Amosando publicacións coa etiqueta cine. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cine. Amosar todas as publicacións

20 de feb. de 2018

As dúas portas do castelo

Hoxe, un deses enigmas lóxicos de «cabaleiros» (knights) que din sempre a verdade e de «escudeiros» (knaves) que sempre menten, popularizados polo matemático Raymond Smullyan no seu marabilloso Como se chama este libro? (1978). Precisamente estes días fixo un ano do pasamento do xenial filósofo, matemático e divulgador estadounidense.

Na ficción cinematográfica, podemos atopar un bo exemplo deses enredos de verdades e mentiras en Dentro do labirinto (1986), filme dirixido por Jim Henson.

As dúas portas do castelo
Sarah, a moza protagonista, dispón só de 13 horas para evitar que o seu irmán Toby se converta nun trasgo. Para iso debe atravesar o labirinto de Jareth, o rei dos Goblins, e chegar ata o seu castelo. 
Despois de percorrer con éxito todo o labirinto, descobre que para acceder ao castelo hai dúas portas custodiadas por cadanseu garda (un vermello e outro azul). Estes explícanlle que unha das portas conduce ao seu destino e a outra a unha morte segura. O problema é que se se lles pregunta cal é a porta boa, un sempre dirá a verdade e o outro sempre mentirá. E unicamente é posible formular unha pregunta.
Como saber daquela cal é a porta correcta?

Solución ao enigma «O enigma de Zadig» (4-12-2017):
Zadig dixo que era o tempo. «Nada é mais longo pois é a medida da eternidade; nada é mais breve, xa que nunca alcanza para dar fin aos nosos proxectos; nada é máis lento para quen espera; nada é máis rápido para quen goza da vida; estendese, en grandeza, ata o infinito; dividese, ata o infinito, en pequenez; todos os homes o descoidan e todos lamentan a súa perda; nada se fai sen el, fai esquecer todo o que é indigno da posteridade, e inmortaliza as grandes cousas». Os presentes coincidiron en que Zadig tiña razón.

12 de dec. de 2017

O alfabeto cinematográfico de Doaly




O ilustrador e deseñador británico que atende ao pseudónimo de Doaly é o autor deste alfabeto chamado «Project 26 vol. 1». Propúxose facelo nun só día. O obxectivo: escoller 26 filmes icónicos americanos para deseñar unha ilustración representativa coa súa letra inicial, en orde alfabética.

Desde o «A» de American Beauty, ao «Z» do Zorro; pasando polo «G» de The Godfather, polo «K» de King Kong ou polo «Y» de Young Frankenstein. 

Finalmente levoulle só 12 horas. Unha idea sinxela cun resultado brillante. Seguro que dá para un «Project 26 vol. 2».

Por certo, se vos presta pasar un anaco entretido cun xogo que tamén combina tipografía e cine, lembrade «The Empire Poster Quiz». Todo un reto para cinéfilos! 

2 de maio de 2017

Palíndromos ilustrados [16]


Non me resultou doado dar coa mellor imaxe para ilustrar o palíndromo de hoxe. Amores por unha dona de calidades aéreas... Um!!! Por onde tirar? Quen podería ser esa volátil dama obxecto de tanto amor? Se cadra, unha moza en levitación grazas a poderes máxicos propios ou alleos? Ou quizais unha belida azafata de voo?

Finalmente, atopei este cartel do melodrama Trapecio (1956), e problema resolto! A amada dama aérea é Lola (Gina Lollobrigida). Dous trapecistas de circo, Tino Orsini (Tony Curtis) e Mike Ribble (Burt Lancaster) compiten polo seu amor e, asemade, por lograr o maior reto do trapecio: o triplo mortal. Un cinemascópico triángulo amoroso de verdadeira altura!

En fin, aquí queda o meu particular «salto mortal»: un novo palíndromo ilustrado.

Tradución:
Y la dama aérea amada es.
And the aerial lady is loved.

16 de mar. de 2017

Mare mágnum de latinismos


A priori, nos meus plans inmediatos para Xogosdelingua non estaban os latinismos: esas palabras ou frases latinas que hoxe mantemos, intactas, na nosa lingua culta. Verbi gratia: in situ, déficit, per se, lapsus línguae, in albis... 

O caso é que foi ver un día destes, en non sei que canle, a escena de Top secret (1984) que encabeza a entrada e caer no engado do latinismo. Mea culpa! Decidín, ipso facto, preparar unha entrada ad hoc. Delírium tremens? Con toda seguridade. 

Pola arañeira temos algún recurso interesante para nos achegar de forma lúdica a estas expresións bimilenarias:
Desde a Área de Latín e Grego do IES Manuel García Barros (da Estrada) podedes atopar un completo traballo sobre latinismos (e a súa presenza na Selectividade).
Tamén hai por aí algunha proposta lúdica en liña como este xogo do aforcado ou estoutro xogo de relacionar.
O noso Portal das Palabras tamén propón xogar ao «Só unha vale» con latinismos.
E aquí tedes a app Latingal: un dicionario latín-galego para móbiles con máis de 30.000 entradas elaborado polos profesores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga.
Dise de quen é moi aleuto e agudo que «sabe latín». Se cadra, estas recomendacións axudan a nos facer máis espelidos. Quen sabe? En todo caso... Alea jacta est!

28 de feb. de 2017

Pode unha lingüista salvar o mundo?


«Antes cría que este era o comenzo da túa historia. A memoria é unha cousa rara. Non funciona como eu cría. Estamos ligados polo tempo. Pola súa orde.
Agora non estou certa de se creo en principios e finais. Hai días que definen a túa historia máis alá da túa vida. Como o día en que chegaron.»
Con esta enigmática reflexión arrinca o filme Arrival (2016), baseado no relato curto Story of your Life de Ted Chiang. A que escoitamos é a voz en off da súa protagonista, Louise Banks, profesora universitaria de Lingüística.

Doce naves extraterrestres pairan sobre distintos puntos do noso planeta. Xorde o pánico entre a poboación xeral ante a incerteza sobre os plans dos alieníxenas de sete pés. Científicos de todos os recunchos traballan arreo para descubrir se as súas intencións son pacíficas ou bélicas. Mais só a doutora Louise Banks é quen de ir descodificando a misteriosa lingua escrita circular dos visitantes para desvelar o misterio.


E aí aparece a segunda gran protagonista da historia, a hipótese Sapir-Whorf, a teoría lingüística establecida por Edward Sapir e Benjamin Whorf nos anos 40 do século pasado segundo a cal o idioma que falamos chega a condicionar a forma en que percibimos e conceptualizamos o mundo. En Xogosdelingua xa temos presentado varios exemplos desta hipótese, mais aquí vai outro:

Os falantes de guugu yimithirr, lingua aborixe de Australia, para expresaren dirección, en lugar de sinalar sen máis «esquerda» ou «dereita», posúen un rico abano de palabras que expresan dirección ao xeito dun compás e con matices sobre posición, localización e movemento. Os estudosos sosteñen, en base a isto, que o seu sentido da orientación estaría máis desenvolvido, por exemplo, que o dos anglofalantes.

Durante varias semanas, e non sen dificultades, Louise Banks consegue dar pequenos pasos no descifrado. Cando por fin alcanza unha comprensión total da forma de comunicación dos heptápodos, todo cambia. E ata aí podo contar.

Unha marabilla este filme, de verdadeira ficción científica, que nos fala de vida alieníxena; mais, sobre todo, de nós mesmos, de como é a nosa forma de sentir e de pensar e de como esta pode chegar a variar.

Unha marabilla tamén por esta escena, ao comezo do filme, onde Louis cita con admiración a orixe da nosa lingua medieval.



E unha marabilla ademais porque, dun xeito simbólico e poético, un palíndromo vén botar luz sobre a chave para comprendelo todo: 
«— Mamá? —pregunta a filla de Louise—
— Sí?
— Por que me chamo Hannah?
— O teu nome é moi especial porque é un palíndromo. Escríbese o mesmo ao dereito e ao revés.»

13 de dec. de 2016

O shyriiwook de Bern Burtt



Ao parecer, aló por 1976, Bern Burtt era estudiante da escola de cine da University of Southern California cando os produtores do primeiro flme de Star Wars contactaron con el pola súa habilidade como técnico de son. 

Logo de ler o guión orixinal, Burtt comezou cunha das tarefas para a cal o buscaran: crear a linguaxe falada por Chewbacca, o fiel compañeiro de Han Solo. Dediciu utilizar como base a voz dun oso negro dun zoo californiano chamado Tarik. Despois sincronizou os seus ruxidos cos sons dunha morsa, dun león e dun teixugo. Nacía así o shyriiwook, o idioma do wookies.

No universo de ficción d’A Guerra das Galaxias, o shyriiwook é a lingua principal destes xigantes peludos. Case imposible de pronunciar para os non-wookies, mais doada de comprender.

Na vida real, durante as filmacións, Peter Mayhew, o actor que sempre interpretou a «Chewie», falaba en perfecto inglés para facilitar o diálogo con Ford e lograr boas escenas. Así o vemos neste vídeo da rodaxe, co seu audio orixinal.



Feitas estas filmacións, Burtt retomaba o seu traballo e, no estudio de gravación, incorporaba á banda sonora os ruxidos máis axeitados ao diálogo e ao ton emocional: agarimoso, anoxado, riseiro...

E como o universo geek está cheo de caralláns, aquí ou aquí podedes atopar tradutores automáticos de shyriiwook! Unha vantaxe inestimable poder interpretar voces básicas como «huurh», «aarrragghuuhw» ou «uughguughhhghghghhhgh» no noso próximo encontro con wookies!

A dous días da estrea de Rogue One, aquí queda outra curiosidade máis sobre esta saga galáctica que non para de se expandir.

7 de nov. de 2016

Cal é o propósito da linguaxe?


John Keating: A man is not «very tired». He is «exhausted». Don't use «very sad». Use... come on Mr. Overstreet!
Knox: «Morose»?
John Keating: Exactly, «morose». Language was developed for one endeavor, and that is... Mr. Anderson? Come on, are you a man or an amoeba? Mr. Perry?
Neil: To communicate.
John Keating: No! To woo women! 
John Keating: Un home non está «moi canso». Está está «exhausto». Non digan que está «moi triste», digan… Sr. Overstreet?
Knox: «Desfeito»?
John Keating: Exactamente, «desfeito». A linguaxe desenvolveuse por unha razón, e esa é... Sr. Anderson? Vamos, é vostede un home ou unha ameba? Sr. Perry?
Neil: Para a comunicación.
John Keating: Non. Para impresionar as mulleres.
O pouco convencional o profesor Keating subliñaba deste xeito, en Dead Poets Society (1989), a importancia de escoller as palabras axeitadas para cada momento. Porque todos sabemos que non é o mesmo «moi grande» ca «inmenso», nin «moi pequeno» ca «minúsculo», nin «moi limpo» ca «inmaculado»...


A noticia do suicidio de Robin Williams hai un par de anos deixoume fondamente conmovido. Un actor de enorme talento que admiraba pola credibilidade que daba a personaxes tan dispares como o excéntrico locutor de radio de Good Morning Vietnam! (1987), o loitador pai divorciado de Mrs. Doubtfire (1993) ou o solitario psicólogo de Good Will Hunting (1997).

En Dead Poets Society, filme coñecido entre nós como O Club dos Poetas Mortos, Robin Williams interpreta o inesquecible John Keating, un vitalista e inspirador profesor de literatura da conservadora academia Welton. Todo un Mestre, con maiúsculas, que incentiva nos seus alumnos o espírito inconformista e crítico e tamén o amor polas palabras. A través da poesía, busca demostrar o verdadeiro poder da linguaxe.
John Keating: Na miña clase aprenderán a pensar por vostedes mesmos. Aprenderán a saborear a palabra e a linguaxe. Porque, a pesar do que lles digan, a palabra e as ideas poden cambiar o mundo.

13 de set. de 2016

Do papel á pantalla


Na sala de cine, cando comeza a proxección do filme, as máis das veces non presto atención ao nome do director ou directora, nin ao dos actores ou actrices. Non é por desinterese. Ocorre, sen máis, que só teño ollos para a tipografía dos títulos iniciais: o seu deseño, a súa disposición, os seus movementos... Toda unha arte que busca asociar eses textos á esencia mesma da fita, anticipar a súa temática, provocar determinadas sensacións.

Para todos os amantes da tipografía e do cine deixo deseguido a curtametraxe titulada From Paper to Screen, do deseñador francés Thibault de Fournas. Foi o seu traballo final de graduación e dividiuna en dúas partes: na primeira fálanos das regras básicas da composición tipográfica e na segunda aborda a evolución da tipografía no cine. 



Claro que de quererdes ir máis aló e gozar devagar dos títulos iniciais de Saul Bass, Fritz Freleng, Kyle Cooper ou Garson Yu, podedes visitar The Movie Title Stills Collection, web que conta cunha voluminosa colección de fotogramas da cabeceira de filmes desde 1920 ata a actualidade. Este titánico proxecto debémosllo agradecer ao deseñador Christian Annyas, que recompilou todas esas pezas ata conformar un fantástico percorrido tipográfico pola historia do cine.


E para rematar, a miña lista das cinco mellores secuencias de títulos iniciais. Claro que, se non vos convencen, teño outras cinco diferentes. Cales son as vosas?

Psycho (1960), deseñador Saul Bass


The Pink Panther (1963), deseñador Friz Freleng



Barbarella (1975), deseñador Maurice Binder



Seven (1995), deseñador Kyle Cooper



Watchmen (2009), deseñador Garson Yu


Solución ao palíndromo gráfico (5-9-2016): olla gota gato gallo.

1 de set. de 2016

Palíndromos ilustrados [11]


De volta á actividade! E agora que na RAE están a piques de lle ofrecer unhas butacas aos redefinidores da palabra «corrupción», aí vai un palíndromo retranqueiro dedicado ao discurso político. A razón, sinxela: porque o primeiro que me trouxo á cabeza este enunciado reversible foi o hilarante episodio das explicacións da señora Cospedal, secretaria xeral do PP, sobre o pagamento en diferido do finiquito do seu ex-tesoureiro Luís Bárcenas. 



O dicionario da Real Academia Galega define verborrea como ‘abundancia ou exceso de palabras, xeralmente inútiles ou baleiras de contido’. Provén do latín verbum ‘palabra, verba’ e do elemento de orixe grega -rrea 'fluxo', 'acción de manar' (como en seborrea, diarrea ou gonorrea). Unha voz ben acaída para describir a «habilidade» de María Dolores para converter en incomprensible o inexplicable. Claro que xa temos visto noutras ocasións como o discurso político é propicio para esa cháchara baleira e sen sentido.

Como agasallo final, os xenuínos mestres da arte da verborrea cómica, os irmáns Marx na escena clásica da «parte contratante da primeira parte», de Sopa de ganso (1933). Políticos de aquí e de acola, tomade boa nota!


Tradución:

A error, breve verborrea.
For error, short verbiage.

2 de abr. de 2016

A arte do insulto

 

 

 


 


Non é a primeira nin a segunda vez que teño a necesidade de lle explicar a algún pequeno coruñés que é iso de «parvo». Unha palabra que estaba na boca de todos os cativos da miña nenez, aínda que falasen castelán. Era o noso primeiro insulto, o insulto básico. Unha proba máis de como progresa, inexorable, a desgaleguización.

Co tempo, aqueles miñaxoias íamos ampliando o noso vocabulario con moitas outras voces ofensivas, cada vez menos inocentes: «prosma», «baldreu», «merdento»...

O certo é que o insulto galego ten a súa arte. Que llo pregunten, por exemplo, a Paulino Novo, autor dunha brillante tese sobre o tema. Ou que llo pregunten tamén aos tradutores de filmes foráneos que, como vemos ao comezo (por cortesía de Pelisdobradasaogalego), deben despregar decote, con todos os seus matices, o abano case infindo da inxuria en galego: «furabolos», «papahostias», «trapalleiro», «prea», «galopín», «borralla»... 

Proposta: Quen se anima a resolver este encrucillado de insultos? De precisardes axuda, aquí tedes o curioso artigo titulado «Insulta en galego, 334 formas de galeguizar os teus insultos», que ofrece un amplo repertorio do insulto galego.

20 de feb. de 2016

Eu son teu pai



E seguimos coa nosa particular saga de Star Wars. Desta vez, cunha homenaxe á frase máis famosa do cine: «I’m your father». Ou polo menos iso afirmaban hai anos en Wikinoticia, á luz dunha enquisa feita entre 1500 internautas para a web Lovefilm.com.

Como vemos arriba, nós escoitamos «Eu son teu pai» na voz de Tacho González, o magnífico dobrador galego de Darth Vader. Un enunciado que pasou a engrosar a listaxe de oracións míticas que se fixeron populares nos anos dourados da nosa TVG, coma estoutras tiradas do sempre imprescindible Pelisdobradasaogalego.

 

 

 

Por certo, coñecedes Engale? Évos o recurso ideal para gozardes dos mellores filmes galegos e internacionais dobrados ao galego, on line e de balde.

E para lle poñer o ramo, aquí queda unha mostra multilingüística da transcendencia da paternal frase de Darth Vader: a súa versión dobrada en 20 linguas diferentes. Cales son as que máis bos gustan?

22 de xan. de 2016

«Star Wars, Raw? Rats!»



Geeks e adoradores en xeral da saga Star Wars, hoxe, especialmente para vós, un vídeopoema moi particular: Star Wars, Raw? Rats! (2012). Realizado por Natali Fedorova y Taras Mashtalir sobre un texto ateigadiño de voces palindrómicas de Nick Montfort.

Polo visto, Montfort compuxo estas quince liñas, de simetrías galácticas, en só 75 minutos durante o Primeiro Campionato de Palíndromos celebrado en Brooklyn (EUA) o 16 de marzo do 2012.

Unha peza audiovisual de hai case catro anos que rende homenaxe ao primeiro e mellor filme da serie: o Episodio IV: Unha nova esperanza, con Han Solo como heroe central (ben o merece o pobre!).
Wow, sagas!
Solo’s deed, civic deed.
Eye dewed, a doom-mood.
A pop …
Sis sees redder rotator.
Radar eye sees racecar X.
Dad did rotor gig.
Level sees reviver!
Solo’s deified!
Solo’s reviver sees level …
Gig rotor did dad!
X, racecar, sees eye.
Radar rotator, redder, sees sis …
Pop a doom-mood!
A dewed eye.
Deed, civic deed.
Solo’s sagas: wow.
E se non quedastes moi satisfeitos do Episodio VII: O espertar da forza, só con lle dar de novo ao play podedes gozar desta curta de ritmo trepidante e banda sonora de videoxogo oitenteiro. 

E que a forza vos acompañe!

16 de dec. de 2015

O yoda speak de George Lucas



Deste xeito coñecemos a Yoda nas salas de cine do país hai máis de 30 anos. E xa só restan dous días para a agardada estrea de The Force Awakens (A forza esperta), o novo filme da saga Star Wars. Un universo de ficción cheo de curiosidades lingüísticas: desde o peculiar idioma de Chewbacca (creado a base de gruñidos de animais), á asombrosa capacidade para a interpretación de C-3PO (que fala con fluidez máis de seis millóns de formas de comunicación). Mais hoxe dedicarei o comentario á fala do mestre Yoda: o yoda speak.

Certo é que, nos filmes orixinais, Yoda fala basicamente inglés. Con todo, recordo ler por algures que George Lucas, produtor, director e guionista, decidiu caracterizar o pequeno jedi dándolle á súa fala unha particular sintaxe. Así, Yoda adoita secuenciar as súas palabras na orde Obxecto + Suxeito + Verbo (abreviado: OSV). Quen sabe se se trata dunha interferencia da súa verdadeira lingua materna.
Found someone, you have, I would say. (Atopaches alguén, eu diría).
Hard to see, the dark side is. (Difícil de ver o lado escuro é).
Truly wonderful the mind of a child is. (Realmente marabillosa a mente dun neno é)
Your father he is, but defeat him you must. (Teu pai el é, mais derrotalo ti debes).

OSV é unha secuencia asociada a idiomas moi antigos, case primixenios, e moi, moi rara. Usada só por certas linguas amerindias e da África oriental. Se cadra, unha forma deliberada de acentuar ese aquel de sabedoría ancestral do personaxe.

Vexamos como se distribúen todas as combinacións sintácticas de Suxeito, Verbo e Obxecto nos diferentes idiomas do planeta, das máis comúns ás menos:
- SOV (Suxeito Obxecto Verbo) 45%: hindi, xaponés, persa, albanés...
- SVO (Suxeito Verbo Obxecto) 42%: galego, inglés, alemán, chinés...
- VSO (Verbo Suxeito Obxecto) 9%: galés, árabe, tuareg...
- VOS (Verbo Obxecto Suxeito) 3%: malgaxe, baure, fidxiano...
- OVS (Obxecto Verbo Suxeito) 1%: apalaí, hixkaryána...
- OSV (Obxecto Suxeito Verbo) 0%: warao, xavante...
http://www.yodaspeak.co.uk/index.php

Se sentes a chamada da forza, debes saber que dispós dun tradutor de yoda speak de balde na rede. Só tes que poñer as túas frases (en inglés, iso si), facer un clic e listo! Claro que para esa tradución tampouco fai falta un xerador, digo eu.

E lembra: Falar como Yoda ti podes!

4 de dec. de 2015

Palíndromos ilustrados [5]


O 5 de decembro de 1791 falecía Wolfgang Amadeus Mozart. Hoxe, véspera dese cabodano e a xeito de brincadeira, un palíndromo que fala das súas relacións «suorentas».

Con este enunciado reversible, veume á cabeza unha escena do filme Amadeus (1984), de Milos Forman. Un intre que ilustra á perfección, e de forma audiovisual, o palíndromo. Trátase do primeiro encontro entre Mozart e o seu antagonista, Antonio Salieri. Dous personaxes que encarnan, na ficción cinematográfica, estereotipos contrapostos: dun lado, Mozart, o xenio precoz, frívolo e inconformista; e do outro, Salieri, o músico respectado mais tamén mediocre e sombrío.

Na devandita escena, Salieri observa oculto como Mozart, á xaneira, xoga no chan con Constanze, a moza que máis tarde se convertería na súa esposa. O xenio de Salzburgo tamén «fai suar» a rapaza falándolle do revés, con bifrontes (o irmán pequeno do palíndromo). 

Velaquí a escena co son orixinal e debaixo o texto en inglés coa súa tradución. Un enredo ben acaído para pecharmos o círculo ludolingüístico desta entrada.

Mozart: Here, everything goes backwards. People walk and dance and sing and even talk backwards.
Constanze: That's stupid.
Mozart: Why? People fart backwards.
Constanze: Oh! Ha, ha, ha!
Mozart: Ssa-ym-ssik! Ssa-ym-ssik!
Constanze: Yes, you are. You are very sick.
Mozart: No! Say it backwards, shitwit!
Constanze: Ssa-ym-ssik. Ssa-ym-ssik! Ssik, kiss. Ym, my. Ssa... Kiss my ass!
Mozart: Em-yrram!
Constanze: No, I'm not playing this game!
Mozart: Say it, it's serious. It's very serious.
Constanze: Em-Yrram... Marry me!? I' m not gonna marry you. You're a fiend.
Mozart: Uoy-evol-I-tub.
Constanze: Tub. But I... love... But I love you?
Mozart: Tihs-ym-tae.
Constanze: What?
Mozart: Eat.
Constanze: Eat. Ym, My. Tihs... Eat my shit. You filthy fiend! You filthy...!
Mozart: My music!
(Mozart: Aquí todo vai do revés. A xente camiña e baila e canta e mesmo fala do revés.
Constanze: Iso é unha parvada.
Mozart: Por que? A xente tamén peidea cara a atrás.
Constanze: Oh! Ha, ha, ha!
Mozart: Uc-o-emacíb! Uc-o-emacíb!
Constanze: Estás enfermo, si. Estás moi enfermo. [Confunde «Ssa-ym-ssik» con «Say I’m sick»]
Mozart: Non! Dío do revés, paspana!
Constanze: Uc-o-emacíb. Uc-o-emacíb! Uc, cu. O. emabíc... Bícame o cu!
Mozart: Ogimoc-asac!
Constanze: Non, non vou xogar a iso!
Mozart: Dío, é serio. É moi serio.
Constanze: Ogimoc-asac... Casa comigo!? Eu non vou casar contigo. Es un demo.
Mozart: Etomá-ue-siam.
Constanze: Siam. Mais... Ue. Eu... Etomá... Mais eu ámote?
Mozart: Adrem-añim-a-emoc.
Constanze: Que?
Mozart: Emoc.
Constanze: Come. A. Añim... Come a miña merda. Demo noxento! Demo...!
Mozart: A miña música!)
Tradución:
Sude dama, él es Amadeus. 
Sweat lady, he is Amadeus.

27 de out. de 2015

Para espías e corruptos desactualizados


Son tempos de trinzadoras de papel a botar fume. Facturas falsas, contabilidades «b» e demais documentos «comprometedores» pasan a cada pouco por esas máquinas que reducen cada folla de papel a unha morea de tiras finas como espaguetes. Con todo, como tamén vemos a cada pouco, máis lles valera a moitos usuarios das trinzadoras facer unha boa fogueira con todo o papelame!

O primeiro que me veu á cabeza cando souben das últimas noticias sobre documentos trinzados e despois reconstruídos foi unha escena de Argo (2012). Baseado en feitos reais, o filme conta como uns funcionarios da embaixada estadounidense de Teherán, durante a convulsa revolución islámica de 1979, conseguen fuxir e refuxiarse «noutro lugar». Por mor das présas só teñen tempo de destruír parte da documentación «sensible» utilizando unhas trituradoras de papel. Para poder identificar os fuxidos, os iranianos poñen un grupo de nenos a traballar na titánica tarefa de reconstruír o crebacabezas. Non direi máis para non destripar a película. Só que, finalmente, os cativos conseguen o seu obxectivo.


Polo visto, o dato histórico é que os verdadeiros protagonistas da recomposición desa montaña de papeliños foron uns pacientes e metódicos tecedores de alfombras, convocados para a ocasión. Tamén se sabe que tardaron bastante máis do que se tardou na película.

En todo caso, hogano non serían precisos nin nenos, nin tecedores de alfombras persas, nin palilleiras de Camariñas para refacer eses textos trinzados. Xa existen programas informáticos que o fan. O primeiro paso é o laborioso alisado e escaneado de cada fragmento. Despois o programa xera un ficheiro para cada un e rexistra automaticamente información de todo tipo: os matices de cor do papel, as contornas das roturas, o tipo de letra ou de tinta, os rastros de texto escrito...


E con toda esa información principia o traballo duro do programa, que vai comparando a toda velocidade os distintos anaquiños ata que comezan a encaixar entre si. Ao cabo dun tempo, pouco ou moito, o crebacabezas acaba resolto.

En fin, ensinanza de hoxe para espías ou corruptos desactualizados: de quererdes destruír documentación de forma eficaz, unha boa cacharela ou, como alternativa, ensalada de papelame cunhas pingas de bo aceite (Abril, por exemplo).

15 de xul. de 2015

Palíndromos ilustrados [2]


Ao dar con este palíndromo (que reclama a corrección lingüística con ton imperativo), o primeiro que me veu á cabeza foi a escena do graffiti no mítico filme A vida de Brian, dos Monty Python. Situémonos: 

O protagonista é Brian, un mozo xudeu que naceu en Belén o mesmo día que Xesucristo. Unha noite, Brian ten que facer unha pintada na fachada do palacio de Herodes. Mentres está a escribir, é sorprendido por un centurión romano. Este, desalmado e cruel, decide darlle unha lección...  de latín!
Centurión: Que é iso? Romanes eunt domus? Xente chamada romanos ir a casa?
Brian: (explicando a súa pintada) Di: «Romanos marchade á casa».
Centurión: De ningún xeito. Como se di «romano», en latín? Vamos, vamos!
Brian: (con medo) Romanus.
Centurión: E é flexionado como...
Brian: -anus.
Centurión: O plural de vocativo -anus é...
Brian: -ani?
Centurión: (corrixe o erro) Romani. Eunt... Que é eunt?
Brian: «Ir».
Centurión: Conxuga o verbo «ir».
Brian: Eh... Ire. Eh...  Eo, is, it, imus, itis, eunt.
Centurión: Daquela eunt é...
Brian: Terceira persoa do plural do presente indicativo, «eles van».
Centurión: Pero «Romanos marchade» é unha orde, entón tes que usar... (retorce a orella de Brian).
Brian: (coa voz aguda pola dor) O imperativo...
Centurión: Que é...
Brian: Eh, eh... It!
Centurión: Cantos romanos?
Brian: Plural, plural! Ite, ite!
Centurión: Ite. (Corrixe novo) Domus en nominativo? «Ir» indica movemento. Non si, rapaz? Asi que domus vai en…?
Brian: Dativo? Non, non, non. Acusativo? (O centurión achega a súa espada ao pescozo de Brian)
Centurión: Domus vai en...
Brian: Locativo!
Centurión: Que é...
Brian: Domum!
Centurión: Domum! Domum! (Escríbeo) Entendiches?
Brian: Si, señor!
Centurión: Escríbeo cen veces.
Brian: Si, señor! Grazas, Señor! Ave, César!
Centurión: Ave, César! Se non está escrito no amencer, córtoche os collóns!
Deseguido, o vídeo da escena completa coa dobraxe en castelán (e aquí en portugués). Sen dúbida, un exemplo do mellor humor ludolingüístico da historia do cine. Irrepetibles, Monty Python!



Tradución:
Ahí palabra abrevia.
There word you abbreviate.

25 de abr. de 2015

O nadsat de Anthony Burgess


Mentres andábamos pola beira do peirao, ía eu aparentemente tranquilo, mais cavilando todo o tempo. Así que Georgie sería agora o xeneral, ditando o que tiñamos facer ou non facer, e Dim o seu cadelo de sorriso parvo. Mais, de súpeto, caín na conta que o pensar é para os «atristos» e que os «ominosos» contan coa inspiración con que o «Deñor» manda. Porque agora viña na miña axuda unha música deliciosa... Había una fiestra aberta, cun tocadiscos en marcha, e decontado «videei» o camiño a seguir... 
Alex DeLarge
A laranxa mecánica (1971), de Stanley Kubrick (A Clockwork Orange no inglés original). Hai pouco reencontreime con ela por casualidade na televisión e volveu sorprenderme e engaiolarme. Un filme que, malia a definida estética setenteira, gaña actualidade co tempo: violencia gratuíta, poder represivo, manipulación da conduta...


O filme, como é sabido, é a adaptación da novela homónima de Anthony Burgess de 1962. Ambientada na Inglaterra dun futuro indeterminado, conta a história de Alex, amante da música de Ludwig van Beethoven e líder dun grupo de mozos que practican a violencia por puro pracer: rouban, humillan, golpean, violan...

Alex acaba por caer nas mans da policia. Preso, o mozo é sometido á chamada «Técnica Ludovico», unha agresiva terapia experimental de aversión para a rehabilitación de delincuentes. A partir dela, todo cambia.



Un dos aspectos máis interesantes da novela é a linguaxe de Alex e dos seus amigos: o nadsat. Este non é tanto un idioma, senón máis ben unha xerga que axudou o autor a caracterizar os ultraviolentos mozos protagonistas. Burgess deulle forma creando máis de duascentas palabras baseadas, sobre todo, na fala dos xitanos ingleses e en expresións eslavas (especialmente do ruso).

O nadsat foi adaptado ás diferentes linguas ás que se traduciu a novela. Aquí tes un glosario coa tradución portuguesa das súas principais voces. Aquí atoparás a súa tradución ao castelán. E se che interesa coñecer a fondo a orixe dos vocábulos orixinais e a súa tradución ao inglés é moi útil esta ligazón.

1 de abr. de 2015

«Cocksuckers», liberdade e prexuízos



No facebook do ilustrador galego Kohell Kohellius (pseudónimo de Fernando Iglesias), dei hai pouco con este xenial monólogo de acaído título onomatopeico: «Blah, blah, blah», unha onomatopea a xeito de eufemismo. Trátase dun fragmento do filme Lenny (1974), un decidido alegato a prol da liberdade de expresión a través da vida do cómico estadounidense Lenny Bruce. Este monologuista, interpretado por Dustin Hoffman, era brillante, cáustico e provocador a partes iguais. No seu tempo abordou sen medo temas espiñentos, como o aborto, a guerra do Vietnam, a discriminación racial, a relixión, os abusos do poder...

En 1961, Bruce foi arrestado por empregar 101 veces a palabra cocksucker («chupapichas») durante un dos seus espectáculos, ao que asistiu un comité de prevención da moral e dos bos costumes. Os seus integrantes, escandalizados, denunciárono. Foi xulgado por obscenidade pública e manifesta. Ao cabo, foi absolto, mais as súas actuacións comezaron a ser «supervisadas» por amables axentes da lei. Xusto nese intre sitúanse as escenas do vídeo, por sorte, oportunamente subtituladas.

E indo a onde quería chegar... aquí deixo outras «escandalosas» mostras dos múltiples sinónimos de «pene» («picha», «pirola», «carallo»...) e derivados («comepichas», «apirolado»...), por xentileza, de novo, de Pelisdobradasaogalego. Quen coñeza ben a lingua inglesa saberá que comparte coa nosa esa expresiva riqueza no «vocabulario obsceno».





E non nos deixemos enganar polos prexuízos contra o galego. Non é a primeira vez que escoito (ou leo) parvadas como... Los «negratas» del Bronx diciendo «carallo». Estos de la «Telegaita»! Claro, e que han de dicir?! «Jolines» soaría mellor?! Clásico é o exemplo da tradución da frase coa que Rhett Butler lle retruca a Scarlett O'Hara en Foise co vento (1939): Frankly, my dear, I don't give a damn - Francamente, querida, eso ya no me importa (castelán) - Francamente, querida, impórtacheme un carallo (galego). A galega, sen dúbida, máis fiel ao inglés orixinal.

Como ben sabía Lenny Bruce, ás veces as cousas cómpre chamalas polo seu nome.

24 de mar. de 2015

O galego contraataca



Aló polo ano 2009, Lucas Arcodavella, Pailán Vader e a princesa Olaia percorreron a xeografía galega presentándonos a peza «O galego contraataca». Nela, ese triángulo familiar intergaláctico ofrecía unha visión humorística do noso tan peculiar autoodio diglósico. «Pero no ves que si no hablas castellano no tienes futuro, carallo!»: e aí, traizoado pola súa lingua orixinal, Pailán Vader comezou a volver onda nós. Unha peza feita na casa e realmente xenial!

Cos anos, viñeron decretazos desgaleguizadores, publicáronse novos datos que confirman o progreso dese autodesprezo, anunciáronse novos capítulos a saga Star Wars e o grupo Chévere... recibiu o Premio Nacional de Teatro 2014.

Parabéns para a lexión de friquis seguidores das aventuras da familia Skywalker e, sobre todo, para a xente de Chévere por un premio estatal que recoñece tantos anos de esforzo, compromiso e coherencia. Para todos os demais, por desgraza, pouco hai que felicitar. Agardemos que o espírito rebelde de Lucas Arcodavella sirva de exemplo e poidamos con el arredarnos para sempre do lado escuro da forza.

E lembra, hai un galego en ti!

8 de mar. de 2015

O na’vi de Paul Frommer


A lingua na'vi é falada polo pobo alieníxena nativo da lúa Pandora, no filme Avatar (2009) de James Cameron. Foi creada por Paul Frommer (na imaxe superior), profesor de Lingüística na USC (University of Southern California). Frommer foi recrutado por Cameron para deseñar un idioma de ficción para eses grandes xigantes azuis: debía ser pronunciable polos actores e actrices do filme, mais non debía asemellarse a ningunha lingua humana en concreto.



Despois do lanzamento de Avatar, os fans interesados en aprender na'vi medrou e medrou (igual que sucedeu con outras linguas de ficción como o klingon, o dothraki...). Foi por iso que Frammer comezou a expandir a súa creación (vocabulario, gramática, fonética...) no seu blog, learnnavi.org. E a lingua segue a crecer cos novos termos achegados polos seus fieis e que reciben a aprobación do autor.

Podedes atopar na rede todo un universo geek do na'vi: cursos, tradutores automáticos... Como diría un bo na'vi: Zéne fko n‹iv›úme nì-txán (‘sempre hai moito que aprender’).

Kìyeváme (‘deica logo’).
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...