6 de out. de 2015

As pitas da señora Remedios

Velaí vai un novo enigma daqueles que apareceran en Sermos Galiza, hoxe de ambientación rural. Aínda que en aparencia teña algo de enredo matemático, realmente a solución dependerá dunha boa comprensión lectora e de evitar as suposicións precipitadas. Adiante, que non é difícil!

As pitas da señora Remedios
A señora Remedios decidiu ir á feira de Monterroso para vender alí todas as súas galiñas. Tratábase dunha anciá ben arteira que por cartos era quen de enganar a calquera.
O seu posto na feira era unha especie de curraliño, mais non era posible ver as galiñas, só se escoitaba o seu cacarexar, pois estaban tapadas por unha gran lona. A quen se interesaba polas pitas dicíalle asi:
—As miñas galiñas sonlle ben poñedoras, mais ás pobres non lles convén a luz do sol porque andan mal da vista: tres non poden ver co ollo dereito e tres non poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver co dereito e tres poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver cos dous ollos e outras tres teñen ambos os dous ollos cegados.
Un dos primeiros clientes, ao escoitar a explicación da señora Remedios e os cartos que pedía por elas, pensou: «Por este diñeiro fago ben en levar as dezaoito galiñas». Pagou e marchou coas pitas, sen levantar a lona para non as prexudicar.
Cando por fin chegou á súa casa e descubriu a lona, o comprador arrenegou do negocio porque o número de galiñas se reducira ao mínimo respecto do que el imaxinaba. Iso si, a señora Remedios non lle mentira.
Cantas galiñas lle vendera?

Solución ao enigma «Gran Premio de Mónaco, 1984» (19-7-2015)
É completamente lóxico que Senna non fose o gañador. Se no último intre adiantou o coche que ía en segunda posición, foi el quen rematou en segundo lugar. O gañador da carreira, que xa cruzara a meta uns segundos antes, foi o francés Alain Prost. De feito, o resultado deste Gran Premio de Mónaco de 1984 é completamente verídico: primeiro Alain Prost, segundo Ayrton Senna e terceiro René Arnoux.


2 de out. de 2015

«Iroha», poema-pangrama xaponés


O poema tradicional nipón Iroha (いろは歌), atribuído ao monxe budista Kobo Daishi (774-835) (空海), recolle nos seus oito versos, sen repetición ningunha, todos os sons do xaponés. Este pangrama milenario, que podedes escoitar aquí, é empregado no Xapón como silabario para a aprendizaxe da súa lingua.

Velaquí o texto coa caligrafía arcaica hiragana:
いろはにほへと
ちりぬるを
わかよたれそ
つねならむ
うゐのおくやま
けふこえて
あさきゆめみし
ゑひもせす
Transcrición (e tradución aproximada):
I-ro-ha-ni-ho-he-to (Incluso as flores que florecen)
Chi-ri-nu-ru-wo (tarde ou cedo se esvaecerán.)
Wa-ka-yo-ta-re-so (Que hai neste mundo)
Tsu-ne-na-ra-mu (que podería durar eternamente?)
U-i-no-o-ku-ya-ma (As montañas profundas da vaidade)
Ke-fu-ko-e-te (nós cruzámolas hoxe.)
A-sa-ki-yu-me-mi-shi (Eu non verei máis soños superficiais)
E-hi-mo-se-su-n' (nin me deixarei enganar por eles.)
Na imaxe inicial vemos o poema en forma de mural-puzzle cerámico decorando un monolito da Praza do Pendón en Cabana de Bergantiños. Un monumento erixido aló por marzo de 2013 en solidariedade co pobo nipón ao se facer dous anos do sismo e da posterior catástrofe nuclear de Fukushima.


Esta obra é froito da colaboración entre o alumnado de bacharelato do IES Adormideras da Coruña e a Escola de Cerámica de Sargadelos. O proceso de fabricación foi laborioso: moldear as 429 pezas do crebacabezas, pasalas polo forno a 700 graos, pintar as letras, darlles un baño de esmalte e cocelas de novo a 1430 graos.

Un mosaico único, no esteiro do río Anllóns, que tamén homenaxea, en último termo, o espírito ludolingüista dun monxe do Xapón medieval.

29 de set. de 2015

Palíndromos ilustrados [3]


Lesionouse Lionel Andrés Messi Cuccittini. Unha mágoa. Á espera da súa recuperación, aquí deixo un palíndromo que axiña asociei con el.

Se cadra, algún dos Balóns de Ouro do pequeno fenómeno de Rosario acabou lucindo nun lugar privilexiado do salón do seu podólogo. Seica hai uns anos, en pleno debate sobre cales eran os problemas físicos que lastraban o seu rendemento, Messi acabou nas mans dun espelido coidador de pés. Un calos rebaixados por aquí, unhas masaxes por acolá, unhas soletas personalizadas e... zas! Tema resolto! De novo a marcar goles coma quen pestanexa!

En todo caso, para admiradores da linguaxe reversible e do bo fútbol, aquí queda esta nova peza ilustrada. Un palíndromo de sete estralos pois, ademais, veu acuguladiño de os: monovocálico na escrita e bivocálico na fala («o» aberto en gol e podólogo; «o» pechado en bo).


Tradución
El buen gol, el del podólogo bueno.
The good goal, that of the good chiropodist.

25 de set. de 2015

Día Europeo das Linguas


O mapa anterior, tomado de Worldmapper, representa de forma gráfica como se distribúe a diversidade das máis de 6000 linguas faladas no planeta. Así vemos considerablemente agrandados estados co maior número de idiomas: Papúa Nova Guinea (820), Indonesia (737), Nixeria (510) ou a India (415).

Europa, o noso continente, reúne 800 millóns persoas e unhas 225 linguas repartidas por uns 47 estados. Malia todo, como apreciamos no mapa, esta variedade só supón un 3 % dos idiomas falados no planeta.

Para lle dar maior visibilidade ás linguas de Europa e para que a súa diversidade alcance o maior recoñecemento posible, o Consello de Europa declarou hai tempo a data de mañá, 26 de setembro, o Día Europeo das Linguas. Unha das iniciativas desta conmemoración foi publicar unha magnífica colección de carteis que axudan reflexionar sobre o feito inevitable da diversidade. Como é posible, se non, que un único son animal sexa materializado de formas tan diferentes segundo as linguas?











Nunha antiga entrada dabamos conta dun fantástico sitio que desenvolvía a mesma idea de forma máis dinámica, cos audios das onomatopeas. Lémbralo?

Voces de animales – Badge

Para rematar, dous grandes recursos sobre a diversidade lingüística en Europa: un completísimo mapa interactivo e unha selección de datos e xogos da web oficial do Consello de Europa.

21 de set. de 2015

A estibar letras!

http://www.wordgames.com/prose-and-motion.html

Outra oportunidade máis para poñer en práctica o teu inglés: o xogo Prose and Motion. O obxectivo é formar unha palabra concreta movendo as letras desordenadas pola pantalla. A dificultade é dar con esa voz e, sobre todo, facer os movementos someténdose ás estritas leis da física. Ao manexares o teu «rato-guindastre», converteraste nunha especie de estibador portuario que debe coller e trasladar as grafías a onde cómpre. 

Iso si, pantalla a pantalla, o nivel de dificultade vai aumentando: a propia forma das letras, as ramplas, os obstáculos que estorban, outros elementos móbiles... Resulta útil seguir as orientacións que se ofrecen en cada nivel.

E todo co fondo dunha coidada selección musical de pezas de piano... Ideal para reducir o estrés! Unha nova peza da nosa tipografía lúdica.

17 de set. de 2015

Adiviñas para cantar e aprender



Que arte a dos nenos e nenas de 2º de Primaria do CEIP Coirón de Dena! Adiviñas musicadas co ritmo apegadizo de Jamiroquai. O congro, o mexillón, a faneca, a solla e demais fauna mariña son os protagonistas. Animais ao redor dos cales tamén xiraban os poemas de Acuario, o libro de María Canosa que inspirou este proxecto audiovisual. 

Noutras entradas xa vimos como este sinxelo xogo de enxeño se converte nunha inestimable ferramenta didáctica polo seu carácter lúdico e motivador. Aquí deixo outras dúas mostras disto: 

Por unha parte, a serie de vídeos de «adiviñas recitadas» de PuntoGalego, blog do CPI Dr. López Suárez do Saviñao.

Por outra, «Que cousa é?», magnífico xogo interactivo de adiviñas de Margarita Fernández, do CEIP de Vilatuxe.

Por Dena, polo Saviñao ou por Vilatuxe, de novo adiviñas para recitar, cantar, bailar, xogar e aprender.


13 de set. de 2015

Aprende alemán con «Rhabarberbarbara»



Para que negalo? Si, un vídeo de dous minutos en alemán pode resultar duro se non coñeces ese idioma. Con todo, neste caso asegúrovos que non é preciso saber moito alemán para aprecialo. Coa impagable axuda de microsiervos, cuxo texto me limito a traducir, podedes gozar deste trabalinguas. Queredes aprender alemán con Bárbara e a súa torta de ruibarbo? Imos aló:
1. Hai unha rapaza chamada Bárbara.
2. É famosa pola súa torta de ruibarbo.
3. Daquela coñécena como Bárbara do ruibarbo, a Rhabarberbarbara do título do vídeo.
4. Abre un bar para vender o bolo, Rhabarberbarbarabar.
5. O bar é frecuentado por tres bárbaros, os rhabarberbarbarabarbabaren.
6. Todos eles teñen barba.
7. Van ao barbeiro para amañar as súas barbas, o rhabarberbarbarabarbabarenbartbarbier.
8. O barbeiro dos bárbaros do bar de Bárbara do ruibarbo vai ao bar para comer un anaco da torta e, deseguido, quere tomar unha cervexa en particular, a rhabarberbarbarabarbabaren- bartbarbierbier.
9. Esa cervexa haina só nun determinado bar.
10. A camareira do bar chámase Bärbel.
11. Así que temos unha ‘Bärbel do bar onde se vende a cervexa do barbeiro das barbas dos bárbaros do bar de Bárbara do ruibarbo’, que en alemán se pode dicir nunha palabra como rhabarberbarbarabarbabarenbartbarbierbierbarbärbel.
12. Ao final bárbaros barbudos que van ao bar de Bárbara, o barbeiro dos bárbaros barbudos que van ao bar de Bárbara e a propia Bárbara do ruibarbo van ao bar de Bärbel para tomar unha cervexa. Saúde! Sen dúbida, necesítana!
Aí queda: rhabarberbarbarabarbabarenbartbarbierbierbarbärbel, unha marabilla de 50 letras para linguas extremadamente hábiles, posible grazas á capacidade do alemán para compoñer palabras interminables, como xa vimos aló atrás con aqueloutra xoia do sesquipedalismo teutón: Rindfleischetikettierungsüber- wachungsaufgabenübertragungsgesetz.

9 de set. de 2015

Os haikus de Helena Villar Janeiro


Conta Helena Villar Janeiro que, despois de ter lido sobre poética nipona, o primeiro momento inspirador dun haiku xurdiulle nunha saída ao monte na procura de cogomelos:
O desenvolvemento deste proceso [...] realizouse fundamentalmente no monte, cando saín á rebusca dos cogomelos e contemplei cos novos ollos a morte aparente da natureza outonega. Foi así como, cabo dunha cesta de cantharellus cibarius, naceu unha primeira estrofa de 17 sílabas (5/7/5) de artificiosa elaboración e resultado simple.
A esa primeira peza seguíronlle outras dominadas pola mesma necesidade de recoller, cunha enorme sensibilidade poética, o sentimento, a beleza e o misterio dun momento en apenas 17 sílabas. Coa natureza e a sensualidade como temas recorrentes.
O castiñeiro,
cantor do dó do souto,
chora castañas.
Noite e xasmín:
no xadrez dos amantes
móvese a lúa.
Da recompilación deses haikus naceu o poemario Pálpebra azul (2003), que tendo en conta a nosa predilección por esta forma poética xaponesa, pasa a engrosar a «bibliografía ludolingüística básica».

Mais a fértil relación de Helena Villar co haiku non quedou aí. A cada pouco, a escritora de Becerreá obséquianos cunha nova creación no seu blog persoal. Coidadas pezas nas que a imaxe e o texto viven á par: sería difícil dicir se son haikus ilustrados ou fotografías cun pé en forma de haiku.

Erguer os ollos
e alpeirar coa Ave Fénix
que suca o ceo.











A fealdade
non se produce ao chou:
segue unhas regras.











Son lindas follas
que aprenden xaponés
facendo haikus.

5 de set. de 2015

De Neuquén a Arra


Hoxe quería falarvos desta pequena marabilla que atopei en Juegosdeingenio. Todo un logro da ludolingüística: un logotipo ambigramático para unha localidade de nome palindrómico. Foi o deseño elixido polas autoridades da cidade arxentina de Neuquén para a súa web oficial.

E a partir de Neuquén, viñéronme á cabeza algúns artigos lidos pola arañeira sobre o tema dos topónimos con forma de palíndromo. Uns minutos de navegación despois, xa rebulían os datos sobre lugares de todas as latitudes do planeta con nomes simétricos. Aí van uns cantos.

A cidade andina de Oruro (Bolivia).


A setentrional Qaanaaq (Groenlandia).


Akasaka, distrito comercial de Tokio (Xapón).


Kinikinik, unha pequena localidade na montaña de Colorado (EUA).


O pantano de Wassamassaw, o topónimo capicúa más longo do mundo, en Carolina do Sur (EUA).


A lista de localidades de nome reversible, como podedes ver aquí, é moito máis ampla: Itatí (Arxentina), Ruppur (Bangladesh), Ellemelle (Bélxica), Nerren Nerren (Australia), Assamassa (Portugal)...

E diredes: Que pasa cos topónimos galegos? Pois aínda que me custou, acabei dando cun par de localidades de noso ideais para fervorosos palindromistas: Orro, parroquia do concello de Culleredo, e Arra, aldea do concello de Sanxenxo. Polas dúas teño pasado unha chea de veces sen reparar no tesouro que encerran os seus nomes.



Axudádesme a atopar máis topónimos palindrómicos galegos? Seguro que se poden tirar outros do infindo universo dos nosos nomes de lugar. Unha ferramenta útil para pescudardes é o buscador de topónimos da Xunta de Galicia. A por eles!

1 de set. de 2015

Rabinovich e «Les nuits de Paris»


Xa de volta. E o primeiro, por forza, unha sentida lembranza póstuma para Daniel Rabinovich, peza chave no grupo cómico Les Luthiers. Para sempre na nosa memoria, a súa mestría no humor ludolingüístico, como podemos ver en entradas precedentes ou tamén neste clásico «Les nuits de Paris».


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...