Amosando publicacións coa etiqueta La Voz de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La Voz de Galicia. Amosar todas as publicacións

14 de abr. de 2018

Con «Elemental», unha nova etapa


Uf! Un pensa que poderá manter indefinidamente certas rutinas, mais as circunstancias sempre son as que marcan o camiño. Despois de seis anos de actividade continuada en Xogosdelingua, parece que chegou momento de baixar o ritmo. Polo menos, de momento.

Como algún de vós xa saberá, levo colaborando en La Voz de Galicia con xeróglifos en galego desde hai case 30 anos. Pois ben, hai unhas semanas contactaron comigo desde La Voz para propoñerme ampliar a colaboración con outros pasatempos en galego para o seu novo suplemento Elemental, que sairá á rúa cada domingo de balde co xornal. E non puiden dicir que non! 

Estas semanas de silencio no blog debéronse á preparación do material para o suplemento. A proposta permitiume dar renda solta á miña vea ludolingüística. Deseñei algúns xogos de palabras clásicos (autodefinidos, encrucillados, sopas de letras ou xeróglifos) e outros máis novidosos (labirintos, escaleiras, frases [des]feitas...). 

De onde sacarei o tempo? Non o sei. O reto está aí e como son persoa que toma moi en serio os compromisos, a actividade en Xogosdelingua vai ter que reducirse. A non ser que alguén dea inventado os días de 36 horas! 

Mañá sae á rúa o primeiro número de Elemental. Unha publicación orientada a grandes e pequenos. Espero que se faga un oco no lecer do público e que teña continuidade. Sempre defendín a necesidade dunha publicación especializada en pasatempos no noso país. 

En calquera caso, unha aperta para tod@s. Por aquí seguiremos cando a carga de traballo o permita, porque, para os devotos da ludolingüística, a cabeciña nunca para!


21 de dec. de 2017

Agasallo de Nadal


Remata o 2017 e como agasallo ludolingüístico ocorréuseme facer unha pequena escolma dos xeróglifos que este ano publiquei en La Voz de Galicia. Aquí volos deixo. Para os que non esteades moi afeitos a resolvelos, lembrade que podedes achegarvos á arte do xeróglifo consultando o noso curso acelerado de «Gramática xeroglífica»

Xa sabedes, a poñer os miolos a traballar un chisco. Adiante! 

1. Por que non cres que ela sexa de Girona?

2. Que adoita facer Uxía na praia?

3. Resultaches ferido?

4. Irás agora a Compostela?

5. Quen ten que entregar eses paquetes?

6. Onde será o voso próximo concerto?

7. Ponse nervioso Miguel cando chegan os exames?

8. Que dixo Noa sobre o seu suposto divorcio?

9. Quen visitará hoxe este museo?

10. De que vos disfrazaredes este Entroido?

26 de xuño de 2016

Solución ao xeróglifo 10.000


Vale, vale! Que non se amoreen as respostas! Ha, ha!

Non espremades máis os miolos. Aquí xa deixo eu as solucións aos xeróglifos que propuxen hai unhas semanas co gallo dos 10.000 pasatempos en La Voz de Galicia.

1. Había moitos homes espidos na praia?
SOLUCIÓN: Nu un. (Nu –un ao revés– un)

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

SOLUCIÓN: De Rábade a Teo. (D er –re ao revés– abade ateo)

3. Sabes de onde son esas rapazas?
SOLUCIÓN: Unha é de Zas. (Unha e dez ás)

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?
SOLUCIÓN: Falador é, si. (Fa la dó re si)
 
5. De que faleceu a túa bisavoa?
SOLUCIÓN: De tuberculose. (De tubérculos e)

6. Que compraches no supermercado?
SOLUCIÓN: Cebolas e té. (Ce bóla sete) 
 
7. Que tomaches antes do banquete?
SOLUCIÓN: Moitos entremeses. (M oitos entre meses)

8. Por que dis que tes poderes paranormais?
SOLUCIÓN: Leo a mente. (Leoa mente) 

9. A que negocio se dedican os teus amigos?
 SOLUCIÓN: Importan té. (Importante)

10. Por que me mandaches para a cama?
 SOLUCIÓN: Vinte canso. (Vinte cans o)
 
11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?
SOLUCIÓN: Uniformado. (Un i formado)

20 de maio de 2016

Días de tolos

 

Uf! Que días de tolos! Un tan cómodo no seu anonimato e, de súpeto, con motivo da cifra redonda dos 10000 xeróglifos, a xente de La Voz decide dedicarme a contra do xornal o mesmiño Día das Letras, e con vídeo na web incluído. Graciñas mil a María Cedrón e a Paco Rodríguez polo seu traballo.

E pola tarde unha nova sorpresa: a chamada de La Ventana, da cadea Ser, para unha entrevista! Aquí vos deixo o audio da charla con Carles Francino (entre os minutos 39:00 e 47:20).


En fin, desculpade esta paréntese autorreferente no blog. Estou, como diría alguén que coñezo, que non me colle un gran de millo no cu! Ha, ha!

16 de maio de 2016

10.000 días despois

1. Había moitos homes espidos na praia?

Como xa contei hai tempo, o 1 de xullo de 1988 tiven a oportunidade de comezar unha inesperada aventura ludolingüística: publicar os xeróglifos na sección de pasatempos de La Voz de Galicia.

Encabezando a entrada de hoxe, o xeróglifo 10000! Aí queda, como celebración doméstica dunha serie diaria ininterrompida que alcanzou xa este número redondo. Case 28 anos! Que vertixe!

E peza non foi seleccionada ao chou. Trátase dun xeróglifo sinxelo, mais cunha chea de calidades ludolingüísticas: pola súa solución monovocálica e palindrómica e polo seu deseño ambigramático.


E como con estas pistas resulta doado dar coa resposta, aquí vai un pequeno reto para todos vós: resolver tamén estoutros 10 xeróglifos. Animádesvos?

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

3. Sabes de onde son esas rapazas?

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?

5. De que faleceu a túa bisavoa?

6. Que compraches no supermercado?

7. Que tomaches antes do banquete?

8. Por que dis que tes poderes paranormais?

9. A que negocio se dedican os teus amigos?

10. Por que me mandaches para a cama?

11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?

10 de feb. de 2016

O humor de Sesé







Que tal un chisco de humor? Lembrades como as pezas de Xosé Lois, de Luís Davila, de Xaquín Marín, de Xoán Andrade, de Sabela Arias e doutros artistas gráficos galegos nos demostraron a produtividade dos xogos de palabras para xerar comicidade?

Hoxe é a quenda de María José Mosquera Beceiro, máis coñecida como Sesé ou Sex. Esta mestra, ilustradora e humorista gráfica amósanos periodicamente a súa visión cómica dos problemas cotiás da xente de a pé na edición ferrolá de La Voz de Galicia. Podes seguir as súas historias no blog Humordesese.

As pezas anteriores basean o seu humor ludolingüístico na sufixación, na antonimia, no calembur, na polisemia, no campo semántico e na frase feita. Poderías identificar en cales?

11 de maio de 2015

O humor de Xaquín Marín






Aló polo 1975, Xaquín Marín Formoso publicou, xunto co desaparecido Reimundo Patiño, 2 viaxes, considerada a obra inaugural do cómic galego. Logo virían moitas outras: Ratas (1977), o inesquecible Gaspariño (1978), Dos pés á testa (1986)... Como humorista gráfico colaborou en diversas revistas especializadas: La Codorniz, Can sen dono, Sapoconcho ou Retranca. Tamén foi fundador e, durante moitos anos, director do magnífico Museo do Humor de Fene.

Desde 1988 ata a actualidade, tamén publica as súas pezas en La Voz de Galicia. É unha honra compartir a diario a páxina de pasatempos do xornal con esta figura emblemática do humor gráfico galego.

As súas viñetas retratan a nosa sociedade con grandes doses de retranca e de compromiso, decote achegándose case á reflexión filosófica. E, de cando en vez, Xaquín Marín deixa florecer nos seus textos o enredo coas palabras. Os de arriba son algúns exemplos dese humor ludolingüístico. Podes identificar en cal deles se empregan os recursos da polisemia, da homonimia, da antonimia e das frases feitas?

5 de abr. de 2015

Acrónimos que salvan vidas


Cirurxiáns vasculares do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) acaban de poñer en marcha un novo método que axuda a planificar o tratamento endovascular dos aneurismas de aorta abdominal. O éxito da súa aplicación en Compostela fixo que centros hospitalarios de todo o mundo amosasen grande interese por incorporalo ás súas técnicas.

Para a súa doada memorización, o protocolo tomou forma de acrónimo. Así o explican en La Voz de Galicia.
As oito normas do protocolo preséntanse resumidas en forma de acrónimo. Forman a palabra Santiago. Elaborárono en inglés «para facilitar o seu uso internacionalmente». Así, o S correspóndese co inglés «size» e indica medir o aneurisma; o A con «access», para decidir se é femoral ou polo brazo; o N con «neck» (pescozo); e así ata o O final de «OK».

Deste xeito, exportamos técnicas cirúrxicas e acrónimos de noso. Un procedemento de abreviación convertido en xogo e ao que, por certo, están moi afeitos os estudantes de Medicina. Con el, memorizan criterios de diagnóstico, series de músculos, de ósos... (Criterios de diagnóstico da febre reumática: CANCER: Cardite, Artrite, Nódulos subcutáneos, Corea, ERitema marxinado. Músculos do pulgar: AFOA: Abductor, Flexor, Oponente, Aductor. Ósos do cráneo: ES PATO FEo: ESfenoides PArietal Temporal Occipital Frontal Etmoides). Unha relación entre Medicina e Ludolingüística que dá para interesantes artigos como este.

En fin, acrónimos que salvan vidas. Ludolingüística que salva vidas.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...