21 de out. de 2017

O inapetente David

Hoxe un enigma cento por cento de colleita propia. Unha desas ideas sinxelas que, despois de cavilar un anaco, pode dar moito de si. E non vou contar máis para non desvelar demasiadas pistas. Adiante! E bo proveito!

O inapetente David
David entrou no restaurante que visitaba a diario nas últimas semanas. Comida caseira a un prezo moi razoable. A camareira axiña percibiu en David o mesmo aire tristeiro e morriñento dos días anteriores. Leas no traballo? Mal de amores? Problemas de saúde? Quen sabe? 
Aos poucos minutos, sen mediar palabra, a camareira levou á mesa de David o prato que sempre pedía e que sempre malcomía: un lombo de pescada rebozado con patacas fritas. Como nos días anteriores, o cliente quedou ollando con desgana o xantar. Deixaríao intacto? 
No móbil de David soou entón o aviso dunha mensaxe de texto. Colleuno coa mesma inapetencia coa que ollaba para o peixe e leu.
«COME HOME!», dicía a mensaxe. 
David deixou o prato como estaba, levantouse da mesa e marchou cun medio sorriso na cara. 
Por que?

Solución ao enigma «As xoias da Castafiore» (9-7-2017)
Sabendo que só un enunciado é verdadeiro e como en todas as inscricións se repetían as cantidades agás o catro, daquela a única solución posible é catro. Catro xoias en cada xoieiro.

2 comentarios:

Churrusqueira dixo...

A casiña éche a casiña... E o de Zara Home e Zara Man, parvoíces.

Carlos L. Medrano dixo...

Aí falaches, Churrus! Non se che pasa unha! ;-)

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...