
Tac, tac, tac
cuchara de pau
cunca de madeira
o meu neno
está na lareira. [...]

           Luís Pimentel 
Poema nuclear (con versión recitada)
[...] A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas,
aviña ven, vela ahí ven, bon amigo.
¡Estános ben! ¡Está ben! ¡Está bon!
¡¡¡Booong!!!

           Celso Emilio Ferreiro
Animádesvos a facer os vosos propios poemas con onomatopeas?
Solucións aos xeróglifos (2-5-2012): Atrasa (A tras a) / Debe entregalos o luns (De be entre galos o L uns) / Desconfío da noiva (Des con fío dá noiva –avión ao revés–) / Iria en Ribadavia (I ría enriba da vía)

21 de abr. de 2012

No fondo dunha sopa de letras

Que misterio se oculta no fondo dunha sopa de letras? Aquí deixo unha belísima e inquietante animación que ofrece a resposta. A peza foi creada por Simon Moreau, Joris Bacquet e Bastien Dubois, estudantes franceses de Supinfocom, unha escola de animación con sedes en Francia e na India. Conta a historia dunha nena que cae no interior dunha sopa de letras e descobre o que alí se agocha...

                                    

Despois de ver esta animación, un agradece o «poder liberador» das onomatopeas e, ademais, comprende o proverbial rexeitamento de Mafalda pola sopa.

E todo isto sérveme para conectar coas outras sopas de letras: o pasatempo. Como xa amosou Borges no marabilloso relato «El libro de arena», non hai mellor lugar para agochar unha folla ca un bosque e non hai mellor sitio para ocultar un libro ca unha biblioteca. Pois o labiríntico pasatempo da sopa (ou caldo) de letras demóstranos que non hai mellor forma de agochar palabras. De feito, todos temos deixado algunha que outra dioptría na busca das voces camufladas. En relación con isto, aquí deixo un par de enlaces de interese:

O primeiro é o da web educaplay, que permite xerar de forma gratuíta distintos pasatempos e xogos de palabras (entre eles, as sopas). 

O segundo é un recurso da veterana web galego.eu no que podemos resolver online varias sopas de letras en galego. Foi creado por Anxo González Guerra, antigo profesor meu de Bacharelato, e por Victoria Ogando Valcárcel. Convídovos a resolvelas!

Solución á ordenación das series de letras (15-4-2012): O C E T C O L H A (CHOCOLATE) / A T R U G A T R A (TARTARUGA) / H A C H E L C U M  (CHUCHAMEL) / R E R A F R I R A (ARREFRIAR)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...