Amosando publicacións coa etiqueta pasatempos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pasatempos. Amosar todas as publicacións

14 de abr. de 2018

Con «Elemental», unha nova etapa


Uf! Un pensa que poderá manter indefinidamente certas rutinas, mais as circunstancias sempre son as que marcan o camiño. Despois de seis anos de actividade continuada en Xogosdelingua, parece que chegou momento de baixar o ritmo. Polo menos, de momento.

Como algún de vós xa saberá, levo colaborando en La Voz de Galicia con xeróglifos en galego desde hai case 30 anos. Pois ben, hai unhas semanas contactaron comigo desde La Voz para propoñerme ampliar a colaboración con outros pasatempos en galego para o seu novo suplemento Elemental, que sairá á rúa cada domingo de balde co xornal. E non puiden dicir que non! 

Estas semanas de silencio no blog debéronse á preparación do material para o suplemento. A proposta permitiume dar renda solta á miña vea ludolingüística. Deseñei algúns xogos de palabras clásicos (autodefinidos, encrucillados, sopas de letras ou xeróglifos) e outros máis novidosos (labirintos, escaleiras, frases [des]feitas...). 

De onde sacarei o tempo? Non o sei. O reto está aí e como son persoa que toma moi en serio os compromisos, a actividade en Xogosdelingua vai ter que reducirse. A non ser que alguén dea inventado os días de 36 horas! 

Mañá sae á rúa o primeiro número de Elemental. Unha publicación orientada a grandes e pequenos. Espero que se faga un oco no lecer do público e que teña continuidade. Sempre defendín a necesidade dunha publicación especializada en pasatempos no noso país. 

En calquera caso, unha aperta para tod@s. Por aquí seguiremos cando a carga de traballo o permita, porque, para os devotos da ludolingüística, a cabeciña nunca para!


8 de mar. de 2018

Coñeces o Scruble Cube?


Atención devotos do Cubo de Rubik e do Scrabble! Aquí tedes o voso xogo ideal: o Scruble Cube

O cubo en cuestión é de 4x4x4. Nas caras dos minicubos aparecen letras co seu valor en puntos e tamén hai caras multiplicadoras. 

Os xogadores, por quendas, teñen 90 segundos para manipular o cubo ata formar unha palabra en liña recta en calquera dirección. Ademais os xogadores tamén obteñen bonificacións se a súa palabra cobre máis dunha cara ou se se cruza cunha palabra creada previamente. Un crebacabezas de proporcións épicas! 



Para facervos unha idea, esta é a súa disposición de letras inicial.


Creo que non tardarei en facerme con el!

13 de feb. de 2018

Acrósticos numéricos


Tanto ten, son as letras a enredar cos números ou os números a enredar coas letras. O caso é que isto dos acrósticos numéricos pareceume un pasatempo caralludo. Xa sabedes, un deses orixinais enredos que mesturan xogo verbal e matemático tan do gusto de Xogosdelingua.

Dei con eles de paseo polas vellas entradas de Espejo lúdico. Polo visto son creación de Jaime Poniachik, matemático e divulgador uruguaio, creador de xogos de enxeño, de matemáticas e de ludolingüística, falecido no 2011. O mecanismo é ben sinxelo: os números que aparecen horizontalmente deben sumar o mesmo número que forman en vertical a xeito de acróstico. Así, como vemos arriba, d[o]us, u[n], [c]inco e tr[e]s suman once e tamén revelan este número combinando as súas letras.

O acróstico numérico superior é a versión galega do que aparecía no blog arxentino. Xoguei un anaco a crear outros e xurdiron estes dous. Seguro que a vós tamén vos saen uns cantos. Adiante! 



28 de xan. de 2018

Atopa máis palabras agochadas

Por Xogosdelingua, de novo, este entretido enredo que pon a proba a nosa agudeza visual e o noso coñecemento do léxico inglés. Vía puzzles-world podedes atopar máis na rede.

Ilustracións ben coloridas que amosan diferentes escenas cheíñas de persoas e de obxectos. Entre eses elementos, camufladas, hai seis palabras relacionadas co contido da imaxe. Un campo semántico concreto en cada ilustración. 

Anímaste a xogar? Atención e paciencia! A mellorar o teu vocabulario en inglés sobre o fútbol, a piscina, o baloncesto, a pintura, o estudo...

1

2

3

4

5

6

7

8



21 de dec. de 2017

Agasallo de Nadal


Remata o 2017 e como agasallo ludolingüístico ocorréuseme facer unha pequena escolma dos xeróglifos que este ano publiquei en La Voz de Galicia. Aquí volos deixo. Para os que non esteades moi afeitos a resolvelos, lembrade que podedes achegarvos á arte do xeróglifo consultando o noso curso acelerado de «Gramática xeroglífica»

Xa sabedes, a poñer os miolos a traballar un chisco. Adiante! 

1. Por que non cres que ela sexa de Girona?

2. Que adoita facer Uxía na praia?

3. Resultaches ferido?

4. Irás agora a Compostela?

5. Quen ten que entregar eses paquetes?

6. Onde será o voso próximo concerto?

7. Ponse nervioso Miguel cando chegan os exames?

8. Que dixo Noa sobre o seu suposto divorcio?

9. Quen visitará hoxe este museo?

10. De que vos disfrazaredes este Entroido?

27 de xuño de 2017

Os xeróglifos de Xosé Torrente










Hai pouco, exercendo de arqueólogo virtual, dei cun curioso tesouro: os xeróglifos en galego de Xosé Torrente. Todos eles aloxados na súa páxina persoal de Webcindario, ese recuncho que tanto se empregou no inicio da expansión da arañeira aló polos anos 2000.

Consultando a páxina souben que Xosé Torrente é un veterano ex-traballador de Bazán en Ferrol, apaixonado pola fotografía, pola informática, pola carpintaría de ribeira e... polos xeróglifos. De feito, mesmo ofrece nesta web un programa feito por el mesmo para o deseño de xeróglifos. Mágoa que a ligazón hoxe xa non estea operativa!

Ademais dos exemplos de arriba, que convido a resolver, aquí podedes atopar un total de 100 xeróglifos. Se sodes uns «friquis» coma min destes pasatempos, aínda podedes pasar un bo tempo espremendo os miolos para dar coas solucións.

Por certo, se ademais vos gustan os números, tedes unha serie especial de xeróglifos de contido matemático. E se vos van máis as sopas de letras, tamén dispoñedes un lugar para elas na web deste ludolingüista ferrolán.

Todo un achado!

15 de xuño de 2017

Atopa as palabras agochadas

Como andas de inglés? E de agudeza visual? Hoxe, un sinxelo xogo co que poñer a proba estas dúas destrezas. Es quen de atopar seis palabras agochadas en cada unha destas ilustracións? Unha pista, as voces teñen relación coa escena que se presenta. 

Un pasatempo certamente entretido que está de moda na arañeira e que ten algo de «buscando a Wally» e de sopa de letras. Se es dos que gozan con este tipo de xogos, adiante! Ponte a proba!

Mágoa non dispor doutros semellantes en galego. Algún ilustrador ou ilustradora dispoñible por aí?

1

2

3

4

5

6

7

8

9

10

21 de maio de 2017

«Amar pelos dois»



Hai unha semana, «Amar pelos dois», unha sinxela balada de amor composta por Luísa Sobral e interpretada polo seu irmán, Salvador Sobral, resultou gañadora do Festival de Eurovisión 2017 representando a Portugal. 

Como eles memos recoñecen, a gañadora non foi só a súa canción, nen sequera a lingua portuguesa (que tamén). A gañadora foi a música mesma. O sentimento verdadeiro, sen fogos de artificio. Unha pequena xoia que bebe da autenticidade e da beleza dos nosos trobadores medievais, de Cole Porter, de Caetano Veloso... 

E a febre Sobral a espallarse polo mundo! Aquí entrevistado por Roberto Vilar en Land RoberAquí un espazo coa canción subtitulada en 16 linguas distintas. Aquí interpretada xa en inglés. Aquí cantada por estudantes de 52 nacionalidades diferentes... E non perdades este vídeo en clave de humor! Hitler traumatizado polo éxito do mozo portugués!



«Amar pelos dois» mesmo lle deu ao noso amigo Paulo Freixinho para crear un encrucillado en liña coa súa letra. Practica o teu portugués e resólveo!

29 de xul. de 2016

«Inserir Palabras»

 

Segundo informou a prensa, unha odontóloga xubilada de 91 anos estaba hai uns días cun grupo da terceira idade visitando o Neues Museum de Nuremberg (Alemaña), cando quedou intrigada cunha obra do artista Arthur Köpcke. Tratábase de «Reading-work-piece», de 1965, unha colaxe que combina distintos elementos, entre eles un encrucillado sobre o que se podía ler «Inserir Palabras».

21 horizontal: ‘A palabra muro en inglés’. «Esta seina», debeu pensar a anciá. Colleu un bolígrafo negro do seu bolso e escribiu: W-A-L-L. Foise animando e pouco a pouco encheu os ocos de boa parte do pasatempo. Ata que os vixiantes do museo decidiron parala.

 

Hoxe a obra, valorada en 80.000 euros, seica está nas mans dun restaurador e a dirección do museo acabou dando parte á policía local. «Vímonos na obriga de informar sobre o incidente ás autoridades, porque así o esixe o seguro», conta Eva Martin, voceira do museo alemán.

Non podo deixar de imaxinarme a Arthur Köpcke (1928-1977) remexéndose na súa sepultura e maldicindo unha e outra vez: «Condenados babecos! Por fin alguén entendeu a miña obra e decidiu interactuar!»

Ata setembro!

5 de xuño de 2016

A cea do gobernador

Para xogar cos enigmas sempre é boa idea acudir aos clásicos. E entre eles, como non, Lewis Carroll. O autor de Alicia no pais das marabillas foi un dos primeiros en facer das matemáticas un pasatempo. Esa idea inspirou gran parte dos seus textos, como os problemas matemáticos e lóxicos que publicou, entre 1880 e 1885, na revista The Monthly Packet.

Co tempo, eses enigmas converteríanse no libro Un conto enredado. O segundo dos seus relatos, titulado «A comida do gobernador», resulta un problema lóxico-lingüístico tan breve como diabólico. Ideal para espremer os miolos poñendo en práctica a capacidade de razoamento e tamén o vocabulario das relacións de parentesco.

A cea do gobernador
O gobernador de Kgovjni quere celebrar una cea íntima, á que pretende convidar o cuñado do seu pai, o sogro do seu irmán e o pai do seu cuñado. Cal é o menor número posible de convidados á cea?

Solución ao enigma «O rei de Persia e a labrega» (21-4-2016): O primeiro ministro sacou unha bolsa con cen dáricos, as moedas usadas naquel lugar. Deseguido foillas dando á campesiña, unha a unha, de xeito que vise gravada en todas a efixie do monarca, o propio rei Darío I.

16 de maio de 2016

10.000 días despois

1. Había moitos homes espidos na praia?

Como xa contei hai tempo, o 1 de xullo de 1988 tiven a oportunidade de comezar unha inesperada aventura ludolingüística: publicar os xeróglifos na sección de pasatempos de La Voz de Galicia.

Encabezando a entrada de hoxe, o xeróglifo 10000! Aí queda, como celebración doméstica dunha serie diaria ininterrompida que alcanzou xa este número redondo. Case 28 anos! Que vertixe!

E peza non foi seleccionada ao chou. Trátase dun xeróglifo sinxelo, mais cunha chea de calidades ludolingüísticas: pola súa solución monovocálica e palindrómica e polo seu deseño ambigramático.


E como con estas pistas resulta doado dar coa resposta, aquí vai un pequeno reto para todos vós: resolver tamén estoutros 10 xeróglifos. Animádesvos?

2. Que percorrido faredes mañá coas motos?

3. Sabes de onde son esas rapazas?

4. Non cres que Xoán lle dá moito á lingua?

5. De que faleceu a túa bisavoa?

6. Que compraches no supermercado?

7. Que tomaches antes do banquete?

8. Por que dis que tes poderes paranormais?

9. A que negocio se dedican os teus amigos?

10. Por que me mandaches para a cama?

11. Como debe acudir o neno ao novo colexio?

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...