Para comezar o ano, ocorréuseme unha recomendación. Agora que moitos andamos na busca de agasallos de Reis, se vos gustan os bos xogos de mesa, aí vai unha idea que de seguro garantirá grandes momentos de diversión en grupo: Dixit.
Hai uns días descubrín este xogo, ideado polo francés Jean-Louis Roubira, e foi toda unha sorpresa.
Os elementos básicos: uns coelliños de cores (boa chiscadela á nosa amada Alicia) que representan cadanseu xogador, un taboleiro só para rexistrar o avance en puntos dos participantes e un conxunto de 84 cartas diferentes fermosamente ilustradas por Marie Cardouat.
O proceso, de forma sintética, é o seguinte:
A) Repártense cinco cartas por xogador e un deles actúa como «narrador/a». Este debe escoller unha das súas imaxes e idear unha frase ou título que represente o seu contido. Di a frase en voz alta e pon a carta no centro da mesa boca abaixo.B) Deseguido, cada un dos demais xogadores escolle entre as súas cartas a que mellor se poida asociar a ese mesmo «título». Todas esas tarxetas son postas boca abaixo no centro e barállanse para que non se saiba de quen é cada unha.C) Despois de mesturar as cartas, póñense boca arriba sobre a mesa. É o momento de que todos, agás o «narrador/a», indiquen cal supoñen que é a carta que pertencía a este.D) Un xogador consegue puntos por adiviñar a carta do «narrador/a» e tamén por conseguir que outros voten pola súa propia carta, aínda que non sexa a correcta.E) Por quendas, vai cambiando o rol de «narrador/a» ata que alguén gaña ao chegar a un número estipulado de puntos.
Seguro que á primeira vista pode parecer que todo se reduce a adiviñar cartas, mais podo asegurarvos que o xogo vai moito máis alá. Hai unha regra simple que lle dá o seu aquel e cámbiao todo: o «narrador/a» non obtén ningún punto se todos os xogadores adiviñan a súa carta e tampouco obtén puntos se ninguén o fai. Daquela, o que se pon en xogo é:
— De seres «narrador/a», a túa capacidade para usar a faceta evocadora e metafórica da linguaxe, pois o «título» non debe ser tal literal que sexa interpretado por todos, nin tan simbólico que ninguén o descubra.— De seres «oínte», a túa imaxinación e a túa empatía para interpretar con tino o enunciado do «narrador/a».
En definitiva, un xogo de lingua oral sinxelo, creativo e dinámico, ideal para xogar con nenos (de máis de 8 anos), en familia ou con amigos. Sen necesidade de pilas, nin accesorios. E apto para calquera lingua.
Un xogo multipremiado para voar coa imaxinación e xogar coa linguaxe, porque, como ben dixo Salman Rushdie, «a linguaxe e a imaxinación non poden ser aprisionados».