Creo que a maxia e os encrucillados son o mesmo, porque ambas as dúas cousas son a chave dun dos máis importantes impulsos humanos: a urxencia por solucionar. Os seres humanos estamos programados para poñer orde no caos.
Así comeza David Kwong a súa charla nun evento TED (Tecnología, Entretemento e Deseño). Para quen non o sabia, TED é unha organización sen ánimo de lucro cuxa misión é difundir ideas que pagan a pena. Pensadores e creadores de todo mundo son convidados para dar charlas en 18 minutos ou menos. Estas conferencias son desenvolvidas tamén a nivel local e son compartidas de balde (tradúcense e subtitúlanse a través dunha rede global de voluntarios).
Gozade desta conferencia, que á vez é un abraiante espectáculo de maxia. Non perdades detalle, non pestanexedes e acabaredes coa boca aberta diante do incrible talento de David Kwong!
Convosco o madrileño Daniel Montero Galán, unha das mentes ludolingüistas máis retortas e brillantes que coñezo. Desbordante na imaxinación e no sentido do humor. Con este vídeo promocionaba o seu Equivocablo (Tropiezones silábicos)(2013), un libro imprescindible para calquera amante dos xogos de palabras.
Así o describe o autor:
Este bocavolario está cargado de locurrencias que atentan contra la RAE y hacen temblar hasta a los mejores logopedas. Repleto de contra-dicciones dispares y disparatadas, dispara palabrejas, ya sean de estrújulas, llamas o amudas, pues las sílabas son descolocadas a su antojo para formar nuevas definiciones. Alucinarás en colores, bueno, realmente solo en tres, con este maravilloso método para aprender a deshablar en siete días cualquier lengua.
Daniel Montero é un verdadeiro malabarista do calembur, da polisemia, da epéntese... Recursos cos que estarrica, retorce, divide, encolle e revira os vocábulos igual que un prestidixitador manexa ao seu antollo un xogo de naipes. Outro ludolingüista (lembra este ou estoutro) que, desde o castelán, demostra unha abraiante habilidade coas palabras... e co lapis! A gozar!
John Keating: A man is not «very tired». He is «exhausted». Don't use «very sad». Use... come on Mr. Overstreet!
Knox: «Morose»?
John Keating: Exactly, «morose». Language was developed for one endeavor, and that is... Mr. Anderson? Come on, are you a man or an amoeba? Mr. Perry?
Neil: To communicate.
John Keating: No! To woo women!
John Keating: Un home non está «moi canso». Está está «exhausto». Non digan que está «moi triste», digan… Sr. Overstreet?
Knox: «Desfeito»?
John Keating: Exactamente, «desfeito». A linguaxe desenvolveuse por unha razón, e esa é... Sr. Anderson? Vamos, é vostede un home ou unha ameba? Sr. Perry?
Neil: Para a comunicación.
John Keating: Non. Para impresionar as mulleres.
O pouco convencional o profesor Keating subliñaba deste xeito, en Dead Poets Society (1989), a importancia de escoller as palabras axeitadas para cada momento. Porque todos sabemos que non é o mesmo «moi grande» ca «inmenso», nin «moi pequeno» ca «minúsculo», nin «moi limpo» ca «inmaculado»...
A noticia do suicidio de Robin Williams hai un par de anos deixoume fondamente conmovido. Un actor de enorme talento que admiraba pola credibilidade que daba a personaxes tan dispares como o excéntrico locutor de radio de Good Morning Vietnam!(1987), o loitador pai divorciado deMrs. Doubtfire(1993) ou o solitario psicólogo de Good Will Hunting(1997).
En Dead Poets Society, filme coñecido entre nós como O Club dos Poetas Mortos, Robin Williams interpreta o inesquecible John Keating, un vitalista e inspirador profesor de literatura da conservadora academia Welton. Todo un Mestre, con maiúsculas, que incentiva nos seus alumnos o espírito inconformista e crítico e tamén o amor polas palabras. A través da poesía, busca demostrar o verdadeiro poder da linguaxe.
John Keating: Na miña clase aprenderán a pensar por vostedes mesmos. Aprenderán a saborear a palabra e a linguaxe. Porque, a pesar do que lles digan, a palabra e as ideas poden cambiar o mundo.
TU QUOQUE, FILI MI (‘tamén ti, meu fillo’), seica dixo Xulio César (100-44 a. C.) ao ver entre os traidores que o asasinaban o seu propio sobriño, Bruto, ao que amaba como un fillo.
De Pedro Sánchez falar galego, ben poderiamos pensar que esta frase reversible foi a última que pronunciou, antes de dimitir como deputado, ao se despedir, por exemplo, do seu estimado compañeiro Antonio Hernando.
Só hai sete días do último palíndromo ilustrado, mais, co cadáver político de Pedro Sánchez aínda quente, urxía dar saída a esta nova peza. Porque xa se sabe, que cando «non» deixa de ser «non», a «abstención» pasa a ser «si».
Tradución: ¡Oye! ¡No es no! ¡Lo es!
Hey! No means no! It is!
Vaia elemento este Aristófanes (444-385 a.C.)! Todo un xenio do humor da Grecia clásica, co atrevemento dun verdadeiro revolucionario. A súa comedia Asamblearias (ou A asemblea de mulleres) arrinca con Blépiro, o marido da protagonista Praxágora, intentando defecar na rúa, sen éxito, mentres debería estar votando na asemblea de cidadáns. Unha obstrución rectal que vén representar, de forma cómica e escatolóxica, a incapacidade dos varóns para o bo goberno. De feito, o asunto desta obra xira arredor dun grupo de mulleres, liderado por Praxágora, que pretende salvar Atenas mediante unha dobre revolución: o goberno das mulleres (o matriarcado) e a comunidade de bens (un anticipo do comunismo).
En Asamblearias atopamos ademais a arte ludolingüística de Aristófanes: xogos de palabras que deron lugar, por exemplo, á que é considerada a palabra máis longa da literatura universal (con 171 letras no grego clásico orixinal). Así son os seis versos e medio que ocupa este termo:
Cazolada de toros de peixe, raia, zapata, cachos de cabeza con prebe picante salpresada con silfio, aceite e mel, estorniños, merlos, pombiños, pombas torcaces, galos, lavercas asadas, muxes, pombiños, lebres cocidas en viño coas súas ás.
Con esta descomunal e hilarante voz composta noméase o prato do banquete que pecha a obra. As mulleres cociñan esa «delicatessen» de peixes, carnes e mollos variados como representación da aspiración á paridade: para intentar satisfacer os gustos de todos.
Un colosal exemplo de palabra estarricada que me lembra aqueloutra marabilla do sesquipedalismo literario galego, de Vicente Risco:
Un novo palíndromo ilustrado feito na casa. Desta volta, de contido gandeiro. Unha vaca ben xeniúda enlamada case ata as orellas. Un palíndromo, ademais, monovocálico!
E como complemento, a canción «Animais» de Luar na Lubre, pertencente ao seu CD Camiños da fin da terra (2007). Coa súa vaca, co seu boi, co seu caracol e co resto dos bechos, ideal para traballar cantando o campo semántico dos animais.
Os animais
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Van subindo á Arca de dous en dous
O boi, a vaca e o caracol
E soben cando chove e cando fai calor
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Van subindo á nave de tres en tres
A garza farta e o cempés
Din adeus coa súa patiña, andando do revés
Os animais de catro en catro u-ah!, u-ah! Os animais de catro en catro u-ah!, u-ah! Van de catro en catro os animais E o saltón saltou de máis Quere pillalo un home que filma documentais Os animais de cinco en cinco u-ah!, u-ah! Os animais de cinco en cinco u-ah!, u-ah! E se van marchando en procesión O lince, a ovella e o leirón Ao afundirse a Terra, acaba esta canción Cando se afunda a Terra, acaba esta canción
Trátase dunha melodía de orixe irlandés, que coa emigración acabou popularizada en América, variándoa con diferentes letras. A versión de Luar na Lubre é unha adaptación de Xabier Cordal dunha das letras tradicionais, que, segundo explican na súa web, ten unha posible orixe bíblica.
Tradución: La vaca mala en el barro cava. The bad cow digs in the mud.
Sempre resulta gratificante saber que as propostas que un lanza á arañeira teñen certa acollida e utilidade. No comentario de hoxe recollo un exemplo da forza da rede para mellorar e expandir unha idea.
Velaí unha escolma de cinco magníficos microrrelatos ilustrados da amiga Churrusqueira, publicados no seu Zarampagalegando baixo o epígrafe Conta6. Animouse a deseñalos, conta ela, a raíz da divulgación aquí, en Xogosdelingua, da lenda urbana segundo a cal Hemingway escribira a súa coñecida novela de seis palabras «For sale: Baby shoes. Never worn.» para gañar unha aposta.
E a amiga Churrusqueira aló foi, de cabeza. Unha imaxinación privilexiada a súa, da que xermolaron todas esas historias xigantes condensadas en só seis palabras, que contan tanto polo que din como polo que calan. Ah! E coa forza da imaxe e da tipografía para pechar o círculo!
JC Debroize é o director creativo do estudo de deseño gráfico francés Kerozen. A xeito de brincadeira decidiu, un bo día, crear unha tipografía inspirada no seu equipo que deseñadores. De nome púxolle Human Type, como a que vimos hai pouco.
O primeiro foi crear as formas das letras con plastilina. Logo, todo o demais. Así o explicou:
Empregamos imaxes das caras do equipo de deseño, logo fixemos un mapeo de texturas da pel e colocámolo en cada letra con Photoshop. Despois engadimos o cabelo e os ollos. Non foi un problema mostrar unha imaxe pouco favorecedora de nós, rimos a escachar facéndoo.
Pouco custa imaxinar as risadas ao contemplaren o resultado final. Impactante! Entre cómico e perturbador! Unhas letras de hiperrealista aparencia humana: pel, ollos, pestanas, lunares, cabelos, engurras... Case parece sentirse a transpiración.
Mágoa que JC Debroize non fixese un alfabeto completo e se limitase a sete deseños: un por cada letra do nome da marca, que coinciden tamén co seu número de compañeiros.
Outra marabillosa doa para a nosa colección de tipografías lúdicas e creativas.
Vaia zoupada! Un deses gifs de poder hipnótico co cómico trompazo dun malabarista do ioió. Non sei se perdeu os dentes. En todo caso, mesmo sen dentame, o protagonista podería participar perfectamente no noso 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos.
Como vemos en Cotovía, un marabilloso recurso do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o galego posúe un rico sistema vocálico. De feito, o curioso é que na nosa lingua resulta doado darmos con enunciados compostos só por vogais. Hai un ano, tal día como hoxe, 14 de outubro, lanzabamos aquí a proposta de crear relatos mínimos cunha única condición: que carecesen por completo de sons consonánticos. Houbo brillantes achegas. Hoxe, 365 días despois, propoñémosvos de novo o reto. Aquí vai un de colleita propia.
Queda aberto, daquela, o 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos. Fagan xogo!
Quen diría que o calembur, isto é, o xogo de variar a división dunha ou de varias palabras (centolas - cen tolas) podería ter tanto rendemento lúdico e humorístico. De seguirdes con máis ou menos frecuencia Xogosdelingua, saberedes da enorme produtividade deste recurso: xeróglifos, humor gráfico, adiviñas...
Resulta ademais curioso o misterio da súa etimoloxía. Uns dicionarios sosteñen que «calembur» procede do italiano calamo burlare (algo así como ‘burlar coa pluma’). Outras fontes falan dun étimo árabe kalembusu (‘palabra equívoca’). E tamén se fala por algures da curiosa historia do conde de Kalemburg, que o poeta francés Georges de Bièvre fixo famoso ao lle dedicar varios poemas satíricos. Neles empregaba este xogo de palabras para parodiar os continuos erros do nobre alemán, embaixador de Westfalia na corte de Luis XVI, ao falar francés.
Hoxe, encabezando este comentario, o vídeo dunha campaña de promoción de Telemadrid do ano 2007. Inicialmente nada estraño nela. Nada estraño ata que algún atento ollo ludolingüista descubriu a mensaxe subliminal, o calembur oculto: «Telemadrid. Espejo de lo que somos» pasa a ser «Telemadrid. Espe jode lo que somos», co hipocorístíco de Esperanza Aguirre, daquela presidenta da Comunidade de Madrid.
En poucos días, a brincadeira difundiuse de forma viral. Blanca Gomará, a creativa responsable da empresa que deseñou a campaña, asegurou que ninguén reparara inicialmente no xogo de palabras. Mesmo explicou no seu momento que o primeiro lema proposto, «Telemadrid. Reflejo de lo que somos», fora modificado pola propia dirección do ente público.
O caso é que axiña se revelou, de forma intencionada ou non, a alusión a Esperanza Aguirre. Todo un logro do enxeño verbal no contexto das loitas políticas durante o mandato da ex-presidenta madrileña.