Por aí lin (ou escotei) este slogan: «María Fumaça arrasa por onde pasa» que, ademais de sonoro e brillante, resulta totalmente certo. María Fumaça é un fantástico proxecto musical que nos agasalla con libro-CD, karaoke, videoclips, xira de concertos... A canción anterior, «O mercado», é unha das pezas deste volume editado por Galaxia no 2012.
Con todo, a locomotora de María Fumaça xa botara a andar moito antes. Inicialmente xurdiu a xeito de obsequio de Uxía Senlle para Rui, un afillado seu cunha forte discapacidade. Dende hai anos, polo Nadal, Uxía e outros artistas amigos xuntábanse na casa de Rui para agasallalo con cancións cheas de alegría e vitalismo.
No coidado produto final participa unha presa dos mellores músicos e actores do país: Uxía Senlle, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco, Quico Cadaval… e o propio Rui. Un tren festeiro que desexamos sexa de «longo percorrido» e que siga arrasando polas nosas escolas, auditorios e teatros.
E volvendo á canción inicial, velaí queda outro tema para o noso karaoke particular, que ademais permite traballarmos o campo semántico das partes do corpo (pé, cu, man, orellas, nariz) e dos produtos do mercado (café, xampú, azafrán, lentellas, regaliz). A cantar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario