5 de xan. de 2014

A roda de Jefferson


Velaí vai unha nova entrada ao gusto dos amantes dos códigos secretos. Desta vez toca unha das primeiras máquinas criptográficas: a roda de Jefferson. Foi deseñada por Thomas Jefferson en 1790, antes de se converter en presidente dos Estados Unidos. O seu funcionamento é sinxelo:

O aparello está formado por unha serie de discos que rotan sobre un eixe común. Cada un dos discos ten no seu bordo exterior todas as letras do alfabeto dispostas de forma aleatoria en diferentes ordes. Cada disco ten tamén, nunha das caras interiores, un número que marca a súa orde na serie.

O emisor xira os discos ata poñer aliñadas as letras da súa mensaxe. Logo, anota as letras da liña inferior, por exemplo, e envíalle este texto cifrado ao destinatario.

O receptor debe posuír a mesma máquina de cifrado e coñecer a orde correcta dos discos. Unha vez recibida a mensaxe, non ten máis que aliñar esas letras na mesma orde e deseguido buscar a liña con sentido. Aí ten a súa mensaxe.

Nesta ligazón podedes atopar un simulador automático da roda de Jefferson.

Un método criptográfico que polo visto non tivo moito éxito na súa época, mais que debeu de inspirar a Dan Brown cando ideou o seu cryptex, un cilindro que, a xeito de pequena caixa forte, ocultaba algúns dos secretos do best-seller O código Da Vinci.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...