Amosando publicacións coa etiqueta Praza Pública. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praza Pública. Amosar todas as publicacións

14 de xan. de 2018

Palíndromos ilustrados [21]


Pois si, como ben di o palídromo de hoxe, desde hai tempo o panorama televisivo só dá ganas de arrebolar a berros o aparello pola fiestra. E de falarmos só da programación da nosa televisión, a galega, a sensación é máis ou menos a mesma. Non é que valore máis o peso da nostalxia e son consciente de que a mocidade de hoxe ten outros gustos e outra forma de consumir produtos audiovisuais (youtubers, webseries...). Con todo, o empobrecemento da nosa oferta televisiva, agás honrosas excepcións, paréceme sinceramente algo obxectivo. Unha television que tanto fixo pola normalización da nosa lingua e pola dinamización da cultura do país! Que mágoa!

Paga a pena a lectura do artigo «Unha ducia de telelixo para facer país», de Héctor Anllo, en Praza Pública. Aínda que xa ten un tempo, ofrece unha visión alternativa de como lle devolver os azos á televisión de noso. Se cadra, ese puñado de ideas para ampliar a programación en galego serían o «desfibrilador» perfecto para a reanimar. Aí van uns exemplos:
Masterfarmer. Un talent show para dar co mellor labrego galego. Un Masterchef agropecuario, con emocionantes probas eliminatorias: carreiras de tractores, muxido contrarreloxo, habilidades co fouciño e co sacho… Espectáculo asegurado!
Pesadelo no furancho. O cociñeiro máis rabudo que se dea atopado encargaríase de visitar furanchos en apuros e de poñelos ao día con man firme. Ningún cliente insatisfeito nos establecementos máis enxebres do país!
Tunéame o tractor. A versión galega de Pimp my ride, da MTV. En lugar de modificar e embelecer coches, tocaría facelo cos tractores do noso rural: un John Deere rosa que pega chimpos, un Lamborghini con tapizado de leopardo... Dispararíanse as audiencias!
Sanxen Shore. A nosa capital do veraneo: sol, praia, marcha nocturna... O lugar ideal para a remuda na franquía Shore (despois de Jersey e Gandía). Primeiro un coidado casting, despois os especimes autóctonos afortunados compartirían o seu día a día coa audiencia: «chiringos» de praia, rituais de ligoteo, body culture, festas gastronómicas... Ei, carballeira!

22 de maio de 2014

O humor de Xoán Andrade



O betanceiro Xoán Andrade é humorista gráfico e profesional do ensino. As súas viñetas, apegadas á realidade en que vivimos, combinan un humor crítico e agudo cunha limpa feitura gráfica.

Se queredes gozar do seu humor podedes acudir ao seu magnífico blog persoal: Pingas de humor crítico. Ou tamén podedes seguilo no diario dixital Praza Pública. Mais o certo é que Andrade leva unha chea de tempo a colaborar en diferentes publicacións periódicas (A Nosa Terra, La Región, Revista Galega de Educación...) e medios dixitais (O Imperdíbel, Eivados, Enchufados...).

As pezas que temos atrás seleccioneinas polo su miolo ludolingüístico. Cada unha baséase nun recurso diferente: a antítese, a polisemia, a paronimia e o eufemismo. Es quen de identificalos?

18 de mar. de 2013

Por fin, Apalabrados en galego!


E por fin xa o temos aquí! Apalabrados en galego! Houbo que agardar uns meses desde as primeiras noticias da inminente chegada desta app. E desde hai uns días, segundo se pode ler en Código Cero e en Praza Pública, xa dispoñemos dunha versión de noso deste Scrabble en liña. 

Hai só uns días, o xogo foi actualizado nas súas versións para iOS e Android incorporando dous novos idiomas: o noruegués e o galego. Agradecemento infindo para os artífices da tradución: a empresa arxentina Etermax e a compostelá Cilenis, especializadas en tecnoloxía lingüística. Aquí podemos ver un vídeo onde se nos explica como xurdiu o proxecto. 

Gozarmos en galego do Apalabrados, hoxe un verdadeiro fenómeno global, supón un pasiño máis no arduo camiño da normalización. Por non falar do agasallo impagable que é para «geeks ludolingüistas». De cando en vez, non está mal unha boa noticia. A xogar!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...