Amosando publicacións coa etiqueta poesía visual. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía visual. Amosar todas as publicacións

4 de mar. de 2018

O incrible poema palindrómico de Su Hui


O retrato superior é de Su Hui, talentosa poeta chinesa do século IV coñecida polo nome de cortesia de Ruolan («como unha orquídea»). 

Grazas a Miro Villar e a Cibrán Arxibai souben desta muller e do seu incrible poema palindrómico coñecido como o Xuanji Tu. Trátase dun enxeñoso conxunto de 841 caracteres distribuídos nunha grella que pode ser lida en calquera dirección (cara a adiante e cara a atrás; en vertical, horizontal ou diagonal). Nesta xoia da combinatoria é posible ler, ao parecer, 2848 posibles poemas diferentes.

Su Hui, empregou fíos de seda de cinco cores e dividiu o poema nunha especie de áreas. Cada unha delas posúe un conxunto específico de regras que indican como debe ser lido o texto.


Para saberdes máis sobre este prodixioso poema (a historia de amor que leva asociada, algunha proposta de tradución...), recoméndovos este artigo de mujeresconciencia, escrito por Marta Macho Stadler profesora do Departamento de Matemáticas da UPV/EHU.


29 de xan. de 2015

Novoneyra: poesía a pulso


Conservo os Poemas caligráficos (1979) de Uxío Novoneyra como unha das miñas posesións máis valiosas. Con edición de Xosé Manuel Pereiro e con ilustracións e prólogo de Raimundo Patiño, este poemario debe ocupar un lugar de honra na nosa «bibliografía ludolingüística básica».

En primeiro lugar, por recoller o monumental «Vietnam canto». Poema «oral e visivo», en palabras do propio autor, que lanza un berro sobrecolledor contra a Guerra do Vietnam (fora composto aló por 1967) e contra todas as guerras.  Bo é escotalo da propia voz de Novoneyra, hoxe, véspera do Día da Paz.



En segundo lugar, pola presenza desas pezas de poesía manuscrita sen equivalente na nosa literatura e que dan título ao volume. Uns poemas que estalan ceibos desde o propio pulso de Novoneyra e adquiren así un valor máis persoal, máis expresivo e máis sincero. En palabras de Antón Patiño: «o poeta ten un sismógrafo interior para rexistrar o devalar da natureza e do ser humano». Prodixioso!


Unha proposta lúdica: Animádesvos, como expertos calígrafos, a identificar o texto destoutros poemas caligráficos?



22 de mar. de 2014

Máxicos topónimos esdrúxulos

Unha vez estiven en Córgomo, gustoume o topónimo e a partir de aí, e ao decatarme das súas posibilidades musicais, eu, que son moi coleccionista, comecei a coleccionar topónimos esdrúxulos.
Xosé María Álvarez Cáccamo conta que así comezou a xestar Cántico de topónimos esdrúxulos (2010), un dos libros máis singulares das nosas letras, publicado por Espiral Maior nunha edición limitada de 100 exemplares. En todos os sentidos, unha avis rara, chea de amor pola forza sonora e visual palabras.

O volume conta con 15 poemas textuais (impresos de forma convencional) e outros 8 poemas visuais (ou caligraficos, que recordan os de Uxío Novoneyra). Todos eles ateigados dese espírito lúdico que fixo a Cáccamo enredar ata o límite:
Nos poemas os topónimos non están colocados ao chou. Utilicei modelos clásicos, rimas: hai un soneto, un romance, acrósticos, agrupo topónimos polo número de sílabas, ou os que teñen só a vocal e, ou a vocal o...
En fin, outra peza única e máxica para a nosa «bibliografía ludolingüística básica». Aquí deixo outros dous poemas visuais da obra.



E unha proposta final: quen se anima a refacer o camiño de Xosé María Álvarez Cáccamo e recompilar tamén topónimos esdrúxulos? Aí van algúns para comezar: Guísamo, Láncara, Rábade...

25 de out. de 2013

Monovocalismo animado



Un poema do portugués Manuel Tojal de Meneses. Poesía visual e animada na nosa era dixital. Este é o seu texto completo (e estático).
Castrar as balas,
rasgar as lanças,
apagar as chamas,
lavar as manchas 
da palma das granadas, afagar caras amargas,
cavalgar as manhãs claras
nas asas das batardas
atrás das palavras brancas
bastará para calar as armas?
Unha fermosa declaración antibelicista que combina a forza sonora do texto monovocálico en «a» co impacto visual da tipografía animada.

O «a» omnipresente tamén serviu de base para aquel marabilloso poemario de Elvira Riveiro titulado Palabras brancas. Lembrades? 

A tipografía animada ou cinética é unha técnica de animación de textos que mestura palabra escrita, animación, fotografías, gráficos, vídeo, música ou voces en off coa intención de evocar unha idea o unha emoción. O texto adoita ser presentado exactamente no momento en que se di ou se canta, co que a mensaxe audiovisual resulta máis efectiva.

Unha técnica que, pola súa forza, é utilizada en videos musicais, en anuncios publicitarios, en créditos de filmes... Aquí ou aquí podedes atopar magníficas escolmas tipografía cinética. A gozar!

5 de dec. de 2012

A poesía visual de Joan Brossa



Un poema pode ter máis forza ca calquera arma de fogo. O alfabeto (e a lingua) é a chave coa que abrimos o mundo (que xenial coincidencia cos versos do noso Manuel María!). O oco que deixan as letras «C», «H» e «E» no alfabeto simboliza o baleiro que deixou a figura do «Che» Guevara. Cada persoa, única como a súa pegada, atópase nun mundo que é coma un xogo de palabras cruzadas.

Catro interpretacións para estes catro poemas visuais do catalán Joan Brossa (1919-1998). Autor de fonda inquietude experimental, Brossa traballou en múltiples ámbitos: poesía, escultura, teatro, cine... Este continuo afán de investigación encamiñouno progresivamente cara á poesía visual. Nun mundo no que a palabra entra en crise fronte ao esmagador poder da imaxe, Joan Brossa reclama un espazo para este tipo de poesía. Nas súas palabras:
«A poesía visual creo que nace a causa da importancia que ten a imaxe no noso mundo. A sociedade ofréceche unha serie de códigos ao teu alcance que se poden utilizar doadamente; por exemplo, a xente está afeita a ver unha frecha e a entender a súa mensaxe. Daquela, todo este sistema de linguaxe pódese aplicar á poesía. De feito, é volver aos pictogramas. O principio da escrita remítenos aos pictogramas e aos ideogramas. É necesario reencontrar na imaxe das letras a pegada dunha figuración perdida».
Xa vimos nunha entrada anterior unha curmá da poesía visual: a poesía concreta. Por que non espertar o/a poeta visual que levades dentro? Para vos animar, aquí deixo un vídeo dedicado a Joan Brossa no que se animan algunhas das súas pezas.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...