29 de nov. de 2012

O gíglico de Julio Cortázar

No seu afán lúdico e creativo, a algúns escritores déuselles por inventar novos idiomas para as súas obras. E certamente as súas cabeciñas deron para moito: as linguas élficas de J. R. R. Tolkien para O hobbit (1937) e O señor dos aneis (1954); o nadsat, de Anthony Burgess para A laranxa mecánica (1962); a neolingua, de George Orwell para 1984 (1949); o cityspeak, de Philip K. Dick para Soñan os androides con ovellas eléctricas? (1968), que inspirou o filme Blade Runner; o klingon, do lingüista Marc Okrand, para a serie de televisión Star Trek (1966)...

Cada unha destas linguas de ficción pode dar para unha futura entrada no blog, mais nesta imos centrarnos no gíglico, un delicioso idioma creado por Julio Cortázar.



O que acabamos de escoitar é a voz do propio Cortázar lendo o capítulo 68 de Rayuela, obra mestra da literatura ludolingüística. Este relato, que describe un apaixonado encontro erótico, está escrito enteiramente en gíglico, unha lingua coa mesma sintaxe e morfoloxía ca o castelán, mais con importantes variacións nas palabras con significado léxico: substantivos (ofernulio, agopausa...), adxectivos (jadehollante, eterfurosa...) e verbos (tordular, entreplumar...). Con todo, o máis curioso é que o poder evocador do gíglico fai que o texto, no seu conxunto, sexa doadamente comprensible.

O mesmo sucede con estoutro vídeo no gíglico de Cortazar. Trátase dunha adaptación do relato «La inmiscusión terrupta» (que tamén recollemos despois), da obra Último round. Esta curtametraxe, rodada nos xardíns de San Carlos da Coruña, foi realizada como práctica académica de Comunicación Audiovisual (UDC) e conta coa locución da poeta Estíbaliz Espinosa.

La inmiscusión terrupta
Como no le melga nada que la contradigan, la señora Fifa se acerca a la Tota y ahí nomás le flamenca la cara de un rotundo mofo. Pero la Tota no es inane y de vuelta le arremulga tal acario en pleno tripolio que se lo ladea hasta el copo.
–¡Asquerosa! –brama la señora Fifa, tratando de sonsonarse el ayelmado tripolio que ademenos es de satén rosa. Revoleando una mazoca más bien prolapsa, contracarga a la crimea y consigue marivolarle un suño a la Tota que se desporrona en diagonía y por un momento horadra el raire con sus abroncojantes bocinomias. Por segunda vez se le arrumba un mofo sin merma a flamencarle las mecochas, pero nadie le ha desmunido el encuadre a la Tota sin tener que alanchufarse su contragofia, y así pasa que la señora Fifa contrae una plica de miercolamas a media resma y cuatro peticuras de ésas que no te dan tiempo al vocifugio, y en eso están arremulgándose de ida y de vuelta cuando se ve precivenir al doctor Feta que se inmoluye inclótumo entre las gladiofantas.
–¡Payahás, payahás! –crona el elegantiorum, sujetirando de las desmecrenzas empebufantes. No ha terminado de halar cuando ya le están manocrujiendo el fano, las colotas, el rijo enjuto y las nalcunias, mofo que arriba y suño al medio y dos miercolanas que para qué.
–¿Te das cuenta? –sinterruge la señora Fifa.
–¡El muy cornaputo! –vociflama la Tota.
Y ahí nomás se recompalmean y fraternulian como si no se hubieran estado polichantando más de cuatro cafotos en plena tetamancia; son así las tofifas y las fitotas, mejor es no terruptarlas porque te desmunen el persiglotio y se quedan tan plopas.

Que? Animádesvos a crear os vosos propios textos nesta lingua de ficción? Aquí e aquí podedes atopar algúns exemplos de creacións en «galegíglico» para vos inspirar.

26 de nov. de 2012

«Words»: a loita coas palabras



Unha silueta humana loita contra un ambiente violento, composto exclusivamente por texto escrito. Esa persoa anónima non pode evitar os ataques e debe engulir as palabras para recuperar, ao cabo, a harmonía. Unha fermosa animación que nos fala da experiencia de ter dislexia, do desafío de aprender desde a diferenza e da grandeza de superalo.

A peza, titulada Words (2009), foi creada polo realizador estadounidense Max Strebel e resultou premiada en diversos certames de curtametraxes. Máis de 800 imaxes pintadas, unha a unha, sobre texto de libros e que logo se enlazaron mediante a técnica do stop motion. De prestardes un chisco de atención á súa banda sonora, da compositora Dosia McKay, decatarédesvos que só interveñen nela dous instrumentos: un piano e... unha máquina de escribir.

En fin, outra animación máxica para nosa colección. Dádelle de novo ao play e a gozar!

23 de nov. de 2012

Tanto tautograma tenme tolo


Xa vimos nun post anterior en que consisten os tautogramas. Pois ben, aló polo 2 de febreiro 2008, o poeta Igor Lugrís, a través do seu blog persoal, lanzou ao mar aberto de Internet unha brillante proposta que chamou «Escreve o abecedário!». Nela animaba a crear textos con vontade literaria que contivesen só palabras coa mesma letra inicial, é dicir, tautogramas.

Nesa mesma entrada, Lugrís ofrecía xa algunhas pezas a xeito de modelo, coa letra «a», coa letra «b», coa letra «c» e coa letra «d».

Só uns días despois, a tamén poeta Estíbaliz Espinosa recollía a luva e no seu propio blog, nunha entrada chea de humor e retranca, presentaba un coidado tautograma en «m».

Posteriormente, vítimas dun efecto viral, foron aparecendo na arañeira novos autores tautogramáticos. Así temos este texto en «s» ou estoutro en «n».

En fin, unha mostra de virtuosismo ludolingüístico algo arredada no tempo, mais que proba ás claras o poder contaxioso e expansivo da rede.

20 de nov. de 2012

Màrius Serra e o país dos verbívoros



E, por fin, preséntovos a Màrius Serra. Xa ía sendo hora de lle dedicar unha entrada a este impenitente ludolingüista catalán, do cal se conta, a xeito de «lenda urbana», que leva anos cunha manchea de fichas do Scrabble nos petos coas que enreda a cada intre.

Licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Barcelona, Serra comezou a facerse popular como autor de encrucillados en catalán dos diarios La Vanguardia e Avui. Mais o seu labor profesional arredor dos xogos de palabras é moito máis amplo: publica artigos de opinión, imparte conferencias, dirixe e presenta programas de radio e de televisión e tamén é un recoñecido novelista. No vídeo anterior, de hai xa uns anos, ofrécenos unha amena charla sobre os encrucillados (mots encreuats): a súa orixe, os seus tipos, o día a día do seu traballo...

O seu infinito afán lúdico levouno a fundar Verbalia, o país dos verbívoros. Nas súas palabras: 
«Terra Incógnita sen fronteiras definidas nin lei de estranxeiría. É un verbívoro todo aquel que bebe verbos e os fai bailar. Esta é a única condición».
O primeiro gran logro do proxecto Verbalia foi un fantástico xogo de mesa do mesmo nome. Unha caixa con máis de 50 xogos lingüísticos de todo tipo: para pequenos e para maiores; para xogar en solitario, en parellas ou en equipos. Iso si, polo de agora só conta con versión en catalán ou en castelán (Por que non algún día unha en galego?). Aquí deixo o vídeo da súa presentación.


17 de nov. de 2012

Amor polos palíndromos



Unha fermosa declaración de amor polos palíndromos esta de Gonzalo Navaza no capítulo 311 de «Ben falado». O libro do que falan, A torre da derrotA, xa ocupou merecidamente a súa propia entrada hai uns meses. Con todo, o magnetismo lúdico dos palíndromos fai que a cada pouco volvan a este recanto da arañeira.

Para quen descoñeza de que vai isto, cómpre recordar que palíndromo (do griego palin ‘outra vez, de novo’ e dromos ‘carreira’) é un enunciado (palabra, frase ou texto) perfectamente simétrico nas súas letras, é dicir, que se le igual de dereita a esquerda e de esquerda a dereita. Disque o primeiro palíndromo foi pronunciado, aló no Edén, polo primeiro home e en inglés: Madam, I’m Adam. E acabo de caer na conta de que tamén puido dicir en latín: Ave, Eva!

Bricadeiras á parte, os palíndromos aparecen en todos os tempos coas funcións máis variadas: misteriosos contrasinais latinos, como a fórmula Sator; enredos matemáticos, como o Was it a cat I saw?de Martin Gardner; hiperbreves creacións de autores literarios como Atale, demoníaco Cain, o me delata!, de Julio Cortázar, ou Esope reste ici et se repose (Esopo xace aquí e descansa), de Augusto Monterroso; ou pasatempos de xornal, como as «palindromanzas» que ofrece a diario Severo Revés na edición en papel de La Voz de Galicia.

Para rematar, como mostra do gusto polos palíndromos en todas as latitudes aquí deixo uns exemplos en diferentes linguas:
Galego
O lobo ama o bolo.
A semana ía na mesa.
Portugués
Socorram-me, subi no ônibus em Marrocos.
Seco de raiva, coloco no colo caviar e doces.
Castelán
Amo la pacífica paloma.
Dábale arroz a la zorra el abad.
Francés
Zeus a été à Suez. (Zeus estaba en Suez)
À l'autel elle alla, elle le tua là. (Ao altar ela foi, ela alí o matou)
Italiano
Ogni mare è ramingo. (Cada mar é vagabundo)
E poi Martina lavava l'anitra miope. (E entón Martina lavou o pato miope)
Inglés
Rats live on no evil star. (As ratas viven nunha estrela non mala)
Not a hero wore hat on. (Non é un heroe quen levaba sombreiro)

14 de nov. de 2012

Alfabetos antropomorfos

A voz «alfabeto» provén das letras alfa e beta, as dúas primeiras da serie alfabética do grego. O seu sinónimo «abecedario» provén das letras a, be, ce e de, as catro primeiras da serie alfabética do latín. O alfabeto galego posúe 23 letras: a (a), b (be), c (ce), d (de), e (e), f (efe), g (gue), h (hache), i (i), l (ele), m (eme), n (ene), ñ (eñe), o (o), p (pe), q (que), r (erre), s (ese), t (te), u (u), v (uve), x (xe), z (zeta).

A orixe da orde alfabética é un misterio para os expertos en paleografía. Disque os primeiros abecedarios coñecidos proveñen das escavacións de Ugarit, en Siria, e datan do 1400 a. C. A orde que amosan coincide de forma notable coa do posterior alfabeto fenicio, que serviu de base para o grego, este para o estrusco e este, á súa vez, para o latino. A orde alfabética galega herdámola, como é sabido, da latina.

Na rede, como xa vimos aquí, haivos unha chea de vídeos que presentan o alfabeto de xeito orixinal e atraente. Entre os meus preferidos están os dos «alfabetos antropomorfos», é dicir, os alfabetos representados a través do corpo humano. Velaí van tres destas pezas:

Na primeira, aparece unha única persoa, o bailarín estadounidense Toby Towson.



Na segunda, intervén un grupo de estudantes de deseño gráfico de Newcastle (Inglaterra).



Na terceira, vemos todo o proceso creativo co que o fotógrafo Benning Arjan reproduciu The Body Type, unha tipografía elaborada a partir de modelos espidas ideada en 1969 polo deseñador holandés Anthon Beeke.



Se cadra, tamén vós podedes animarvos a crear os vosos propios «alfabetos antropomorfos». Ánimo!

Solución ao titultexto (8-11-2012):  [A dona do corpo delgado], despois de [elevar as pálpebras], ollou [arredor de si]. Para ela, por mor do [crime en Compostela], as [cousas] xa non eran igual. Desde [a fiestra baldeira] d[un hotel de primeira sobre o río] pensaba saudosa: [«non vexo Vigo nin Cangas»]. Só podía contemplar [os eidos] da [Terra Chá]: [herba aquí ou acolá], [un millón de vacas] e [xente ao lonxe]. Poñíase [o sol do verán]: era [o crepúsculo. E as formigas] a pasear polas paredes. Xa se imaxinaba pasando [unha longa noite de pedra] [á lus do candil]. Por sorte, chegou un [Land Rover]; e nel, [Cándido Branco e o Cabaleiro Negro], [os dous de sempre]. Por fin xa podía comezar [a esmorga]!
A dona do corpo delgado, Álvaro Cunqueiro. / Elevar as pálpebras, Yolanda Castaño. / Arredor de si, Otero Pedrayo. / Crime en Compostela, Carlos G. Reigosa. / Cousas, Castelao. / A fiestra baldeira, Rafael Dieste. / Un hotel de primeira sobre o río, Xohana Torres. / Non vexo Vigo nin Cangas, Bernardino Graña. / Os eidos, Uxío Novoneyra. / Terra Chá, Manuel María. / Herba aquí e acolá, Álvaro Cunqueiro. / Un millón de vacas, Manuel Rivas. / Xente ao lonxe, Eduardo Blanco Amor. / O sol do verán, Carlos Casares. / O crepúsculo e as formigas, Xosé L. Méndez Ferrín. / Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro. / Á lus do candil, Anxel Fole. / Land Rover, Suso de Toro. / Cándido Branco e o Cabaleiro Negro, Darío Xohán Cabana. / Os dous de sempre, Castelao. / A esmorga, Eduardo Blanco Amor.

11 de nov. de 2012

A enigmática fórmula Sator


A imaxe anterior corresponde ao que se dá en chamar fórmula Sator ou cadrado Sator. Inscricións con esta mesma grella de letras descubríronse en moi diversas localizacións: nun amuleto en forma de medallón de Asia Menor (datado no século V), no pavimento do adro pavimento da Igrexa dos cabaleiros en La Valetta (Malta), nas ruínas romanas de Cirencester (Inglaterra), nunha parede do Duomo de Siena (Italia), nun asentamento romano en Coímbra (Portugal) e en moitos outros lugares. Mesmo lin nalgures que tamén pode verse en Santiago de Compostela (onde?). Con todo, o gravado máis antigo (do que xa falamos nunha entrada anterior) atoupouno en 1925 o arqueólogo italiano Matteo della Corte nunha columna das ruínas de Pompeia, destruída pola erupción do Vesubio no ano 79 d. C.

As palabras que contén (SATOR, AREPO...) teñen lecturas múltiples, isto é, poden lerse na grella de esquerda a dereita, de dereita a esquerda, de arriba a abaixo e de abaixo a arriba. Ao mesmo tempo, de lermos as cinco voces no sentido normal de forma continua (SATOR AREPO TENET OPERA ROTAS) descubrimos que se trata dun palíndromo perfecto.

Que mensaxe cifrada conteñen estes estraños encrucillados? Ben, a súa interpretación non é doada.
Hai quen di que só tres palabras deben ser tidas en conta, xa que AREPO é a inversión de OPERA, e ROTAS é a de SATOR. Daquela, temos SATOR OPERA TENET, que se traduciría máis ou menos como «O sementador (SATOR, que se asociaría a Deus) colle na súa man (TENET) a súa obra (OPERA ou creación)». 
Outros toman a frase completa e fan esta tradución aproximada: «Arepo, o sementador, mantén con destreza as rodas» (interpretando AREPO como un misterioso nome propio), ou ben «O sementador, no seu carro, dirixe con destreza as rodas» (entendendo AREPO como unha palabra de orixe celta, cun significado próximo ao de «carro»). 
Porén, a interpretación máis abraiante resulta de reordenar as letras, a xeito de anagrama, ata compoñer con elas unha cruz formada con dous Pater Noster (Noso Pai) e, como guinda do enigma, dúas grafías sobrantes: dous A e dous O (é dicir, o alfa e o omega de «Eu son o principio e a fin», Apocalipse 21:6).

Partindo da época en que se datan os gravados, dos lugares en que se localizaron, de que se trata dun texto latino e das súas interpretacións, cabe supoñer que o misterioso cadrado Sator era posiblemente un signo oculto de recoñecemento entre cristiáns, nunha época en que a súa relixión era aínda perseguida.

Rematemos cunha actividade. Quen se anima a crear novos cadrados máxicos compoñendo encrucillados perfectos de 3x3, 4x4 e 5x5? Aquí deixo uns exemplos. Ánimo!


8 de nov. de 2012

Titultextos


Para quen non o coñeza, aquí deixo o enlace dun dos mellores blogs sobre literatura que coñezo: Lector en desvelo. Un espazo sobre libros e escritores cheo de curiosidades, afán lúdico e moito sentido do humor. Totalmente recomendable!

Unha das propostas máis divertidas de Lamberto García del Cid, o creador do blog, son os titultextos. Nas súas propias palabras: «un artificio ludolingüístico que consiste en incluir, nun parágrafo con sentido, o maior número de títulos de obras literarias». Nesta bitácora podedes atopar varios titultextos: este é o primeiro e no arquivo podes atopar outros. 

A literatura galega ofrécenos todo un ecosistema de títulos: hainos curtos (Nai, de Xosé Neira Vilas), longos (A sonada e proveitosa enchenta do Marqués Ruchestinto no derradeiro século da súa vida, de Euloxio R. Ruibal), polisémicos (Follas novas, de Rosalía de Castro), paronímicos (Nós nus, de Olga Novo), onomatopeicos (Tic-tac, de Suso de Toro), palindrómicos (A torre da derrotA, de Gonzalo Navaza)...

Aproveitando esta diversidade, atrevinme a crear un titultexto con obras da literatura galega. Velaí vai, espero que vos guste. 
A dona do corpo delgado, despois de elevar as pálpebras, ollou arredor de si. Para ela, por mor do crime en Compostela, as cousas xa non eran igual. Desde a fiestra baldeira dun hotel de primeira sobre o río pensaba saudosa: «non vexo Vigo nin Cangas». Só podía contemplar os eidos da Terra Chá: herba aquí ou acolá, un millón de vacas e xente ao lonxe. Poñíase o sol do verán: era o crepúsculo. E as formigas a pasear polas paredes. Xa se imaxinaba pasando unha longa noite de pedra á lus do candil. Por sorte, chegou un Land Rover; e nel, Cándido Branco e o Cabaleiro Negro, os dous de sempre. Por fin xa podía comezar a esmorga! 
Podedes descubrir todos os títulos que se recollen no anterior titultexto? E por que non probardes a crear os vosos propios titultextos? Suxírovos acudir, se o precisades, ao catálogo de obras da Biblioteca Virtual Galega para atopardes títulos á esgalla.

5 de nov. de 2012

Encrucillados e dignidade


«Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos».
Ningún pé mellor para o vídeo que encabeza a entrada: o artigo 47 da Constitución. Hoxe, dito de forma enxebre, «auga de castañas». Sobre todo cando se sabe que en Galicia hai unhas 4.000 persoas que viven na rúa e en todo o Estado unhas 30.000. Sobre todo despois de que a burbulla inmobiliaria, engordada durante anos entre especuladores e poderes públicos, nos estoupase nos fociños deixando case 3 millóns de vivendas baleiras.

Non hai moito, viu a luz o proxecto solidario «Diseño contra la pobreza». Con financiación europea, foi desenvolvido por estudos de deseño, por ONGs e polos propios protagonistas, as persoas sen fogar.

Unha das súas iniciativas consistía nunha serie de vídeos que daba testemuño da viaxe dos «sen teito» desde a rúa á integración social. A peza anterior, titulada «Maestros del crucigrama», amósanos como os «insignificantes» encrucillados axudan a estas persoas. Para xente como Martín ou Jaume, un encrucillado convértese nunha forma accesible de pasar o tempo, de manter a mente ocupada e esperta e, se cadra, de conservar a cordura na súa situación.

Neste mundo globalizado, en crise e a mercé dos mercados, cada vez parece haber menos espazo para a dignidade humana. Abraham Lincoln, o presidente que aboliu da escravitude nos EEUU, dixo unha vez: «É difícil facer miserable un home mentres este se sinta digno de si». Consola ver como os encrucillados poden achegar o seu pequeno granciño de area a prol desa dignidade.

2 de nov. de 2012

Eses curiosos acrósticos

Que teñen en común os poetas galegos Xoán Manuel Pintos e Lois Pereiro? Pois que ambos os dous son autores dos poemas acrósticos máis célebres da nosa literatura. Un acróstico, como seguramente xa saberedes, é unha composición literaria construída de tal xeito que, tomando ordenadamente as letras iniciais, medias ou finais de cada verso, estrofa ou parágrafo, se forma un enunciado que determina toda a peza. 
Queira Dios que esta gaita ben tocada
Un recordo lle valla ó bon gaiteiro,
E que millenta mais unda o primeiro
Veñan tocar tamén a Galicia amada.

Inda premita Dios que sea soada
Voando muy vistoso o meu prumeiro
Arrolando cos chios do punteiro
Garrido se mostrando coa alborada.

Avante vaia en tod'as romerias
Levada polas vilas e arredores.
Inda sea a maestra das folías.


Calada nunca estea. E de primores
Inzando os sons preñados, e alegrías,
A busquen homes legos e doutores.
                                 Xoán Manuel Pintos, A gaita gallega

               Acróstico
Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise

sabendo que debería ter sabido
impedirme a min mesmo
descubrir que só fun un interludio
atroz entre dous muros de silencio

só puiden evitar vivindo á sombra
inocularlle para sempre a quen amaba
doses letais de amor que envelenaba
a súa alma cunha dor eterna

sustituindo o desexo polo exilio
iniciei a viaxe sen retorno
deixándome levar sen resitencia
ó fondo dunha interna
aniquilación chea de nostalxia 
                  Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade
No acróstico de Pintos revélase unha vibrante exaltación patriótica («Que viva Galicia!»). No de Pereiro faise evidente a consciencia da enfermidade que o consumía («sida», repetido varias veces). Aquí tedes unha emocionante lectura recitada deste último poema por parte de Xosé Luís Méndez Ferrín, ex-presidente da Real Academia Galega.



Aínda que ás veces os acrósticos son usados como recurso mnemotécnico, é dicir, como técnica para recordar mellor algo, no ámbito da literatura adoitan empregarse como xogo para encriptar todo tipo de mensaxes: o nome do autor, o nome da persoa á que se lle dedica a composición ou, como nos exemplos anteriores, unha idea relacionada co texto.

Na literatura universal podemos atopar os máis variados poemas acrósticos, por exemplo: Fernando de Rojas incluíu a mensaxe «El bachiller Fernando de Royas acabó la comedia de Calisto y Melibea y fue nacido en la Puebla de Montalván» nas iniciais dos versos do prólogo da traxicomedia castelá La Celestina. O texto completo do himno nacional holandés, composto de quince estrofas, tamén é un acróstico, xa que as primeiras letras de cada estrofa forman o nome do seu autor: Willem van Nassov. Lewis Carroll incluíu nun poema acróstico o nome completo de Alice Pleasance Liddell, a nena que lle serviu de inspiración para a personaxe protagonista de Alicia no país de las marabillas e de Alicia a través do espello.

Por último, nesta ligazón, nesta ou nestoutra podemos comprobar como a técnica do acróstico resulta moi rendible á hora crearmos poemas. Animádevos a seguir o exemplo!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...