Amosando publicacións coa etiqueta Tempos Galegos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tempos Galegos. Amosar todas as publicacións

12 de feb. de 2017

Brincadeiras onomásticas


Nomear é unha forma de intervir sobre a realidade. Unha das intervencións lexítimas de calquera pai ou nai é poñerlle nome á súa descendencia. Claro que sempre hai obstáculos, como os que tiveron que padecer os pais de Lela ou de Pepe. Vese que ás veces o celo dalgúns funcionarios vai máis aló do que determina o Artigo 51 da Lei de Rexistro Civil no seu apartado segundo: «non poderán impoñerse nomes contrarios a dignidade da persoa».

No seu día, os caralláns de Tempos Galegos souberon tirarlle proveito á polémica. Visitade esta ligazón e escachade co riso.

Supoño que todo é cousa de equilibrio. Pois rarezas tamén hai abondas no santoral consagrado pola tradición (Exuperancio, Caralampio, Escolástica...).

Claro que a cousa aínda se complica máis cando entra xogo a combinación de nome e apelidos: desde os Luz Cuesta Mogollón ou Grato Amor Jurado, rexistrados nun períodico de tiraxe estatal; ata a lenda urbana dun tal Óscar Allos Fortes, máis de noso.

E penso eu... Que dirían os funcionarios do Rexistro ante o caso do nome de pía Felices? Así se chama un tal Pascuas García, o protagonista do relato «Pascuas de Lurres», inserido en Xente de aquí e de acola (1971), de Álvaro Cunqueiro.
Non se non sabe si a broma foi do pai, o señor Arximiro, ou do padriño, don Pedro Pardo —que asegún il viña en liña direita do Mariscal, seu homónimo, degolado na praza de Mondoñedo—. Ao neno puxéronlle de nome Felices, e como se apelidaba Pascuas García, quedou en Felices Pascuas Garcí­a.
—Onde máis me amolaron foi no servicio. Un sarxento murciano, Jesualdo Fábregas, mandouno, aló por un vinte de decembro, a visitar a todos os outros sarxentos do reximento, e tamén ao cabo cornetas, que era un tipo pequeno e picado das vexigas.
Llegas y dices tu nombre.
Pascuas de Lurres apresentábase e decí­a:
—¡Felices Pascuas!
Muchas gracias —contestábanlle.
—Mandoume de postal por todo Gerona! E chovendo!
Pascuas de Lurres andivo toda a vida amolado coa broma de Felices Pascuas. [...]

Álvaro Cunqueiro, «Pascuas de Lurres», Xente de aquí e acolá (1971)
E non me estraña: o pobre Felices condenado a cargar ata a sepultura (nunca mellor dito) coa brincadeira onomástica argallada polo seu pai ou polo seu padriño. Quen sabe se daquela a lei permitía cambiar de nome coa maioría de idade?!

A imaxinación e o humor do mestre Cunqueiro reflíctese en todo o seu esplendor neste pequeno conto pertencente a Xente de aquí e de acola. Colección de retratos da paisanaxe máis enxebre do país deliciosamente narrados e que, na miña opinión, constitúen, xunto con Escola de menciñeiros (1960) e Os outros feirantes (1979), a mellor triloxía das nosas letras. 

Só por iso, aquí queda outro título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

5 de xul. de 2014

Abanca xa avanza?



Rematou a historia das Caixas de Aforro galegas e da súa posterior e efémera reencarnación, Novagalicia Banco (RIP). O pasado 18 de decembro do 2013 culminou o seu proceso de privatización coa venda do 88,33% das súas accións ao grupo venezolano Banesco. 

E estes días foi presentada a súa nova imaxe corporativa, que busca salientar a imaxe de galeguidade do proxecto, especialmente a través do nome: Abanca. Todo un logro a asociación entre a frase galega «A banca» e a paronimia con «avanza», unha idea de movemento e progresión reforzada por esa especie de liñas cinéticas iniciais. O caso é que alguén xa detectou certos «parecidos razonables» co logo de Alpine! 

Ese nome comercial monovocálico en «a» espertou o meu espíritu lúdico e púxenme a lembrar outras marcas de vogal única. E aquí tedes o resultado. Seguro que coa vosa colaboración aínda aparecerán moitas máis. Quen se anima?

Nova entidade bancaria: monovocalismo en «a»

Telecomunicación galega: monovocalismo en «e»

Roupa interior italiana: monovocalismo en «i»

Deterxente: monovocalismo en «o»

Populares caramelos: monovocalismo en «u»

E como peche, non deixedes de ler en Tempos Galegos esta nova sobre unha proposta de cambio de nome da nova corporación bancaria. Non ten perda, ha, ha!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...