Amosando publicacións coa etiqueta deseño gráfico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta deseño gráfico. Amosar todas as publicacións

28 de feb. de 2018

Word Animals


Dan Fleming é un deseñador gráfico australiano especializado en deseño de logotipos que reside en Boston (Estados Unidos). O que podedes ver nesta entrada é o seu proxecto Word Animals. Nel xogou a representar os nomes de animais sobre candansúa silueta: crocodile, owl, camel, pig, elephant... 20 en total. 

Nunhas pezas a palabra inserida na imaxe é mais doada de recoñecer ca noutras. Con todo, velaquí un novo exercicio de creatividade tipográfica. Bravo, Mr. Fleming!






18 de xan. de 2018

Anagramas e marcas comerciais

E se a identidade real das marcas estivese oculta nun anagrama do logotipo da súa empresa? Ás veces con inxenuidade, ás veces cun pouco de malicia.
Esta é a curiosa reflexión que levou ao deseñador italiano Alessandro Stenco a reformular o nome dalgunhas coñecidas marcas comerciais. Como lle sucedeu a outros, todo xorde da convicción de que, ás veces, as palabras ocultan outras voces dentro delas. Para descubrilas, bastaría con reordenar as súas letras. A isto, Alessandro Stenco engadiulle a súa arte no deseño gráfico. O resultado: o proxecto Anagram Logos.

Danone > Ad none (‘sen anuncios’)
Danone tranfórmase nunha marca receosa da publicidade.

Ebay > A bye (‘un adeus’)
Unha forma de dicirlle adeus ao consumo tradicional por medio das compras en liña.

Converse > Conserve (‘conservar’)
Unha fe inquebrantable no modelo de deportivas orixinal de Chuck Taylor. Desde 1921. 
Pode haber algo máis conservador?

Google > Ego log (‘rexistro do ego’)
Quen non empregou Google para pescudar sobre o propio nome? Iso é ego.

Levis > Lives (‘vive’)
Os famosos vaqueiros desde a súa orixe van pasando de xeración en xeración, de pais a fillos. 
Levis vive para sempre.

12 de dec. de 2017

O alfabeto cinematográfico de Doaly




O ilustrador e deseñador británico que atende ao pseudónimo de Doaly é o autor deste alfabeto chamado «Project 26 vol. 1». Propúxose facelo nun só día. O obxectivo: escoller 26 filmes icónicos americanos para deseñar unha ilustración representativa coa súa letra inicial, en orde alfabética.

Desde o «A» de American Beauty, ao «Z» do Zorro; pasando polo «G» de The Godfather, polo «K» de King Kong ou polo «Y» de Young Frankenstein

Finalmente levoulle só 12 horas. Unha idea sinxela cun resultado brillante. Seguro que dá para un «Project 26 vol. 2».

Por certo, se vos presta pasar un anaco entretido cun xogo que tamén combina tipografía e cine, lembrade «The Empire Poster Quiz». Todo un reto para cinéfilos! 

18 de nov. de 2017

Abraiantes homes e mulleres de letras











A revista brasileira Serrote, especializada en artes visuais e literatura, publicou hai uns anos un número especial que incluía unha serie de retratos de escritores usando só as letras dos seus nomes: Carlos Dumond de Andrade, Joseph Conrad, James Joyce, Edgard Alan Poe, George Bernard Shaw, J. M. Coetzee, Oscar Wilde, Shalman Rushdie e Virginia Wolf. 

Ao dar casualmente con estes pinacogramas, unha das miñas debilidades, comecei a pescuda. Ao parecer eran obra dun tal Roberto de Vicq, deseñador gráfico nado en Rio de Janeiro, aínda que instalado desde moi novo en Nova York. 

Resultan admirables estes retratos pola súa beleza, pola súa expresividade e pola fidelidade cos rostros dos protagonistas. E cada imaxe coa súa propia tipografía! 

Como podemos comprobar na web persoal de Roberto de Vicq, o proxecto dos retratos con letras xa xurdira nunha obra previa, Men of letters... (2007). Unha verdadeira marabilla con outras pezas abraiantes, como os retratos de Franz Kafka ou de Mark Twain.


Recomendación final, paseardes devagar polo recuncho na arañeira deste deseñador para gozar de todos os seus outros proxectos: ilustración, logos, carteis...

27 de set. de 2017

O Scrabble de Emmanuel Laflamme


O deseñador afincado en Montreal Emmanuel Laflamme goza, como vemos arriba, sacando de contexto referencias culturais para provocar a reflexión e mesmo o riso do espectador. Paga realmente a pena pasear pola súa web

Tamén é un máis deses creadores de mente retorta coa teima de enredar con letras. Sábese nada máis ver a súa versión do famoso Scrabble




Como vedes nas imaxes, déuselle por tallar en madeira todo o xogo e por usar as letras de 100 logotipos de diferentes marcas comerciais. Así podemos atopar deseños tan característicos como o «F» de Facebook, o «I» de IBM, o «L» de Lego, o «T» de Toyota...

Sodes quen de identificar máis marcas?

22 de xul. de 2017

Letras e logos



A Juventus de Turín acaba de presentar o seu novo escudo. Un logo moderno, simple e xeitoso. Un gran cambio, non exento de risco, pois sempre hai quen considera intocables este tipo de símbolos.



Para os que devecemos por enredar coas letras, a transformación pagou a pena. A letra «J», inicial de Juventus, coas clásicas barras brancas e negras do uniforme. E sobre esa base, o deseño deixa intuír unha camiseta estendida e, á vez, a silueta dun escudo, á esquerda. Brillante!

Persoalmente, os meus logotipos preferidos son os que prescinden de elementos superfluos para se centrar nas posibilidades expresivas das letras da marca comercial que publicitan. Asimilar tipografía e simboloxía ata conseguir, de forma sinxela, transimitir unha mensaxe. Aí está o segredo.

Deseguido, algúns exemplos baseados na mesma idea. Fabulosos!


Goodwill. Deseñado por Joseph Selame.
«g» inicial revela unha cara sorrinte. Boa vontade! Magnífica idea!

Eight. Deseñado por Stylo Design.
Diferentes cortes do número 8 dan para compoñer todas as letras da marca.

Flightning. Deseñado por Joan Pons Moll.
Un xiro á letra «f» e xa vemos o avión descolando. Case se oe o ruído dos motores!

Ed´s Electric. Deseñado poSiah Design.
Enchufe femia, enchufe macho, espazo negativo e... maxia! A letra «E»!

Highroad. Deseñado por Muamer Adilovic.
Un «H» tan feitiño que semella unha estrada pola que conduces. Permitido adiantar!

Antarctica. Deseñado por Alberto William.
Que foi antes, o pequeno e tenro pingüín? Ou o «a» minúsculo?

Play. Deseñado poRadomir Tinkov.
Repara un chisco nos corazóns e nas súas posicións. Descubres as letras? Extraordinario!

13 de xul. de 2017

Engurras que fan letras




Realmente creativa esta tipografía feita a man, nunca mellor dito. O deseñador gráfico brasileiro Lucas Neumann de Antonio desenvolveu este curioso proxecto, chamado Handwritten Type, co que recrea todas as grafías do alfabeto a través das mans.


Dedos que se entrelazan, mans que se contorsionan... Co plano de detalle axeitado, en cada furadiño, en cada engurra, pode aparecer unha letra.

De novo as mans como materia prima para expresalo todo mediante palabras. Sempre inesgotable a imaxinación dos deseñadores gráficos!

5 de xul. de 2017

Máis palabras que cobran vida



Un vídeo realmente cativador, deses que tanto nos gustan aquí en Xogosdelingua. O seu autor, o director e ilustrador neoiorquino Greg Condon, titulouno Disillusionment of 10 Point Font. Un exercicio de creatividade tipográfica feito a partir dunha máquina de escribir Smith Corona Galaxie Deluxe e da técnica do stop motion

Sink (‘depresión’), lazy (‘preguiceiro’), pin (‘alfinete’), orbit (órbita), happy (‘ledo, feliz’), miss (‘erro’)... Palabras que cobran vida convertidas en fantásticas metáforas visuais, como sucedía naquel tamén xenial Word as Image de Ji Lee. E o son, de One Thousand Birds, que lles dá aínda máis forza. Non perdades detalle!




Visto en Unapalabra.

25 de maio de 2017

Toca aprender árabe





Un par de entradas atrás, vimos o divertido que podía resultar converter unha palabra no debuxo do elemento que designa. Falabamos da utilidade didáctica desta técnica á hora de adquirir vocabulario en Inglés, por exemplo. 

Hai algo máis de tempo, en «O chinés, un chisco máis fácil» tamén vimos a mesma idea aplicada ao deseño dun método de aprendizaxe da lingua máis falada do planeta. Unha solución realmente brillante cando un idioma non resulta doado de aprender. 

A mesma reflexión levou o deseñador Mahmoud El Sayedh a manipular algunhas palabras do árabe, de tan femosas caligrafías, para representar o que significan. Isto é, puxo o seu agudo ollo de artista gráfico a traballar para atopar as similitudes entre certas voces árabes e as súas imaxes. Así ata que foron xurdindo estes orixinais deseños.

Graciñas, Churruqueira, por mo dar a coñecer!

6 de maio de 2017

Tipos móbiles e efémeros


«Os tipos deberían moverse». Pois... si! Como vemos, sobre fondo negro, con roupa negra, cun xersei de cor e con algo de movemento, xa é posible recrear todas a letras. Sen máis.


Cada día convénzome de que o mundo dos alfabetos creativos é un océano infindo. En Xogosdelingua podería facer publicacións un día si e outro tamén cos abecedarios máis alucinantes e non parar.

Hoxe entroume polo ollo este alfabeto de Amandine Alessandra que chamou Letterform for the Ephemeral. Tivo tanto éxito que mesmo chegou a desenvolvelo en campañas publicitarias. 



Amandine é da Provenza, mais no ano 2003 estableceuse en Londres. Fotógrafa e deseñadora gráfica, especializouse, precisamente, en idear orixinais alfabetos fotográficos. Ten un feito a partir dunha cadeira, outro a base de libros, outro coas mans en movemento e mesmo algún feito con píxeles humanos. Abraiante! 

25 de abr. de 2017

Banksy, ludolingüista


Banksy é o pseudónimo do artista urbano máis coñecido dos nosos días. Coñecido si, mais del case nada se sabe: que é de Bristol ou dos seus arredores, que comezou a «graffitear» a finais dos anos 80 e que emprega a técnica dos padróns xa que lle permiten actuar coa rapidez necesaria para preservar o seu anonimato. 

Obras cheas de creatividade e de espírito subversivo que están espalladas xa por todo o mundo. Claro que hoxe é case máis doado ver o traballo de Banksy nunha galería de arte, nunha camiseta ou nun bolso, ca nun valo de ladrillo. 

Arriba, unha das súas pezas convertida en gif. Aínda que a arte de Banksy explota basicamente a metáfora visual, hoxe tróuxeno onda nós polas súas instalacións ludolingüísticas, isto é, por esas obras nas que o artista decide enredar coas palabras e coas letras. Unhas cantas xoias coma estas.

Swing Girl – Os Ánxeles

Pintura en aerosol sobre lenzo 

Enjoy your life/lie – Londres

No Future – Southampton
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...