Amosando publicacións coa etiqueta Paco Martín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paco Martín. Amosar todas as publicacións

25 de xul. de 2016

Os fíos da vida


No outono do 2005, Agustín Fernández Paz andaba a últimar o seu libro O Raio Veloz (2006). Nesta obra teñen unha presenza especial os xogos de enxeño e de palabras. No capítulo 2, por exemplo, aparecen unhas adiviñas populares tiradas do clásico ¿Qué cousa é cousa...? Libro das adiviñas (1985), de Paco Martín. No capítulo final, Adrián, o protagonista, recibe unhas misteriosas mensaxes anónimas en forma de xeróglifo. Unha tarde, Agustín telefonoume: precisaba da miña colaboración para deseñar esas crípticas mensaxes. Para min foi unha honra e un pracer. Sen desvelar o enredo que encerra, aquí deixo o pasatempo que preparei seguindo as súas orientacións.


Eu coñecera persoalmente a Agustín aló polo 1993, nun curso de formación de profesores. Foi un privilexio poder compartir aquelas horas de intensa aprendizaxe con alguén da súa experiencia e da súa valía. Ao finalizar a derradeira das sesións achegueime a el para lle entregar un orixinal que acababa de rematar, un modesto traballo centrado no enfoque lúdico da didáctica da lingua. Agustín, amable e xeneroso, recolleu aqueles folios co compromiso de lelos e de darme a súa valoración. Seu dito, seu feito: ás poucas semanas, por correo, recibín de volta o material e a súa resposta. Dicíame que compartira a lectura con Paco Martín e animábame a buscar unha editora. A súa primeira recomendación, un novo selo galego que estaba a dar os primeiros pasos: Rodeira.

As casualidades fixeron que esa obra se publicase finalmente en Xerais: Xogos de lingua. Técnicas de comunicación oral e escrita (1994). E as casualidades fixeron tamén que só un ano despois me incorporase á editorial Rodeira.

Cando tempo despois comecei a traballar no Fogar de Santa Margarida, souben do paso polo centro de xente como Agustín Fernández Paz, Xabier P. DoCampo ou Xavier Senín, profesores mozos que, aló polos anos 70, participaran en cursos de intensa innovación pedagóxica inspirada nas ideas de Helen Parkhurst e no seu Plan Dalton. En varias ocasións temos gozado no Fogar da presenza de Agustín cando, no seu paso pola Coruña, se achegaba para saudar os vellos amigos.

Así, de cando en cando, os «fíos da vida» foron entrelazando, por sorte para min, os nosos camiños. Xa non poderei agradecerlle persoalmente as palabras xenerosas que ás veces dedicaba en Twitter a este recuncho de Xogosdelingua. Tan só unha humilde homenaxe: incluír O Raio Veloz na nosa «bibliografía ludolingüística básica». Mestre, grazas!


12 de xul. de 2014

De Cicerón a Paco Martín


De non haber probas fotográficas, calquera diría que a anécdota que ocupa a entrada de hoxe puido ser froito do maxín do seu protagonista, Paco Martín. Mais o caso é que a imaxe aí está, para dar fiel testemuño do ocorrido hai agora tres anos.

Nun solleiro día de xullo do 2011, o escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado na súa cidade pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto central desta homenaxe era o descubrimento dun monolito conmemorativo. Nel debía aparecer un fragmento dun clásico de Martín, Das cousas de Ramón Lamote, mais no seu lugar estaba gravado o «Lorem ipsum», texto orixinalmente escrito por Ciceron e que se emprega como recheo en probas tipográficas e de edición.

Así se describe o acontecido na propia web da AELG:
Javier Hita e David Soengas, traballadores da pedra ou, dito doutro xeito, escultores e artesáns, recibiron a encarga de preparar un monolito en homenaxe ao escritor Paco Martín. Botando a vista ao procedemento que seguiron, os artistas explican que nun principio lles resultou estraño que un escritor galego contemporáneo acudise ao latín para escribir. [...] David di: «Home, eu cando o vin dixen ‘mira ti para os escritores galegos’, porque non cría que Das cousas de Ramón Lamote estivese escrito en galego...». E a Javier soáballe de algo o de «Lorem ipsum» pero non traballou máis esa sensación pasaxeira. Incluso durante o proceso de gravado chanceaban entre eles dicindo «mira que ben o fago eu, sabemos latín e todo».
Chegou o día da homenaxe en vida ao escritor. A pedra foi colocada no seu sitio e cuberta cunha lona e a bandeira galega. No momento de retirar a lona que cubría a peza de solemnidade todo o mundo quedou moi sorprendido. [...] Non houbo asubíos, nin reproches, nin malos xestos, nin malos modos porque todos acudiron ao sentido do humor para xustificar a equivocación. O primeiro foi Paco Martín e logo o resto dos seus compañeiros que non pararon un minuto de facer chanzas coa gran equivocación e o escritor homenaxeado foi quen deu as grazas ao público congregado. 

O propio presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, explicou ao Xornal de Galicia que «foi unha simple anécdota» e recordou que no momento da inauguración ao ver o monolito explicou: «Isto foi cousa de Ramón Lamote, que en compañía e coa complicidade do canteiro decidiu facer esa trasnada, algo propio de Lamote». Para o escritor «foi un detalle simpático e co que nos rimos todos».
Unha feliz conxunción a de Cicerón e Paco Martín a través dese estraño texto que é usado desde o século XV como modelo para simular espazos escritos na edición tradicional en papel, e hoxe tamén na edición dixital. O curioso é que o texto latino hoxe difundido non é o orixinal xa que foi sufrindo unha chea de supresións, trocos e alteracións. Tanto, que nin sequera ten sentido. Nin falta que lle fai!

Iso si, como podemos ver aquí ou aquí, a do monolito non foi a única vez que alguén esqueceu eliminar este texto provisional.

Ah!, e para encherdes de texto ficticio os vosos escritos, aquí deixo a ligazón dun xerador de «Lorem ipsum» en varias linguas (latín, grego, árabe, hebreo, hindi, quenya...) e mesmo en código morse.

17 de xul. de 2013

O xogo de adiviñar


Cando aínda non se estilaba iso dos test de intelixencia, a habilidade para propoñer e resolver adiviñas era considerada unha das maiores probas de sabedoría. Durante séculos, estes xogos enigmísticos foron transmitidos, de xeración en xeración, de forma oral: aprendíanse de llos escoitar a outro e de cavilar sobre eles para lles dar resposta. 

Por sorte para todos nós, dispoñemos dunha xoia que recolle o valioso corpus das nosas adiviñas populares: ¿Qué cousa é cousa...? Libro das adiviñas (1985), de Paco Martín: a «biblia» da adiviña galega. Un traballo de paciente recompilación que contén máis de 1100 adiviñas populares, ordenadas tematicamente e con cadansúa solución. Peza imprescindible para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

A adiviña é un xogo verbal en por si: unha pregunta, normalmente en verso, que busca espertar o enxeño do interlocutor para dar coa solución. Mais tamén hai un grupo delas xiran arredor da propia lingua, en calquera das súas facetas. Son as «adiviñas ludolingüísticas».

Aquí vos deixo algunhas, tomadas do libro de Paco Martín:
Eu subín a unha pereira,
que tiña peras;
nin comín peras,
nin baixei peras,
nin deixei peras.
Que cousa, cousiña é,
que se ve nun minuto,
nunha semana e nun mes,
e nun ano non se ve?
Zoca e media en cada pé,
cantas zocas veñen ser?
Que! Dades coa solución?

E para seguirdes co xogo, aquí deixo unha ligazón da web da AS-PG con máis adiviñas para resolver en liña. Ah, e con pistas!

30 de mar. de 2012

Xeróglifos [3]

Os primeiros xeróglifos en galego dos que teño noticia foron publicados da man de Paco Martín no suplemento educativo semanal en galego Axóuxere, do xornal La Región (editado entre xullo de 1974 e xaneiro de 1975). Os primeiros pasos dun pasatempo que, nunca mellor dito, dá moito xogo.

Mais sigamos coa nosa «gramática xeroglífica». Despois de vermos os xeróglifos compostos por un único concepto, toca falar dos que posúen dous ou máis (lembremos que poden ser letras, palabras, números, debuxos...). Dentro destes, os máis sinxelos son aqueles que se resolven pola simple adición ou xustaposición dos seus elementos (A + B). É dicir, sen facermos referencia ás súas características ou a súa posición, a solución xorde simplemente ao unirmos as designacións destes elementos e poñermos tamén en xogo outras técnicas que xa mencionamos na anterior entrada (calembur, sinonimia, dobres sentidos...)

Tendo en conta todo isto, aquí van uns «deberes» para estes días que se aveciñan. Á volta da Semana Santa xa darei as solucións.

Que che ofreceron de merenda?

Como ves o prezo deste coche?
                      
Que percorrido faredes mañá co autobús?

Roubáronvos todas as vosas xoias?
                 
Solucións aos xeróglifos (19-3-2012): É minúsculo (e minúsculo) / Falta un cuarto para as dúas / Nove nomes (noveno mes) / A ti nada (atinada).
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...