Sabida é a riqueza da toponimia galega. O
Nomenclátor editado pola Xunta inclúe o nome de máis de 40.000 lugares habitados, o que supón un cuarto dos de todo o Estado e máis dos que hai en todo Portugal.
Outro dato: entre os dez topónimos máis empregados en todo o Estado, nove son galegos. O número 1 é «A igrexa», cun total de 600 lugares esparexidos por toda Galicia. O número 2 é «O Castro». O número 3 é «Vilar». E así sucesivamente con outros como «A Torre», «O Pazo», «Outeiro», «A Casanova» e «Vilanova».
Se temos en conta que, ademais dos núcleos de poboación, cada camiño, cada outeiro, cada penedo, cada regato, cada poza, adoita ter o seu propio nome, estímase que poderían chegar a rexistrarse máis de 2 millóns de microtopónimos. A maior densidade de toda Europa! Para conseguir recompilalos acábase de presentar unha
nova app, dentro do proxecto
Toponimízate.
Mais desta volta, imos centrarnos noutro tipo de microtopónimos: os que posúen menos letras. Se hai un tempo dedicamos un comentario a eses
nomes de lugar interminables que de cando en vez aparecen polo mundo adiante, hoxe imos cos topónimos minúsculos.
De dardes un paseo real ou virtual pola xeografía galega, non é difícil dar con localidades de só tres letras:
Teo,
Cee,
Zas,
Oia,
Tui... De dúas letras xa é outro cantar. A min non me vén ningún nome á cabeza, agás algún microtopónimo introducido por artigo, como
A Uz (Chantada, Lugo) ou
O Az (Rodeiro, Pontevedra). E a vós?
No Estado español, ao parecer o topónimo máis breve é
Ea, localidade costeira biscaína. O nome seica designa, na variedade do éuscaro desa zona, un tipo de xunco abundante no esteiro onde se sitúa a vila.
Con todo, o récord dos topónimos máis breves do mundo son dous prodixios dunha soa letra. Atopámolos nas illas Lofoten (Noruega) coa localidade chamada
Å, que en noruegués quere dicir ‘regato’, e na Picardía francesa coa localidade de
Y. Aí queda iso!