O médico, filósofo e matemático italiano Girolamo Cardano (1501-1576) desenvolveu, contra 1550, un curioso método criptográfico coñecido como «A grella de Cardano». A idea é moi simple:
Pártese dun papel ou cartolina perforada en certos lugares, que se sitúa sobre outro papel. Nesas «xanelas» vaise escribindo a mensaxe secreta, mediante letras, sílabas ou palabras completas. Deseguido, retírase a matriz cos ocos e completamos o texto no papel inferior cunha secuencia de caracteres arbitrarios (que chamamos nulos). O destinatario debe posuír unha grella igual á do remitente e colocala sobre o texto recibido para facer aparecer a mensaxe.
Sábese que o cardeal Richelieu (1585-1642) empregou este método tanto na súa correspondencia privada como na diplomática. Mesmo o poeta inglés Lord Byron (1788-1834) elaborou algún poema utilizando a grella de Cardano.
Se che presta enredar con esta técnica sen te separar do teclado, aquí tes unha magnífica web cun xerador automático de cifrado e descifrado da grella de Cardano. E, ollo!, tamén inclúe xeradores e información sobre moitos outros métodos de encriptación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario