22 de xul. de 2017

Letras e logos



A Juventus de Turín acaba de presentar o seu novo escudo. Un logo moderno, simple e xeitoso. Un gran cambio, non exento de risco, pois sempre hai quen considera intocables este tipo de símbolos.



Para os que devecemos por enredar coas letras, a transformación pagou a pena. A letra «J», inicial de Juventus, coas clásicas barras brancas e negras do uniforme. E sobre esa base, o deseño deixa intuír unha camiseta estendida e, á vez, a silueta dun escudo, á esquerda. Brillante!

Persoalmente, os meus logotipos preferidos son os que prescinden de elementos superfluos para se centrar nas posibilidades expresivas das letras da marca comercial que publicitan. Asimilar tipografía e simboloxía ata conseguir, de forma sinxela, transimitir unha mensaxe. Aí está o segredo.

Deseguido, algúns exemplos baseados na mesma idea. Fabulosos!


Goodwill. Deseñado por Joseph Selame.
O «g» inicial revela unha cara sorrinte. Boa vontade! Magnífica idea!

Eight. Deseñado por Stylo Design.
Diferentes cortes do número 8 dan para compoñer todas as letras da marca.

Flightning. Deseñado por Joan Pons Moll.
Un xiro á letra «f» e xa vemos o avión descolando. Case se oe o ruído dos motores!

Ed´s Electric. Deseñado por Siah Design.
Enchufe femia, enchufe macho, espazo negativo e... maxia! A letra «E»!

Highroad. Deseñado por Muamer Adilovic.
Un «H» tan feitiño que semella unha estrada pola que conduces. Permitido adiantar!

Antarctica. Deseñado por Alberto William.
Que foi antes, o pequeno e tenro pingüín? Ou o «a» minúsculo?

Play. Deseñado por Radomir Tinkov.
Repara un chisco nos corazóns e nas súas posicións. Descubres as letras? Extraordinario!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...