24 de dec. de 2013

Escola de escritura con Xabarín


Foi unha das grandes novidades do último Culturgal: a «Escola de escritura co Xabarín». Un xogo en galego para a aprendizaxe da lectoescritura con divertidas actividades guiadas polo célebre porco bravo. Inclúe catro encerados plastificados, un crebacabezas, dous rotuladores borrables e un caderno con actividades educativas.

Hai cousa dun ano a empresa luguesa Galileo Nenos comezou, con «A cidade do Cenorio», a aventura de entrar no mercado do xoguete educativo apostando pola nosa lingua. Estas son as palabras da súa propia páxina web.
Os xoguetes poden ser máis ou menos caros, estar feitos de cartón ou de plástico, ter luces ou cancións, pero sempre lles transmiten aos nenos algo do mundo dos seus pais. E falan o mesmo idioma dos seus pais.
Sexa alemán, inglés, castelán ou portugués, todos os xoguetes lle falan ao neno na lingua da súa casa. Deste xeito, os xoguetes entran a facer parte do fogar onde se cría o neno, xunto coa súa familia, o seu leitiño e as súas pequenas cousiñas, que ata entón son todo o seu mundo. Fóra espérao un mundo moito máis difícil, quizais feito doutros idiomas e doutros pobos, pero o neno sempre saberá recoñecer o seu fogar pola lingua coa que os seus pais o agarimaban e lle cantaban no berce.
Por esa razón, cando nos demos de conta de que os nenos de Galicia non tiñan xoguetes que lles falasen en galego, decidimos crealos!
Parabéns para Galileo Nenos e, asemade, parabéns para todos nós. Un boa nova e un bo agasallo para estas datas! Por fin!

2 comentarios:

GalileoNenos dixo...

Moitas grazas polas vosas fermosas palabras. Co voso permiso compartimos na nosa páxina de facebook e twiter. Abrazos. Galileo Nenos

Carlos L. Medrano dixo...

Un pracer. Ogallá puidese dar espazo cada día a iniciativas como a vosa. Moita sorte cos vosos xogos!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...