Amosando publicacións coa etiqueta adverbio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta adverbio. Amosar todas as publicacións

3 de nov. de 2016

Palíndromos ilustrados [13]


TU QUOQUE, FILI MI (‘tamén ti, meu fillo’), seica dixo Xulio César (100-44 a. C.) ao ver entre os traidores que o asasinaban o seu propio sobriño, Bruto, ao que amaba como un fillo.

De Pedro Sánchez falar galego, ben poderiamos pensar que esta frase reversible foi a última que pronunciou, antes de dimitir como deputado, ao se despedir, por exemplo, do seu estimado compañeiro Antonio Hernando.

Só hai sete días do último palíndromo ilustrado, mais, co cadáver político de Pedro Sánchez aínda quente, urxía dar saída a esta nova peza. Porque xa se sabe, que cando «non» deixa de ser «non», a «abstención» pasa a ser «si».


Tradución:
¡Oye! ¡No es no! ¡Lo es!
Hey! No means no! It is!

23 de set. de 2014

Super Grammar


Cando descubrín esta web, non o puiden resistir: xa merquei un exemplar de Super Grammar, dos deseñadores e ilustradores californianos Tony Preciado e Rhode Montijo. Para os que receamos do ensino puramente gramatical da lingua, esta proposta resulta unha marabilla!

Que idea xenial! Unha aproximación atraente e visual ao estudo da gramática presentada como unha batalla interminable entre o ben e o mal, entre superheroes e superviláns. Así, os principais elementos da gramática personifícanse coa identidade ben dun superheroe, ben dun supervilán; e as súas características e funcións son transformadas en superpoderes.

Temos, daquela, o bando dos bos formado por varios grupos: 


The Amazing Eight: oito heroes que encarnan oito clases de palabras, cada un cos seus poderes. Ademais, asociados entre eles aumentan o seu potencial. Temos: The Noun (o substantivo), cuxo principal poder é cambiar de forma (pode ser calquera persoa, lugar ou cousa nunha oración); The Verb (o verbo), a líder do equipo que coa súa incrible enerxía pode darlle vida a calquera oración e expresar xa unha acción, xa un estado; The Adverb (o adverbio), unha superheroína que coa súa práctica ferramenta de modificación axuda os verbos a obter unha potencia extra...


The Super Simbols: os valentes e fiables signos de puntuación, que cos seus poderes axudan a manter claras e ben organizadas as oracións. Entre eles: The Comma (a coma), un dos membros máis útiles, versátiles e áxiles do grupo, con habilidades como axudar a facer pausas ou a separar palabras ou grupos de palabras; The Sentence Ending Team (o equipo de peche das oracións), son o punto, o signo de admiración e o de interrogación, que posúen o poder para indicar o final dunha oración, mais co engadido de expresar intención ou estado de ánimo (afirmas?, preguntas?, berras?...); The Apostrophe (o apóstrofo), con tres impresionantes poderes na gramática inglesa: o de contracción, o de omisión e o de posesión...


The Completion Team: o máis pequeno dos superequipos e posiblemente o máis importante xa que permite formar oracións fortes e completas; os seus membros, The Subject (o suxeito), co poder de expresar de quen ou de que estamos a falar, e The Predicate (o predicado), unha mestra das artes verbais que permite expresar con palabras todo tipo de declaracións acerca dos suxeitos.


E enfrontados aos grupos anteriores temos os superviláns: The Sabotage Squad, un grupo de malvados que intenta arruinar calquera palabra ou oración que poida caer nas súas mans. Algúns deles son: The Run-on Sentence (a oración interminable), que impide pechar oracións correctamente converténdoas en secuencias sen fin e sen sentido; The Sentence Fragment (o fragmento de oración), que goza buscando nas oracións baleiros (ausencia de verbo, de concordancia...) que fagan perder a súa estabilidade...

En fin, as forzas do ben e as do mal enfrontadas por dominar o universo da gramática. Unha proposta que sen dúbida fai máis lúdica e atraente a aprendizaxe dos contidos gramaticais. Quen puidera atopar algo así na nosa lingua!

11 de xuño de 2014

Entre o «si» e o «non»


Abraiante gif dunha escultura do suízo Markus Raetz (1943), célebre por crear pezas que encerran paradoxos visuais. De todas elas, a que máis me gusta é esta YES / NO, que convida a reflexións filosóficas: Que distancia hai entre o «si» e o «non»? É a realidade un concepto absoluto ou vén dada polo noso punto de vista?

Convídovos a coñecer as enigmáticas ilusións ópticas deste artista conceptual. Verdadeiros ambigramas tridimensionais que, sen dúbida, provocan a perplexidade do espectador. Podedes comprobalo neste vídeo con varias pezas súas. Un agasallo para os ollos... e para a mente.


3 de mar. de 2013

Caetano Veloso: ludolingüista [2]



Non hai moito gozamos da canción «Zera a reza» de Caetano Veloso e do seu miolo ludolingüístico. Hoxe preséntovos outra con ese mesmo aquel: «Julia/Moreno» (Araçá Azul, 1972), unha peza que sempre me engaiolou pola súa beleza e polo seu misterio.
Julia/Moreno
Uma talvez Júlia
Uma talvez Júlia não
Uma talvez Júlia não tem
Uma talvez Júlia não tem nada
Uma talvez Júlia não tem nada a ver
Uma talvez Júlia não tem nada a ver com isso
Uma Júlia...
Um quiçá Moreno nem
Um quiçá Moreno nem vai
Um quiçá Moreno nem vai querer
Um quiçá Moreno nem vai querer saber
Um quiçá Moreno nem vai querer saber qual era
Um Moreno...
A composición non parece contar unha historia e aseméllase a un simple enredo de expansión sintáctica. Como pezas dun mosaico que se van engadindo sucesivamente, o texto recorda a poesía concreta brasileira vista unhas entradas atrás. De sabermos que Caetano compuxo este tema cando estaba a agardar o nacemento do seu primeiro fillo, o misterio queda revelado: monótonas series repetidas que reflicten o tempo que se alonga e a angustia da espera; enunciados que medran e medran para representaren a vida en xestación; unha dúbida («talvez», «quiçá») sobre o sexo do futuro fillo: será nena («Júlia»)?, será neno («Moreno»)?

En fin, outro brillante xogo de palabras de Caetano Veloso!

25 de xuño de 2012

Xeróglifos [8]

Velaquí unha nova entrada da nosa «Gramática xeroglífica». No capítulo anterior vimos como a solución dos xeróglifos pode vir determinada polo factor da cantidade. Hoxe analizaremos como esta solución tamén pode depender dunha cuestión de calidade.

Moitas veces son relevantes as características ou propiedades dos elementos (letras, números, figuras...) que aparecen no xeróglifo: o seu tamaño (grande, pequeno/a...), a súa forma (estreito/a, amplo/a, groso/a...), o seu estado (ben, mal, bo/a, malo/a...) ou a súa cor (branco, negro...).

Son moi diversos os recursos lingüísticos que permiten describir estas calidades dos elementos:
Adxectivos: gran/grande, pequeno, bo/a, malo/a, branco, negro, igual, diferente...
Participios: raiado, partido...
Adverbios de modo: ben, mal...
Propoño resolverdes estes catro xeróglifos tendo en conta o anterior.

Cantos parentes de Iria enfermaron?

Quen cres que gañará as próximas eleccións?
                                       
De que cor eran as camisetas daquel equipo?

De que cor dixo Luís que era o seu novo coche?
                                  
Solucións aos xeróglifos (9-6-2012): Sobre Ana, Darío (Sobre a nada, río) / No cuarto de Iria (No cuarto de i, ría) /  Sopa (Só pa) / Novenos (Nove nós).

9 de xuño de 2012

Xeróglifos [7]


No capítulo de hoxe da nosa «Gramática xeroglífica» toca abordar outra clase de pistas que axudan a interpretar os xeróglifos. Trátase da cantidade de elementos que aparecen neles. A solución nestes casos inclúe referencias sobre se un elemento está só, se aparece un determinado número de veces, se aparecen elementos en exceso ou de sobra, se hai unha carencia ou falta algo...

Estas alusións á cantidade fanse mediante diferentes clases de palabras:
Pronomes numerais cardinais: un/unha, dous/dúas, tres, dez, doce, vinte, cen...
Pronomes numerais ordinais: primeiro/a, segundo/a, cuarto/a, décimo/a...
Pronomes numerais partitivos: metade, terzo/a, cuarto/a...
Pronomes cuantificadores: moito/a/os/as, algo, nada...
Verbos: sobrar, faltar...
Adverbios de cantidade: só, soamente, moi, menos, máis...
Velaí van outros catro xeróglifos nos que cómpre ter en conta este factor da cantidade. Quen se anima a resolvelos?

Que tomaches antes do churrasco?

Onde está a durmir o avó?

Quen falaba sobre Ana?

Acabastes nun bo posto a carreira?

Solucións aos xeróglifos (21-5-2012): Desconfío de Iria (Des con fío dei ría) / Nos ollos (Nó sol los –sol ao revés–) / Ana co seu pai (Anacos e u pa i) / Antes irei a Lugo (Ante si rei alugo)

2 de maio de 2012

Xeróglifos [5]

E velaquí un capítulo máis da nosa «Gramática xeroglífica». Á hora de descifrar os xeróglifos, outro factor que convén considerar é a posición dos elementos que os forman. Noutras palabras, é pertinente a relación espacial entre eses signos: un elemento pode estar sobre outro, ou baixo outro, ou con outros, ou entre outros... Estas posicións poden ser descritas por distintos procedementos gramaticais:

    Adverbios de lugar: arriba, abaixo, fóra... 
    Preposicións: ante, baixo, con, en, entre, sobre, tras, enriba de...

Por outra banda, eses elementos (letras, números, figuras...) poden aparecer en posición invertida, é dicir, poden aparecer boca a abaixo. Isto supón que na solución do xeróglifo se inclúe tamén ao revés a palabra con que designamos ese elemento (un - nu, río - oír...). Esta inversión de palabras recórdanos á técnica do palíndromo vista nunha entrada anterior.

Poñamos en práctica todo isto. Alguén se anima a resolver os seguintes xeróglifos?

Que tal funciona o teu reloxo?

Cando ten que entregar Xoán os informes?
          
Quen cres que desvelou eses segredo de Paulo?

Onde naceu Paula?

Solucións aos xeróglifos (19-4-2012): Vinte animalo (Vinte animal o) / Nove repetidores (Nove repetido res) / Xogando (X o gando) / Eva catorce (E vaca torce)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...