Amosando publicacións coa etiqueta sufixación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sufixación. Amosar todas as publicacións

4 de feb. de 2017

Non apto para sesquipedalofóbicos


Ollo! O comentario de hoxe non é apto para quen padeza hipopotomonstrosesquipedaliofobia. Quedades advertidos!

Mais de pouco serve o aviso de descoñecerdes o significado do «palabro». Aí vai a explicación por vía etimolóxica: «hipopoto-» (‘grande’) «-monstro-» (‘monstroso’) «-sesquipedalio-» (do latin «sesquipedalia», de «sesqui-» ‘unha vez e media’ e «-ped» ‘pé’, é dicir, ‘palabra grande’) e «-phobia» (‘medo’). Gran sentido do humor o do carallán que lle puxo un nome de 33 letras a este ‘medo irracional ás palabras longas’.

Máis alá da brincadeira, a designación técnica deste padecemento é megalologofobia ou sesquipedalofobia, trabalinguas moito máis «asequibles». Unha fobia que describe o temor que se sente ao ter que pronunciar, nalgunha conversa ou fronte a un público, palabras longas e pouco frecuentes. Trátase dun trastorno causado polo medo ao ridículo ou a ser considerado pouco culto ou pouco intelixente. Decote esta fobia, polo que se ve, vén acompañada de timidez social.

O caso é que por aquí xa teñen pasado palabras ben longas: unhas de orixe literaria, outras científica... Aínda que o galego non ten a facilidade doutras linguas para formar esas palabras de extensión desmesurada, hai pouco dei cun interesante artigo do Portal das Palabras que nos fala dalgunhas verbas de noso dignas campioas do sesquipedalismo galaico: 
esternocleidomastoideo (22 letras)
preterintencionalidade (22 letras)
contrarrevolucionario (21 letras)
electroencefalografía (21 letras)
extraterritorialidade (21 letras)
magnetohidrodinámica (20 letras)
otorrinolaringoloxía (20 letras) 
Sen termos en conta todas as posibles ampliacións mediante sufixos (electroencefalografista ou contrarrevolucionariamente), estas son as xigantes recoñecidas polo noso dicionario oficial da Real Academia Galega. Déixovos coa ligazón, non perdades detalle!

10 de feb. de 2016

O humor de Sesé







Que tal un chisco de humor? Lembrades como as pezas de Xosé Lois, de Luís Davila, de Xaquín Marín, de Xoán Andrade, de Sabela Arias e doutros artistas gráficos galegos nos demostraron a produtividade dos xogos de palabras para xerar comicidade?

Hoxe é a quenda de María José Mosquera Beceiro, máis coñecida como Sesé ou Sex. Esta mestra, ilustradora e humorista gráfica amósanos periodicamente a súa visión cómica dos problemas cotiás da xente de a pé na edición ferrolá de La Voz de Galicia. Podes seguir as súas historias no blog Humordesese.

As pezas anteriores basean o seu humor ludolingüístico na sufixación, na antonimia, no calembur, na polisemia, no campo semántico e na frase feita. Poderías identificar en cales?

15 de xan. de 2013

Sesquipedalismo: palabras estarricadas

Preguntarédesvos que demo é ese «palabro» do sesquipedalismo. Pois comecemos a historia polo principio: Hai uns 2000 anos...

Nos tempos da Roma clásica, o poeta Horacio escribiu na súa Ars poetica (A arte da poesía): PROICIT AMPULLAS ET SESQUIPEDALIA VERBA, algo así como «Guinda a un lado os teus botes de pintura e as túas palabras dun pé e medio de longo». Con esta expresión, Horacio recomendáballes aos autores non poñer palabras excesivamente longas e ampulosas («sesquipedalia», de sesqui- ‘unha vez e media’ e -ped ‘pé’) na boca dos heroes das traxedias, pois con elas, en lugar de chegar ao corazón do espectador, só conseguían distanciarse del.

Hoxe, este termo horaciano deu orixe ao cultismo sesquipedalismo, que ten dúas acepcións básicas:

A primeira ten un carácter máis ben funcional e depurador: o sesquipedalismo denuncia a tendencia, case enfermiza, a estarricar e estarricar as palabras coma goma de mascar coa idea de que así «visten» máis ca outras máis sinxelas e correctas: *inicializar por iniciar, *recepcionar por recibir, *rigorosidade por rigor, *concretización por concreción...


A segunda, e a que máis nos interesa en Xogosdelingua, ten unha motivación lúdica e creativa: o sesquipedalismo é tamén un pasatempo ou un xogo literario que consiste na busca da palabra máis longa.

No vídeo que encabeza esta entrada xa vimos o moito que rende o xogo de atopar palabras longas: 
esternocleidomastoideo (22 letras)
interdisciplinariedade (outras 22)... 
E como hai vida máis alá de dicionarios e vocabularios oficiais, tamén podemos dar con outras coma ese
descontextuliazaríamosllelas (28) 
ou algunhas curiosidades que circulan pola rede:
hipopotomonstrosesquipedaliofobia (33), brincadeira que significa ‘medo irracional á pronuncia de palabras longas ou complicadas e a calquera conversa que poida implicar o uso delas’
pneumoultramicroscopicossilicovulcanoconiose (44), termo técnico do eido da pneumoloxía que se refire a unha ‘doenza causada pola aspiración de cinzas volcánicas’.
Como recurso expresivo, é obrigado citar a «Capela Sixtina» do sesquipedalismo literario galego: O porco de pé (1928), de Vicente Risco. Nesta novela, o escritor ourensán dicidiu darlle á súa lingua o mesmo o aquel retranqueiro e hiperbólico que usa na súa caricatura da burguesía galega de comezos do século XX. Así crea decote ocorrentes neoloxismos arquisilábicos. Por exemplo:
obsequiosidade (14)
dantealighierizado (18)
superespiritonovistas (21)
ou o superlativo  
republicorrevoluciosocialsindicalagroanarquicomunista (53). 
Que poderío!

E agora tócavos a vós. Que palabras hiperlongas podedes formar a partir destas: constitución, militar e encéfalo? Lembrade que para estarricalas podedes empregar, por exemplo, prefixos (pre-, anti-, micro-...), sufixos (-idade, -mente, -ción...) ou promones persoais átonos (llelos, llelas...).

27 de out. de 2012

O humor de Nachortas


Ignacio Hortas Rodríguez, máis coñecido como Nachortas, é un dos debuxantes máis experimentados do noso país. Como caricaturista e humorista gráfico, publicou en diversos «fanzines», revistas de humor e xornais (Mondongo, Xo, Valiundiez, Das Capital, Can Sen Dono ou Diario 16 de Galicia). Na súa faceta de ilustrador, colaborou con varias editoras (Galaxia, Do Cumio, Xerais...).

Na actualidade, podemos gozar periodicamente das súas viñetas no suplemento económico dominical Mercados de La Voz de Galicia e na edición comarcal de Arousa deste mesmo xornal. No primeiro caso, os protagonistas das viñetas son un mendigos a pedir na rúa e, no segundo, uns paisanos dos de boina encasquetada. Todos eles nos ofrecen súa visión lúcida e irónica de calquera tema: a crise económica, a actualidade local, o boom inmobiliario, as diferenzas interxeracionais, a corrupción política...

E non poucas veces Nachortas acode, como recurso chave nas súas viñetas, aos xogos de palabras. Por exemplo, nos chistes que encabezan a entrada empréganse estes recursos: aférese, sufixación, polisemia e antonimia. Podedes identificar en cales?

Ah!, e para rematar, velaquí unhas interesantes ligazóns especializadas en humor gráfico galego: eivados.com, oimperdibel.blogspot.com.es e humorgz.blogaliza.org. Seguro que gozaredes con elas.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...