Enigmáticos retratos, non si? Cunha rotación de 180º pasamos do rapaz sorrinte e imberbe ao vello serio e barbudo.
Dun xeito semellante funcionan os ambigramas. Esas palabras ou frases escritas de tal modo que admiten cando menos dúas lecturas diferentes despois de xiralas. Poden ser simples ou dobres:
Simples: ofrecen unha nova lectura da mesma palabra ao rotala 180º.
Dobres: de maior complexidade, xa que, mediante o mesmo deseño, ofrecen a lectura dunha palabra nunha posición e a doutra diferente despois da rotación de 180º.
En fin, exemplos do que poderiamos chamar tipografía lúdica. Por se queres descubrir que ambigramas pode incluír o teu nome ou outras voces, aquí vai a ligazón do xerador ambigram.matic, en liña e de balde.
Por certo, lembras aqueles marabillosos exemplos do deseñador venezolano John Moore? Pois hai xa uns anos o grupo arxentino Soda Stereo encargoulle a Moore un vídeo musical para a súa canción «Música ligera». E aquí deixo o abraiante resultado, un video feito enteiramente con ambigramas que representan a letra completa da canción. Por certo, «Música ligera» é considerado un dos temas máis populares e emblemáticos do rock latinoamericano. A gozar!
Ningún comentario:
Publicar un comentario