16 de nov. de 2015

Xulio César, ludolingüista


A mensaxe de hoxe xira arredor dunha desas frases que se converten en eternas: Veni, vidi, vici. Se cadra, o tautograma máis famoso e máis breve. Apenas tres palabras capaces de contar toda unha historia. Daquela, tamén un magnífico microrrelato. Situémonos:

No ano 47 a. C., terminada a guerra que comenzou co paso do río Rubicón, Xulio César (100 - 44 a. C.) emprendeu o camiño de regreso desde Exipto ata Roma. No traxecto pola actual Turquía tivo que enfrontarse, na batalla de Zela, aos exércitos do rei Fárnaces II. A batalla durou só 5 días, polo que César ben puido pronunciar a frase Veni, vidi, vici (‘Cheguei, vin, vencín’) para dar conta desa vitora completa e fulminante.
Uns historiadores contan que a célebre locución escribiuna Xulio César nunha carta cando lle comunicou o triunfo a un amigo, outros din que foi o lema que acompañou o desfile das súas tropas vitoriosas en Roma e outros afirman que a pronunciou ante o Senado romano para subliñar a súa destreza militar.

Sexa unha das posibilidades ou as tres xuntas, estamos ante un dos lemas máis famosos e rítmicos nunca deseñados. Unha frase de unicamente tres verbos xustapostos: veni, vidi, vici (na P1 do pretérito perfecto simple de venire, videre e vincere). Tres palabras bisilábicas que comezan e terminan polas mesmas letras e que conforman un enunciado tan rotundo no seu contido como na súa sonoridade.

Hoxe adoitamos empregar esta locución latina para expresar a rapidez coa que se consegue unha meta.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...