Amosando publicacións coa etiqueta artes visuais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta artes visuais. Amosar todas as publicacións

21 de mar. de 2018

Tipografía primaveral




Aló vai o primeiro día de primavera. Á espera do primeiro día primaveral, aquí queda un abecedario feito con gromos, follas e floreciñas naturais. Así é o engaiolante BlossomType, un proxecto da diseñadora gráfica Alice Mourou cando traballaba para a axencia Zero de Moscova.

O seguinte vídeo permite que nos fagamos unha idea do esforzo meticuloso que supuxo crear a man cada letra e cada número. Unicamente empregou o photoshop para corrixir ou definir a cor dalgunhas flores.



Visitando a web do proxecto tamén podedes atopar un xerador automático de texto con esta delicada tipografía botánica. Probade!

18 de nov. de 2017

Abraiantes homes e mulleres de letras











A revista brasileira Serrote, especializada en artes visuais e literatura, publicou hai uns anos un número especial que incluía unha serie de retratos de escritores usando só as letras dos seus nomes: Carlos Dumond de Andrade, Joseph Conrad, James Joyce, Edgard Alan Poe, George Bernard Shaw, J. M. Coetzee, Oscar Wilde, Shalman Rushdie e Virginia Wolf. 

Ao dar casualmente con estes pinacogramas, unha das miñas debilidades, comecei a pescuda. Ao parecer eran obra dun tal Roberto de Vicq, deseñador gráfico nado en Rio de Janeiro, aínda que instalado desde moi novo en Nova York. 

Resultan admirables estes retratos pola súa beleza, pola súa expresividade e pola fidelidade cos rostros dos protagonistas. E cada imaxe coa súa propia tipografía! 

Como podemos comprobar na web persoal de Roberto de Vicq, o proxecto dos retratos con letras xa xurdira nunha obra previa, Men of letters... (2007). Unha verdadeira marabilla con outras pezas abraiantes, como os retratos de Franz Kafka ou de Mark Twain.


Recomendación final, paseardes devagar polo recuncho na arañeira deste deseñador para gozar de todos os seus outros proxectos: ilustración, logos, carteis...

29 de out. de 2017

O alfabeto da paisaxe






Charles Joseph Hullmandel foi unha das figuras senlleiras da arte litográfica inglesa durante a primeira metade do século XIX.

Nos vastos fondos do Museo Británico é posible atopar unha fantástica colección de 26 gravados seus que recrean as letras do alfabeto a través de paisaxes románticas, moi de moda no seu tempo. Campos, castelos, ribeiras, barcos, escenas mariñas... Trátase de The Landscape Alphabet (ou O alfabeto da paisaxe).

Outra marabilla para devotos da representación creativa das letras. Unhas pezas para contemplar devagar e perderse nelas, como con aquelas outras de Antonio Basoli

15 de set. de 2017

O «Alfabeto fantástico» de Master ES

Letra X

Master ES (1420-1468) foi un excepcional gravador e orfebre alemán non identificado do periodo gótico tardío. Recibe este nome polo monograma que aparece en moitas das súas láminas: M+S.

Entre os seus traballos máis brillantes atópase un alfabeto coñecido como «Grotesque figures» ou «Fantastic Alphabet», realizado entre 1470-1475. Vinte e tres pranchas que amosan a excelencia da súa técnica e o seu agudo sentido do humor e da sátira. Cada letra representa unha escena ou tema e xorde da combinacion de monstros, seres híbridos, campesiños, relixiosos, animais...  

Ao parecer, ningún museo é posuidor dun alfabeto completo. Só é posible ver todas as letras se se viaxa dun a outro: Oxford, Londres, Berlín, Dresde... Ou, como alternativa máis económica, tamén aquí. A gozar!

Letra E

Letra M

Letra I

Letra D

5 de xul. de 2017

Máis palabras que cobran vida



Un vídeo realmente cativador, deses que tanto nos gustan aquí en Xogosdelingua. O seu autor, o director e ilustrador neoiorquino Greg Condon, titulouno Disillusionment of 10 Point Font. Un exercicio de creatividade tipográfica feito a partir dunha máquina de escribir Smith Corona Galaxie Deluxe e da técnica do stop motion

Sink (‘depresión’), lazy (‘preguiceiro’), pin (‘alfinete’), orbit (órbita), happy (‘ledo, feliz’), miss (‘erro’)... Palabras que cobran vida convertidas en fantásticas metáforas visuais, como sucedía naquel tamén xenial Word as Image de Ji Lee. E o son, de One Thousand Birds, que lles dá aínda máis forza. Non perdades detalle!




Visto en Unapalabra.

7 de xuño de 2017

«O céu sueco»

O gol, Edson, nos dê logo!

Até o poeta
método tem,
a rima mira.

Ah, Ana, bacanal lá na cabana há.

Luz, ar, amo o mar azul.

A mãe afro adota toda orfã e ama.

A parella formada polos brasileiros Caio Nogueira Zerbini e Luiz Araújo Florence pasa a ampliar a nosa xa nutrida listaxe de creadores de palíndromos ilustrados, unha das miñas debilidades ludolingüísticas.

Dei con eles case por casualidade. Caio é quen dá forma ao texto simétrico e Luiz ocúpase de deseñar a imaxe que o ilustra. Unha asociación redonda que vai amosando as súas pezas en Facebook no espazo «O céu sueco». Que dure!

14 de maio de 2017

How to draw a cat


Un dos xogos que mellor funciona cos pequenos aos que lles dou Inglés son os deseños nos que o debuxo dun elemento xorde, como por arte de maxia, a partir da palabra que o designa. Por Internet circulan moitos exemplos.





Os primeiros que adoito facer con eles, pola súa sinxeleza, son o de boy e o de girl. Tempo despois, cando comezamos a traballar o vocabulario dos animais, veñen outros como os de dog, cat, bee, owl...



Unha verdadeira marabilla de actividade para a que non se precisa unha destreza especial no debuxo e que lles permite memorizar de forma lúdica e creativa estas palabras. Sempre van para a casa entusiasmados e impacientes por lles amosar o truco aos seus maiores.

25 de abr. de 2017

Banksy, ludolingüista


Banksy é o pseudónimo do artista urbano máis coñecido dos nosos días. Coñecido si, mais del case nada se sabe: que é de Bristol ou dos seus arredores, que comezou a «graffitear» a finais dos anos 80 e que emprega a técnica dos padróns xa que lle permiten actuar coa rapidez necesaria para preservar o seu anonimato. 

Obras cheas de creatividade e de espírito subversivo que están espalladas xa por todo o mundo. Claro que hoxe é case máis doado ver o traballo de Banksy nunha galería de arte, nunha camiseta ou nun bolso, ca nun valo de ladrillo. 

Arriba, unha das súas pezas convertida en gif. Aínda que a arte de Banksy explota basicamente a metáfora visual, hoxe tróuxeno onda nós polas súas instalacións ludolingüísticas, isto é, por esas obras nas que o artista decide enredar coas palabras e coas letras. Unhas cantas xoias coma estas.

Swing Girl – Os Ánxeles

Pintura en aerosol sobre lenzo 

Enjoy your life/lie – Londres

No Future – Southampton

1 de abr. de 2017

Arte ludolingüística polas paredes


Non, non é unha estraña palabra nunha lingua decoñecida. O que vemos nesta parede é unha palabra inglesa que podes recoñecer perfectamente. Probaches a lela seguindo o movemento do péndulo comezando polo «P»? Pois xa o tes!

Encher as paredes con orixinais xogos de palabras como o de arriba («Pendulum», Barbara Krakow Gallery, Boston) é a ocupación principal de Kay Rosen, artista gráfica estadounidense. Nada en Corpus Christi, Texas, Kay estudou lingüística e idiomas na universidade, mais en lugar de continuar unha carreira, digamos, «académica», aló polo anos 70, comezou explorar a linguaxe como obxecto lúdico e artístico. 

E desde entón as súas pezas, cheas de enxeño, foron aparecendo en museos e valados por todo o mundo. Aí van algunhas destas perlas gráficas ludolingüísticas de gran formato. A gozar delas!

«Go Miami/Amigo Miami», Art Basel Miami Beach, Miami (EEUU)
(calembur, anfiboloxía)

   
«Construction Zone», Aspen Art Museum, Aspen (EEUU)
(bifronte, monovocalismo)

«This Means War…», Ingleby Gallery, Edinburgh (Escocia)
(paronimia)

«Elvis, Elvis», Museum of Contemporary Art, Chicago (EEUU)
(anagrama)

«Divisibility», Kunsthalle Bielefeld (Alemaña)
(monovocalismo, sesquipedalismo, trabalinguas) 

31 de xan. de 2017

Os palíndromos tamén venden

Os nomes comerciais e os deseños de logotipos non adoitan crearse ao chou. A mente sempre fervente dos publicistas sérvese decote da ludolingüística para inspirar as súas creacións. Xa temos visto marcas monogramáticasambigramáticas e monovocálicas

Hoxe, unha listaxe de nomes comerciais palindrómicos, é dicir, que tanto se len do dereito como do revés. Designacións que resultan eufónicas ao oído e brillantes á vista. Outro exemplo máis do enxeño creativo na publicidade. E a orde? Pois sinxelo, dos máis breves aos máis longos. Aí van:

Para moi nostálxicos, deterxente ESE

Máis deterxentes: OMO

Arroz valenciano SOS

Pegamento alemán UHU

Buscador para as vacacións KAJAK

Asistencia sanitaria ASISA


Caramelos suízos SUGUS 

Clara de ovo pasteurizada OVONOVO

Colectivo de deseño internacional OVONOVO

OROBORO, produtora audiovisual compostelá


Marabilla palindrómica e ambigramática
(desenho de logotipo.pt):
OROBORO, bixutería artesanal
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...