30 de nov. de 2017

Caetano Veloso: ludolingüista [5]



Hai pouco descubrín un trabalinguas tradicional portugués que di:
A aranha arranha a rã.
A rã arranha a aranha.
Nem a aranha arranha a rã.
Nem a rã arranha a aranha.
Unha delicia case monovocálica, con «erres» e «ene-agás» á esgalla, que pon a proba a dicción do falante máis habilidoso. 

Ao escoitalo, veume á memoria a canción de Caetano Veloso «Qualquer coisa», que encabeza a entrada, tamén acuguladiña cos mesmos sons. 

Máis alá das connotacións eróticas (Mexe qualquer coisa dentro, doida / Já qualquer coisa doida, dentro, mexe), a peza é por enteiro un fermoso trabalinguas musicado no que se entretecen recursos fónicos como a paronimia (palabras diferentes con significantes moi parecidos: aranha, arranha / berro, aterro, desterro, erro) ou a aliteración (repetición dun mesmo son ou dunha mesma serie de sons: Marrakesh, mexe, avexe, deixe / manha, aranha, sanha, ganhe, apanhe / carro, sarro, arranha, aterro, desterro, bezerro...)
Qualquer coisa
Esse papo já tá qualquer coisa
Você já tá pra lá de Marrakesh
Mexe qualquer coisa dentro, doida
Já qualquer coisa doida, dentro, mexe
Não se avexe não, baião de dois
Deixe de manha, deixe de manha
Pois, sem essa aranha, sem essa aranha, sem essa aranha
Nem a sanha arranha o carro
Nem o sarro arranha a Espanha
Meça tamanha, meça tamanha
Esse papo seu já tá de manhã
Berro pelo aterro, pelo desterro
Berro por seu berro, pelo seu erro
Quero que você ganhe, que você me apanhe
Sou o seu bezerro gritando mamãe
Esse papo meu tá qualquer coisa e você tá pra lá de Teerã
Intúo o mestre Caetano, que tiven a sorte de escoitar ao vivo o pasado 30 de abril na Coruña, a recitar o dito da araña que raña mentres compoñía esta peza de celme ludolingüístico. Outra máis do admirado xenio baiano.

26 de nov. de 2017

Paronimia e humor





Volve un clásico de Xogosdelingua: os xogos de palabras dos nosos humoristas gráficos. Hoxe toca a paronimia, esa relación entre dúas palabras con significados diferentes mais con significantes relativamente próximos (testo - textoarteira - arteria, agradar - agardar...). Como xa temos visto en máis entradas, esa semellanza formal é o factor que propicia a confusión, a ambigüidade e, ao cabo, a graza.

Arriba tedes catro pezas de catro mestres do chiste gráfico galego: Luís Davila, Xosé Lois, Santy Gutiérrez e María José Mosquera. Todas elas baseadas no recurso da paronimia. Poderías explicar como actúa este mecanismo en cada caso?

22 de nov. de 2017

Palíndromos ilustrados [20]


Achégase unha boa ponte. Se cadra, é a ocasion propicia para pasar uns días a percorrer o país. O difícil, como vemos no palíndromo de hoxe, é elixir. Aquí queda o texto reversible coa súa correspondente ilustración. Que camiño coller? Cara a Melide? Cara a Serres? Cara a Ares? Resolvede vós o espiñento dilema.

Claro que, de quererdes ampliar o abano de posibilidades, podedes aproveitar tamén este singular vídeo de Carlos Meixide, 50% d’Os da Ría e campión galego (in pectore) de memorización toponímica. É posible que ao escoitalo se vos ocorran outros posibles destinos. Como diría Risco: «Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo». Por topónimos que non sexa! Abadín, Abegondo, Agolada, Alfoz, Allariz... Todo un alfabeto de posibilidades! Ha, ha!



18 de nov. de 2017

Abraiantes homes e mulleres de letras











A revista brasileira Serrote, especializada en artes visuais e literatura, publicou hai uns anos un número especial que incluía unha serie de retratos de escritores usando só as letras dos seus nomes: Carlos Dumond de Andrade, Joseph Conrad, James Joyce, Edgard Alan Poe, George Bernard Shaw, J. M. Coetzee, Oscar Wilde, Shalman Rushdie e Virginia Wolf. 

Ao dar casualmente con estes pinacogramas, unha das miñas debilidades, comecei a pescuda. Ao parecer eran obra dun tal Roberto de Vicq, deseñador gráfico nado en Rio de Janeiro, aínda que instalado desde moi novo en Nova York. 

Resultan admirables estes retratos pola súa beleza, pola súa expresividade e pola fidelidade cos rostros dos protagonistas. E cada imaxe coa súa propia tipografía! 

Como podemos comprobar na web persoal de Roberto de Vicq, o proxecto dos retratos con letras xa xurdira nunha obra previa, Men of letters... (2007). Unha verdadeira marabilla con outras pezas abraiantes, como os retratos de Franz Kafka ou de Mark Twain.


Recomendación final, paseardes devagar polo recuncho na arañeira deste deseñador para gozar de todos os seus outros proxectos: ilustración, logos, carteis...

14 de nov. de 2017

Os beixos da lingua que xoga

   

A poesía como xogo verbal: isto é o que nos ofrece Paco Barreiro en Beixos de lingua (2017), poemario publicado o pasado maio. De brincadeira en brincadeira Barreiro, profesional do teatro, da dobraxe e da música, ofrécenos todo un concerto de poética ludolingüística. 

Pezas que explotan na forza do calembur:
Co que doeu
fastidiado quedo eu.
Da paronimia:
No silabario
aprendín a usar a lingua.
No salivario
aprendín a gozar dela.
Da homonimia:
As palabras
son
son.
Os silencios
son
son
sen
son.
Dos caligramas:
Collín
             un
                  inte
                      rro
                       gan
                         te
                       e sen
                      du
                 bi
            dar
        fun
     se
    gar
    a
    ver
    ba.
Dos palíndromos:
Eva ve e di:
cede; ama, Adán.
A mazá,
pan na man,
só acode.
O demo é presa da serpe.
O medo é do caos.
Na man
(na paz)
ama.
Nada ama, e decide.
Eva ve!
E mesmo algunha peza aconsonántica algo familiar:
Ei!
Oe,
E aí oía eu:
Ía eu a Oia e a aia ía ao Eo
ou...
ía eu ao Eo e a aia ía a Oia?
Ía eu e a aia ao Eo e a Oia...
ou a Oia e ao Eo...
Aaiiiiiiiiiiii!
Xogos que espremen as posibilidades sonoras e visuais do idioma e que nos lembran o espírito lúdico de Libra ou d’A torre da derrota de Gonzalo Navaza ou o de Palabras brancas de Elvira Ribeiro. Un novo título imprescindible para a nosa «bibliografía ludolingüística básica». 


10 de nov. de 2017

Radcliffe rapea o alfabeto



Con só 11 anos Daniel Radcliffe deuse a coñecer como actor coa súa interpretación de Harry Potter no primeiro dos filmes baseado na saga literaria de J. K. Rowling. O que resulta menos coñecido é o seu talento como rapeiro.

Aló polo 2014, en The Tonight Show Starring Jimmy Fallon o actor británico, animado polo presentador do programa, botouse a cantar a súa versión de Alphabet Aerobics de Blackalicious.



Certamente hai que botarlle peito para interpretar con tanta arte este trepidante rap que percorre do A ao Z todas as letras do alfabeto inglés. Lembra aqueloutro prodixio tautogramático de Fabio Brazza. Non si?

«Sempre estiven obsesionado por memorizar letras de cancións complexas e moi rápidas. É como unha enfermidade», bromeaba o actor. Fabuloso o talento de Radcliffe memorizando e rapeando, abofé! 

6 de nov. de 2017

Chegan as bólas de neve


Hai xa tempo dei en Microsiervos con esta imaxe. Palabras que crecen e decrecen penduradas en gran formato no exterior do Instituto Cervantes, en Madrid. Un enredo verbal que consiste, sen máis, en facer series de voces correctas cun número crecente (ou decrecente) de letras, de xeito que as maiores inclúen dentro delas as menores: id, vid, vivid, revivid, sobrevivid.

Este xogo de palabras lembra en parte as «bólas de neve» do grupo Oulipo. Unha «bóla de neve» é un poema cuxos versos están compostos por unha única palabra, co requisito de que cada unha teña unha letra máis cá anterior (se a serie vai en orde crecente) ou unha menos (se vai en orde de crecente). Por exemplo:
E (1)
eu 
(2)
son 
(3)
unha 
(4)
verba 
(5)
lúdica 
(6)
riseira 
(7)
vibrante 
(8)
evocadora 
(9)
argalleira (10) 
Aí está a bóla verbal rodante a medrar letra a letra pola ladeira nevada abaixo, ata onde a imaxinación nos dea. E coa bóla a se derreter, perdería unha letra en cada verso. Outro exemplo máis da produtividade das restricións destes xenios oulipenses.

O amigo Cibrán, desde Carta Xeométrica, deume a coñecer a convocatoria dun Concurso de «Bólas de Neve Matemáticas» convocado pola UPV. En castelán e en éuscaro. Alguén se anima a participar? Aínda hai tempo.

2 de nov. de 2017

Aspirina, Orfidal, Sintrom, Rinofrenal...


Ás veces, pronunciar o nome dalgún remedio para a dor de cabeza xa produce dor de cabeza. Quen demo lle pon o nome aos medicamentos?

Con ducias de miles novos produtos aprobados polas autoridades cada ano, non é de estrañar que as farmacéuticas invirtan ducias de miles de euros en axencias que lles buscan o mellor nome comercial. Así xorden marcas rexistradas como Calmatel, Tiorfan, Dormidina, Sintrom ou Lucentis, que corresponden a cadanseu principio activo de nome moito máis «trabalingüístico»: piketoprofeno, racecadotrilo, doxilamina succinato, acenocumarol ou ranibizumab.

As regras básicas á hora de bautizar un medicamento son tres: que o nome sexa curto, pegadizo e fácil de pronunciar en moitas linguas diferentes.

Logo, a creatividade xoga tamén o seu papel. Só tres exemplos:
O nome Aspirina fai referencia ás plantas do xénero spiraea, da familia das rosáceas, utilizado para obter o seu principio activo.
Orfidal deriva de Orfeo, personaxe da mitoloxía grega que, cando tocaba a lira, facía acougar as almas dos seus concidadáns.
Seica Viagra xurdiu da combinación de «vigor» e «Niágara». Queda clara a idea de fluxo potente? E, ademais, disque «vyagraa» en sánscrito significa ‘tigre’. Así xa non quedan dúbidas!
E unha orixinal peza como broche de hoxe: o soneto VADEMECUM do poeta salmantino Raúl Vacas (que descubrín grazas a Estíbaliz Espinosa). Unha forma lírica e orixinal de expoñer a farmacodependencia da nosa sociedade.
VADEMECUM
Ardine, Alugelibys, Aspirina,
Ornade, Frenadol, Polaramine,
Feldene, Mucorama, Betadine,
Bio-Hubber, Oralsone, Buscapina,
Prozac, Celestoderm, Maxicilina,
Septrín, Cefalexgobens, Augmentine,
Saldeva, Ferromorgens, Oraldine,
Vaspit, Oftalmolosa, Biodramina,
Isdinium, Hibitane, Nolotil,
Fluidasa, Termalgin, Rinofrenal,
Orudis, Tanakene, Clamoxyl.
Adiro, Conductasa, Senioral,
Profer, Optalidón, Gelocatil,
Zantac, Aureomicina y Hemoal.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...