Amancio buscaba un nome para o... primeiro negocio da súa vida! A historia está chea de exemplos de marcas que naceron por casualidade, sen unha estratexia preconcibida, e se converteron en iconas universais. No caso da marca Zara pódese afirmar que o seu nacemento se debe a unha combinación de casualidades, aínda que a idea partiu dun famoso filme protagonizado por Anthony Quinn. O máis probable, como explica un colaborador de Amancio Ortega, é que este quedara impactado polo papel que interpretou Quinn no filme Zorba, o grego, que se estreou en 1964, mais non chegou a España ata dous anos máis tarde: «Nalgún cine da Coruña, Ortega gozou con aquel perxonaxe case mítico, loitador, amante da vida, con ganas de progresar e de transmitir esforzo e ledicia. Moitas destas calidades tíñaas Ortega e á súa futura tenda de roupa na Coruña decidiu poñerlle “Zorba”». [...]
Amancio Ortega identificouse co personaxe de Zorba polas súas ganas de vivir cada momento, participar, asumir un papel importante e activo, e rexeitar a pasividade de quen se deixa levar pola vida, en lugar de tomar as rendas e dirixir o seu propio destino. Por isto escolleu a palabra «Zorba» como nome para a súa primeira tenda.
Mais cando Amancio Ortega comprobou que non podía rexistrar a súa nova empresa con aquel nome tirado da gran pantalla, porque xa estaba rexistrado como marca e patente, a decepción transformouse nunha nova oportunidade. Daquela volveu consultar cos seus colaboradores e familiares a posibilidade de atopar un nome curto, que se parecera ao de «Zorba». E xogou coas letras, combinounas e buscou a eclosión e a potencia do feminino «a» que foi gañando protagonismo ata quedar para sempre. E quedou para formar unha verba curta, de tan só catro letras, que significa «millo» na lingua quechua da antiga cultura incaica: acababa de nacer Zara.
David Martínez, Zara: Visión y estrategia de Amancio Ortega (tradución)
Nunca saberemos se o éxito da Zara (e de todo o imperio Inditex) sería o mesmo de non aparecer, naquel intre, o Amancio Ortega ludolingüista. Que vendería máis: «Zorba» ou «Zara»? Imaxino o señor Ortega a garabatear sobre un anaco de papel anagramas de «Zorba», dando voltas e reviravoltas á secuencia de letras, tirando unhas e engadindo outras. Vese que mantivo o «z» inicial e o «a» final (alfa e omega invertidos, que curioso!). E como mandan os cánones, deu cun nome breve, sonoro e fácil de lembrar. Unha marca que, ao contrario de «Zorba», non evocaría referente coñecido ningún. Se cadra, este sinxelo xogo lingüístico foi a faísca que prendeu a imparable andaina da multinacional galega. Vai ti saber!
Por certo, outro nome comercial monovocálico (que terán?). Despois dunhas semanas, aquí deixo unha nova rolda de marcas de vogal única, comezando, como non, por Zara. Un enredo que reflicte ben ás claras ou meu indomable espírito «friqui». Alguén se anima a continuar a serie?
Moda galega (monovocalismo en «a»)
Automóbiles alemáns (monovocalismo en «e»)
Galletas de Artiach (monovocalismo en «i»)
Esta vez, automóbiles suecos (monovocalismo en «i»)
Pegamento alemán (monovocalismo en «u»)
2 comentarios:
Moi interesante e pavero. Grazas
A min tamén me deixou pampo a historia. Ben curiosa!
Publicar un comentario