04/03/2012

Xeróglifos [1]


O 1 de xullo de 1988 aparecía en La Voz de Galicia este meu primeiro xeróglifo. 

Uns meses antes, no xornal coruñés, comezara a publicar o seu encrucillado diario Darío Xohán Cabana. A casualidade quixo que, grazas a unhas mostras de pasatempos que eu enviara xusto nese tempo, Siro López, o ilustrador e humorista gráfico, me propuxese crear unha sección diaria de xeróglifos en galego.

Xeróglifos? Un diario? A verdade é que os xeróglifos nunca me entusiasmaran como pasatempo e pensei que facer só 30 para o primeiro mes ía ser misión imposible. Mais aquel rústico planeta Terra feito a man que encerraba a voz «NOTA» (Resposta: Enterrado / En Terra dó) acabou por se converter no primeiro dunha serie ininterrompida que axiña chegará aos nove mil.

Dos debuxos a man, letras adhesivas e textos escritos coa vella Olympia portátil, pasamos agora ao ordenador e ao quarkxpress. Con todo, a maxia destas «mensaxes cifradas» segue a ser a mesma. Unha maxia que intentarei trasladar en vindeiras entradas.

Aquí deixo, a xeito de xogo, dous xeróglifos máis daquel arredado mes de xullo do ano 88 do século pasado. Sodes quen de resolvelos?

Que estuda teu irmán?
     
Por que llo teño que agochar arriba?

2 comentarios:

Susana Lamela dixo...

Noraboa por tan acertada decisión!!!!
Os proxectos hai que poñelos sempre en marcha para deixar sitio na cabeza para outros!!!!
Unha aperta enorme!!!

Carlos L. Medrano dixo...

Graciñas, Susana.
Comer e rañar todo é empezar. E aquí estou, comezando a "rañar" nisto dos blogs.
Moitos bicos.
Seguimos en contacto.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...