O gobernador republicano de California e arquetípico «tipo duro» de filmes de acción, Arnold Schwarzenegger, tiña no congresista demócrata Tom Ammiano un dos seus máis acérrimos adversarios políticos. Aínda que a súa rivalidade xa viña de lonxe, no mes de outubro do 2009 o enfrontamento entre eles era total por mor do veto do gobernador Schwarzenegger a un proxecto lexislativo, impulsado por Ammiano, que ía converter unha área portuaria de San Francisco en zona residencial.
O caso é que ese mes ambos os dous persoeiros coincidiron nun acto público. Ammiano non tardou en lle berrar a Schwarzenegger «You lie!» («Mentes!») e acabou despedíndose del cun explícito «Kiss my gay ass» («Bica o meu traseiro gay»).
Só catro días despois, o gobernador-estrela ofreceulle ao seu rival as razóns do seu veto nunha carta oficial perfectamente redactada.
Como vemos, a misiva contiña un «agasallo», unha mensaxe críptica e tamén dabondo ofensiva: o acróstico «Fuck you!» («Fódete!»), formado coas iniciais das liñas de cada parágrafo. «A rañala, raparigo!», faltoulle engadir como posdata a Arnold «Terminator».
A polémica foi amplamente tratada nos medios estadounidenses. Nela interviron políticos, xornalistas, activistas de movementos civís e mesmo matemáticos. Algúns expertos calcularon as diferentes combinacións de letras iniciais e estimaron que as posibilidades de que o acróstico xurdise de forma casual eran dunha entre dous mil millóns. Iso si, nin me atrevo a pescudar como chegaron a ese resultado. As miñas matemáticas non dan para tanto!
Ningún comentario:
Publicar un comentario