Amosando publicacións coa etiqueta sílaba. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sílaba. Amosar todas as publicacións

21 de xul. de 2014

«Strč prst skrz krk»


Olliño cunha lingua que conta con doce fonemas vocálicos e é capaz de construír frases prescindindo de todos eles. Así é o checo, ese endemoñado idioma eslavo que pode chegar a prexudicar seriamente o aparello fonador.

O caso é que o exemplo clásico deste curioso trazo da lingua checa é o trabalinguas Strč prst skrz krk, que significa algo como ‘mete o dedo pola gorxa’. Se queredes escoitalo, aí vai. Quen se arrisca a pronuncialo?


strč: P2 do imperativo do verbo strčit /strchit/ (‘meter’).
prst: substantivo en singular (‘dedo’).
skrz: preposición (‘a través de; mediante’).
krk: substantivo en singular (‘pescozo, gorxa’).
E isto é posible porque, en checo, as letras «r» e «l» poden entrar en combinación con outras consoantes actuando como núcleo silábico, igual que fan nosas vogais. Abraiante!

Como agasallo final, unha video-performance da artista multimedia checa Anna Friedlaender inspirada nesta impronunciable frase.


19 de maio de 2014

Publicidade e xogos de palabras



Hai pouco dei con publicidadconbuenaletra, un curioso blog que xira arredor dos xogos de palabras en anuncios publicitarios. Unha idea feliz: amosar todo o potencial da conxunción entre ludolingüística e publicidade, como xa vimos aquí, aquí ou aquí.

A primeira campaña que encabeza a entrada, de Volkswagen e en inglés, xoga no seu slogan co valor expresivo da antítese: «Small is great!», que poderiamos adaptar ao galego como «Que grande é ser pequeno!». Caralludo ademais ese aire retro!

Deseguido outros dous anuncios tirados da mesma fonte. O primeiro, da empresa de supermercados Consum, xoga coa pronuncia do seu nome. Abofé que acertaron ao conxugar a idea de «poner el acento en el “u” y en lo fresco».



E, por último, un ocorrente xogo de paronimia (en castelán): madre - Maphre. A coñecida compañía de seguros deu no albo ao asociar a proximidade formal entre as dúas voces co papel protector das nais: «Maphre no hay máis que una».



Pezas cheas de sentido humor e de gusto ludolingüístico!

4 de maio de 2014

Máis haikus e tankas



Nese fervedoiro de iniciativas que é a biblioteca do IES de Poio sempre están a ofrecer novas actividades. Desta volta, no seu blog amósannos o resultado duns obradoiros de haikus e tankas: dous tipos de poesía tradicional xaponesa que, como vimos noutras entradas, están xa incorporados á nosa cultura.

O haiku consta de tres versos sen rima e de estrutura silábica de 5-7-5. A súa finalidade é capturar a esencia do momento presente, do aquí e do agora.
No mar a lúa
deita os seus lampos murchos
onda tras onda

              Xoán Abeleira
O tanka, pola súa banda, é unha especie de ampliación do haiku, ao que se lle engaden dous versos máis, cunha estrutura silábica de 5-7-5-7-7.
Lúa alba de vidros,
xogas co soño e as rochas,
pel de meniña…
albiscando, lúa nova,
o irto colo do mar…

                   Sindo (Gumersindo Álvarez Reza)

13 de dec. de 2013

Sopas de reciclaxe



Un taboleiro de madeira, unhas tampas de refrescos, parafusos, cola adhesiva, unhas gomas elásticas e pouco máis. Con estes elementos cotiáns podemos crear, seguindo os pasos que acabamos de ver, un orixinal xogo de sopa de letras. Un divertimento con elementos reciclados que, ademais, non precisa de enchufes!

No caso que se nos ofrece no vídeo, a sopa é silábica. Mais, trocando os papeis do interior das tampas, podemos poñer letras do alfabeto en lugar de sílabas; e tamén, por suposto, variar á vontade os temas do pasatempo.

Un divertida proba de que, cun chisco de creatividade, é posible darlle un uso lúdico a case todo o que teñamos pola casa. Como xa vimos aló atrás, o mellor xoguete pode ser, ás veces, unha sinxela caixa de cartón.

4 de dec. de 2013

Foto-haikus


O pasado mes de maio, a compostelá Asociación Cultural Gentalha do Pichel organizou o concurso de foto-haikus «A minha língua quero na tua boca». Unha proposta lúdica e creativa de grande aceptación e que deu orixe a pezas cheas de forza visual e verbal. A imaxe que encabeza a entrada foi o foto-haiku gañador.

Lembraredes, porque xa o vimos aló atrás, que o haiku é ese poema de orixe xaponesa que só ten tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas. Un enunciado hiperbreve que busca trasmitir emoción a partir escenas da natureza ou da vida cotiá.

De todas as definicións de poeta, unha das que máis me atrae é esta de Jorge Luís Borges (por certo, en forma de tanka, o irmán maior do haiku): 
No haber caído,
como otros de mi sangre,
en la batalla.
Ser en la vana noche
el que cuenta las sílabas.

        [Jorge Luís Borges, El oro de los tigres]
Ben se ve que entre nós hai abondos «contadores de sílabas» dispostos a dicir o máximo co mínimo. E vós? Animádevos a crear os vosos propios foto-haikus?

20 de xul. de 2013

Lingua do P: «twelve points», «douze points»



A «lingua do P» é ese xogo que consiste en falar engadíndolle ás palabras, antes ou despois de cada sílaba, outra que comece coa letra «p», ben cunha única vogal (música = múpesipecape), ben repetindo a mesma vogal da sílaba orixinal (música = múpusipicapa).
Lempebropo xopogarpa apa ispitopo depe pepequepenopo. Epe vóspo? Apaínpidapa quepe nonpo seipe sepe epesepe eperapa opo nopomepe quepe llepe dapabapamospo.
Como acabamos de ver, este enredo ten o seu aquel criptográfico. Usada de forma fluída e rápida, esta forma lúdica da fala pode resultar case incomprensible para non iniciados.

O mellor é que para falar a «lingua do P», isto é, para identificar e separar sen grandes dificultades cada sílaba, ninguén necesita saber a súa definición. De feito, penso que é máis difícil definir sílaba que distinguila. Digamos que para o falante a sílaba é un concepto máis intuitivo ca científico.

E volvendo ao xogo: sabiades que é internacional? Co mesmo funcionamento básico, podémolo atopar en castelán (jerigonza), en italiano (alfabeto farfallino), en xaponés (babigo), en húngaro (madárnelv), en hebreo (bet-language)...

Por certo, falando do hebreo, unha curiosidade: Coñecedes a canción israelí «Abanibi»? Os dinosauros coma min e os fans eurovisivos lembrarán este tema pegadizo que gañou o Festival de Eurovisión de 1978 e logo arrasou por toda Europa. Pois no seu miolo está a versión hebrea do xogo. Así, o seu refrán Abanibi obohebev obotabach é en realidade Ani ohev otach (Ámote). Aí queda iso!
 


Ah! E non perdades esta noticia sobre a recente entrada da voz abanibí no dicionario da Real Academia Española. Unha xoia do mellor humor ludolingüístico do esmendrellante elmundotoday.com. Ha! Ha!

Solución adiviñas (17-7-2013): A pereira tiña unha soa pera (xógase co número do substantivo: non comeu «peras», nin baixou «peras», nin deixou «peras»). / A letra «m» (está en «minuto», «semana» e «mes» mais non en «ano»). / Dúas zocas e dúas medias (xógase coa hominima de «media» ‘Peza de roupa’ e «media» ‘Que constitúe a metade de algo’).

14 de feb. de 2013

Escola Games: aprender xogando


Aprendizaxe e diversión. A fórmula perfecta para os máis cativos. E ademais con atraentes animacións e efectos sonoros. Isto é o que nos ofrece a web gratuíta de xogos educativos Escola Games. Iso si, en lingua portuguesa.

Máis de 50 xogos relacionados coas Matemáticas, coa Xeografía, coa Historia, coas Ciencias Naturais e tamén coa Lingua. E todos coas correspondentes indicacións sobre a súa aplicación didáctica.

Os xogos lingüísticos abordan un abano moi amplo de contidos: ortográficos, fonéticos, morfolóxicos, léxicos... Estes son algúns deles:


Laboratório das sílabas: xogo de alfabetización cos sons das sílabas.


Separe as sílabas: xogo de recoñecemento de sílabas que reforza a escrita correcta das palabras.


Pesca letras: xogo de formación de palabras «pescando» as súas letras.


Aprendendo o alfabeto: xogo que favorece a visualización e a memorización do alfabeto.


Sopa de letrinhas: xogo semellante ao aforcado que reforza a aprendizaxe da ortografía. 


Masculino e feminino: xogo de clasificación de palabras segundo o seu xénero.


Jogo do plural: xogo para comprobar o coñecemento da formación do plural.

Un portal brasileiro moi recomendable para achegar os nosos rapaces á familiaridade entre galego e portugués. E tamén, se o desexamos, para traballar aspectos gramaticais con gran coincidencia entre os ambos os dous idiomas. Mágoa que na rede non haxa máis sitios de noso coma este.

12 de xan. de 2013

Caetano Veloso: ludolingüista [1]



Sempre é bo momento para escoitar o meu admirado Caetano Veloso, un dos músicos brasileiros máis influentes das últimas cinco décadas. Tan maxistral músico como poeta, Caetano é un innovador que decote se interesa por tirar o máximo proveito ao xogo verbal nas súas pezas.

A canción anterior, «Zera a reza» (Noites do Norte, 2000), é un deses claros exemplos de verdadeiro afán ludolingüista:
Zera a Reza
vela leva a seta tesa
rema na maré
rima mira a terça certa
e zera a reza
zera a reza, meu amor
canta o pagode do nosso viver
que a gente pode entre dor e prazer
pagar pra ver o que pode e o que não
pode ser
e pureza desse amor
espalha espelhos pelo carnaval
e cada cara e corpo é desigual
sabe o que é bom e o que é mau
chao é céu
e é seu e meu
e eu sou quem n
ão morre nunca
vela leva a seta tesa
rema na maré
rima mira a terça certa
e zera a reza 
      
Unha xenial primeira estrofa a base de anagramas silábicos (vela-leva, seta-tesa, rema-maré, rima-mira, terça-certa, zera-reza) que poderiamos traducir deste xeito: «vela (candea e vela do barco) leva a seta (frecha) tesa / rema na marea / rima mira no martes (terza feira) correcto / e reduce a cero o rezo». Desde este inicio, a canción é un convite a abandonar o rezo á divindade tradicional e propón seguir un novo deus que verdadeiramente une e libera os seus fieis: «o samba», «o carnaval».

Fieis da ludolingüística, prometo volver con máis Caetano. Ben o merece!

27 de xuño de 2012

«Tócache!»: palabras encadeadas


O popular xogo das «palabras encadeadas» é unha actividade lúdica moi recomendable para os máis pequenos pois axúdalles a ampliaren o seu vocabulario e a exercitaren a súa memoria.

Como é sabido, o xogo pode ter dous ou máis participantes e consiste en ofrecer unha palabra que comece pola derradeira sílaba doutra proposta antes. O proceso repítese por quendas unha e outra vez. Por exemplo: xarope - pereira - raposo... E termina se un dos participantes é incapaz de ofrecer unha palabra nova ou se repite outra xa usada.

O vídeo que encabeza a entrada ten como fío condutor este divertido xogo e corresponde á campaña institucional En galego tes todo por vivir. Tócache! (2008). Esta incluía, ademais de publicidade en medios de comunicación, iniciativas como xogos ou concursos. Polo seu dinamismo, colorido e ton lúdico, este anuncio resulta, na miña opinión, un dos mellores das campañas a prol da normalización do galego.

Outra cousa é, como adoito se cuestionou, a oportunidade real destas macrocampañas, especialmente se despois se deixan morrer os seus dominos na rede, como podemos ver aquí ou aquí. Como ben di Carlos Callón, «sobra propaganda e faltan medidas» e os cartos estarían mellor investidos en accións máis concretas e efectivas: axudas á dobraxe, incentivos ás empresas que galeguicen a súa publicidade, elaboración de xoguetes en lingua galega, promoción de software en galego e unha chea de cousas máis. 

En fin, quen se anima a transcribir todas as verbas encadeadas que se empregan no vídeo?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...