A obra Foulas (1993), de Manuel Antonio, é unha das primeiras mostras do vangardismo poético galego. Este poemario, composto entre 1922 e 1925, non chegou a ser publicado en vida do autor, mais nel xa se anticipaba a vontade rupturista da súa obra mestra: De catro a catro (1928).
Aquí deixo un dos poemas de Foulas titulado «Excelsior». Unha peza que sintetiza á perfección os trazos creacionistas da poética de Manuel Antonio: escaso emprego dos signos de puntuación, ruptura da orde normal da lectura, orixinais disposicións gráficas, ausencia de ritmo e musicalidade, vocación cosmopolita...
Nel atopamos ademais un dos primeiros e máis coñecidos caligramas da nosa literatura: unha rosa dos ventos con esa frase «EU SON» apuntando a cada punto cardinal: ao oeste en francés, ao sur en inglés, ao leste en latín e ao norte en galego. Unha imaxe chea de forza que, por unha parte, subliña a idea de individualismo do poeta rianxeiro e, por outra, simboliza o seu compromiso galeguista: o seu norte (o noso tamén) é a lingua galega, xurdida do latín e compañeira de idiomas internacionais como o inglés ou o francés.
Un novo título para a nosa Bibliografía Ludolingüística Básica. Ah!, é para ampliardes información aquí vos deixo algúns recursos:
E aquí vai a ligazón de typedrawing, web que permite deseñar caligramas en liña.Unha fantástica unidade didáctica de Pilar Ponte sobre as vangardas.Esta entrada de Lingua de Alcaian (blog de Mercedes Queixas) con imaxes da Casa Museo de Manuel Antonio.
2 comentarios:
Moi ben, Carlos, breve, sempre interesante e ao día
bicos
Rosa
Moitas grazas, Rosa.
Aquí seguirei, se a cabeciña segue a dar de si.
Alegra saber que andades por aí.
Apertas
Publicar un comentario