Aquí temos un novo tema para o noso karoke: «Escola hip hop». O Puto Koke e Wöyza, dous dos MC galegos máis recoñecidos, gravaron no 2008 este curso acelerado de rap para o Xabarín Club.
Nunha entrada anterior xa comentamos que o hip hop é un movemento cultural xurdido nos barrios pobres de Nova York (sobre todo no Bronx, Queens e Brooklyn). Este movemento xerou múltiples manifestacións artísticas: na música, o funk ou o rap; na danza, o break dance; nas artes visuais, o graffiti...
A música rap consiste, basicamente, en recitar rimas seguindo un ritmo ou unha base musical, que recibe o nome de beat. Os interpretes de rap son os MC e á súa habilidade ou estilo para crear as rimas e para desenvolverse no beat chámaselle flow.
Aquí deixo unhas interesantes ligazóns con consellos básicos para escribir letras de rap e para rapear. E nestoutro enlace, a ferramenta máis útil para calquera aprendiz de MC, un rimador automático en lingua galega. Vexamos unha pequena demostración:
Cantas palabras poderías rimar con «puño»? Cinco? Dez? Consultando o rimador automático obtemos... trinta e dúas: abruño, acabruño, acarabuño, acuño, agarduño, agatuño, amusuruño, apetuño, arruño, bracuño, carabuño, caramuño, cruño, cuño, desenfurruño, engruño, engurruño, escarabuño, esgarduño, estremuño, gaduño, gruño, presuño, rabuño, rascuño, raspuño, ruño, testemuño, touño, turruño, uño, xuño.
Ánimo e a ensaiar a vosa habilidade como intérpretes de rap. E como axuda, un novo videoclip d’O Puto Koke: o fermoso tema «Gal-Ego», toda unha reivindicación rapeira da nosa lingua.
Ningún comentario:
Publicar un comentario